As novas do pais, da comarca e da nosa vila

Loading...

Barra de Vídeo

Loading...
Mostrar mensagens com a etiqueta reivindicacións. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta reivindicacións. Mostrar todas as mensagens

Quarta-feira, Junho 11, 2008

DE CÓMO AS CHOIVAS IMPIDEN A CONTINUACIÓN DOS TRABALLOS; A FÁBULA DA FORMIGA E OUTROS CONTOS

A ambigüidade do discurso
Restan xa poucas horas para que se cumpra a primeira efeméride da destrución do Círculo Lítico da Mourela e aínda nada sabemos deses informes que restaban importancia á conservación da necrópole e que falaban de cabanas medievais e outras lerias, deses mesmos informes que aconsellaban a destrución do círculo e que daban o visto bon á grave alteración dun conxunto funerario milenario. Onde están eses informes? Por que logo dun ano non foron feitos públicos?

Levamos doce meses asistindo aos avatares da mala planificación dunha obra pública que día a día está a pór en perigo a integridade do noso patrimonio cultural e imos xa fartos e cansos de que a administración ignore os nosos consellos, que con todo o cariño que lles gardamos como administrados que somos deles, non chegamos a comprender que é o que se pretende facer no lugar. Entristecerianos moito ver un túnel ocupando o furado da Mourela.

Hai que lembrar que no mes de xuño do pasado ano, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural levantaba a cautela sobre os restos da necrópole megalítica e establecía unha serie de áreas de exclusión de obra no perímetro das mámoas. Esta decisión política excluía a necesidade de garantir a máxima protección dos elementos que aínda quedaban, ignorando a proposta plantexada pola Plataforma e por ADEGA para a construción dun túnel baixo o xácigo, que nun principio fora apoiada por Patrimonio.

Desbotada esta alternativa por parte da Consellería de Política Territorial, alegando a inviabilidade técnica e económica do proxecto, iniciáronse as tarefas de desmonte para a construción dunha gabia. Gabia que ben podería figurar no récord Guiness cos seus sesenta metros de profundidade como a máis fonda do mundo, aínda que tamén podería ser proposta a récord da ineptitude na planificación dunha obra pública.

Parece que a decisión de trazar unha autovía por medio dun campo de mámoas impide que a gabia conte cun sistema de terrazas laterais que neutralicen os desprendementos de terreo, que regulen a escorrentía das augas e que deixe pasar a luz do sol. É por isto que a día de hoxe as obras seguen paradas.

Unha mámoa ao bordo da gabia
En contínuas comunicacións dirixidas ao Director Xeral de Patrimonio Felipe Arias Vilas, informábaselle sobre o risco de afectación das áreas de exclusión de obra que a súa dirección establecera no mes de xuño de 2007 e solicitábaselle a paralización das obras que estaban a afectar á área de exclusión de obra da mámoa catalogada co código GA15070127.

A día de hoxe a mámoa atópase a uns tres metros do bordo do talud, lonxe dos 40 metros de distancia establecidos por Patrimonio. Ao noso entender a situación actual impide a súa documentación se temos en conta a perigosidade de acometer a escavación deste elemento, por mor dos desprendementos. Das comunicacións ao director xeral nada sabemos, ninguén se sentiu aludido ao parecer. Mágoa que as oracións e as plegarias nada serven contra a forza da gravidade.

Intoxicación informativa
Como guindiña para este pastel administrativo tivemos a sorte de coñecer a semana pasada na televisión local das Pontes, unhas declaracións da Consellería de Política Territorial nas que se nos “informaba” aos ponteses do retraso nas obras da autovía por mor das choivas. Nada se dicía dos contínuos desprendementos de terra na Mourela, que obligaron a modificar os plans de actuación na zona, que engadiron máis tempo á finalización da obra e que están a por en perigo a integridade dos elementos patrimoniais que ainda quedan na Mourela. Tampouco se informaba das contínuas fendas na estructura de gunitado na parede Norte da gabia, que tiveron que ser feitas de novo en repetidas ocasións.

A choiva tivo algo que ver, pero non son os fenómenos ambientais os que planifican as obras públicas.

Reflexión final
Certo é que nos últimos meses preocupámonos moito ou demasiado por todo o que aconteceu na Mourela e dende algún sector local criticouse a nosa inoperatividade noutros temas a nivel patrimonial que afectan aos elementos arqueolóxicos das Pontes. Mais o caso da Mourela é un caso real e actual que exemplifica perfectamente cal é o interese e a atención que se lle presta ao patrimonio, tanto dende a corporación local como dende o goberno da Xunta. Por isto, a nosa teima de defender o que ninguén defendeu, a nosa teima por esclarecer o que ninguén esclareceu e a nosa ilusión por ver algún día o que é noso, respectado.


Clica aquí para ve-lo video

Quarta-feira, Junho 04, 2008

Ramón Varela: "O enchido actual do lago das Pontes paréceme que non é o correcto"

ENTREVISTA PUBLICADA NO XORNAL COMARCAL PEGADAS NO NÚMERO DE XUÑO DE 2.008

Ramón Varela Díaz, catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e doutor en Bioloxía, segue a ser unha das referencias do ecoloxismo galego na actualidade. Loitador incansable,Varela é autor da tese "A contaminación atmosférica en Galicia", traballo que no puido ler na Universidade de Santiago e que si foi aceptada pola Universidade Autónoma de Madrid, obtendo a máxima cualificación. Con él falamos ao respecto do actual proceso de enchido do oco da mina das Pontes e as problemáticas que este pode xerar na comarca.

Como ben sabe o enchido do oco da mina das Pontes xa se está a producir. No horizonte agárdanos o que será un dos maiores proxectos ambientais levados a cabo na nosa comarca nos últimos anos. Que eivas pensa vostede que presenta o actual proxecto do lago da mina das Pontes?

Ben, existen efectivamente varios problemas, uns relacionados co que é o medio físico e outros relacionados co medio ambiente. Co que respecta ao medio físico, hai que dicir que existe unha falla no lugar que ocupa a mina, que está aí dende fai millóns de anos inactiva na maior parte, pero que tivo unha actividade en épocas históricas, fai 2.500 anos aproximadamente. Esta falla que pasa polo Pedroso, As Pontes e Muíño Novo e que se extende en 55 kilómetros, pode ter actividade e pode provocar terremotos. Entón atopámonos que en canto se encha o oco de auga, debido á presión hidrostática, pode lubrificarse a falla e provocar terremotos. É evidente que este é un perigo certo que pode existir. Isto a nivel de medio físico. E logo a nivel ambiental, hai outros problemas como a humidade que pode crear, e ao mesmo tempo o problema e as repercusións que pode traer para as augas do río Eume. A miña opinión é que debería facerse un estudo ecolóxico de todo o entorno, estudo do impacto que pode producir o enchido desta forma e ao mesmo tempo sacar as conclusións, é dicir se merece a pena facer esta obra, en función das consecuencias negativas que pode traer.

Fálase de que un dos fáctores esenciais para obter unha correcta calidade das augas é o ritmo de enchido, que no caso de ser prolongado sería máis prexudicial para a calidade da auga. Cal é a súa opinión ao respecto?

Ben, coido que non debemos xogar con aspectos que na natureza non están comprobados. Refírome a que, se ben hai algúns exemplos de lagos que se crearon a partir de minas abandoadas, son todos exemplos que non son comparables ao que temos na actualidade aquí, pois teñen só a décima parte do tamaño que ten o oco das Pontes. Neste caso concreto, non hai ningunha experiencia no mundo onde se enchera un oco tan grande con estas condicións ambientais. Polo tanto se sae mal, non se poderá dar marcha atrás, no sentido de que non se vai a poder baleirar a auga, que sería demasiado ácida e traería problemas, e podería producirse problemas a nivel de ecosistema na ría. Entón a cuestión fundamental reside en que é preferible antes de comezar a facer as cousas, facelas con garantía. A calidade das augas terá que ser controlada por parte da Administración, por que a empresa o que fai é abandoar o proxecto unha vez que está cheo o furado e pasarllo á Administración. Polo tanto no futuro correremos todos cos gastos que poida levar consigo o control desa posible contaminación, e iso será un efecto máis que nos vai a deixar esta industria. Non é certo que non haxa alternativas, o enchido actual do lago paréceme que non é o correcto, tal e como o pretende facer a empresa, esa é a cuestión.

Fálase tamén das posíbeis modificacións do clima da zona debido á gran masa de auga que albergará o futuro lago. Como pode chegar a repercutir en constantes ambientais como a temperatura, a humidade e outros fenómenos asociados?

Ben, hai que ter en conta que estamos nunha zona de vacía e rodeados de montañas o que crea unhas condicións determinadas. A gran evaporación que se pode dar no lago nesas condicións, vai a repercutir nun aumento da humidade relativa, podéndonos atopar un ambiente cunha maior humidade da que existe na actualidade, e isto vai a traer repercusións negativas. Sábese despois da experiencia dos grandes encoros galegos, como o caso de Belesar ou de Castrelo de Miño, que antigamente nas zonas próximas aos encoros os agricultores tiñan que utilizar tres veces o sulfato para atacar o mildeo das viñas, e agora cos encoros xa construidos, en vez de tres veces necesitan aplicar ata oito veces o sulfato. Isto explícase por que as pragas como os fungos propáganse moi ben en condicións de humidade, polo que un aumento de temperatura cunha maior humidade na zona, serían as condicións perfectas para que proliferasen algunhas enfermidades, parásitas e vexetais. Pero ao mesmo tempo tamén podería repercutir na saúde das persoas pois veríanse agudizados algúns dos problemas relacionados co asma, a bronquite, os enfisemas e outros, de tal xeito que repercuta na saúde sobretodo dos nenos e das persoas maiores, que son o grupo máis sensible aos problemas respiratorios.

Como ben sabe o último dos mellores bosques atlánticos conservados alberga un treito deste río. Como pensa que pode afectar ás Fragas do Eume unha baixada no caso de seca, do caudal do río? E nos bancos marisqueiros da ría de Pontedeume?

Hai que ter en conta que esa auga áceda que se vai a producir no futuro lago en contacto coa pirita, vai a provocar a transformación dos sulfuros en sulfatos e polo tanto vaise a producir unha baixada do pH. É dicir que sí se verán afectadas as Fragas do Eume dalgunha maneira o que repercutirá negativamente nun espazo natural importante, repercutirá na calidade das augas do río Eume, repercutirá na calidade das augas da ría de Pontedeume e evidentemente repercutirá incluso, na saúde dos habitantes que están nas zonas próximas. Por qué? Pois por que aí vai a haber unha evaporación importante e unha humidade e iso vai a proliferar o aumento de pragas no campo, así como repercusións a nivel de enfermidades respiratorias como asma e bronquitis que poden afectar á poboación.

Que especies animais e vexetais poderíamos atopar nun futuro lago de seguirse co proxecto actual?

Eu non me atrevo a dicir o que vai a haber aí por que pode ser un lago morto tranquilamente. Se non hai garantías de que as augas teñan unha calidade determinada e de que esa auga sexa similar á do río Eume -e iso vai a ser bastante dificil-, é evidente que non podemos dicir que especies vai a haber aí. Ao mellor é un lago morto. Pódese dar a circunstancia de que sexa así. A evolución da calidade das augas tampouco se mira no primeiro momento, é dicir ao cabo de catro ou cinco anos, senón que hai que vela co paso do tempo, pois nun primeiro momento pode parecer que as cousas funcionan con normalidade e calidade, e despois a medio ou longo prazo pódense chegar a dar uns problemas importantes. O máis normal é que xa comecen os problemas dende o principio.

Logo de que a calidade da auga sexa a axeitada e a rexeneración do entorno esté completa, o control do lago pasará a Augas de Galicia. Como pensa que pode repercutir este traspaso de competencias no futuro?  

A cuestión é que a nivel privado sabemos que non existe un control, pero que a nivel público ese control tampouco se dá. A proba é que moitos dos nosos ríos están contaminados, hai zonas de praia que están contaminadas, hai falta de depuración de augas residuais en moitos concellos e é unha competencia municipal e da administración pública. É dicir que nos atopamos que hai unha empresa que busca gastar o menos posible na solución dun problema creado pola propia empresa e a Administración acepta que ese problema se lle traspase a ela, o cal tampouco é garantía de que se vaia a realizar un control exhaustivo. Eu non entendo moi ben como a nivel público se pode aceptar un compromiso desta índole, pois isto traerá consigo que no futuro terá que haber un control exhaustivo e reparar o que a empresa estivo deixando mal. Isto recaería despois na Administración que tería que solucionalo, cando foi un problema creado por unha empresa privada. Atopámonos pois no punto de inicio, é dicir, como unha empresa privada logo de sacar uns benefizos tan grandes como tivo,    -nos anos 90 acadaba uns benefizos netos de 40.000 millóns de pesetas-, agora poida estar escatimando a nivel económico a solución dun problema, que realmente non significa nada para o imperio que é esa mesma empresa. Penso que a Administración non debe pagar o custe da empresa privada, cos custes sociais que isto implica e cos custes económicos, claro.

Segundo os responsábeis do proxecto de rexeneración da escombreira, este é un dos exemplos europeos de rexeneración ambiental polo que destruir ou desfacer esta escombreira hoxe en día sería tirar os cartos que se invertiron para rexenerar esa zona. Que opinión ten vostede ao respecto?

Eu penso que a empresa actuou moi á lixeira, dende o punto de vista de que ela fixo o que lle pareceu coa escombreira, pois creou unha montaña artificial onde non a había por un lado, e por outro creou un foso onde antes non o había, ou sexa dous problemas distintos. A súa obriga tal e como establece a lei, é a de devolver os materiais que se sacaron dun lugar ao seu lugar de orixe, sempre que se poida. Neste caso o lugar que lle corresponde é o oco da mina. Pódese amortiguar o foso que produciu, cos escombros que depositou facendo a montaña. Isto é o que tiña que facer agora, trasladalo de novo, pero como á empresa lle resulta máis barato coller e abrir para que lle entre auga directamente do Eume é o que pretende facer, non é máis que unha cuestión de custes da empresa, trasladándolle o problema á Administración. Ao final é iso, enténdase da maneira que se entenda, e todo o demais son xustificacións do mundo, chamémoslle entre comiñas “científico” que máis ben é anticientífico, por que intenta xustificar o inxustificable. Non se pode xustificar neste momento unha alternativa como esta baixo ningún concepto e o que parece xa inconcebible é que os que dalgunha maneira teñen unha información científica distinta, que nin sequera se lles escoite, este é o caso do Instituto de Xeoloxía da Coruña que nin sequera a Administración se lle pon ao teléfono.    

Segunda-feira, Junho 02, 2008

Pontedeume oponse a que Ence trasládese á comarca das Fragas

O posible traslado de Ence ao municipio mineiro coruñés das Pontes -apoiado polo propio conselleiro de Medio Ambiente, a máis diso por grupos políticos e sindicatos do Concello gobernado polos socialistas- suscitou as primeiras voces en contra. Entre colectivos ecoloxistas e entre os políticos do veciño municipio de Pontedeume, onde desemboca o río Eume do que se abastecería a papeleira e que atravesa As Pontes. En ambos os casos, esgrimen argumentos de índole ambiental para oporse ao proxecto, máis cando a fábrica estará moi próxima ao parque natural Fragas do Eume, que abarca bosques dos concellos das Pontes, Pontedeume, Cabanas, Monfero e A Capela.

O alcalde eumés, Gabriel Torrente (PP), declara que Ence non sería ben recibida na comarca. «É unha aberración que se instale aquí, nun espazo natural». Agustín Vilariño, portavoz do PSOE de Pontedeume, resume a súa postura así: «Canto máis lonxe estean este tipo de proxectos, mellor». Para o BNG eumés, a instalación de Ence nas Pontes suporía unha «voadura controlada para ou parque natural». A Sociedade Galega de Historia Natural tamén considera que As Pontes non é o lugar idóneo para Ence. «Vos tremendos impactos dabondo coñecidos deste tipo de industria, sumaríanse aos causados dende hai décadas pola central térmica de Endesa e as actividades mineiras», sinala. Tamén argumenta a entidade que a industria papeleira repercutiría de forma negativa no parque natural.

Estas posturas en contra de Ence contrastan coas mantidas polos políticos e sindicatos das Pontes e o propio conselleiro de Medio Ambiente. O alcalde das Pontes, o socialista Valentín Formoso, sinala: «Temos auga, gas industrial, 2.200 megawatts eléctricos, vocación industrial, 180 hectáreas de chan industrial, proximidades con infraestruturas viarias e eucalipto nun radio de 70 quilómetros». Formoso conta co respaldo de UXT e do PP. O portavoz do PP no municipio, Eladio Pico, tamén se mostrou favorable ao asentamento de Ence nas Pontes, aínda que asegurou sentirse escéptico de que finalmente o proxecto concrétese na vila mineira. BNG, CIG e CC.OO. eludiron pronunciarse ata coñecer en profundidade os detalles da iniciativa.

A Voz de Galicia

Quinta-feira, Maio 08, 2008

CASTRO DA ATALAIA : PATRIMONIO CULTURAL GALEGO

Podemos defini-lo patrimonio cultural dun pobo como o conxunto de bens, materiais e inmateriais, de recoñecido valor que reflicten as tradicións e a forma de vivir e pensar ó longo do tempo.

O termo patrimonio, en sentido estricto, significa , polo tanto, podemos dicir que o patrimonio cultural de Galiza é o conxunto de elementos materiais e inmateriais que conforman as características específicas da nosa cultura e caracterízase pola súa abundancia, variedade e ampla dispersión xeográfica así como a vinculación á paisaxe que os rodea.

A noción de ben cultural queda subordinada á posibilidade do gozo público, o que, á súa vez, se vincula ó deber de conservación, e iso con independencia de que a súa titularidade sexa pública ou privada.

Así pois, xa que os bens culturais teñen un valor de testemuña histórica e de civilizaciónos propietarios e as diversas administracións deben preservar ese interese xeral que é o noso patrimonio histórico. No exercicio dese cometido estes entes públicos precisan a colaboración das institucións e, sobre todo, dos cidadáns, no coidadodefensa, protección, conservación e custodia de tódolos bens que forman parte do noso patrimonio cultural.

Porén, o Concello de Cervo da Mariña lucense outorgoulle tres licenzas a un construtor, para levantar 100 vivendas sobre o castro da Atalaia. Ambos sabían que nese terreo hai un importante xacemento arqueolóxico.

O Concello non tramitou a orde de de paralización da obra  emitida por Patrimonio até catro días despois, permitíndolle, deste xeito, ao construtor destruír parte do xacemento.

 Pola súa banda, Patrimonio, que actuou correctamente ao principio, incomprensiblemente permitiu que esta desfeita continuase noutras parcelas que non se viran afectadas, tal e como se pode comprobar nestas ligazóns:

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia/

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-atalaia-1//

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-2/

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-3/

Como cidadáns, preocupados pola defensa , protección e conservación do noso patrimonio, pedímosche a túa colaboración difundindo esta información.

SALVEMOS O CASTRO DA ATALAIA!

Segunda-feira, Abril 21, 2008

COMUNICADO DA PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES


Un corremento de terra na gabia da Mourela ameaza unha mámoa
O monumento megalítico atópase a tan só tres metros do talud

A pasada semana producíase un corremento de terras no marxe Norte das obras da autovía AG-64 ao seu paso polo lugar da Mourela no concello eumés das Pontes de García Rodríguez. Ao redor duns quince metros de terreo, víñanse a baixo producindo un considerábel desprendemento de firme que ía a parar ao fondo da gabia.

Na actualidade a situación debe ser considerada como moi grave, tendo en conta a proximidade do elemento catalogado GA15070127, co marxe Norte da autovía. A penas tres metros separan a estructura arqueolóxica do marxe do talud. Unha situación que empeorará nas vindeiras horas de seguiren a persistir as choivas na zona, o que pode ocasionar novos desprendementos e dar coa mámoa no fondo da autovía. Esta situación sería a todas luces moi grave, tendo en conta os compromisos establecidos pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, no comunicado emitido o 5 de xuño de 2007, por mor do levantamento da cautela sobre os restos do círculo lítico da Mourela, que a continuación se transcribe:

- Na zona próxima aos restos do círculo lítico existen tres mámoas ás que non lle afectarán as obras da autovía

As mámoas non están afectadas
O resto dos xacementos arqueolóxicos localizados nesa área, os denominados túmulos tan só están afectados en parte do seu ámbito de protección, non no xacemento mesmo, polas obras de construción da Autovía Ferrol-Vilalba. Estas mámoas son visibles e recoñecibles, 
e para elas trazáronse uns ámbitos de exclusión de obras nos estudos arqueolóxicos levados a cabo con motivo da elaboración do proxecto construtivo da autovía, establecéndose as medidas protectoras e correctoras necesarias para que se conserven na súa integridade.

Á vista de toda a documentación, dos datos que obran no expediente e dos informes dos Servizos Técnicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu unha resolución informando favorablemente a continuación das obras da Autovía Ferrol-Vilalba, treito As Pontes Cabreiros, na área cautelada da Mourela, baixo as seguintes condicións:

- Manteranse balizados os ámbitos de exclusión de obra dos xacementos Mourela 4 (GA15070127), Mourela 6 (GA15070130) e Mourela 7 (GA15070129), nos que non se poderá levar a cabo ningún tipo de obra, e o trazado, na medida do posible, alonxarase destas áreas de exclusión reducindo as dimensións dos noiros ou taludes proxectados. A situación destes elementos e os seus ámbitos deberán figurar na cartografía de obra.

Nunha comunicación remitida no día de hoxe ao Dir. Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, D. Felipe Arias Vilas, dende a plataforma solicitamos coñecer cales van a ser as medidas a activar para preservar a integridade do ben ameazado e se van a esixir algún tipo de responsabilidade á COTOP, como promotora e responsábel do proxecto.

Cremos que a situación que se está a producir non é froito do azar ou a mala sorte, estamos convencidos de que isto era previsíbel, tal e como vimos manifestando en repetidas ocasións dende o mes de novembro pasado, e non entendemos como non se tomaron as medidas oportunas a tempo, tales como a escavación da mámoa afectada, nun momento no que a seguridade dos arqueólogos non estaba ameazada.

Parece pois que este novo corremento de terras na zona, non contou coa suficiente previsión por parte das autoridades competentes en materia de protección do patrimonio nin foi anticipada polos responsábeis da execución da autovía, poñendo deste xeito en serio risco a integridade dos bens patrimoniais e a propia seguridade das edificacións colindantes.

Neste intre, máis de 50 metros de desnivel e unha profunda fenda no terreo están a arriscar a conservación dunha parte do noso patrimonio. No mes de xuño do pasado ano, xa tivemos que ver tamén como as máquinas remataban con miles de anos de historia, destruindo os restos do círculo lítico e partindo en dous a necrópole, por medio dunha gabia. Agora, a falla de previsión e o incumprimento dos compromisos establecidos para a integral conservación das mámoas e dos seus ámbitos de exclusión, veñen a por en evidencia a rigurosidade dos controis arqueolóxicos na zona.

É neste intre, cando o berro mouro do Canto Máis? cobra forza e significado. De novo debemos preguntarnos: Canto máis teremos que agardar para poder ver aos mecanismos administrativos que garanten a conservación e preservación do noso patrimonio, desenvolver eficazmente o seu traballo? A proposta do túnel, esquencida no caixón dalgún despacho de San Caetano, debería facernos reflexionar sobre a súa idoneidade, como fórmula para non ter que lamentar males maiores.

Segunda-feira, Abril 14, 2008

As Xornadas da Terra deste ano versarán sobre a memoria histórica

Cartace enviado por Hugo Arias.

Domingo, Março 30, 2008

A web de Salvemos Monteferro, Premio Nano Cambeiro de Xornalismo

A web da plataforma Salvemos Monteferro, da que xa temos falado nesta páxina (por exemplo, con motivo da publicación dun estudo sobre a contaminación na Ría de Vigo), vai recibir este venres un importante recoñecemento ó seu labor comunicativo e, sobre todo, á súa capacidade de convocatoria cidadá. Máis concretamente, a páxina recibirá o V Premio Nano Cambeiro de Xornalismo, segundo informa Vieiros

O certo é que a web galardoada é xa un referente como exemplo de aproveitamento da Rede como altofalante para a defensa do noso medio, tanto no que se refire ó Monte Ferro (espazo natural ameazado en Nigrán polo urbanismo 
ó que conseguiron pórlle freo os integrantes da plataforma) como ó resto dos enclaves naturais galegos. 

O caso é que este venres ás 20.30 no Pazo da Escola de Mañufe (Gondomar), a web dende a que se acadaron 10.000 sinaturas para impedir o estragamento do dito monte e dende a que se informou á comunidade internauta do problema do urbanismo en Nigrán (chegou a superar xa as 40.000 visitas), vai recibir o quinto Premio Nano Cambeiro de Xornalismo de mans do Instituto de Estudos Miñoranos.


Sábado, Março 29, 2008

Os restos dos catro ponteses asasinados fai setenta anos foron inhumados onte nas Campeiras


Segundo publicou o xornal A Voz de Galicia, o matrimonio Manuel Ramos Fernández e Juana Ferreiro, e dous dos seus fillos, Manuel de 28 anos e José de 18, asasinados o 22 de agosto de 1936, semanas despois do estalido da Guerra Civil española, foron inhumados onte no cemiterio das Campeiras, nas Pontes.

Fai setenta anos, os restos do que fose tenente de alcalde das Pontes entre 1931 e 1936 e da súa familia, foron enterrados nunha fosa común sen nomes nin lápidas identificativas. A iniciativa da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, os cadáveres foron exhumados en agosto do 2006.

Desde ese momento, os restos permaneceron na Universidade do País Vasco, onde se emitiu o certificado de autenticidade dos cadáveres.

Manuel Ramos e familia foron enterrados onte no panteón familiar en presenza dos máis achegados e os dirixentes da asociación.

Nova relacionada no xornal EL MUNDO

Terça-feira, Março 25, 2008

CRISE NO TIBET - APOIA AO DALAI LAMA

Logo de décadas de represión o pobo tibetano saíu ás rúas a pedirlle ao Mundo que os axude a obter xustiza. O goberno chinés está no proceso de decidir entre máis represión ou o tan esperado diálogo que podería cambiar o futuro do Tibet.

¡ Sexamos protagonistas dun momento histórico! Cos Xogos Olímpicos en camiño e a importancia das exportacións, China é máis sensible que nunca á opinión pública mundial. Só unha avalancha de protesta por todo o Mundo poderá chamar a atención do goberno Chinés, e a comunidade Avaaz debe xuntar o maior numero de firmas posibles para esta campaña.

O Dalai Lama fixo un chamado o cesamento das hostilidades e ao diálogo, e necesita o apoio do Mundo. Por favor, asina (xa somos case 1 MILLÓN) e corre a voz.

PARA ASINAR:
http://www.avaaz.org/es/tibet_end_the_violence/11.php?cl=64137893

Domingo, Março 16, 2008

Novo Blog: O POVO CONTRA ENCE



Hoxe colgamos un blog que nos envía Joám Peres, e que consideramos de interese para coñecer o funcionamento da empresa que segundo dín, pensa en asentarse nos próximos anos nas Pontes. Nós desexamos que non sexa así, e que somentes sexa máis fume electoral.

O POVO CONTRA ENCE:
http://opovocontraence.blogspot.com/


Atopan restos do Paleolítico Inferior na Sierra da Groba

As pezas son bifaces, lascas e núcleos usados como ferramentas de traballo fai máis de 300.000 anos

Os materiais descubertos están dentro da área onde se prevé instalar o parque eólico Albariño I

Novos achados arqueolóxicos puxeron en dúbida para o colectivo Sos Groba a viabilidade do parque eólico Albariño I. Arqueólogos desta plataforma cidadá que se opón ao proxecto de Eurovento atoparon útiles de pedra de máis de 300.000 anos de antigüidade na zona que se verá afectada polo polígono de aeroxeradores.

As pezas dan conta da existencia de asentamentos de grupos de homínidos durante o Paleolítico Inferior na altiplanicie onde se unen os concellos de Baiona, Oia e Tomiño.

Trátase dunha vintena de materiais entre os que hai bifaces da época Achelense, uns útiles traballados polas dúas caras en forma o améndoa; lascas ou fragmentos cortantes de roca e, para rematar, núcleos que servían para facer as lascas.

Estes primitivos utensilios son de cuarcita, un tipo de roca que non existe na Sierra da Groba e que probablemente foi transportada desde as beiras do río Miño, segundo apuntaron onte os especialistas Xosé Lois Vilar e Eduardo Méndez, durante a presentación dos achados , que tivo lugar no Hotel Tres Carabelas.

As investigacións iniciáronse fai dous meses, durante a redacción dun informe sobre o patrimonio cultural da área afectada polo parque eólico, a petición da dirección xeral de Patrimonio da Xunta e da delegación de Cultura de Pontevedra.

Os portavoces de SOS Groba afirman que os materiais atopados son tan só a punta do iceberg, e que se se continúa investigando poderían achegarse novos datos sobre unha das etapas da prehistoria menos estudadas en Galicia.

Con todo, afirman que o xacemento se atopa en risco de destrución pola iniciativa do parque eólico Albariño I, «xa que a construción e remodelación de pistas e demais obras intrínsecas a calquera infraestrutura pon en grave risgo a desaparición a este depósito arqueolóxico de gran valor histórico», afirman.

SOS Groba considera que este xacemento e os 200 puntos de interese que se coñecen na zona afectada polo proxecto deben ser considerados como un argumento para desaconsellar a execución do parque eólico.

Lido na Voz de Galicia

Terça-feira, Março 11, 2008

«AS PONTES PERDEU PATRIMONIO A MARCHAS FORZADAS DOS 70 PARA AQUÍ»

Entrevista a JOSÉ MARÍA LÓPEZ FERRO impulsor do primeiro museo pontés.
Texto e foto: Cristina Arias, publicado o pasado 4 de marzo no Progreso de Lugo

Defensor do pasado, da historia e das raíces dun pobo, José María López Ferro creou o Museo Etnográfico do Monte Caxado para recuperar as pezas tradicionais dunha época na que, coa chegada de Endesa, cambiaba a actividade e transformábase a sociedade nas Pontes.

JOSÉ MARÍA López Ferro leva media vida procurando que non se esquenza o pasado das Pontes que, como suliña, é moi anterior á chegada de Endesa á vila. El é o creador do primeiro museo pontés, o Museo Etnográfico de Monte Caxado, que instalou nos corredores do colexio no que aínda da clase. Asemade, forma parte da Asociación de Estudos Históricos e Sociais “Hume” das Pontes.

Despois de tantos traballos; que opina da situación actual do patrimonio no municipio?
O patrimonio nas Pontes está moi mal. Acabamos de sair dunha destrución dunha zona arqueolóxica importante na Mourela e penso que tiña que haber un cambio político local, provincial e incluso autonómico para protexer o noso patrimonio. As Pontes perdeu moitísimo dos anos 70 para aquí, a marchas forzadas. A mina, a autovía, as expropiacións de Endesa…, que non só destrozaron o patrimonio en sí, as mámoas ou os castros, senón tamén o patrimonio inmaterial, é dicir, a cultura popular desas zonas, os seus costumes e as súas tradicións.


Que se podería facer para cambiar isto?
Todos sabemos que hai materiais recollidos das escavacións e almacenados. Xa que hai un museo da enerxía e queren facer un da minería, por que non facer un arqueolóxico? É a historia do pobo e aquí dá a sensación de que é a industria a que está dirixindo todas as actividades do pobo, que son os veciños e a súa historia. Hai cousas antes de Endesa. E tamén se podería coidar máis o museo etnográfico.

Tras tantos anos no colexio; nunca pensaron en cambialo de sitio?
Si e non. Persoalmente penso que terá que acabar saíndo co tempo. O espazo quédase pequeño. Gustaríame que se creara unha fundación independente e que se instalara nunha zona bonita.

Para moitos, un dos grandes erros do museo é a falta de indicacións.
Solicitamos hai dous anos ó Concello que estivese indicado polo menos nas entradas do pobo. Incluso pensamos en que se incluíran os horarios. Pero non tivemos resposta. Sería interesante e quérese solicitar de novo a esta corporación.


Non reciben ningún apoio?
O que hai é un convenio que se asinou no curso 96-97 entre o Concello e a APA do centro, que contempla a apertura ó público durante unhas horas os sábados –de 12.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00- e durante festividades locais como a Feira do Grelo ou a de Fungos e Cogomelos. Nese convenio estipulouse a contratación dunha persoa que fai as visitas guiadas, que neste momento están no aire porque o rapaz que estaba ten outras actividades e vai haber que cambialo.

Cal foi a evolución do museo? Recibe máis ou menos xente agora?
Nos últimos anos, se cadra, pola falta de publicacións e publicidade, as visitas van un pouco a menos. Pero o museo está aberto a todos. Na miña opinión é unha colección de pezas importante e creo que debería vir a xente. No curso 85-86 comezamos coa idea e no 87 inauguramos o museo con 250 pezas. Na actualidade, hai máis de 2.000, e se as vas inventariando dunha en unha moitas máis porque moitas se rexistran por grupo. Toda a xente se leva unha boa impresión, asemade a maioría pensan que será unha aula e sorpréndense cando ven que o museo é todo o colexio.

Estando tan o alcance da man; que tal o coidan os alumnos?
Perfecto. Nunca estragaron nada. Empezan a vivir co museo dende que veñen, con tres anos, e téñeno asumido como algo deles. Unha vez veu unha afiadora e utilizou algunhas das pezas e os rapaces enfadábanse porque estaba a usar pezas que non se podían tocar.

Entre as pezas hai un pouco de todo. Xogos, mobles, cousas da casa, aparellos de labranza e de distintos oficios, obxectos persoais… Destacaría algunha?
Moitas. Hai pezas moi curiosas como un cesto de troitas feito de palla e non de vimbio, unha maleta que un home levou á guerra, documentación para ir a Cuba, un reloxo do século XIX que estivo na fachada da igrexa e que o Concello de Vilalba cambiou co das Pontes por cen fanegas de trigo nunha época de fame ou un libro relixioso de 1665, a peza máis antiga. Tamén hai un arquivo de fotos, que xa conta con máis de 1.000.

Entre tanta peza; falta algunha?
Posiblemente, pero por falta de espazo non podemos coller algunhas. As que soen faltar son moi grandes. Podiamos ter un banco carpinteiro, unha mesa de cepillar ou un tear completo, pero tivemos que dicir que non. Do que sí falta é dos zapateiros, que case non hai.

Todas foron doadas. Son só das Pontes e arredores?
Principalmente son das Pontes e dos concellos limítrofes, pero tamén as hai doutras zonas e incluso doutras comunidades. Hai dediles –para protexer os dedos na sega- de Castela.


Entrevista enlazada desde Amigus.org

Segunda-feira, Março 10, 2008

Primeiro xitano investido "Doctor Honoris Causa"


Juan de Dios Ramírez Heredia, membro fundador e presidente da Unión Romaní, foi investido o 20 de febreiro como Doctor Honoris Causa pola Universidade de Cádiz, convertíndose así no primeiro xitano español en recibir esta distinción.

+ info na FUNDACIÓN SECRETARIADO XITANO

Quarta-feira, Março 05, 2008

O vindeiro 29 de Marzal podemos combatir todos o cambio climático.


A Earh Hour ou a hora da terra, é unha iniciativa levada a cabo por diversas asociacións, consistente en apaga-la luz, das nosas casas durante unha hora, este ano o Fondo Mundial para la Naturaleza (WWF) convoca este evento, coa colaboración de mais de 30 millóns de cidadáns segundo a axencia EFE. Se tres millóns de fogares apagan a luz durante unha hora, poderanse aforrar 380 toneladas de CO2. Así que xa sabedes o vindeiro 29, aproveitade unha horiña para facer iso que fai tempo que non facedes a escuras.