O monográfico do OBSERVATORIO GALEGO DA SOCIEDADE DA INFORMACIÓN analiza as novas ferramentas sociais que existen para que os galegos se comuniquen na Rede.
No estudo O uso de Internet nas redes sociais de Galiza, María Yáñez e Berto Yáñez, dous especialistas na materia e con ampla experiencia en Chuza.org, ofrecen unha exposición clara e simple sobre a expansión das redes sociais en Galiza grazas a aparición de Internet. O monográfico traza unha breve historia desde os seus inicios das rede sociais, a súa potenciación a través do uso das novas tecnoloxías e analiza as novas ferramentas sociais que existen para que os galegos se comuniquen na Rede.
O Observatorio Galego inicia, coa publicación deste estudo, a edición dunha serie de dossieres de carácter divulgativo elaborados por grupos de experto sobre diversos aspectos da Sociedade da Información co obxectivo, ditado polo PEGSI, de achegar este coñecemento á sociedade galega.
Os blogs, fotoblogs, MySpace ou Facebook son algunhas das novas tendencias analizadas neste dossier como exemplo das novas formas de organización social en rede que evoluíron coa aparición de Internet. O estudo sinala que en Galiza hai dúas redes principais de blogs: A Blogoteca, que conta con máis de 1.000 blogs e unha media de 65 blogs novos ao mes, e Blogaliza, na que se crean máis de 70 blogs ao mes.
Entre as redes sociais de novas, o estudo destaca a Chuza.org como unha das redes máis consolidadas e con maior tráfico de novas e usuarios. A día de hoxe, con pouco máis de 20 meses de vida, Chuza superou os 2.000 usuarios e as 10.000 visitas diarias.
A Galipedia, versión en galego da wikipedia, é outros dos fenómenos examinados no dossier. A súa gran achega está na creación de contidos propios, información de ámbito galego que non se pode atopar en ningunha outra wikipedia do mundo. A Galipedia supera xa as 29.000 entradas e conta con 2.700 usuarios.
Finalmente o estudo realiza unha reflexión da influenza de Internet e as novas ferramentas sociais nos medios de comunicación.
A forma de publicación destes informes correspóndese coa iniciativa CES-LA2-I4 Acceso libre aos contidos de orixe pública, do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información (PEGSI). Os monográficos distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na web do OGSI.
Sem comentários:
Enviar um comentário