Un ano máis, e xa van catro... Festival de Cans!. De novo en maio (xoves 24, venres 25 e sábado 26) e de novo coincidindo co noso colega o Festival de Cannes.
O festival de cine máis festeiro de Galicia volve ao rego cargado de todos os símbolos que o fan tan peculiar: alpendres, galpóns e adegas que se converten en salas, unha tropa de chimpibuses para transportar aos espectadores, alfombras vermellas espalladas polos carreiros, moita música de espírito festeiro e a hospitalidade de sona universal dos veciños e veciñas de Cans.
E o que nunca pode faltar no Festival de Cans: as mellores curtas galegas do último ano, unha selección de luxo con ficción, animación e esas curtas inclasificables que alcumamos como “frikis”. Este ano tamén poderemos ver dúas longametraxes de estrea e por primeira vez unha selección dos mellores videoclips do país. Cans, a outra capital do Cine!
Se es tipo fino, tes un modisto que che fai os traxes a medida, só bebes viños con nome francés e de tapa prefires caviar beluga, quizais aínda queden billetes nalgún cruceiro á Costa Azul. Se che gusta a festa, tes curiosidade polo que fan as novas promesas do audiovisual galego e queres sentir o arrecendo do estrume mentres viaxas en chimpín dende o torreiro ata un cuberto transformado en sala de cine, aquí está o teu sitio. Non o penses máis...
vén ao Festival de Cans!
quarta-feira, maio 16, 2007
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário