segunda-feira, abril 07, 2008

"Dáme medo que non haxa ningún tipo de reacción por parte das administracións"


Xosé Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía da UDC falou con Vieiros sobre as posíbeis consecuencias que tería o enchido de auga das minas de Meirama e As Pontes.

En Galiza non estamos acostumados a sentir moitos tremores sísmicos, vivimos nun lugar seguro?
Si, até o de agora a maior intensidade dun tremor non pasou de seis na escala Richter, os problemas non veñen pola sismicidade natural, senón por outras causas alleas que incrementan os riscos.

Causas como por exemplo o recheo das minas d'As Pontes e Meirama de auga? Que suporía para o noso país que se leve a cabo esta iniciativa?
No caso d'As Pontes e Meirama pretenden encher de auga o que antes estaba enchido con outras substancias minerais. O problema é que as lagoas resultantes chegarían até os 400 metros de profundidade, o que suporía unha presión hidrostática moi grande no fondo das mesmas, e esta presión podería dirixirse en calquera dirección. Se combinamos esta causa cos sismos que se producen nestas dúas zonas, especialmente ao estaren situadas enriba de dúas fallas activas, os riscos se incrementan. É perigoso para as cidades que se atopan debaixo da presa.

O control do enchido tamén debería facerse de forma coidadosa, para poder deter o proceso en calquera momento, ante posíbeis imprevistos. Ao tratarse de dúas zonas sísmicas activas, que se moven periodicamente, este proceso tamén está rodeado de riscos.

Outro dos problemas desta medida sería a falta de medidas de emerxencia preestablecidas, ou dun protocolo de actuación á hora de accidente...
Si, estamos falando dunha lagoa de 400 metros de profundidade, que estará fundamentalmente destinada ao uso turístico, o que implica que pode chegar a haber naufraxios. No plano non se inclúen medidas de actuación en casos deste tipo, habería que ter medios especiais, submarinos, e algún tipo de organización á hora de proceder aos rescates. Polo de agora, este é outro dos moitos inconvenientes que achega esta medida.

A existencia dunha masa de auga tan grande ao carón de cidades ou vilas pode tamén producir cambios climáticos non si?
Incrementaríanse as brumas e a humidade da zona, ademais de provocar microclimas húmidos que provocarían en moitos casos infeccións nas plantas ou incluso na poboación. As condicións da auga acumulada tamén será outro dos efectos negativos. Habitualmente en Galiza a calidade da auga é ácida, pero nestas zonas a acidez increméntase debido á profundidade. Non se permite a osixenación, o que impide que haxa unha vida subacuática normal.

Desbotáronse outras propostas como a de selar o fondo do oco das minas, ou utilizalo como vertedoiro, en moitos casos por causas económicas. Dende o seu punto de vista, cal sería a mellor solución para rematar con este problema?
Penso que sería enchelas de entullos. En Galiza hai dúas empresas que están a producilos. Enchería o fondo dos ocos con lousa, e deixaría unha profundidade de aproximadamente 20 ou 40 metros para facer a lagoa e dedicala ao turismo como se pretendía nun principio. O problema non é que se cre unha lagoa artificial, senón a profundidade da mesma. Unha masa de auga de menor tamaño sería menos prexudicial que a que teñen prevista.

E cal sería a solución dende o punto de vista administrativo?
Esta é unha das cousas que máis medo me dá. Que non haxa ningún tipo de reacción por parte das administracións. O informe medioambiental polo que se rexeron para crear este proxecto está anquilosado, agora existen máis estudos que reflicten os perigos dos proxectos d'As Pontes e Meirama, e o mes que ven se vai presentar unha tese que conta con datos de 2007.

Penso que alguén do goberno ten que arriscarse e dicir que non vai haber ningún problema. Necesitamos a un responsábel ao que recorrer en caso de que o proxecto non saia como estaba previsto e que non sexa Galiza nin os galegos os que teñan que pagar os erros cometidos por outros.


3 comentários:

Anónimo disse...

ESTE TIPO ESTÁ BORRACHO? DÍ QUE O LAGO VAI TER UNHA PROFUNDIDADE DE 400 METROS... QUE ANIMAL, O MÁXIMO VAN SER 200 METROS, E XA ME PARECE DABONDO. POSTOS A ESCAINAR, POR QUE NON DIXO 4 KMS.? QUE FENÓMENO.

Anónimo disse...

eu estou dacordo con Xose Ramón en que o rescate dun afogado no lago non vai ser doado. Alguén sabe quen debería facer un plan de emerxencias ao respecto?

Anónimo disse...

Un pouco de respeto cando se mencione a alguén, e máis se se fai de forma anónima. E en relación os 400 metros é unha errata do redactor de Vieiros, xa que Xosé Ramón coñece perfectamente a profundidade da mina de Endesa. Nada máis, grazas polos comentarios respetuosos.

Choiva Azeda