sábado, agosto 11, 2007

Unha escavación na Fonsagrada comeza a campaña de exhumacións en Galicia


Un equipo formado por arqueólogos, membros da oenegué Psicólogos sen fronteiras e voluntarios inician hoxe, na Fonsagrada, as tarefas de exhumación de 15 militares do bando republicano falecidos durante a Guerra Civil. Está previsto, segundo informou onte axéncia Efe, que as tarefas de exhumación dos corpos -os militares morreron na Fonsagrada, pero están enterrados nunha fosa común en Grandas de Salime, concello asturiano que limita co fonsagradino- comecen ás 10 da mañá.

Os falecidos, un comandante e 14 membros do Batallón Galicia, foron capturados no alto do Acebo , cerca do límite de Galicia e de Asturias, a finais do mes de outubro de 1937, mentres regresaban a Galicia desde a outra comunidade, que pouco antes caera en poder das tropas franquistas. Os integrantes do grupo procedían de diversas localidades das provincias de Lugo e da Coruña.

A fosa da Fonsagrada é a quinta que se vai abrir en Galicia. A primeira exhumación na comunidade fíxose en 2003 en Soutadoiro (Ourense), onde estaba enterrado Miguel Cardeñas Lozano, un xienense convertido a guerrilleiro nos montes galegos. Desde entón, recuperáronse os corpos doutros sete galegos fusilados en Portomarín (1), O Vicedo (2) e As Pontes (4). O arqueólogo que dirixirá a exhumación da Fonsagrada, o vasco Javier Ortiz, prevé que os traballos se prolonguen durante catro días dada a complexidade do terreno no que está a fosa e debido ao número de corpos. Os restos serán trasladados ao País Vasco, onde o equipo de antropoloxía forense lles practicará as probas correspondentes, entre elas as de ADN, para proceder á identificación dos corpos para posteriormente entregarlle os restos ás familias.

+ na Opinión da Coruña

+ MEMORIA HISTÓRICA EN GALICIA

+ Imágenes contra el olvido

Sem comentários: