As novas do pais, da comarca e da nosa vila

Loading...

Barra de Vídeo

Loading...
Mostrar mensagens com a etiqueta mourela. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta mourela. Mostrar todas as mensagens

Quinta-feira, Julho 17, 2008

CIBERACCIÓN: "O EUME MORRE"



Medio Ambiente vén de culpar (9 de xullo) ás obras da autovía Ferrol-Vilalba da acidez no Eume, causa da morte dos peixes. Días antes (1 de xullo) para a consellaría o responsábel era o encoro do Eume, que explota Endesa. E non esquecimos a rocambolesca explicación ofrecida pola consellaría de Manuel Vázquez (25 de xuño) culpando da catástrofe ás "características xeolóxicas da canle", isto é, ao propio Eume. Diante deste paripé, ADEGA trasladará á Fiscalía de M. A. o ocorrido no río, para investigar o proceder da administración e depurar as responsabilidades neste atentado ecolóxico.

Tí podes esixir á administración que tome medidas urxentes para recuperar o ecosistema do Eume e o Chamoselo e que namentras non se leven adiante medidas correctoras, se suspenda a pesca no Eume entre As Pontes e a desembocadura. Tamén, podes esixir da administración máis transparencia e rigor á hora de determinar a orixe da acidificación e a morte dos peixes, probabelmenmte debida á "limpeza" do encoro da Capela. Dende a web de www.vadeando.com podes facer chegar a túa protesta á Consellaría de Medio Ambiente.

Quarta-feira, Junho 11, 2008

DE CÓMO AS CHOIVAS IMPIDEN A CONTINUACIÓN DOS TRABALLOS; A FÁBULA DA FORMIGA E OUTROS CONTOS

A ambigüidade do discurso
Restan xa poucas horas para que se cumpra a primeira efeméride da destrución do Círculo Lítico da Mourela e aínda nada sabemos deses informes que restaban importancia á conservación da necrópole e que falaban de cabanas medievais e outras lerias, deses mesmos informes que aconsellaban a destrución do círculo e que daban o visto bon á grave alteración dun conxunto funerario milenario. Onde están eses informes? Por que logo dun ano non foron feitos públicos?

Levamos doce meses asistindo aos avatares da mala planificación dunha obra pública que día a día está a pór en perigo a integridade do noso patrimonio cultural e imos xa fartos e cansos de que a administración ignore os nosos consellos, que con todo o cariño que lles gardamos como administrados que somos deles, non chegamos a comprender que é o que se pretende facer no lugar. Entristecerianos moito ver un túnel ocupando o furado da Mourela.

Hai que lembrar que no mes de xuño do pasado ano, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural levantaba a cautela sobre os restos da necrópole megalítica e establecía unha serie de áreas de exclusión de obra no perímetro das mámoas. Esta decisión política excluía a necesidade de garantir a máxima protección dos elementos que aínda quedaban, ignorando a proposta plantexada pola Plataforma e por ADEGA para a construción dun túnel baixo o xácigo, que nun principio fora apoiada por Patrimonio.

Desbotada esta alternativa por parte da Consellería de Política Territorial, alegando a inviabilidade técnica e económica do proxecto, iniciáronse as tarefas de desmonte para a construción dunha gabia. Gabia que ben podería figurar no récord Guiness cos seus sesenta metros de profundidade como a máis fonda do mundo, aínda que tamén podería ser proposta a récord da ineptitude na planificación dunha obra pública.

Parece que a decisión de trazar unha autovía por medio dun campo de mámoas impide que a gabia conte cun sistema de terrazas laterais que neutralicen os desprendementos de terreo, que regulen a escorrentía das augas e que deixe pasar a luz do sol. É por isto que a día de hoxe as obras seguen paradas.

Unha mámoa ao bordo da gabia
En contínuas comunicacións dirixidas ao Director Xeral de Patrimonio Felipe Arias Vilas, informábaselle sobre o risco de afectación das áreas de exclusión de obra que a súa dirección establecera no mes de xuño de 2007 e solicitábaselle a paralización das obras que estaban a afectar á área de exclusión de obra da mámoa catalogada co código GA15070127.

A día de hoxe a mámoa atópase a uns tres metros do bordo do talud, lonxe dos 40 metros de distancia establecidos por Patrimonio. Ao noso entender a situación actual impide a súa documentación se temos en conta a perigosidade de acometer a escavación deste elemento, por mor dos desprendementos. Das comunicacións ao director xeral nada sabemos, ninguén se sentiu aludido ao parecer. Mágoa que as oracións e as plegarias nada serven contra a forza da gravidade.

Intoxicación informativa
Como guindiña para este pastel administrativo tivemos a sorte de coñecer a semana pasada na televisión local das Pontes, unhas declaracións da Consellería de Política Territorial nas que se nos “informaba” aos ponteses do retraso nas obras da autovía por mor das choivas. Nada se dicía dos contínuos desprendementos de terra na Mourela, que obligaron a modificar os plans de actuación na zona, que engadiron máis tempo á finalización da obra e que están a por en perigo a integridade dos elementos patrimoniais que ainda quedan na Mourela. Tampouco se informaba das contínuas fendas na estructura de gunitado na parede Norte da gabia, que tiveron que ser feitas de novo en repetidas ocasións.

A choiva tivo algo que ver, pero non son os fenómenos ambientais os que planifican as obras públicas.

Reflexión final
Certo é que nos últimos meses preocupámonos moito ou demasiado por todo o que aconteceu na Mourela e dende algún sector local criticouse a nosa inoperatividade noutros temas a nivel patrimonial que afectan aos elementos arqueolóxicos das Pontes. Mais o caso da Mourela é un caso real e actual que exemplifica perfectamente cal é o interese e a atención que se lle presta ao patrimonio, tanto dende a corporación local como dende o goberno da Xunta. Por isto, a nosa teima de defender o que ninguén defendeu, a nosa teima por esclarecer o que ninguén esclareceu e a nosa ilusión por ver algún día o que é noso, respectado.


Clica aquí para ve-lo video

Segunda-feira, Abril 21, 2008

COMUNICADO DA PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES


Un corremento de terra na gabia da Mourela ameaza unha mámoa
O monumento megalítico atópase a tan só tres metros do talud

A pasada semana producíase un corremento de terras no marxe Norte das obras da autovía AG-64 ao seu paso polo lugar da Mourela no concello eumés das Pontes de García Rodríguez. Ao redor duns quince metros de terreo, víñanse a baixo producindo un considerábel desprendemento de firme que ía a parar ao fondo da gabia.

Na actualidade a situación debe ser considerada como moi grave, tendo en conta a proximidade do elemento catalogado GA15070127, co marxe Norte da autovía. A penas tres metros separan a estructura arqueolóxica do marxe do talud. Unha situación que empeorará nas vindeiras horas de seguiren a persistir as choivas na zona, o que pode ocasionar novos desprendementos e dar coa mámoa no fondo da autovía. Esta situación sería a todas luces moi grave, tendo en conta os compromisos establecidos pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, no comunicado emitido o 5 de xuño de 2007, por mor do levantamento da cautela sobre os restos do círculo lítico da Mourela, que a continuación se transcribe:

- Na zona próxima aos restos do círculo lítico existen tres mámoas ás que non lle afectarán as obras da autovía

As mámoas non están afectadas
O resto dos xacementos arqueolóxicos localizados nesa área, os denominados túmulos tan só están afectados en parte do seu ámbito de protección, non no xacemento mesmo, polas obras de construción da Autovía Ferrol-Vilalba. Estas mámoas son visibles e recoñecibles, 
e para elas trazáronse uns ámbitos de exclusión de obras nos estudos arqueolóxicos levados a cabo con motivo da elaboración do proxecto construtivo da autovía, establecéndose as medidas protectoras e correctoras necesarias para que se conserven na súa integridade.

Á vista de toda a documentación, dos datos que obran no expediente e dos informes dos Servizos Técnicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu unha resolución informando favorablemente a continuación das obras da Autovía Ferrol-Vilalba, treito As Pontes Cabreiros, na área cautelada da Mourela, baixo as seguintes condicións:

- Manteranse balizados os ámbitos de exclusión de obra dos xacementos Mourela 4 (GA15070127), Mourela 6 (GA15070130) e Mourela 7 (GA15070129), nos que non se poderá levar a cabo ningún tipo de obra, e o trazado, na medida do posible, alonxarase destas áreas de exclusión reducindo as dimensións dos noiros ou taludes proxectados. A situación destes elementos e os seus ámbitos deberán figurar na cartografía de obra.

Nunha comunicación remitida no día de hoxe ao Dir. Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, D. Felipe Arias Vilas, dende a plataforma solicitamos coñecer cales van a ser as medidas a activar para preservar a integridade do ben ameazado e se van a esixir algún tipo de responsabilidade á COTOP, como promotora e responsábel do proxecto.

Cremos que a situación que se está a producir non é froito do azar ou a mala sorte, estamos convencidos de que isto era previsíbel, tal e como vimos manifestando en repetidas ocasións dende o mes de novembro pasado, e non entendemos como non se tomaron as medidas oportunas a tempo, tales como a escavación da mámoa afectada, nun momento no que a seguridade dos arqueólogos non estaba ameazada.

Parece pois que este novo corremento de terras na zona, non contou coa suficiente previsión por parte das autoridades competentes en materia de protección do patrimonio nin foi anticipada polos responsábeis da execución da autovía, poñendo deste xeito en serio risco a integridade dos bens patrimoniais e a propia seguridade das edificacións colindantes.

Neste intre, máis de 50 metros de desnivel e unha profunda fenda no terreo están a arriscar a conservación dunha parte do noso patrimonio. No mes de xuño do pasado ano, xa tivemos que ver tamén como as máquinas remataban con miles de anos de historia, destruindo os restos do círculo lítico e partindo en dous a necrópole, por medio dunha gabia. Agora, a falla de previsión e o incumprimento dos compromisos establecidos para a integral conservación das mámoas e dos seus ámbitos de exclusión, veñen a por en evidencia a rigurosidade dos controis arqueolóxicos na zona.

É neste intre, cando o berro mouro do Canto Máis? cobra forza e significado. De novo debemos preguntarnos: Canto máis teremos que agardar para poder ver aos mecanismos administrativos que garanten a conservación e preservación do noso patrimonio, desenvolver eficazmente o seu traballo? A proposta do túnel, esquencida no caixón dalgún despacho de San Caetano, debería facernos reflexionar sobre a súa idoneidade, como fórmula para non ter que lamentar males maiores.

Terça-feira, Março 11, 2008

«AS PONTES PERDEU PATRIMONIO A MARCHAS FORZADAS DOS 70 PARA AQUÍ»

Entrevista a JOSÉ MARÍA LÓPEZ FERRO impulsor do primeiro museo pontés.
Texto e foto: Cristina Arias, publicado o pasado 4 de marzo no Progreso de Lugo

Defensor do pasado, da historia e das raíces dun pobo, José María López Ferro creou o Museo Etnográfico do Monte Caxado para recuperar as pezas tradicionais dunha época na que, coa chegada de Endesa, cambiaba a actividade e transformábase a sociedade nas Pontes.

JOSÉ MARÍA López Ferro leva media vida procurando que non se esquenza o pasado das Pontes que, como suliña, é moi anterior á chegada de Endesa á vila. El é o creador do primeiro museo pontés, o Museo Etnográfico de Monte Caxado, que instalou nos corredores do colexio no que aínda da clase. Asemade, forma parte da Asociación de Estudos Históricos e Sociais “Hume” das Pontes.

Despois de tantos traballos; que opina da situación actual do patrimonio no municipio?
O patrimonio nas Pontes está moi mal. Acabamos de sair dunha destrución dunha zona arqueolóxica importante na Mourela e penso que tiña que haber un cambio político local, provincial e incluso autonómico para protexer o noso patrimonio. As Pontes perdeu moitísimo dos anos 70 para aquí, a marchas forzadas. A mina, a autovía, as expropiacións de Endesa…, que non só destrozaron o patrimonio en sí, as mámoas ou os castros, senón tamén o patrimonio inmaterial, é dicir, a cultura popular desas zonas, os seus costumes e as súas tradicións.


Que se podería facer para cambiar isto?
Todos sabemos que hai materiais recollidos das escavacións e almacenados. Xa que hai un museo da enerxía e queren facer un da minería, por que non facer un arqueolóxico? É a historia do pobo e aquí dá a sensación de que é a industria a que está dirixindo todas as actividades do pobo, que son os veciños e a súa historia. Hai cousas antes de Endesa. E tamén se podería coidar máis o museo etnográfico.

Tras tantos anos no colexio; nunca pensaron en cambialo de sitio?
Si e non. Persoalmente penso que terá que acabar saíndo co tempo. O espazo quédase pequeño. Gustaríame que se creara unha fundación independente e que se instalara nunha zona bonita.

Para moitos, un dos grandes erros do museo é a falta de indicacións.
Solicitamos hai dous anos ó Concello que estivese indicado polo menos nas entradas do pobo. Incluso pensamos en que se incluíran os horarios. Pero non tivemos resposta. Sería interesante e quérese solicitar de novo a esta corporación.


Non reciben ningún apoio?
O que hai é un convenio que se asinou no curso 96-97 entre o Concello e a APA do centro, que contempla a apertura ó público durante unhas horas os sábados –de 12.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00- e durante festividades locais como a Feira do Grelo ou a de Fungos e Cogomelos. Nese convenio estipulouse a contratación dunha persoa que fai as visitas guiadas, que neste momento están no aire porque o rapaz que estaba ten outras actividades e vai haber que cambialo.

Cal foi a evolución do museo? Recibe máis ou menos xente agora?
Nos últimos anos, se cadra, pola falta de publicacións e publicidade, as visitas van un pouco a menos. Pero o museo está aberto a todos. Na miña opinión é unha colección de pezas importante e creo que debería vir a xente. No curso 85-86 comezamos coa idea e no 87 inauguramos o museo con 250 pezas. Na actualidade, hai máis de 2.000, e se as vas inventariando dunha en unha moitas máis porque moitas se rexistran por grupo. Toda a xente se leva unha boa impresión, asemade a maioría pensan que será unha aula e sorpréndense cando ven que o museo é todo o colexio.

Estando tan o alcance da man; que tal o coidan os alumnos?
Perfecto. Nunca estragaron nada. Empezan a vivir co museo dende que veñen, con tres anos, e téñeno asumido como algo deles. Unha vez veu unha afiadora e utilizou algunhas das pezas e os rapaces enfadábanse porque estaba a usar pezas que non se podían tocar.

Entre as pezas hai un pouco de todo. Xogos, mobles, cousas da casa, aparellos de labranza e de distintos oficios, obxectos persoais… Destacaría algunha?
Moitas. Hai pezas moi curiosas como un cesto de troitas feito de palla e non de vimbio, unha maleta que un home levou á guerra, documentación para ir a Cuba, un reloxo do século XIX que estivo na fachada da igrexa e que o Concello de Vilalba cambiou co das Pontes por cen fanegas de trigo nunha época de fame ou un libro relixioso de 1665, a peza máis antiga. Tamén hai un arquivo de fotos, que xa conta con máis de 1.000.

Entre tanta peza; falta algunha?
Posiblemente, pero por falta de espazo non podemos coller algunhas. As que soen faltar son moi grandes. Podiamos ter un banco carpinteiro, unha mesa de cepillar ou un tear completo, pero tivemos que dicir que non. Do que sí falta é dos zapateiros, que case non hai.

Todas foron doadas. Son só das Pontes e arredores?
Principalmente son das Pontes e dos concellos limítrofes, pero tamén as hai doutras zonas e incluso doutras comunidades. Hai dediles –para protexer os dedos na sega- de Castela.


Entrevista enlazada desde Amigus.org

Sábado, Março 01, 2008

A Plataforma en Defensa do Patrimonio continúa alerta da situación na Mourela

Imaxe: Alto da Mourela a principios do século XX
A Plataforma considera que os desprendementos de terra na Mourela están a por en perigo as mámoas que aínda permanecen no lugar
As obras da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba que arrasaron no mes de xuño do ano pasado os restos do círculo lítico da Mourela, están de novo a por en serio risco a conservación e integridade de varios elementos.

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes puxo en coñecemento das autoridades en materia de protección do patrimonio, a execución dunha serie de tarefas que se desenvolveron na área de protección de tres elementos catalogados durante o mes pasado, sen os preceptivos controis arqueolóxicos.

Unha cuneta de decantación de lodos que se executou dentro do ámbito de protección de dúas mámoas, unha pista de acceso que precisou tarefas de desbroce e desmonte dentro da área de cautela arqueolóxica dunha mámoa e operacións de consolidación das paredes laterais da gabia, son as novas obras que estan a por en perigo a integridade destes monumentos prehistóricos.

Asemade o mes pasado tiveron lugar varios desprendementos de terra que moveron considerablemente o marxe do talud, achegándose perigosamente á mámoa que se atopa a carón do depósito. Si ben ao finalizar as tarefas de desmonte na área do círculo lítico, quedaban uns 20 metros entre o marxe do talud e a mámoa, como zona de protección arqueolóxica, na actualidade esta distancia acurtouse a uns 10 metros.
Dende a Plataforma considérase que existe un risco moi elevado de afectación desta mámoa que podería agravarse de seguírense a producir desprendementos na zona.Nunha carta dirixida ao director xeral de Patrimonio Felipe Arias, a Plataforma solicita que se tomen medidas de cara a consolidación das tres mámoas que aínda permanecen na Mourela, así como para evitar que se produzan máis desprendementos na zona de protección arqueolóxica da mámoa que se atopa a carón do depósito.

Quinta-feira, Dezembro 27, 2007

COMUNICADO: PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES


Logo da recente desaparición do anel lítico da Mourela e da destrución da necrópole prehistórica pola Autovía Ferrol-Vilalba AG-64 e pese ás denuncias que levamos feitas ao respecto da situación de indefensión dos elementos patrimoniais do concello, atopámonos hoxe ante un novo intento de dinamitar o noso legado cultural.

círculo lítico do Bidueiral, situado na parroquia pontesa do Freixo é o novo monumento megalítico do concello das Pontes que se ve afectado este ano. Un suma e segue que está a por en evidencia as actuais políticas, autonómica e local, sobre a xestión dos nosos recursos patrimoniais. Un parque eólico, propiedade da empresa Eólicas del Noroeste S.L., é a nova infraestructura que ameaza este ben.

O círculo, que ten unhas dimensións aproximadas de nove metros e medio de diámetro máximo e está formado por rochas e pedras de seixo e cuarcita, así como laxes de pizarra soterradas verticalmente na terra, presenta ademais un par de aliñamentos paralelos de pizarra soterrados, a xeito de entrada ao círculo. Ao seu carón existe un túmulo prehistórico, que ao igual que o círculo non está catalogado, tal e como puidemos comprobar no Inventario Arqueolóxico do Concello das Pontes.

A esta, xa de por sí, descontrolada situación hai que engadirlle o feito de que ámbolos dous elementos se atopan dentro do polígono de afectación do Parque Eólico da Valiña, promovido pola empresa Eólicas del Noroeste, S.L.. Unha nova infraestructura, que pon en serio risco a conservación do noso patrimonio cultural.

O Estudo de Impacto Ambiental (EIA) do parque, data de setembro de 2001 e recolle a existencia do círculo lítico, mais non así a da mámoa. Ainda que estes elementos atópanse incluidos dentro do polígono de afectación do parque, o EIA establece que non se verán afectados polas obras.

Nembargantes, tendo en conta que para estos casos as Normas Subsidiarias e Complementarias do Planeamento da provincia da Coruña, establecen unha protección de 200 metros para elementos arqueolóxicos, dende a Plataforma consideramos que a construción dunha zanxa de cableado que unirá este parque coa subestación de San Xoán, próxima ao lugar, invadirá a zona de protección arqueolóxica dos elementos e provocará fondos prexuizos na conservación dos restos que poidan existir no entorno dos mesmos.

Diversos autores sinalan a este círculo lítico, como o único que se conservaría na actualidade na Galiza, logo da recente destrución dos restos do círculo da Mourela. Así o confirma tamén o EIA, que sinala o seguinte:

“se trata según algunos autores del único círculo lítico que se conserva en Galicia (…) Tiene unos nueve metros y medio de diámetro máximo y está formado por rocas y piedras de cuarzo y cuarcita y laxes de pizarra enterradas verticalmente en la tierra. Según algunos autores tendría un par de alineamientos paralelos de pizarra enterrados, a modo de entrada al círculo, orientados en sentido E-O (…). Por todo ello la fragilidad en este sentido cabe considerarla como baja”.

Os veciñ@s das Pontes que integramos a Plataforma, cremos que a situación con respecto ao Patrimonio da comarca do Eume, non mudou nada nos últimos meses, semella que a destrución do noso anel da Mourela, deulles pulos aos iñorantes para seguir a desfacer o noso gran legado cultural. Namentres os que venderon a súa identidade ao mellor postor, tratan de amosarnos unha parcial realidade a través de mostras e exposicións, que o único fin que pretenden é lavar a cara das institucións que erraron na planificación dunha infraestructura clave para o desenrolo da nosa comarca.

O círculo lítico do Bidueiral merece un trato diferente ao que recibiron os aneis da Mourela e ás mámoas destruidas. O seu carácter exclusivo como elemento susceptíbel de ser estudado, documentado e recoñecido o seu valor cultural, lévanos a plantexar a necesidade da elevación deste elemento á categoría de BIC Ben de Interese Cultural.

Cremos asemade na necesidade de que o Concello das Pontes tome conciencia da inxente cantidade de recursos patrimoniais que están espallados polo termo municipal e acometa a finalización da catalogación que estaba a levar a cabo o LIA Laboratorio de Investigacións Arqueolóxicas, así como a organización do fondo arqueolóxico depositado nos locais da estación de autobuses que agarda dende hai máis dun ano a que se lle tome en consideración.


+ INFO: PLATAFORMA CIDADÁ EN DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES

Sexta-feira, Dezembro 14, 2007

SOS MOURELA: A MOURELA, VÁISELLES

A CPTOPT está a acometer unha actuación de emerxencia na gabia da Mourela debido á inestabilidade dos terreos

Hai xa semanas que varias máquinas e traballadores afánanse na estabilización dos taludes da Mourela realizando operacións de gunitado, mediante as que tratan de evitar que a altura excesiva da gabia, remate con parte da Mourela derrubada.


Quinta-feira, Dezembro 13, 2007

COMUNICADO: PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES


Ante a apertura da exposición A Memoria da Terra instalada no edificio de usos múltiples pontés Casa Dopeso, dende a Plataforma queremos manifestar que non estamos en contra de ensinar a cultura ao pobo. Mais sí en contra do engano e a mentira. O tempo bule e eiquí a única Memoria que garda a Terra é a da destrución sistemática do seu Patrimonio Cultural e Natural.

A mostra que prentende facer un repaso pola Historia e presentar os resultados dos diferentes traballos arqueolóxicos levados a cabo no municipio, está financiada pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia e cústanos aos galeg@s máis de 21.000 €.

Se temos en conta que o número de profesionais que traballaron nas tarefas de escavación da Mourela superou o centenar, sen resultado coñecido polo momento. E que a autorización de Patrimonio para proseguir as obras, viña respaldada pola idea de que non quedaba nada, cando menos susceptíbel de ser conservado. Agora, sete meses despois da destrución dos restos do anel lítico da Mourela, os que se din profesionais da arqueoloxía en Galiza presentan unha exposición sobre algo que xa non existe e que eles mesmos axudaron a destruir cos seus informes. E nós como veciñ@s das Pontes temos que tragar coas súas lerias e pantomimas. Canto máis?

Dende a Plataforma, consideramos que esta exposición é simplemente unha defensa da postura irracional que o goberno da Xunta tomou coa decisión de destruir os restos da necrópole prehistórica. Unha exposición programada xa antes da destrución, para lavar a cara de quen errou na planificación da autovia. Unha exposición en fin, da mentira e do engano para xustificar e correxir o que foi unha decisión política mal tomada e que supuxo a perda dun lugar excepcional do Megalitismo galego.

Agora unha exposición que revisa a historia. Unha historia pragada de roubos, atentados e destrucións sistemáticas do noso Patrimonio. Máis de 80 mámoas e 3 castros devorados por escavadoras na mina de carbón. Casas, cabazos, pontes, cruceiros, muiños derrubados, parroquias enteiras cos seus lugares postergados ao esquecemento da sinrazón. A colección de materiais do Castro de Espiñaredo, desaparecida en mans escuras. O Portorroibo paleocristiano devorado sen compasión. O vaso campaniforme da Vilavella, desaparecido dunha das vitrinas da Facultade de Xeografía e Historia de Santiago. O Chamoselo romano, soterrado baixo coches, casas, rúas e polución. As pontes que nos definen fendendo polos petrís. E un longo etc. Se a exposición reflicte todas estas situacións reais que padeceu e padece o Patrimonio das Pontes, os nosos parabéns para a organización.

Se pola contra atopámonos ante a manipulación da verdade, ante a omisión dos datos e das opinións que testemuñan a situación de desamparo legal que padecen os nosos recursos culturais e ante a declaración pública da ineptitude dos nosos administradores en favor dun malentendido progreso, non nos queda máis que loitar. Loitar para que a verdade da Mourela continúe viva, para que a moura conspiración que aniquilou o noso herdo pague a débeda que mantén coa nosa terra.


Canto Máis?

Segunda-feira, Dezembro 10, 2007

A plataforma Merexo non se vende convoca á comunidade internauta en axuda desta paraxe

Para cada medida das administracións que vén envolta en controversia e que non convence a unha parte dos cidadáns, hai unha resposta. E a Rede é cada vez máis o sitio onde se emite cara ó mundo esa resposta. Así o puidemos constatar en iniciativas como Salvemos Monteferro, SOS Courel, A Ría non se vende, ou a de Amigus nas Pontes a prol da conservación do Círculo Lítico da Mourela. Este tipo de mobilizacións, que son como un aviso de que Internet e todas as cousas que a rodean serven como plataforma de diálogo pero tamén como observatorio e medida de presión, comparte feitura e fondo con Merexo non se vende, que é froito da oposición dun colectivo de veciños de Muxía á chegada dunha nova planta acuícola á dita paraxe de Merexo.

A cuestión é esta: o proxecto de construción dun complexo empresarial que ocuparía 270.000 metros cadrados de costa para o cultivo e crianza do rodaballo non convence ós veciños. Estes, co fin de mobilizar á restante comunidade internauta, veñen de habilitar na web seccións encamiñadas a recadar sinaturas de apoio e a achegar material de todo tipo sobre a orixe deste problema e as súas consecuencias (inclúense imaxes do presente de Merexo e do futuro, cando estea ocupado polas piscinas da planta acuícola).

A páxina tamén ofrece unha galería fotográfica sobre as mobilizacións organizadas até o de agora, o decálogo dos veciños en contra do Plan Galego de Acuicultura da Xunta e mesmo unha pequena pero fermosa escolma de fotos históricas desta vila da Costa da Morte.

Información de Código Cero

Sábado, Novembro 17, 2007

As sete marabillas da arqueoloxía galega!


Neste tempos de promesas políticas dende a Consellería de Cultura da Xunta, sobre a revalorización do patrimonio arqueolóxico galego, a través da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, atopamos a realidade actual, na magnífica páxina do arqueólogo Franjo Padín, NOVAS DE ARQUEOLOXÍA. Fai unha selección das 7 marabillas arqueolóxicas de Galicia máis destruídas e máis descoñecidas e abandoadas. Tamén nombra o caso da desaparecida Mourela das Pontes, un das maiores agresións ao patrimonio nos derradeiros anos, e o que é máis descorazoador, pertetrada dende o governo galego.

Estas son as 7 "marabillas":

Dombate: O dolmen de Dombate, cantado por Pondal e paradigma dos megalitos galegos, foi escavado por última vez hai dúas décadas. Dende entón, os seus alicerces destripados, con interesantísimas pinturas, permanecen á intemperie, sufrindo danos cecais irreparabeis, por culpa do desacordo perpetuo entre a Xunta e a Deputación da Coruña, propietaria do megalito. O prometido e nunca de todo concretado proxecto de musealización foi desbotado hai uns meses por Patrimonio. Iso deixa a Dombate agardando indefinidamente a súa solución, agoniando debaixo dunha lona remendada.

Toralla: Na viguesa illa de Toralla, fronte aos areais de Canido, houbo en tempos un asentamento castrexo e posteriormente unha necrópole de época romana, posiblemente relacionada coa Vila de Toralla ou de Mirambel, situada a carón, en terra firme. Castro e necrópole foron rebentadas pola construcción do tocho de Toralla, megalobosta de cemento dos anos do “desarrollismo”, e por unha urbanización de chaletes de luxo a principios dos 90, que propiciaron unha intervención arqueolóxica “de urxencia”. A vila romana está sendo rehabilitada con un certo estilo… neopazo?.

As Torres de Padín, seguindo en Vigo, é(ra) un xacemento excepcional, pois nel atopáronse evidencias de ocupación humana dende a Idade do Bronce, un poboado castrexo, restos romanos, e unha fortaleza da época dos irmandiños. Dous milenios de historia que foron recortados a porcións coma un queixo de tetilla por un escalestric da AP-9 e por unha nave industrial situada ao pé, pertencente a unha empresa sancionada hai uns meses por danar o pouco que fica instalando un valado metálico.

O Castelo de Laias era un asentamento romano de certa entidade, onde nos anos 40 se documentaron diversas estructuras relacionadas coa extración de ouro, e restos dun poboamento castrexo, cecais levantado, dicíase entón, pola poboación indíxena empregada na actividade mineira. A pesares de saber isto, o estudo de impacto da A-52 non contemplou a súa existencia, e debeu ser escavado de xeito apresurado en vez de desviar 100 metros a autovía. O asfalto levou todo por diante, non resta a penas nada. Un caso paradigmático da inoperancia das administracións por facer compatibles as obras públicas coa conservación do Patrimonio.

Adro Vello: Na praia do Carreiro, en San Vicente do Grove, hai un extraordinario xacemento consistente nunha vila romana costeira, adicada no seu tempo á industria de salga, sobre a que se construiu unha igrexa paleocristiana coa súa correspondente necrópole. Permanece abandoado, rodeado por un valado metálico que non o libera das agresións (hai uns anos, o concello meco fixo polo medio unha zanxa para unha tubería). Un museo ou aula de interpretación é a eterna promesa que nunca, coma sempre, se acaba de cumplir.

Aquis Querquennis: En Bande, a carón da Vía XVIII ou Vía Nova que unía a Braga e a Astorga romanas levantouse un campamento romano, unha mansio ou estación de postas, unhas termas e un pequeño vicus. O campamento, moi ben coñecido polas escavacións, sufríu unha restauración controvertida polo seu aspecto demasiado “novo”. Pódese visitar, iso sí, se hai seca, porque pasa algúns meses do ano asulagado polo encoro das Conchas, explotado por FENOSA. A Via Nova tamén sufriu unha restauración moi discutida: un carreiriño serpentante e completamente inventado superponse ominosamente á rectitude marcial da vella estrada romana.

Os petroglifos, así a eito: imposible elexir un. Malviven nos montes de media Galicia, afectados polo trazado de pistas forestais, a maquinaria pesada da industria madeireira, os verquedoiros incontrolados de lixo, a agresión de afeccionados que os repintan con calquera cousa, os canteiros, os moteiros e os todoterreos que os usan como pistas, e sobre todo o terrorismo incendiario. Unha iniciativa como o Centro de Interpretación da Arte Rupestre Galega, en Campolameiro, parece o parto dos montes, como contaba a fábula… e non dan parido.

Hai máis casos, como non: o castro de Albarellos, en Verín, o de A Travesa en Becerreá, o de Punta Langosteira na Coruña, o non-se-sabe da Mourela, as mámoas do IFEVI de Vigo, a vila romana de Bueu, a pésima exhibición e conservación de obxectos de moitos museus galegos… poden vostedes elexir e facer o seu particular escalafón de barbaridades. Bó sería que non houbera máis que sete.

Novas de Arqueoloxía

Quinta-feira, Novembro 15, 2007

IV XORNADAS DE ESTUDOS HISTÓRICOS DA ASOCIACIÓN HUME


IV XORNADAS DE ESTUDOS HISTÓRICOS HUME
16, 23 e 30 de novembro de 2007
Ás oito e media do serán na Biblioteca municipal das Pontes

Organiza:
Asociación de Estudos Históricos HUME

Colabora:
Concello das Pontes

Seguindo coa liña de traballo da asociación, presentámosvos este ano as que son xa as cuartas xornadas de estudos históricos, nas que contaremos coa presenza dos investigadores Xosé María López Fernández, Ovidio García Pazos e Antonio Somoza Cayado.

Un ano máis agradecervos a presenza nestas xornadas, que agardamos sexan do voso agrado.

Queremos aproveitar ademais estas liñas, para facer fincapé nas graves alteracións das que está sendo obxecto o noso patrimonio arqueolóxico.

Cremos positivamente que unha sinxela modificación das actuais políticas en materia de infraestructuras, posibilitarían a salvagarda da integridade dos bens ameazados, así como futuras intervencións de restauración e posta en valor.

A Directiva

PROGRAMA:
16 de novembro
Xosé María López Fernández


Membro de Hume e estudante da Diplomatura de Biblioteconomía e Documentación da Universidade da Coruña, abre as IV Xornadas cunha análise ao respecto da publicación periódica La Unión. Periódico Independiente de Puentes de García Rodríguez

A exposición é froito da elaboración dun pequeno traballo de investigación para unha das asignaturas da súa diplomatura. Partindo dunha análise formal da obra preséntanos aspectos relacionados coa propia historia do xornal e coa súa evolución no tempo.

Cabe sinalar ademais que este estudo é o único que existe na actualidade sobor deste xornal, o que o convirte nunha fonte de referencia fundamental para o estudo da publicación.

23 de novembro
Ovidio García Pazos

Veciño das Pontes, xubilado de ENDESA é unha persoa cunha inquedanza especial: a música popular.

Leva varios anos recompilando datos de todo aquelo que está relacionado coa música no noso concello e na comarca: orquestas, músicos, fotos antigas, documentos, carteis das festas, cantigas...

Na actualidade, conta cunha detallada información sobre a música popular; datos que, de non ser recollidos por el, perderíanse para sempre; datos que lle dan o carácter de arquivo vivinte no que a música se refire. Moita desta información, inédita, poderemos descubrila nestas xornadas.


30 de novembro
Antonio Somoza Cayado


Licenciado en Humanidades (Lugo, 2002)

Leva publicados diferentes traballos de investigación sobre a Segunda República, entre os que destacan:
"A Segunda República no concello de Lugo: análise da súa dinámica política a través das fontes hemerográficas" 2004
"As organizacións luguesas de esquerda baixo a Segunda República" 2005
"Interinidade e conflitividade: a dinámica institucional do Concello de Lugo na Segunda República" 2007

Na actualidade está a realizar a Tese de Doutoramento no Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC. Traballo que leva por título: "Construción e destrución da cidadanía: dinámica social e política da provincia de Lugo na Segunda República e os primeiros anos do Franquismo (1930-1950)”

Nestas xornadas falaranos dun tema que está moi de actualidade como é a Memoria Histórica. Descubriremos da súa man as diferentes características que definen esta época.

Quinta-feira, Junho 21, 2007

caride calidade

Da Voz de Galicia:
<< De pouco lle valeu onte á conselleira de Política Territorial, María José Caride, que o alcalde de Rianxo, o socialista Pedro Piñeiro, teña os mesmos colorees que o departamento que ela dirixe. O rexedor, que ao redor das oito e media da mañá desembarcou en Monte de Dorna para comprobar que sucedía coas inundacións, non dubidou en cualificar a situación de «imperdoable».
Sen panxoliñas, Pedro Piñeiro indicou que cando chegou ao lugar viu que «aquelo estaba terrorífico». Non en balde, dos tres accesos existentes para saír ou entrar á parte de Monte de Dorna máis próxima ao mar, dous estaban completamente alagados e, xa que logo, inutilizados, e un terceiro mantíñase tamén inservible a causa do lodo. «É que non podíase pasar por ningún lado», salientaba o alcalde Piñeiro.
Así, o rexedor non tardou nin media hora en marcar no seu teléfono os números dos correspondentes responsables da consellería. «Claro que chamei e pedín que se tomen medidas drásticas e contundentes de forma inmediata. Isto non pode seguir así», dixo.

O rexedor referiuse a que as pontes causantes das inundacións en Monte de Dorna non reúnen as condicións adecuadas. «Á vista está que vos fixeron mal, teñen problemas de altura e anchura», sinalou.
Os seus avisos non caeron en saco roto xa que, poucas horas despois, e tras recibir xa a visita do alcalde, numerosos veciños apiñábanse á entrada dos alagados túneles. Alí, Manuel, Pepe e ata unha señora enlutada dos pés á cabeza explicaban a súa situación. «Vese claramente que as pontes son moi baixiñas, que non dan a altura e que as quixeron enterrar tanto que agora non fan máis que alagarse», oíaselles dicir. Ata, no seu afán por demostrar a enxunlla do problema, armada cun mergullador, unha das veciñas abriuse pasou polas augas gritando «mirade, mirade, que case me chega ao pescozo».
No medio dunha improvisada asemblea veciñal, esta muller e os seus conveciños decidiron que non ían permitir que se achicase a auga do charco formado alí. «Así quedemos separados toda a vida non imos deixar meter a bomba, que se demostre que a auga pode saír por se soa», sinalaron.
Foi entón cando unha técnica da empresa que constrúe a nova autovía intentou acougalos. A muller empezou con bo pé, pero acabou alterándose: «Si, estas pontes son unha puta merda», afirmou entre berros. Armouna. Tivo que marcharse, pero antes, e mentres os veciños seguían á garda e custodia da poza, a operaria oíu: «Sonse unha merda tirádeas xa».>>

A señora Caride e a Consellería que ela que dirixe son os mesmos que estiverón a presionar a Patrimonio estes dous anos pasados para arrasar o lugar onde estivo o círculo da Mourela en vez de facer un tunel como Deus manda: bueno, bonito e barato. En Riaxo agora terán que gastar os cartos dos contribuintes e refacer os pasos alevados a nos non nos queda máis co recordo.

Quinta-feira, Junho 07, 2007

As obras da Autovía 64 entre Ferrol e Vilalba rematan cos restos do círculo lítico de A Mourela, nas Pontes

Era un dos poucos círculos líticos do megalitismo documentados no país.

O erudito local Federico Maciñeira localizouno a finais do século XIX, pero as súas pedras foron empregadas na construción dunha estrada. Só despois de ser aprobado o trazado da autovía AG-64 entre Ferrol e Vilalba, que atravesaba polo medio do xacemento, se puideron comezar as excavacións na zona, que demostraron a existencia do círculo lítico e unha posterior edificación medieval.

Onte a Consellaría de Cultura levantou a zona de cautela sobre o xacemento, tras recibir un informe da Consellaría de Obras Públicas desestimando un cambio no trazado da autoestrada. As escavadoras xa comezaron a levantar a terra.

Un activo movemento local e veciñal defendeu durante estes anos a escavación, a preservación dos restos e o desvío do trazado da autoestrada.

Artigo extraído do web do Consello da Cultura Galega na Rede

Terça-feira, Junho 05, 2007

COMUNICADO DE ADEGA E A PLATAFORMA EN DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES

A Asociación Ecoloxista ADEGA e a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, expoñen:

Hoxe, día 5 de xuño, día mundial do medio ambiente o Director Xeral de Patrimonio Cultural da Galiza borrou dun plumazo o Círculo Lítico da Mourela, no concello das Pontes de García Rodríguez. A media mañá de hoxe varias máquinas entraron no xacemento destruindo o mesmo en superficie. Ademais a situación na que quedan as tres mámoas da necrópole é insostíbel, dado que unha gabia de máis de 50 metros de profundidade atravesará este conxunto pola metade.

Ante esta situación, cremos que se repetiron os erros do pasado e non se fixo ningún intento por parte da Administración por dar transparencia a esta destrucción.

Ignorouse ademais a alternativa da execución dun túnel presentada polas nosas organizacións, que no mes de novembro de 2006, contaba co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio, que confiaba nesta alternativa como solución á destrucción.Hai que sinalar que a Lei do Patrimonio Cultural Galego, esixe a formulación e o estudo de tódalas alternativas existentes denantes de destruir o patrimonio. Cremos que no caso da Mourela a Lei non estivo vixiante.

A decisión de construir un túnel que salvagardara a necrópole megalítica non era unha cuestión económica nin legal, era unha decisión política, polo que consideramos que a Administración tomou o camiño equivocado.

Por isto dende ADEGA e a Plataforma, pedimos a demisión do Dir. Xeral de Obras Públicas D. Manuel Morato, por non estudar a alternativa existente e coaccionar á Dir. Xeral de Patrimonio, na toma desta decisión.

Logo de apoio público da Dir. Xeral de Patrimonio á alternativa do túnel lamentamos profundamente que o seu director xeral D. Felipe Arias, non tivese a entereza suficiente para esixirlle á Dirección Xeral de Obras Públicas a valoración e o estudo da alternativa do túnel e en consecuencia pedimos que os responsábeis desta situación, demitan.

Ademais aproveitamos este comunicado para anunciar a activación dun dispositivo de loita activa contra a especulación do noso Patrimonio arqueolóxico, que inclúe medidas de carácter social e legal.

Durante a xornada de mañá anunciaremos as diferentes movilizacións que se producirán durante os vindeiros días como repulsa a este Atentado Patrimonial.

Hoxe é un día triste para a arqueoloxía en Galiza, mais tamén o é para a Cultura Galega. Os veciños das Pontes non aturaremos máis destruccións do noso Patrimonio, coas nosas mans conseguiremos virar o rumbo desta nave da sinrazón e por a nosa proa na dirección axeitada, que remate dunha vez por todas coa especulación do noso patrimonio cultural.

CONSEGUÍRONO: A MOURELA FOI ARRASADA ESTA MAÑÁ

Sen facer públicos os estudos dos arqueólogos no Circulo Lítico, sen estudar algún tipo de alternativa ao trazado previsto, sen valorar a posibilidade de construir un túnel por baixo da necrópole megalítica, e sen termos constancia de se a Dirección Xeral de Patrimonio deu o visto bo, a CPTOPV decide arrasar hoxe o alto da Necrópole, enclave crucial do patrimonio megalítico.

Noraboa señores políticos, por conseguires destruir o sitio arqueolóxico da Mourela e a esperanza de moitos cidadáns nunha nova forma de entender a democracia. As futuras xeracións lembraranvos eternamente.
MOURELA D.E.P. (3.000 a.C -5 DE XUÑO DE 2.007)

+ INFO en www.amigus.org/mourela.php

Segunda-feira, Junho 04, 2007

coa localización da pranta de reganosa...

... ou co trazado da autovía o seu paso pola Mourela, e con tantos outros erros do goberno anterior non se entende por que a actual administración ten que ser complice por omisión.

Domingo, Junho 03, 2007

Charla sobre a Mourela en Portas Ártabras

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes e Adega organizaron este fin de semana na Coruña o acto Repensando A Mourela.

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes e Adega organizaron este fin de semana na Coruña o acto Repensando A Mourela. Ambas as entidades expuxeron a situación actual da necrópole prehistórica da Mourela, afectada polas obras da autovía que unirá Ferrol Cidade Vella.

Proxectaron catro vídeos e o arqueólogo Antón Malde falou da importancia da necrópole nos estudos e investigacións de prehistoria de Galicia. O museólogo Felipe Senén analizou a posibilidade de reconstruír o círculo lítico e de pór en valor o conxunto megalítico. Ademais, falouse da alternativa á destrución da necrópole proposta por Adega e a Plataforma, que pasa pola construción dun túnel.

+ datos