sábado, janeiro 12, 2008

ROTEIROS PATRIMONIAIS NA BISBARRA DO EUME - ROTEIRO O FREIXO-SOMEDE


DESCRICIÓN DO ROTEIRO:
ROTEIRO O FREIXO-SOMEDE
Concello: As Pontes de García Rodríguez
Dificultade: media – baixa
Lonxitude: 18 Km

As Pontes, do val á montaña: O Freixo-Somede

Publicado en Pegadas, por Serxio Paz Roca e Xosé María López Fernández

Propoñémosvos para este primeiro roteiro, ir en coche ata o núcleo do Freixo e comezar alí, ben sexa a pé, ou en bicicleta. Se decidides facer este roteiro a pé, tedes que pensar en levar o xantar, xa que a distancia a percorrer é considerábel, co que o mellor de todo sería facer un descanso no camiño. A pé levaravos, a un ritmo normal unhas 6 horas, e se decidides facer o roteiro en bici, en dúas horas e media, aproximadamente, chegaredes de volta ao punto de partida. O menos atractivo desta proposta é que o roteiro non é circular, co que deberedes voltar polo camiño polo que fostes, mais a beleza do lugar ben merece unha segunda ollada. Ademais, cando voltedes cara o núcleo do Freixo, a visión do xa visto será totalmente distinta, sexa pola nova perspectiva das paisaxes ou pola distinta luz que haberá unhas horas despois do voso primeiro paso.


1.- Núcleo rural do Freixo
Unha vez debidamente estacionado o vehículo, podedes comezar o voso roteiro na capital da parroquia do Freixo, onde se poden visitar diferentes elementos de interese. O primeiro deles é a Igrexa de San Xoán, cuxa estructura orixinal remóntase ao século XII, en pleno románico. Aínda así, este edificio sufríu numerosas modificacións, a maior das cales foi a do século XVII, na que o templo se amplía coas dúas naves laterais, cun pórtico e máis co campanario. Este campanario é basicamente barroco e está unido co corpo da igrexa por unha cuberta que funciona coma un amplo pórtico. Outros elementos de interese son o cruceiro, situado enfronte da igrexa, datado en 1899 e que consta de pedestal, columna e capitel todos eles decorados con motivos relacionados co calvario de Xesús nos seus últimos días; a casa rectoral do Freixo, que garda na súa Historia un feito de moita sona a principios do século XX, pois relatan as crónicas que alí foi apreixado o célebre bandoleiro mañonés, Toribio Mamed Casanova, cuxas peripecias foron relatadas polo escritor Higinio Puentes na súa novela O bandido Casanova, onde o naquel entón párroco do Freixo, Basilio Poupariña lle tendeu unha emboscada na suntuosa e elegante rectoral da, en tempos, importante parroquia do Freixo, feito que foi recompensado pola viúva de Alfonso XIII co seu nomeamento coma Capelán da Casa Real; o osario, do que se descoñece a súa construción pero do que se di que é dos tempos da fame, cando se fixo necesario baleirar o camposanto para facerlle sitio aos numerosos mortos; e o palco de comezos do XX, feito polos veciños para a actuación dos músicos o día do patrón.

S-Xoan-do-Freixo.jpg

2.- Medoñas do alto de San Xoán
Seguindo o camiño chegaredes ao Alto de San Xoán, onde podedes visitar unha das poucas mámoas do concello que se atopa debidamente sinalizada e que aínda conserva parte da coiraza de seixos. Este tipo de construcións responden ás prácticas funerarias dos primeiros habitantes da nosa comarca, fai miles de anos. Nos arredores desta mámoa pódense visitar tamen outros exemplares deste tipo de construcións, tales como a mámoa de Penadaugas ou a mámoa do Furado da Niebla.

3.- O mirador do Alto de San Xoán
Fermosas vistas neste lugar onde aproveitar para descansar e coller folgos contemplando a maxestuosidade do pai Eume, que flúe silandeiro hacia o embalse da Ribeira.

4.- A ermida de San Miguel
Logo dunha pequena camiñata dende o mirador chegaredes á ermida de San Miguel, construída a finais do século XIV. Está integrada no conxunto de Sangoñedo, terreos que na actualidade forman parte da area de natureza do Cabalar. En principio esta visita estará condicionada pola presenza no lugar do persoal responsábel da apertura da cancela de acceso ao recinto.

5.- Círculo lítico do Bidueiral
Está emprazado no punto máis alonxado do roteiro, ao que chegaredes logo de camiñar un bo treito. Trátase dun resto prehistórico sito a uns 50 metros ao sur do desvío que leva ao Bidueiral, e a uns 20 metros á esquerda da pista que leva ao Cabalar. Está nunha pequena planicie a carón dunha mámoa. Ten uns 9 metros de diámetro e consta de grandes seixos e cuarcitas, así coma de laxes de pizarra. Algúns autores din que é o último que se conserva en Galicia destas características.

6.- O muíño dos Feros
Ao muíño chegaremos cando veñamos de volta cara o Freixo. No cruce do Bustelo, colleremos dirección Somede e a unhos 800 metros nunha curva de esquerdas moi pronunciada, na marxe inferior da mesma e cuberto dunha espesa vexetación, atópase este antigo muíño. Os veciños da zona afirman que debe ter máis de douscentos anos de antigüidade e parece ser que pertencía a unha familia de muiñeiros do lugar. O contorno inmediato, desconfigura a beleza da construción, pois son numerosos os refugallos depositados na parte traseira do mesmo, co que o muíño perde parte do seu encanto.

Muino-Somede.jpgNOTICIA POR CORTESÍA DE CyberMODE (www.amigus.org) 

Sem comentários: