As novas do pais, da comarca e da nosa vila

Loading...

Barra de Vídeo

Loading...

Quinta-feira, Maio 31, 2007

O turismo rural galego non xera beneficios no seu contorno

As casas rurais créanse con ánimo de especular. Así de taxativa se pronuncia a xeógrafa Marion Sparrer, autora dun estudo sobre este fenómeno no noso país. Segundo explica, os establecementos deste tipo non teñen vínculos cos espazos nos que se localizan e non conseguen producir un impacto positivo no seu contorno. Ao tempo, a investigadora sinalou que en Galicia non se desenvolveu un sistema turístico previo ao desenvolvemento do sector.

Marion Sparrer explicou que é moi frecuente que as casas de turismo rural convértanse en «obxectos de especulación inmobiliaria». E é que, segundo a autora do informe, hai persoas que compran casas para convertelas en aloxamentos turísticos, pero co único obxectivo de beneficiarse das subvencións. Segundo o razoamento desta especialista, doutora en Xeografía e Historia e profesora na Escola Universitaria de Turismo da Universidade da Coruña, o proceso habitual que seguen estes propietarios con ánimo especulador é que, cando vence o prazo do compromiso legal coas administracións públicas, a casa volve ser obxecto de especulación, polo que ou ben se pechan como tales aloxamentos para pasar a uso privado, ou se venden. Tamén é frecuente que sexan arrendadas a terceiros, que levan a cabo a actividade turística mentres non transcorre o prazo legal establecido.

+ info

Trinidad Muñoz Vacas, antropóloga: "As mulleres xitanas somos rompedoras"

Afirma que os grupos desta etnia asentados en Galicia son "máis pechados" que os de Andalucía.

Trinidad Muñoz Vacas (Córdoba, 1963) recoñece que o seu paso pola universidade abriu portas ás súas irmás e primas menores. Ademais, a súa familia tivo a sapiencia de non pecharse, matiza, resultando por iso decisiva para que na actualidade atesoure un brillante currículo profesional.

Licenciada en Antropoloxía Social e diplomada en Maxisterio, é experta en problemas de diversidade; traballa nun proxecto europeo de integración con xitanos romaneses; e está preparando a súa tese doutoral sobre A toma de poder da muller xitana. Pronunciou unha conferencia en Vigo con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano.

Le-la entrevista

REGANOSA: O GAS E A BARBARIE DENTRO DA RÍA DE FERROL

Última hora: cargas policiais nos xulgados contra cidadáns que opóñense a entrada de Gaseiros na Ría de Ferrol

Creemos que toda a cidadanía debe reflexionar sobre o que significa para o noso futuro a instalación de Reganosa dentro da Ría, pero tamén debemos de reflexionar sobre a estratexia empresarial de esta empresa, e o apoio que ten dos grandes poderes. ¿ porque o Estado destina tantos recursos a defender uns intereses privados ? ¿ Para facer cumprir a legalidade?

¿ Quén valora a actuación das “autoridades”? Como explican que a cidadanía de a pe suframos continuamente os roubos e non desmantelen a rede de “peristas” e a economía somerxida relacionada con eles, alegando que non teñen recursos humanos, o problema da xustiza etc etc. Pero actúen deste xeito contra cidadáns (que equivocados ou non) non buscan o beneficio privado senón a defensa do interese xeral


Creemos que por unha sociedade mais democrática , transparente e sostible temos a obriga de frear a Barbarie e apoiar o lema:

¡Planta de gas, fóra da ría!

Historias de conflito e marxinalidade a través de puntos de vista colectivos

ZaLabTV é unha rede de obradoiros de vídeo participativo que une catro rexións do Mediterráneo: Italia, Palestina, Cataluña e Tunisia.

ZaLabTV recolle as historias inéditas de moitos autores descoñecidos que viven apartados das novas tecnoloxías e que se atopan en situacións de conflito e marxinalidade xeográfica e social. As películas producidas por ZaLabTV escríbense e realízanse durante talleres populares de formación no medio audiovisual, que serven para intercambiar experiencias, tanto en técnicas narrativas como na elaboración dun punto de vista colectivo e inédito sobre a realidade.

Segundo os seus creadores, a web de ZaLabTV é un espazo virtual onde os membros da rede poden intercambiar e publicar os seus vídeos. O foro de ZaLabTV permite o intercambio de ideas entre os diferentes talleres que forman parte da rede, para así elaborar vídeos participativos. Dende os suburbios europeos da gran cidade, ata a illamento dun pobo separado por unha fronteira e un deserto, os temas que recolle a web reúne os diferentes encantos que dividen o Mediterráneo.

Os membros dos equipos euromediterráneos de ZaLabTV atopáronse en Barcelona durante a semana pasada para presentar as súas producións audiovisuais participativas e para analizar as estratexias de futuro. Desde febreiro de 2007, no barrio de Poblesec en Barcelona hai un taller de ZaLabTV que permite a mozos en risco de exclusión ver e intercambiar outras realidades á ribeira do mediterráneo.

Máis información: ZaLabTV

Quarta-feira, Maio 30, 2007

A Fura dels Baus chega á Coruña

A Fura dels Baus chega á Coruña co seu novo espectáculo, Imperium, trala súa estrea mundial o pasado 1 de maio en Pekín. A cita na Coruña é unha das primeiras no territorio español e a única parada que farán en Galicia. Con Imperium A Fura retoma de novo a linguaxe furera máis pura, herdada da década dos oitenta, para levar a escena unha reflexión sobre o imperialismo que invita ó espectador a rebelarse contra él.

A cita é o 15 e o 16 de xuño ás 11 da noite no Coliseum. As entradas custan 15 euros, e xa están dispoñibles na taquilla da praza de Ourense, a través do servizo televenta no número 902 504 500 ou a través da páxina web do Concello: http://www.coruna.es/lafura/

NOTA: As localidades son de pé no foso, formando o público parte do espectáculo.

Protección ós animais

Yoko Ono, a viuda do ex Beatle John Lennon, e o artista británico Mark McGowan comeron un can de raza corgi, o tipo favorito da reina Isabel II, para protestar despois de que un grupo de persoas, entre elas o príncipe Felipe, supostamente matara un raposo a comenzos de ano.
Curiosa, e probablemente ineficaz forma de defender os dereitos dos animais....

Un mapa artístico

Hai un mapa de Santiago que permite localizar os artistas, situalos no seu contexto, dar a coñecer a súa obra e permitir a nativos e visitantes coñecer oslugares nos que se crea a arte. Chámase “Roteiro de Creación contemporánea” que puxeron en marcha María Chenut e Reina D´Hoore tendo en conta modelos semellantes que se desenvolven noutros lugares de Europa e de Estados Unidos.

Un mundo de micromuseos

Non todos os museos son grandes edificios que queren se converter en referentes do ámbito que abordan. Canda ás grandes infraestruturas por todos coñecidas, existen por todo o noso país un lote de pequenas iniciativas, polo xeral situadas no rural, que buscan, con modestia, pór en valor os máis curiosos elementos ou destacar cuestións de orgullo local. Son os nosos micromuseos, unha parte esquecida do noso tecido cultural.

Un bo exemplo e a Casa do Mel, situada nunha das entradas ao Parque Natural das Fragas do Eume, na parroquia de Goente en As Pontes.

A casa está xestionada por socios da Asociación Galega de Apicultura da delegación da comarca do Eume, nesta casa museo fanse distintos traballos en prol dun mellor coñecemento das abellas e do seu mundo, así coma unha laboura de divulgación e formación entre os distintas persoas que acoden a visitarnos: grupos de escolares, particulares ou profesionais e aficionados á apicultura.

+ info

CASA DO MEL Goente - As Pontes. A Coruña +34.661.003.616 casadomel@vodafone.es

As urnas penalizan os desmáns urbanísticos fronte ao control legal

Os escándalos urbanísticos que sacudiron nos últimos meses boa parte da costa galega, con intervencións da Xunta que derivaron na paralización de achaiaduras municipais, depararon máis penalizacións do electorado que as restricións impostas polo Goberno autónomo para ordear o desenvolvemento do litoral. Aínda que os cambios de governo son máis numerosos no sur que na costa cantábrica, os máis significativos son os de Ribadeo e Burela.

O BNG, que denunciou varias actuacións urbanísticas irregulares en Ribadeo, está en disposición de relevar ao PSOE na alcaldía. A Xunta ten incoados expedientes sancionadores por 21 actuacións nese municipio e por 4 en Burela, onde o PSOE arrebata o bastón de mando ao PP. En cambio, as urnas deron continuidade ás alcaldías doutros puntos conflitivos, como Foz (PSOE), Viveiro (PSOE) ou Barreiros (PP). Tampouco nos gobernos locais da Costa da Morte rexístranse mudanzas rechamantes, coa excepción de Muxía. No sur de Vigo, o PP recibe paus elocuentes en Gondomar (que pasa ao BNG) e Nigrán (PSOE). Con todo, retén o poder en Tui, a pesar de que Fernández Rocha perde a maioría absoluta.
imaxe: Costa de Sanxenxo

Terça-feira, Maio 29, 2007

A fórmula máxica da coca-cola

Segundo o denuncian diferentes informes citados ao longo deste dossier, Coca Cola asemella actuar repetidamente contra a saúde, os dereitos humanos, a democracia e o medio ambiente.

Segunda-feira, Maio 28, 2007

A Plataforma e ADEGA preparan un acto sobre A Mourela para o venres 1 de xuño nas Portas Ártabras

REPENSANDO A MOURELA, é a frase escollida para presentar esta actividade, que conta coa colaboración da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia.

A Plataforma na defensa do Patrimonio das Pontes, xunto con ADEGA preparan un acto sobre a Mourela na cidade da Coruña, no que se exporá a problemática da necrópole prehistórica da Mourela, afectada polas obras da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba.

O inicio está previsto para as sete do serán, coa proxección de catro pezas audiovisuais, que presentarán a situación actual do conxunto megalítico, e que terá unha duración aproximada de quince minutos.

O acto contará ademais coa presenza do prehistoriador e arqueólogo Antón Malde que falará ao respecto da importancia da necrópole da Mourela nos estudos e investigacións da Prehistoria en Galiza.
Asemade, o museólogo e técnico de xestión cultural, Felipe Senén falará das posibilidades de reconstrucción do anel lítico e da posta en valor do conxunto megalítico.

Membros de ADEGA e a Plataforma farán tamén unha análise dos diferentes impactos producidos na necrópole ate o momento e presentarán as condicións que posibilitan a execución dun túnel como alternativa á destrucción deste conxunto patrimonial.
O evento, ao que está prevista a asistencia de diferentes persoeiros da cultura galega, terá lugar nas Portas Ártabras da Asociación Amigos dos Museos de Galicia, situado na cidade vella da Coruña.

Dende a organización, anímase aos veciñ@s das Pontes, a participar neste acto, que aseguran será tamén unha manifestación pública da vontade popular galega, na salvagarda da necrópole megalítica da Mourela.

Quinta-feira, Maio 24, 2007

Proposta de sinatura mundial: Paremos o roubo do petróleo iraquí

O Parlamento iraquí pronto votará sobre unha lei, apoiada polos EE.UU., que daría o control do petróleo iraquí ás compañías multinacionais. Parlamentarios sunís, shiís e kurdos apoiados pola comunidade de internet Avaaz.org -formada por case un millón de persoas- presentarán unha petición xuntos (cousa rara entre estes grupos relixiosos e étnicos) fronte ao parlamento. Para isto están a recabar 100.000 sinaturas para demostrar que o mundo apoia o dereito dos iraquís a controlar o seu propio petróleo e o seu propio destino.

Se eres un de estes e queres que se che escoite no parlamento iraquí, asina aquí: http://www.avaaz.org/es/iraq_oil_law/?cl=9885011

Quarta-feira, Maio 23, 2007

Estrea do Documental: "O Salario do Silencio"

Dende a a Asociación Veciñal FERROL VELLO infórmannos que o venres 25 de Maio ás 20 horas, no Salón do Vicereiorado (Campus Esteiro - Ferrol), terá lugar a presentación do documental sobre a Pranta de Gas na Ría de Ferrol: "O Salario do Silencio". O documento foi realizado por Mabel Rivera e Enrique Banet e producido por Namche Film, S.L.

Entrada de balde.

Setenta e catro especies galegas corren risco de extinción mentres se celebra o Día da Biodiversidade

Segundo a Xunta, 74 especies poderían extinguirse e outras 121 son consideradas vulnerables.

Osos, fentos, aguias ou lagartos son só algunhas das 74 especies que corren perigo de extinción no noso país. A coincidir co Día da Biodiversidade, a Federación Ecoloxista Galega denunciou que é a actividade humana a principal ameaza para a variedade de especies no noso país. Ao tempo, desde o colectivo AXENA, denunciaron o perigo que corre unha poboación de Salamántiga Rabilonga. Ao parecer, as obras de ampliación da Vía Rápida do Barbanza poden afectar unha mina en Boiro na que viven exemplares deste animal.

+ no Faro de Vigo

Segunda-feira, Maio 21, 2007

Festa funky no Dzine este sábado 26

A sala Dzine (San Sadurniño) continúa coa habitual e magnífica programación musical á que nos teñen acostumados.

As actuacións para este fin de semana son as seguintes:
Venres 25 ERGOM (folk - Ourense) www.ergom.es
Sábado 26 FESTA FUNKY con: LORETTA MARTIN + THE SWEAT

¿xa tes listo o teu traxe funky? Vémonos na Dzine!!

'1@+tú=1€', Premio Día de Internet 2007

O proxecto solidario '1@+ti=1€', promovido pola Fundación CTIC (Centro Tecnolóxico da Información e a Comunicación) e o Goberno do Principado de Asturias, foi recoñecido polos Premios do Día de Internet como a Mellor Iniciativa para Reducir a Fenda Dixital. Estes premios recoñecen, durante a xornada do 17 de maio, o esforzo de persoas e institucións para incorporar aos cidadáns á Sociedade da Información. '1@+ti=1€' presentouse por primeira vez fai un mes e invitábase a entidades sen ánimo de lucro, asociacións, empresas e particulares a propor ideas para pór en marcha en Latinoamérica e Caribe.

En total presentáronse 57 proxectos, para ser aplicados en 17 países de Centro e Sudamérica (Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Fonduras, Nicaragua, Panamá, Paraguai, Perú, República Dominicana, Venezuela e Brasil).

Abundan as iniciativas de alfabetización dixital, teleformación e posta en marcha de telecentros. Tamén concorren proxectos do que entendemos como 'Web Social 2.0' e goberno electrónico. Nos próximos meses, un comité valorará as iniciativas e estas disporán dun máximo dun ano para a súa execución. A participación cidadá e o seu xesto solidario foi claro para que o proxecto '1@+ti=1€' gañase o Premio Día de Internet 2007. Case 2.000 persoas rexistráronse na páxina web http://www.1arroba1euro.org e enviaron un SMS coa palabra arroba ou o símbolo @ ao 4004, desde un teléfono Movistar. Cada vez que alguén realiza esta acción increméntase en 1€ o fondo de axudas que sufragará os proxectos de Cooperación ao Desenvolvemento en Sociedade da Información que se executarán en América Latina. Preto de 40 entidades dan soporte e colaboran con esta iniciativa. Entre elas atópase Fundación CTIC, o Concello de Xixón e numerosas empresas dos sectores TIC, ademais de ONGs e profesionais autónomos.

II Encontro Galego de Estudantes Xitanos/as

En Galicia viven aproximadamente 9.000 xitanas e xitanos. Esta poboación distribúese en 150 núcleos de poboación nun total de 50 Concellos. As sete grandes cidades albergan ao 70% do total da poboación xitana. Son unha minoría dos xitanos españois (non chegan ao 2%) e do total da población galega (un 0,25%). Danse situacións moi diversas everbo da procedencia e da situación social. A poboación xitana está vivindo un proceso de fonda transformación entre nós.

A situación social do Pobo Xitano en Galicia é moi diversa. Nas últimas décadas, produciuse unha sensi­ble mellora nas súas condicións de vida, propi­ciada polo acceso aos sistemas de protección social, á vivenda pú­blica e aos sis­te­mas de saúde e educación. A pesar diso, unha boa parte da poboación xitana continúa constituíndo un dos grupos máis vulnerables e con maior risco de exclusión social e económica de Galicia, ademais de ser víctimas frecuentes de prácticas discriminatorias que impiden o seu acceso a bens e servizos en igualdade de condicións que o resto dos ciudadáns galegos.

A FSG (Fundación Secretariado Xitano), desde o ano 2001, desenvolve programas e accións que pretenden fomentar a participación social e a incorporación laboral da comunidade xitana en Galicia, e apoiar as iniciativas que, desde distintas entidades, teñen por obxecto a mellora das condicións de vida das persoas xitanas.

A Fundación Secretariado General Gitano organiza en Lugo este luns, 21 de maio, unha xornada onde diferentes xitanos e xitanas que estudiaron ou que o están a facer contarannos a súa experiencia, que axudará a comprender mellor as situacións que se están a presentar.

Haberá unha actuación flamenca e a obra de teatro “Historia del Pueblo Gitano”, todo representado por nenos/as xitanos/as de Lugo. Tamén proxectarase a curtametraxe “Palmas” protagonizado pola comunidade xitana da cidade lucense. Para os máis pequenos haberá xogos tradicionais e manualidades.

Portal web da Fundación Secretariado Gitano
Descargar programa do encontro en Lugo

Verdegaia presenta propostas para facer municipios sustentables

A celebración das eleccións municipais do próximo 27 de maio é unha boa oportunidade para que a cidadanía e os partidos políticos reflexionemos sobre a situación ambiental e a sustentabilidade e sobre a súa relación coas políticas municipais. Para contribuír ao debate, a asociación ecoloxista Verdegaia presenta un conxunto de propostas para mellorar a nosa calidade de vida desde os Concellos de forma sustentable. En xeral, as administracións locais galegas teñen moi pouca sensibilidade ambiental e están a contribuír moito para que Galicia avance nun sentido contrario ao desenvolvemento sustentable.

Verdegaia presenta un conxunto de propostas dirixidas aos concellos galegos que mellorarían a calidade de vida dos veciños e veciñas asegurando un desenvolvemento ecoloxicamente sustentable, socialmente xusto e economicamente viable. As propostas agrúpanse en diversos apartados: planificación para a sustentabilidade (Axenda 21 local), urbanismo, transporte e mobilidade, enerxía e cambio climático, lixo, auga, conservación da natureza, monte e incendios, transxénicos, defensa animal, cooperación ao desenvolvemento, contratación pública, e información, educación e participación. A continuación destacamos algunhas delas:

-Desenvolver un proceso de Axenda 21 local ou comarcal.
-Axustar o crecemento urbanístico ás necesidades reais da poboación.
-Desenvolver un Plano de Mobilidade Sustentable para reducir o número de vehículos en circulación a través dunha dobre estratexia: disuadir do uso do automóbil privado e simultaneamente dar facilidades para os medios sustentables (camiñar, bicicleta, transporte colectivo).
-Promover o aforro de enerxía, facendo do concello un exemplo de boas prácticas e estimulando o aforro en fogares, comercios e empresas do municipio.
-Priorizar as políticas de prevención e redución do lixo, promover a compostaxe e a reciclaxe a través de plantas comarcais e renunciar á incineración, demandando á Xunta a reconversión do complexo de SOGAMA para que deixe de incinerar antes do 2010.
-Cobrar polo consumo real de auga e establecer un sistema de bloques na tarifa da auga, de xeito que o seu prezo se incremente sustancialmente a medida que aumente o consumo, e garantir a depuración das augas residuais urbanas.
-Crear Espazos Naturais Protexidos de Interese Local, figura de protección legal prevista na lei autonómica de conservación da natureza e até hoxe non aplicada.
-Aplicar un Plano municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, de acordo coa lei autonómica de prevención e defensa contra os incendios forestais.
-Declarar o municipio como Zona Libre de Transxénicos.
-Establecer criterios ecolóxicos e sociais na política de compra e contratación.

Sábado, Maio 19, 2007

MEGA (Música en Galicia)

Grupos, discos, empresas, concertos, novidades, análises, cancións, vídeos...Todo o que teña que ver coa música no noso país ten un oco en Mega. 'Música en Galicia' é o lema do novo soportal de Culturagalega.org sae hoxe á rede coa intención de cubrir un ámbito da nosa cultura que se atopa en plena transformación. Ao xeito dos outros soportais do noso medio, este espazo quere ser un espazo de referencia que recolla toda a actualidade do sector.

Paseo urbano polos despropósitos municipais en Ferrol

Este domingo día 20 de maio a Plataforma Ártabra 21 organiza un paseo polos pontos quentes ferroláns. Partirán as 11 da mañá desde a Praza de Sartaña, onde comezarán un paseo urbano, a pé e en bici, ao cal convocan a toda a veciñanza de Ferrol. Despois de Sartaña, pasarán por Recimil, Praza da Porta Nova [Praza de España], Baluarte de Canido [simbolizando a zona rural], Rúa Insua en Canido, e rematán na Praza Vella de Ferrol-Vello, ás 12½ pasado o mediodía. En cada parada denunciarán os despropósitos municipais e formulán as reivindicacións veciñais, deixando unha etiqueta indicativa.

Sexta-feira, Maio 18, 2007

‘Pobreza Cero’, nova candidata ás eleccións do 27 de maio

A súa candidatura presentouse o 7 de maio en varias cidades españolas co fin de presionar aos partidos políticos ao redor da loita contra a pobreza. A Coordinadora de ONG de Desenvolvemento de España (CONDE) presenta a candidatura simbólica de Pobreza ‘Cero’ ás eleccións autonómicas e municipais do 27 de maio, co fin de reivindicar medidas “concretas e eficaces” na loita contra a pobreza. Segundo especificou a CONGDE, “os programas electorais dos principais partidos políticos non inclúen a loita contra a pobreza, esquecendo así o papel fundamental que Concellos e Comunidades Autónomas han de cumprir para axudar a máis de oito millóns de persoas no mundo”.

Impulsadas por algunhas Coordinadoras Autonómicas de ONG e plataformas cidadás que, a nivel local e autonómico, traballan para pór fin á pobreza, as reivindicacións centraranse na sinatura e posta en marcha de pactos contra a pobreza aos que se subscriban todos os partidos políticos e cuxo contido sexa asumido por estes cando gobernen. Outras das propostas presentadas durante esta presentación refírense á mellora e o aumento da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD), e a consecución dos oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Ademais, en Sevilla, Zaragoza, Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra farase público o ‘programa electoral’ da nova candidata: ‘Pobreza Cero’.

Que nos vexan, que nos oian. Polo recoñecemento e a plena participación

En Europa e en España asístese a un dos maiores cambios sociais e culturais dos últimos tempos. Non o encabeza a tecnoloxía, nin o militarismo, nin sequera o chamado fenómeno da globalización de capitais, nin ningún dos factores que noutros séculos protagonizou o auxe deste pequeno recuncho do globo. Protagonízano as persoas, os seres humanos, a mestura de homes e mulleres de diversos pobos, de orixes variadas, de culturas diferentes, de experiencias vitais e de afectos, con todo, próximos. Moitos pobos de Europa, nun marco de convivencia democrática, facendo nacer unha aposta por unha sociedade intercultural, multiétnica e de pluralismo relixioso e linguístico, que fai desta pluralidade a súa fortaleza e a súa proposta política fronte a outros modelos pechados, xeradores de unilateralidade e de unidimensionalidade. Dentro da construción deste novo espazo de consenso e desta nova sociedade os inmigrantes somos un actor máis, con iguais aspiracións e con iguais esforzos e deberes. Porque a sociedade cambia e debe incorporar estas novas realidades. Tamén para os inmigrantes está aberta a utopía de participar plenamente na construción dun modelo de convivencia onde todos e todas teñamos cabida en pé de igualdade de recoñecemento e de oportunidades. Os inmigrantes como unha categoría que aglutina non só aos vindos doutros lugares, senón tamén as novas relacións establecidas aquí, os fillos de quen viñeron antes, as familias mixtas e unha gran parte da sociedade nativa que convive, respecta e fai seus moitos dos valores, propostas e sentimentos da inmigración. Todos somos inmigrantes. Pero lamentablemente os inmigrantes non contan na actualidade co mesmo recoñecemento, co mesmo respecto, cos mesmos dereitos. E este anacronismo debe cambiar se queremos aspirar a unha sociedade máis xusta e democrática. Por iso quen asinamos este manifesto eliximos apostar pola visibilidade. Que nos vexan, que nos oian, que nos recoñezan. Facémonos visibles, farémonos cada vez máis visibles, reclamaremos cada vez máis a nosa visibilidade e a nosa presenza porque con iso queremos apelar á cidadanía, aos axentes sociais, aos axentes políticos, para que reconsideren a actual situación na que os inmigrantes non podemos participar plenamente na vida política e social da nova sociedade. Apelamos a unha reconsideración das regras de xogo non en beneficio propio, senón da sociedade, non en apelación dun privilexio, senón dunha causa de xustiza. Por iso chamamos a que se exerza de forma simbólica por parte de quen apoian os nosos anhelos o “voto” polo “si” do dereito ao voto dos inmigrantes.
Nós votamos si.

O conxunto megalítico da Mourela

A Plataforma en Defensa do Patrimonio das Pontes ten publicado excelentes traballos en relación ao Círculo Lítico da Mourela, agora tense pubricado unha magnífica recopilación documental a que se pode acceder pinchando no titular desta nova.

Lembrar que hai uns días, cumpríuse 1 ano dende a súa constitución por varios veciñ@s das Pontes (moitos deles residindo por motivos laborais fóra do concello) e colectivos varios, entre eles a nosa asociación. Unha loita titánica, pola que case ninguén daba un só peso, mais a realidade é que xa hai un ano dende aquela primeira manifestación de 50 cidadáns polas rúas do pobo, e agora xa son máis de 1.500 persoas que están a apoiar ca súa sinatura que se reconduza o camiño do proxecto da autovía, e o que é máis importante que xamáis se repita a descomposición dos nosos recursos, ca bárbara xustificación do progreso e o desenvolvemento.

INDICE:
1. A NECRÓPOLE DA MOURELA NOS ESTUDOS E INVESTIGACIÓNS
2. A NECRÓPOLE DA MOURELA A NIVEL POPULAR
3. A PROTECCIÓN LEGAL
4. DOCUMENTACIÓN OFICIAL VERQUIDA DURANTE O PROCESO

Quarta-feira, Maio 16, 2007

Todo a punto para o Festival de Cans

Un ano máis, e xa van catro... Festival de Cans!. De novo en maio (xoves 24, venres 25 e sábado 26) e de novo coincidindo co noso colega o Festival de Cannes.
O festival de cine máis festeiro de Galicia volve ao rego cargado de todos os símbolos que o fan tan peculiar: alpendres, galpóns e adegas que se converten en salas, unha tropa de chimpibuses para transportar aos espectadores, alfombras vermellas espalladas polos carreiros, moita música de espírito festeiro e a hospitalidade de sona universal dos veciños e veciñas de Cans.
E o que nunca pode faltar no Festival de Cans: as mellores curtas galegas do último ano, unha selección de luxo con ficción, animación e esas curtas inclasificables que alcumamos como “frikis”. Este ano tamén poderemos ver dúas longametraxes de estrea e por primeira vez unha selección dos mellores videoclips do país. Cans, a outra capital do Cine!
Se es tipo fino, tes un modisto que che fai os traxes a medida, só bebes viños con nome francés e de tapa prefires caviar beluga, quizais aínda queden billetes nalgún cruceiro á Costa Azul. Se che gusta a festa, tes curiosidade polo que fan as novas promesas do audiovisual galego e queres sentir o arrecendo do estrume mentres viaxas en chimpín dende o torreiro ata un cuberto transformado en sala de cine, aquí está o teu sitio. Non o penses máis...
vén ao Festival de Cans!

Morre en Muxía Ramón Caamaño, o fotógrafo da Costa da Morte

Kodak en man, dedicouse a inmortalizar todo o que aconteceu na Costa da Morte ao longo do século XX. Ramón Caamaño, un dos valores consagrados da fotografía galega, morreu este domingo aos 98 anos de idade. Chegou á fotografía da man de Ruth Matilde Anderson, fotógrafa da National Geographic Society que chegou a esta vila a comezos de século, e de Ksado, outro dos piares da fotografía galega. Coa súa cámara retratou as feiras da zona ademais de tirar numerosos retratos para os familiares que vivían na emigración. Caamaño tamén introduciu o cine en moitas vilas da Costa da Morte, realizando funcións itinerantes polas noites. O seu funeral tivo lugar esta tarde no santuario da Barca, ao que acudía todos os anos na tradicional romaría e foi enterrado en Muxía, localidade que tantas veces retratou.

Peche da sala Iago

A sala Yago, situada na céntrica rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, pecha as súas portas despois dunha intensa actividade de seis anos de traballo.

Este é o comunicado que nos fai chegar o equipo de xestión:
Estimados amigos,
Despois dun longo proceso de negociacón, a Sala Yago, ante unha decisión xudicial a instancias dos donos do edificio, abandona o seu espazo e polo tanto a súa actividade o vindeiro 30 de xuño.
O proxecto que estamos a desenvolver está moi vencellado ao espazo da rúa do Vilar e ao seu entorno, xa que é unha proposta de utilización pública dun edificio do casco histórico. Polo tanto e xa que non ten sentido trasladar esta proposta a outro lugar, damos por finalizada a nosa actividade. Queremos darvos as gracias polo voso apoio durante todo este tempo.
Se queredes opinar sobre o peche da sala podedes escribir a:
dereitoaopataleo@salayago.com e nos remitirémos os correos electrónicos ás autoridades pertinentes.
Nestes seis anos de vida a Sala Yago programou un total de 1673 días, do que, 667 foron de títeres, 738 de teatro e 310 de cine en versión orixinal. Moitas gracias a todos por compartilos con nós.
Unha aperta,

SALA YAGO - Prensa
Rúa do Vilar, 51-53
15705 - Santiago
Tfn. 981 589 288
prensa@salayago.com
www.salayago.com
Imos a patalear!!

Terça-feira, Maio 15, 2007

A barbarie de destruir a Mourela faise eco no Consello da Cultura Galega

É sabido que as grandes obras, ou as que se fan en zonas sensibles, van acompañadas do seu correspondente estudo arqueolóxico. A idea é garantir que os posibles restos que se atopen na zona se poidan estudar e conservar axeitadamente. No entanto, en ocasións cómpre investigar un depósito no medio mesmo da obra, e mesmo ás veces é complicado garantir a preservación dos restos. O último exemplo é o do Círculo Lítico da Mourela, pero canda a el existen moitos máis.

+ en Consello da Cultura Galega na Rede

Razón atea. Un espacio para dudar.

Blog arxentino onde abondan interesantes reflexións e debates sobre os vellos e novos movementos relixiosos e os postulados ateos, agnósticos e escépticos.

Contén unha entrevista con San Harris, o autor do libro "O final da fe". Ca publicación en 2004 de The End of Faith, superventas según o New York Times, libro que constitúe un ataque despiadado á relixión, Sam Harris convertíuse no ateo máis coñecido de Estados Unidos.

Para moitos, iso sería unha honra máis que dubidosa. De acordo cun recente estudo nacional realizado por investigadores da Universidade de Minnesota, os ateos son a minoría da cal a xente máis desconfía; máis que dos musulmáns, dos inmigrantes recentes e dos homosexuais. O estudo afirma, ademais, que as persoas coas que menos dispostos están os usamericanos a que casen os seus fillos son os ateos. Pero Harris, licenciado en filosofía por Stanford, quen está agora traballando sobre a súa tese doutoral en neurociencias, non estaba intentando gañar un concurso de popularidade, nin moito menos. No seu libro, Sam Harris proponse avergoñar ás persoas crentes de todo o mundo, sacalas das súas casillas e debater con eles para que abandonen os seus sistemas de crenzas baseados na fe, sistemas que en opinión de Harris pódennos levar ao apocalipse.

Entrar en Razón Atea.
A asociación PARQUE ROSALÍA DE LUGO constitúese formalmente en maio de 2006, pero xa leva traballando dende hai uns catro meses atrás como plataforma. Trátase dun grupo numeroso de cidadáns indignados polo que se quere facer a carón do Parque de Rosalía e deciden coordinar esforzos. Moitos dos que vivimos preto da zona afectada fomos os primeiros en decatarnos do que alí se pretendía facer. Isto levounos tempo asimilalo porque non podíamos crer o que os planos nos mostraban. Pouco a pouco foise recabando información sobre a futura urbanización e foi entón cando se decidiu dalo a coñecer a máis persoas que puidesen ignoralo, xa que isto afecta a tódolos cidadáns lucenses.

Na noite deste mércores ó xoves 17, terá lugar unha acampada xunto ó mirador do Parque Rosalía, como protesta contra o proxecto de edificación dos 6 EDIFICIOS DE 6 PLANTAS nas costas do Parque, e con motivo da homenaxe a Rosalía de Castro no “Día das letras galegas”.

ACTIVIDADES NO PARQUE ROSALÍA:
>> MÉRCORES 16:
19:30 Acampada
20:30 Juanjo Rodicio, cantautor e contacontos
>> XOVES 17:
A partir das 10:00 h.
- Exposición sobre a edificación con infografías e fotografías desde o mirador
- Reparto de dosier informativo sobre o proxecto, reparto de libros e recollida de lixo
Ás 13:00 h. ofrenda floral no monumento a Rosalía, recital poético e concerto de viola
A partir das 13:30 h.
- Grupo musical e xantar