Unha de cada dez persoas empadroadas en España é estranxeira. Os datos son do Instituto Nacional de Estatística (INE) que deu os datos definitivos do padrón a 1 de xaneiro do 2007. Nesa data había en España 45.200.737 persoas, das cales 4.149.554 son estranxeiras (practicamente, un 10%). Estes datos arroxan uns 37.000 estranxeiros máis que no avance publicado fai seis meses.
Confírmase que pese ao aumento de 375.388 inmigrantes no 2006, produciuse unha desaceleración do crecemento: 696.284 no 2004 e 413.375 no 2005. As nacionalidades máis numerosas corresponden a Marrocos (582.923), Romanía (527.019) e Ecuador (427.099). Neste derradeiro ano descendeu o número de ecuatorianos e colombianos (volveron ao seu país ou nacionalizáronse españois) e os que máis aumentaron foron os romaneses (122.057).
A diferenza entre o número de empadroados e os cartóns de residencia permite asegurar segundo Europa Press que pode haber uns 350.000 sen papeis (Zapatero falou recentemente de 200.000 e o PP, de 600.000). O colectivo con maior irregularidad é o dos bolivianos, que constituiron a derradeira gran onda migratoria antes de que o goberno español esixise o visado para entrar.Por comunidades, o maior incremento produciuse en Castela-A Mancha, cun 20,28%. En Catalunya o número de empadroados estranxeiros creceu un 6,43% e ascenden xa a 972.507, o 13,49% dunha poboación total de 7.210.508 habitantes. As illas Baleares é a comunidade con maior porcentaxe de inmigrantes (18,45%) por diante da comunidade Valenciana (14,99%), Murcia (14,49%) e Madrid (14,25%).
As que menos porcentaxe de inmigrantes teñen seguen sendo Cantabria (4,68%), País Vasco (4,60%), Asturias (3,04%), Galicia (2,94%) e Estremadura (2,68%).
Doutra banda, as últimas proxeccións do INE indican que España alcanzará os 50 millóns de persoas no 2015. As previsións sinalan que entre o 2007 e 2015 entrarán preto de 5,7 millóns de persoas máis e haberá 1,3 millóns de saídas. A taxa de fecundidade recuperarase pouco a pouco; e se agora a media é de 1,4 fillos por muller, dentro de oito anos será de 1,51. A idade media da maternidade atrasouse dos 30,9 anos de agora aos 31,07.
Con todo, o propio subdirector de Estatística do INE, Ignacio Duque, avanzou que os posibles cambios da situación económica poden incidir na demanda laboral e crean incerteza sobre a evolución das migracións.
J. Playà, LA VANGUARDIA, 18/01/2008
Sem comentários:
Enviar um comentário