Verdegaia presenta un conxunto de propostas dirixidas aos concellos galegos que mellorarían a calidade de vida dos veciños e veciñas asegurando un desenvolvemento ecoloxicamente sustentable, socialmente xusto e economicamente viable. As propostas agrúpanse en diversos apartados: planificación para a sustentabilidade (Axenda 21 local), urbanismo, transporte e mobilidade, enerxía e cambio climático, lixo, auga, conservación da natureza, monte e incendios, transxénicos, defensa animal, cooperación ao desenvolvemento, contratación pública, e información, educación e participación. A continuación destacamos algunhas delas:
-Desenvolver un proceso de Axenda 21 local ou comarcal.
-Axustar o crecemento urbanístico ás necesidades reais da poboación.
-Desenvolver un Plano de Mobilidade Sustentable para reducir o número de vehículos en circulación a través dunha dobre estratexia: disuadir do uso do automóbil privado e simultaneamente dar facilidades para os medios sustentables (camiñar, bicicleta, transporte colectivo).
-Promover o aforro de enerxía, facendo do concello un exemplo de boas prácticas e estimulando o aforro en fogares, comercios e empresas do municipio.
-Priorizar as políticas de prevención e redución do lixo, promover a compostaxe e a reciclaxe a través de plantas comarcais e renunciar á incineración, demandando á Xunta a reconversión do complexo de SOGAMA para que deixe de incinerar antes do 2010.
-Cobrar polo consumo real de auga e establecer un sistema de bloques na tarifa da auga, de xeito que o seu prezo se incremente sustancialmente a medida que aumente o consumo, e garantir a depuración das augas residuais urbanas.
-Crear Espazos Naturais Protexidos de Interese Local, figura de protección legal prevista na lei autonómica de conservación da natureza e até hoxe non aplicada.
-Aplicar un Plano municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, de acordo coa lei autonómica de prevención e defensa contra os incendios forestais.
-Declarar o municipio como Zona Libre de Transxénicos.
-Establecer criterios ecolóxicos e sociais na política de compra e contratación.
Sem comentários:
Enviar um comentário