Imaxe: Antroido en Vilariño (Ourense)
O Centro de Estudos do Entroido de Galicia busca por toda a provincia de Ourense carteis, programas, adhesivos e outras referencias das festas do entroido para escanearlos e incluílos nunha base de datos que será accesible en internet para todos os interesados, segundo explicou a arqueóloga de Laza, Nieves Amado.
Amado forma parte do colectivo Homo Ludens constituído hai un ano por impulsores e estudiosos dos entroidos de Laza, Verín, Xinzo de Limia, Viana do Bolo, Ourense, Manzaneda e A Gudiña, entre outros, para promover a investigación ao redor desa festa e "superar os localismos, xa que todos e cada un dos entroidos teñen un grande interese antropolóxico e histórico, pero deben relacionarse", matizou.
Un centro virtual
Nese sentido, os integrantes do colectivo traballan agora nunha páxina de internet que fará a función de Centro de Interpretación Virtual do Entroido, segundo Amado, e na que estudiosos e curiosos poderán acceder a documentos como fotografías, informes, testemuños inéditos e material relacionado con esa actividade.
"Entre as dificultades que nos atopamos está a de recompilar programas, carteis e adhesivos para escanear e incluír na base de datos da futura páxina ese material, que poderá ter calquera na súa casa, polo que facemos un chamamento para pedir colaboración".
O outro aspecto prioritario para o colectivo é a propia investigación do entroido, que conta con documentos de época medieval pero que atopa a súa principal dificultade en relación aos traxes e máscaras.
Procura en domincilios particulares
Segundo Xerardo Dasairas, estudioso do Entroido de Verín, o traxe de Cigarrón máis antigo está localizado na casa dun particular que o conseguiu en Nocedo (Castrelo do Val), onde tamén se atoparon bocetos para elaborar a máscara do Cigarrón. Os debuxos da máscara para a parte superior son, por exemplo, transatlánticos "e non todo animais como son agora", agregou.
Pola súa banda, Nieves Amado atopou na casa do descendente dun alcalde de Laza unhas ordenanzas municipais de 1905 sobre o entroido e o comportamento das súas máscaras, os Peliqueiros. "É difícil ir moito máis atrás nestes estudos -engadiu- polo que é necesario dar a coñecer o que se sabe e profundar nos entroidos menos coñecidos, pero igual de interesantes histórica e antropoloxicamente, como os de Manzaneda, Bande ou Vilariño de Conso, e dos que buscamos representantes para o colectivo".
A creación da páxina de internet complementarase, o día 25 de xaneiro, cunha xornada que se celebrará no edificio Simeón e cuxo formato decidirán os integrantes do grupo Homo Ludens na súa reunión do sábado día 12 de xaneiro.
Sem comentários:
Enviar um comentário