Mostrar mensagens com a etiqueta asociacionismo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta asociacionismo. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, junho 11, 2008

DE CÓMO AS CHOIVAS IMPIDEN A CONTINUACIÓN DOS TRABALLOS; A FÁBULA DA FORMIGA E OUTROS CONTOS

A ambigüidade do discurso
Restan xa poucas horas para que se cumpra a primeira efeméride da destrución do Círculo Lítico da Mourela e aínda nada sabemos deses informes que restaban importancia á conservación da necrópole e que falaban de cabanas medievais e outras lerias, deses mesmos informes que aconsellaban a destrución do círculo e que daban o visto bon á grave alteración dun conxunto funerario milenario. Onde están eses informes? Por que logo dun ano non foron feitos públicos?

Levamos doce meses asistindo aos avatares da mala planificación dunha obra pública que día a día está a pór en perigo a integridade do noso patrimonio cultural e imos xa fartos e cansos de que a administración ignore os nosos consellos, que con todo o cariño que lles gardamos como administrados que somos deles, non chegamos a comprender que é o que se pretende facer no lugar. Entristecerianos moito ver un túnel ocupando o furado da Mourela.

Hai que lembrar que no mes de xuño do pasado ano, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural levantaba a cautela sobre os restos da necrópole megalítica e establecía unha serie de áreas de exclusión de obra no perímetro das mámoas. Esta decisión política excluía a necesidade de garantir a máxima protección dos elementos que aínda quedaban, ignorando a proposta plantexada pola Plataforma e por ADEGA para a construción dun túnel baixo o xácigo, que nun principio fora apoiada por Patrimonio.

Desbotada esta alternativa por parte da Consellería de Política Territorial, alegando a inviabilidade técnica e económica do proxecto, iniciáronse as tarefas de desmonte para a construción dunha gabia. Gabia que ben podería figurar no récord Guiness cos seus sesenta metros de profundidade como a máis fonda do mundo, aínda que tamén podería ser proposta a récord da ineptitude na planificación dunha obra pública.

Parece que a decisión de trazar unha autovía por medio dun campo de mámoas impide que a gabia conte cun sistema de terrazas laterais que neutralicen os desprendementos de terreo, que regulen a escorrentía das augas e que deixe pasar a luz do sol. É por isto que a día de hoxe as obras seguen paradas.

Unha mámoa ao bordo da gabia
En contínuas comunicacións dirixidas ao Director Xeral de Patrimonio Felipe Arias Vilas, informábaselle sobre o risco de afectación das áreas de exclusión de obra que a súa dirección establecera no mes de xuño de 2007 e solicitábaselle a paralización das obras que estaban a afectar á área de exclusión de obra da mámoa catalogada co código GA15070127.

A día de hoxe a mámoa atópase a uns tres metros do bordo do talud, lonxe dos 40 metros de distancia establecidos por Patrimonio. Ao noso entender a situación actual impide a súa documentación se temos en conta a perigosidade de acometer a escavación deste elemento, por mor dos desprendementos. Das comunicacións ao director xeral nada sabemos, ninguén se sentiu aludido ao parecer. Mágoa que as oracións e as plegarias nada serven contra a forza da gravidade.

Intoxicación informativa
Como guindiña para este pastel administrativo tivemos a sorte de coñecer a semana pasada na televisión local das Pontes, unhas declaracións da Consellería de Política Territorial nas que se nos “informaba” aos ponteses do retraso nas obras da autovía por mor das choivas. Nada se dicía dos contínuos desprendementos de terra na Mourela, que obligaron a modificar os plans de actuación na zona, que engadiron máis tempo á finalización da obra e que están a por en perigo a integridade dos elementos patrimoniais que ainda quedan na Mourela. Tampouco se informaba das contínuas fendas na estructura de gunitado na parede Norte da gabia, que tiveron que ser feitas de novo en repetidas ocasións.

A choiva tivo algo que ver, pero non son os fenómenos ambientais os que planifican as obras públicas.

Reflexión final
Certo é que nos últimos meses preocupámonos moito ou demasiado por todo o que aconteceu na Mourela e dende algún sector local criticouse a nosa inoperatividade noutros temas a nivel patrimonial que afectan aos elementos arqueolóxicos das Pontes. Mais o caso da Mourela é un caso real e actual que exemplifica perfectamente cal é o interese e a atención que se lle presta ao patrimonio, tanto dende a corporación local como dende o goberno da Xunta. Por isto, a nosa teima de defender o que ninguén defendeu, a nosa teima por esclarecer o que ninguén esclareceu e a nosa ilusión por ver algún día o que é noso, respectado.


Clica aquí para ve-lo video

segunda-feira, abril 21, 2008

COMUNICADO DA PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES


Un corremento de terra na gabia da Mourela ameaza unha mámoa
O monumento megalítico atópase a tan só tres metros do talud

A pasada semana producíase un corremento de terras no marxe Norte das obras da autovía AG-64 ao seu paso polo lugar da Mourela no concello eumés das Pontes de García Rodríguez. Ao redor duns quince metros de terreo, víñanse a baixo producindo un considerábel desprendemento de firme que ía a parar ao fondo da gabia.

Na actualidade a situación debe ser considerada como moi grave, tendo en conta a proximidade do elemento catalogado GA15070127, co marxe Norte da autovía. A penas tres metros separan a estructura arqueolóxica do marxe do talud. Unha situación que empeorará nas vindeiras horas de seguiren a persistir as choivas na zona, o que pode ocasionar novos desprendementos e dar coa mámoa no fondo da autovía. Esta situación sería a todas luces moi grave, tendo en conta os compromisos establecidos pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, no comunicado emitido o 5 de xuño de 2007, por mor do levantamento da cautela sobre os restos do círculo lítico da Mourela, que a continuación se transcribe:

- Na zona próxima aos restos do círculo lítico existen tres mámoas ás que non lle afectarán as obras da autovía

As mámoas non están afectadas
O resto dos xacementos arqueolóxicos localizados nesa área, os denominados túmulos tan só están afectados en parte do seu ámbito de protección, non no xacemento mesmo, polas obras de construción da Autovía Ferrol-Vilalba. Estas mámoas son visibles e recoñecibles, 
e para elas trazáronse uns ámbitos de exclusión de obras nos estudos arqueolóxicos levados a cabo con motivo da elaboración do proxecto construtivo da autovía, establecéndose as medidas protectoras e correctoras necesarias para que se conserven na súa integridade.

Á vista de toda a documentación, dos datos que obran no expediente e dos informes dos Servizos Técnicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu unha resolución informando favorablemente a continuación das obras da Autovía Ferrol-Vilalba, treito As Pontes Cabreiros, na área cautelada da Mourela, baixo as seguintes condicións:

- Manteranse balizados os ámbitos de exclusión de obra dos xacementos Mourela 4 (GA15070127), Mourela 6 (GA15070130) e Mourela 7 (GA15070129), nos que non se poderá levar a cabo ningún tipo de obra, e o trazado, na medida do posible, alonxarase destas áreas de exclusión reducindo as dimensións dos noiros ou taludes proxectados. A situación destes elementos e os seus ámbitos deberán figurar na cartografía de obra.

Nunha comunicación remitida no día de hoxe ao Dir. Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, D. Felipe Arias Vilas, dende a plataforma solicitamos coñecer cales van a ser as medidas a activar para preservar a integridade do ben ameazado e se van a esixir algún tipo de responsabilidade á COTOP, como promotora e responsábel do proxecto.

Cremos que a situación que se está a producir non é froito do azar ou a mala sorte, estamos convencidos de que isto era previsíbel, tal e como vimos manifestando en repetidas ocasións dende o mes de novembro pasado, e non entendemos como non se tomaron as medidas oportunas a tempo, tales como a escavación da mámoa afectada, nun momento no que a seguridade dos arqueólogos non estaba ameazada.

Parece pois que este novo corremento de terras na zona, non contou coa suficiente previsión por parte das autoridades competentes en materia de protección do patrimonio nin foi anticipada polos responsábeis da execución da autovía, poñendo deste xeito en serio risco a integridade dos bens patrimoniais e a propia seguridade das edificacións colindantes.

Neste intre, máis de 50 metros de desnivel e unha profunda fenda no terreo están a arriscar a conservación dunha parte do noso patrimonio. No mes de xuño do pasado ano, xa tivemos que ver tamén como as máquinas remataban con miles de anos de historia, destruindo os restos do círculo lítico e partindo en dous a necrópole, por medio dunha gabia. Agora, a falla de previsión e o incumprimento dos compromisos establecidos para a integral conservación das mámoas e dos seus ámbitos de exclusión, veñen a por en evidencia a rigurosidade dos controis arqueolóxicos na zona.

É neste intre, cando o berro mouro do Canto Máis? cobra forza e significado. De novo debemos preguntarnos: Canto máis teremos que agardar para poder ver aos mecanismos administrativos que garanten a conservación e preservación do noso patrimonio, desenvolver eficazmente o seu traballo? A proposta do túnel, esquencida no caixón dalgún despacho de San Caetano, debería facernos reflexionar sobre a súa idoneidade, como fórmula para non ter que lamentar males maiores.

domingo, março 30, 2008

A web de Salvemos Monteferro, Premio Nano Cambeiro de Xornalismo

A web da plataforma Salvemos Monteferro, da que xa temos falado nesta páxina (por exemplo, con motivo da publicación dun estudo sobre a contaminación na Ría de Vigo), vai recibir este venres un importante recoñecemento ó seu labor comunicativo e, sobre todo, á súa capacidade de convocatoria cidadá. Máis concretamente, a páxina recibirá o V Premio Nano Cambeiro de Xornalismo, segundo informa Vieiros. 

O certo é que a web galardoada é xa un referente como exemplo de aproveitamento da Rede como altofalante para a defensa do noso medio, tanto no que se refire ó Monte Ferro (espazo natural ameazado en Nigrán polo urbanismo 
ó que conseguiron pórlle freo os integrantes da plataforma) como ó resto dos enclaves naturais galegos. 

O caso é que este venres ás 20.30 no Pazo da Escola de Mañufe (Gondomar), a web dende a que se acadaron 10.000 sinaturas para impedir o estragamento do dito monte e dende a que se informou á comunidade internauta do problema do urbanismo en Nigrán (chegou a superar xa as 40.000 visitas), vai recibir o quinto Premio Nano Cambeiro de Xornalismo de mans do Instituto de Estudos Miñoranos.


sábado, março 29, 2008

A asociación Hume das Pontes presentou o número un da súa revista histórica

Tras seis de anos de vida, a Asociación de Estudos Históricos Hume das Pontes dá un paso máis na súa labor de traballar para crear conciencia local sobre o patrimonio histórico do municipio e pon a andar a revista “Hume”, que persegue os mesmos obxectivos.

O primeiro número desta publicación presentouse onte na biblioteca municipal do Concello. O acto estivo presidido polo profesor Carlos Breixo, colaborador habitual da asociación, e polo presidente da mesma, Xavier Martínez. Ademais, tamén participaron varios dos colaboradores da publiciación así como algún dos membros da revista Cátedra de Pontedeume.

“Hume” nace con carácter anual e co fin de reivindicar o patrimonio cultural, histórico e artístico das Pontes. Por elo, o artigo central da revista adicarase sempre ao estudo da vida dalgún pontés destacado por dar parte da súa vida a traballar polo pobo. Así, o número un da revista centrase na biografía de Enrique Rivera Rouco, un dos párrocos máis comprometidos coa vila. O artigo corre a cargo de José María López Ferro, que realiza un extenso traballo analizando minuciosamente a vida e obra de Rivera Rouco.

A revista complétase con outros cinco artigos de investigación. O profesor ortegano Carlos Breixo adica varias páxinas ao estudo da Ponte de Ferros, a máis importante de todas as que atravesan o municipio. O traballo de Breixo data a construcción no ano 1621, afonda na orixe da mesma, no autor así como en diferentes datos relacionados coa histórica ponte. O presidente da asociación Hume escribe un artigo sobre a igrexa parroquial de Salvador de Pina. Trátase dun traballo de investigación ao que Xavier Martínez adicou varios anos. Nel afonda, entre outros, a historia do templo, a súa imaxinaría ou a orixe das súas cofradías. A prensa pontesa é outro dos temas abordados neste primeiro número da revista. Xosé María López Fernández investiga o diario “La Unión” que en 1915 sacou varios exemplares a rúa. Hai tamén espazo para a memoria oral da vila a través dun traballo etnográfico realizado por varios colaboradores. Unha entrevista co director do corto rodado nas Pontes “Reflexo de lembranza”, Roberto Rego, pecha este primeiro número de “Hume”.

A revista poderase adquirir a partir da vindeira semana en calquer librería da vila por cinco euros. Tamén se pode consultar na biblioteca do municipio.

Nova extraída do Diario de Ferrol

terça-feira, março 25, 2008

X ENCONTRO DEGUSTACIÓN DO MILLO CORVO

A Asociación Cultural de Meiro (Bueu) organiza o X ENCONTRO DEGUSTACIÓN DO MILLO CORVO.

Esta celebración de artesanía agroalimentaria é a culminación anual dun ciclo de traballo a prol da recuperación deste millo escuro que corre o perigo de desaparecer. Este ano é especialmente importante xa que se celebra a décima edición deste evento.

+ info no blog: http://www.meirocorvo.org/

ASOCIACIÓN CULTURAL MEIRO
C.I.F.: G-36293223
Casa da Aldea s/n - Meiro
C.P. 36938 - Bueu ( Pontevedra)
Tlf.: 637558957
Mail: meirocorvo@gmail.com

segunda-feira, março 10, 2008

O futuro da acuicultura galega a debate


ERGOSFERA, asociación universitaria de estudantes de arquitectura da Coruña, invita a participar no debate sobre o futuro da acuicultura en Galicia.

> WEB ERGOSFERA http://www.ergosfera.org

> FORO KILL+PEIXES 
http://www.foro.ergosfera.org

* Por supuesto, las propuestas pueden ser de todo tipo y origen:
medioambientales, arquitectónicas, de gestión política o administrativa,
sobre la participación ciudadana, sobre la visivilización de las
problemáticas urbanas, sobre los términos en que se producen las
expropiaciones, sobre las fórmulas de gestión de los terrenos por parte de
la administración, sobre la estructura y posibilidades de las
multinacionales del sector, sobre las consecuencias socio-laborales para
los territorios afectados, sobre las normas urbanísticas que se deberían
crear, etc.

* También se puede utilizar el foro para dar a conocer información sobre
el tema ya elaborada y no suficientemente pública, entendiendo que esta
plataforma intenta poner en el mismo plano a actores y lenguajes de muy
diverso origen que hasta ahora se han expresado por canales diferentes,
con lo que cualquier documento que haga comprensibles a unos los
argumentos de los otros será bienvenido.

CONTACTO: contacto@ergosfera.org

sábado, março 01, 2008

A Plataforma en Defensa do Patrimonio continúa alerta da situación na Mourela

Imaxe: Alto da Mourela a principios do século XX
A Plataforma considera que os desprendementos de terra na Mourela están a por en perigo as mámoas que aínda permanecen no lugar
As obras da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba que arrasaron no mes de xuño do ano pasado os restos do círculo lítico da Mourela, están de novo a por en serio risco a conservación e integridade de varios elementos.

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes puxo en coñecemento das autoridades en materia de protección do patrimonio, a execución dunha serie de tarefas que se desenvolveron na área de protección de tres elementos catalogados durante o mes pasado, sen os preceptivos controis arqueolóxicos.

Unha cuneta de decantación de lodos que se executou dentro do ámbito de protección de dúas mámoas, unha pista de acceso que precisou tarefas de desbroce e desmonte dentro da área de cautela arqueolóxica dunha mámoa e operacións de consolidación das paredes laterais da gabia, son as novas obras que estan a por en perigo a integridade destes monumentos prehistóricos.

Asemade o mes pasado tiveron lugar varios desprendementos de terra que moveron considerablemente o marxe do talud, achegándose perigosamente á mámoa que se atopa a carón do depósito. Si ben ao finalizar as tarefas de desmonte na área do círculo lítico, quedaban uns 20 metros entre o marxe do talud e a mámoa, como zona de protección arqueolóxica, na actualidade esta distancia acurtouse a uns 10 metros.
Dende a Plataforma considérase que existe un risco moi elevado de afectación desta mámoa que podería agravarse de seguírense a producir desprendementos na zona.Nunha carta dirixida ao director xeral de Patrimonio Felipe Arias, a Plataforma solicita que se tomen medidas de cara a consolidación das tres mámoas que aínda permanecen na Mourela, así como para evitar que se produzan máis desprendementos na zona de protección arqueolóxica da mámoa que se atopa a carón do depósito.

quarta-feira, fevereiro 06, 2008

Entroido 2008 en As Pontes












O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e paganos, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. É, sen dúbida, a festa máis irreverente do calendario galego. Foi por iso que se prohibiu durante a época franquista, malia que se mantivo vivo nas aldeas...e pobos coma As Pontes (video).

As mulleres son o motor do cambio na comunidade xitana


Entrevista a Gorka de Luis, coordinador de Pontevedra-Santiago de la Fundación Secretariado Gitano no Faro de Vigo

-Por que azafatas? -É unha actividade que a comunidade xitana acepta de moi bo grao e é moi boa saída profesional. Permite unha formación polivalente que inclúe atención ao público. Ver a unha moza xitana moza traballando de algo que a xente non se espera chama a atención e, ademais, para as familias é un orgullo.
-Parece que é a muller a que provoca este proceso...
-A muller como motor de cambio, dicimos. Nos 60 e os 70 foi o motor de cambio na sociedade española e no rural foi a muller quen tomou moitísimas veces as rendas de todo. Na comunidade xitana está pasando o mesmo.
-Ecotur é un trampolín para traballar noutras entidades. -Así é, pero non é emprego protexido. Non levamos a azafatas para probar nin queremos que o servizo contrátennolos porque "ai, pobriños, son xitanos", en absoluto. Tenemos limitacións, sabemos que non competiremos con empresas de primeira, mais a nosa profesionalidade ten que chegar ao nivel desexado do servizo.

Unha mina de talento cinematográfico en As Pontes

Imaxe: Os xoves creadores ponteses encheron o cine das Pontes de veciños e amigos a véspera de Reis.

O auditorio Alovi das Pontes acolleu o venres 4 de xaneiro a presentación en sociedade dos traballos dos novos creadores do audiovisual.

Os organizadores da xornada -a Asociación Sociocultural Choiva Azeda-, promoveron o acto para dar a coñecer o labor dos realizadores entre os seus propios veciños, declarándose “amigos e siareiros incondicionais” do traballo dos directores.

 Só 4 días despois de que a xacemento de lignito pontés deixará de extraer o prezado mineral negro, unha nova mina mostrábase nas Pontes, aínda que nesta ocasión a materia prima trátase do talento e os esforzos creativos de seis xoves da vila.

Creadores e creacións

Os seus nomes son Sabela Pernas, Nuria Castro, Marta Ramos, Mario Añón, Roberto Rego e Manoel Campelho, teñen entre 24 a 30 anos de idade e, entre outras cousas, comparten que se atopan iniciando a súa carreira profesional no eido do mundo audiovisual e que ningún reside actualmente nas Pontes, só unicamente Roberto desenvolve o seu traballo como cámara en Galicia, o resto, atopase facendo as súas particulares “Américas”.

Nembargantes, todos fan referencia a súas raíces pontesas para explicar a forte motivación de cara a 7ª arte, que segundo Sabela Pernas pode ser explicada xa que “dende nenos estamos acostumados a unha televisión local que non tódolos pobos teñen, e que nos ofreceu un contacto co audiovisual dende moi nenos”. A realizadora valora o pobo como fonte de inspiración, debida a que “a xente nova das Pontes sente sempre un compromiso especial co seu pobo, por seren unha zona mineira en decadencia, o que fai querer mostrar a outra cara de onde procedemos”. Nuria Castro comparte esta visión, é pensa que “As Pontes é un pobo de creadores natos”, e xustifícao dende unha perspectiva psico-sociolóxica: “Somos un laboratorio científico dende a formación como pobo, e os individuos vense constantemente sometidos a estímulos para producir dende tódolos eidos”.

Documentais

Sabela, na actualidade, está a estudar un Máster de cine en Londres, e presentou dous documentais. O primeiro Ciclo Combinado, co-dirixido con Nuria, que cursa un Postgrao de Fotografía en Barcelona, foi galardoado co primeiro premio Galiza Crea, no apartado audiovisual de novos creadores que concede anualmente a Xunta de Galicia. Este documento foi feito a partires de entrevistas a veciños de distintas idades a partires das cales se vai desgranando a historia local dos últimos 30 anos, así como as esperanzas e inquedanzas futuras sobre as riquezas económicas e humanas no concello.

O segundo documental de Sabela é Mundo Bazar, co-dirixido xunto con Marta Ramos -que acaba de rematar os seus estudos de Comunicación Audiovisual en Madrid-, indaga na emigración china en Galicia, a través de dúas xeracións dunha mesma familia propietaria do archicoñecido Bazar Antonio, que se atopa ubicado no Polígono Empresarial do Ceao de Lugo. No mesmo formato de entrevistas e planos dinámicos empregados en Ciclo Combinado, o documental afonda na realidade cotiá deste colectivo de inmigrantes en Galicia a través dos seus protagonistas, e fuxindo dos típicos tópicos.

Curtametraxes de ficción

No tocante, as obras de ficción, foron reproducidas tres curtametraxes. A sesión comezou con Cambio de planes, co-dirixida por Manoel Campelho, afincando ao igual que Nuria e Mario en Barcelona, e onde traballa como director fotográfico. A curta traspórtanos a unha hipotética situación vital dun funcionario franquista a piques de se xubilar, e que recibe unha transcendental orde que pode cambiar a historia política de España e, sen lugar a dúbidas, a súa propia escala de valores e normas.

Minerva de Mario Añón –que nestes momentos, atópase colaborando nunha emisora de radio de Barcelona-, invita ao espectador a unha introspección na mente dunha muller de media idade afectada por unha enfermidade dexenerativa, e acrecentada pola soidade e o abandono na que se atopa. A partires desta historia, o director lévanos a un mundo onírico e de recordos e imaxes da nenez e da razón perdidas.

Tamén dos recordos trata O reflexo da lembranza de Roberto Rego, un traballo que xa fora presentado no mesmo escenario hai agora un ano, e que narra a versión persoal do creador sobre a lenda do río Eume, que segundo os máis vellos, cada ano o río lévase unha vida humana como cobro da riqueza acuífera que aporta ás terras da comarca.

Retorno a Galicia

Aínda que a maioría atópase fora de Galicia por necesidades laborais e formativas, a idea de voltar a Galicia non lles quita o sono. A súa intención é a de retornar dentro duns anos, pero sempre que o horizonte laboral sexa máis claro do que é neste momento. A idea é común a todos: “a actividade do audiovisual galego é un sector en auxe, pero conta –ao igual que moitos outros sectores económicos- cunha alta taxa de precariedade e temporalidade laboral, que fai que o futuro se presente algo incerto”.

Outro conto é o de voltar a vila nai. Non cren que o seu futuro pase por As Pontes, xa que tal como o explican: “traballar nas Pontes audiovisualmente é limitar moito o teu campo de traballo”, rematando cun “gustaríame voltar, pero creo que hai quer ser realistas”.

Exhibición nas Pontes

O acto contou tamén cun sorpresa final dos organizadores, que rescataron un traballo escolar das realizadoras dos seus tempos de colexialas na Escola Primaria Santa María, e que fora galardoado pola Consellería de Educación no ano 1995.

Pero cecáis, o máis especial, foi o espazo físico escollido para a xornada: o cine de sempre para esta xeración de ponteses. Nuria tíñao claro: “ten o seu sentido derradeiro, porque que mellor lugar que onde nacen as cousas”. Segundo Mario: “é como unha proxección en familia e ten de especial que é o cine onde de pequeno ías a ver pelis”. Roberto foi o máis emotivo: “que a xente acuda a ver os nosos traballos ao centro cultural de importancia que temos na vila, é o mellor agradecemento que me poden facer os meus veciños”.

NOVA EXTRAÍDA DO XORNAL PEGADAS (FEBREIRO 2008)

quinta-feira, janeiro 31, 2008

Ultranoite en defensa da ría de Ferrol

Este sábado 2 de febreiro, ás 20:30 horas, o centro sociocultural Torrente Ballester (Ferrol) acollerá o espectáculo colectivo Ultranoite en defensa da Ría, producido pola rede de acción sociocultural Arredemo e Burla negra, a modo de homenaxe aos veciños de Mehá e á xente do Comité Cidadán de Emerxencia, e como denuncia da actitude servil a intereses económicos particulares manifestada polos gobernos da anterior e da actual lexislatura, e que se traducen na imposición da planta regasificadora contra os intereses da cidadanía e do ben común.

O espectáculo que está programado para o sábado 2 ás 20:30 horas, contará coa participación, entre outros de: Chévere (Mónica García, Miguel de Lira, Xesús Ron...), Carlos Santiago, Espido (Guadi Galego e Guillermo Fernández), o Mago Romarís, Os da Ría, Clara Gayo, A Caricia da Serpe (Lino Braxe, Rómulo Sanjurjo), Volta e dalle (Pepe Penabade, Comba Campoy...), o colectivo de circo Pista Catro, Rebeca Montero, e os músicos Bernardo Martínez, Xoan Piñón, Xaquín Blanco, Suso Alonso e Xabier Olite, coa actuación estelar das "cantareiras e cantareiros de Mehá".

+ info: ARREDEMO

Axudas publicadas para asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude


ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDES DAS SUBVENCIÓNS CONVOCADAS POLA DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE E SOLIDARIEDAD

Os días 16, e 17 saíron publicadas no DOG as ordes que convocan as axudas destinadas a asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude, as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria para o fomento e realización de actividades de voluntariado e as subvencións para actividades

ASOCIACIÓNS XUVENÍS:

Convocatoria de axudas para adquisición de equipamento e actividades programadas por asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude. Informa Diario Oficial de Galicia de 17 de Xaneiro de 2008. O prazo para presentalas solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte a publicación no DOG

As axudas contarán das seguintes modalidades:

-Modalidade A: realización do programa anual de actividades e gastos de funcionamento, entendido como o conxunto de actividades planificadas con coherencia co fin de acadar os obxectivos estatutarios dunha asociación.

-Modalidade B: adquisición de equipamento e material inventariable.

-Modalidade C: realización de proxectos de promoción xuvenil, entendidos como aqueles proxectos con carácter puntual e extraordinario que unha entidade realiza co obxectivo xeral da promoción da mocidade.

VOLUNTAR
IADO:

Serán subvencionables os programas e actuacións presentados polas entidades sen ánimo de lucro sempre que desenvolvan proxectos de acción voluntaria e que se realicen no ámbito territorial galego, nalgunha das seguintes áreas: a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. b) Área de formación e participación: perséguese aquí unha modernización e adaptación permanente das entidades á realidade social. c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando de xeito transversal as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado, así como as iniciativas de carácter experimental que acheguen solucións innovadoras.

Anuncio enviado polo Departamento de cultura do Concello das Pontes

Aberto o prazo de solicitude de subvencións para entidades de Deputación da Coruña


Subvencións a entidades

SERVIZOS SOCIAIS
29/01/2008
Convocatoria de subvencións a entidades sen fins de lucro para mantemento e investimentos de servizos sociais especializados, socio-sanitarios e de fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e loita contra a violencia de xénero, durante o ano 2008
Prazo: até o 29 de febreiro de 2008
[ bases | impresos ]
CULTURA E DEPORTES
29/01/2008
Convocatoria de programas de apoio ao deporte xeral e federado, dirixidos a entidades para actividades e investimentos. 
Prazo até o 29 de febreiro de 2008
[ bases | impresos ]
CULTURA E DEPORTES
29/01/2008
Convocatoria de programas de apoio á cultura dirixidos a entidades para actividades e investimentos durante o ano 2008
Prazo até o 29 de febreiro de 2008
[ bases | impresos ]
PROMOCIÓN ECONÓMICA
29/01/2008
Convocatoria de programas dirixidos a entidades da provincia para actividades e investimentos durante o ano 2008
Prazo: até o 29 de febreiro de 2008
[ bases | impresos ]
PROMOCIÓN ECONÓMICA
29/01/2008
Convocatoria de programas de subvencións de fomento pesqueiro dirixido ás confrarías de pescadores da provincia da coruña durante o ano 2008
Prazo: até o 29 de febreiro de 2008
[ bases | impresos ]
PROMOCIÓN ECONÓMICA
29/01/2008
Convocatoria do programa de subvencións de agricultura dirixido ás entidades asociativas agrarias e labregas da provincia da Coruña durante o ano 2008
Prazo: até o 29 de febreiro de 2008
[ bases | impresos ]

Avisados polo Departamento de Cultura do Concello das Pontes

quarta-feira, janeiro 30, 2008

17 DE FEBREIRO: MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA CONTRA A DESTRUCCIÓN DO TERRITORIO


O COLECTIVO GALIZA NON SE VENDE convoca a cidadanía preocupada pola destrucción do territorio a unha manifestación o domingo 17 de febreiro en Santiago de Compostela

FAISE un chamamento contra a destrución sistemática do territorio que se está a producir coa participación do goberno ou a causa do seu deslexio. 

A especulación, o urbanismo salvaxe e a marbellización do litoral, a contaminación e recheos nas rías, a degradación dos ríos, o plan acuícola, o plan da minería, o plan eólico, o novo plan de portos deportivos, a destrucción do Courel, Reganosa, Ence,a planta de residuos proxectada en Ribadavia,a desaparición do rural, a destrución dos espazos protexidos e do patrimonio cultural...

Todas estas son manifestacións deste proceso destructivo que en maior ou menor medida afectan a todo o territorio e poñen en perigo o futuro desta sociedade e a integridade do seu medio. Para manifestar a nosa oposición e tentar poñerlles freo acudide a Compostela o 17 de febreiro e difundide agora esta convocatoria a través dos vosos correos e bitácoras.

Por unha Terra Viva e unha Vida Digna para tod@s

                           Primeira manifestación de Galiza Non Se Vende o 6 de maio de 2007
A Rede Galiza Non Se Vende, formada por máis de medio cento de colectivos ambientalistas e sociais, desembarcará o 17 de febreiro en Compostela para berrar contra a destrución do país

Velaí a grande acción global ambientalista deste 2008 na Galiza nosa. Artellada dende unha organización en rede, un tecido social composto por colectivos moi heteoxéneos pero que coinciden nunha loita común, trata de frear a destrución ambiental do territorio galego, que segundo afirman, nos últimos anos acadou cotas inimaxinábeis. Unha destrución fondamente cimentada no sistema economicista que nos goberna en todos os eidos e nuns gobernos –tamén o actual– que para eses colectivos non están a respostar ás demandas da poboación. Son, ao cabo, unha arañeira de conciencia ambiental que pretende remexer tamén a conciencia colectiva do país. Unha base social antagónica ao poder político.

Galiza Non Se Vende fai así fincapé nunha problemática dabondo extensa, nunha doenza histórica da terra que xa non soporta máis o custe ambiental de actividades económicas insustentábeis que, en gran medida, “residen en empresas de enclave que nos colonizan”.

E a listaxe de eivas évos ben longa: marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plan acuícola devastador, plan de portos deportivos, plan eólico desmesurado, especulación, plan da minaría, destrución do Courel, urbanismo salvaxe, industrias perigosas (Reganosa, Ence, Parque de Residuos no Ribeiro), modelo de transporte e mobilidade insustentábel, destrución do medio rural, dos espazos protexidos e do patrimonio cultural…

Esta marcha pola dignidade da terra terá lugar o 17 de febreiro, a rentes pois da campaña electoral para as Cortes do Estado, saíndo da alameda de Santiago ás 12 da mañá.


terça-feira, janeiro 29, 2008

domingo, janeiro 27, 2008

OGSI publicou o monográfico "O uso de Internet nas redes sociais de Galiza"



O monográfico do OBSERVATORIO GALEGO DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN analiza as novas ferramentas sociais que existen para que os galegos se comuniquen na Rede.

No estudo O uso de Internet nas redes sociais de Galiza, María Yáñez e Berto Yáñez, dous especialistas na materia e con ampla experiencia en Chuza.org, ofrecen unha exposición clara e simple sobre a expansión das redes sociais en Galiza grazas a aparición de Internet. O monográfico traza unha breve historia desde os seus inicios das rede sociais, a súa potenciación a través do uso das novas tecnoloxías e analiza as novas ferramentas sociais que existen para que os galegos se comuniquen na Rede.

O Observatorio Galego inicia, coa publicación deste estudo, a edición dunha serie de dossieres de carácter divulgativo elaborados por grupos de experto sobre diversos aspectos da Sociedade da Información co obxectivo, ditado polo PEGSI, de achegar este coñecemento á sociedade galega.

Os blogs, fotoblogs, MySpace ou Facebook son algunhas das novas tendencias analizadas neste dossier como exemplo das novas formas de organización social en rede que evoluíron coa aparición de Internet. O estudo sinala que en Galiza hai dúas redes principais de blogs: A Blogoteca, que conta con máis de 1.000 blogs e unha media de 65 blogs novos ao mes, e Blogaliza, na que se crean máis de 70 blogs ao mes.

Entre as redes sociais de novas, o estudo destaca a Chuza.org como unha das redes máis consolidadas e con maior tráfico de novas e usuarios. A día de hoxe, con pouco máis de 20 meses de vida, Chuza superou os 2.000 usuarios e as 10.000 visitas diarias.

A Galipedia, versión en galego da wikipedia, é outros dos fenómenos examinados no dossier. A súa gran achega está na creación de contidos propios, información de ámbito galego que non se pode atopar en ningunha outra wikipedia do mundo. A Galipedia supera xa as 29.000 entradas e conta con 2.700 usuarios.

Finalmente o estudo realiza unha reflexión da influenza de Internet e as novas ferramentas sociais nos medios de comunicación.

A forma de publicación destes informes correspóndese coa iniciativa CES-LA2-I4 Acceso libre aos contidos de orixe pública, do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). Os monográficos distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na web do OGSI.

sexta-feira, janeiro 25, 2008

V Festival de bandas de gaitas das Pontes

O sábado 26 de xaneiro ás 18 h no Auditorio M. Cine Alovi, celebrarase o V Festival de Bandas de Gaitas das Pontes,
 
Este ano xunto coa Banda de gaitas da Escola Municipal de Música Tradicional das Pontes, estarán:
 
A Banda de Gaitas FONTORNELA, de Mera (Oleiros)
 
e Banda de Gaitas BRISAS DO QUENLLO de Tordoia