Mostrar mensagens com a etiqueta ponteses ilustres. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta ponteses ilustres. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, junho 17, 2008

XOSÉ ALBERTE NA EXPO ZARAGOZA 2008

Xosé Alberte López, Xornalista Pontés de 26 anos, introdúcenos na Exposición Universal de Zaragoza, onde él traballa no Departamento de Prensa.

sábado, março 29, 2008

A asociación Hume das Pontes presentou o número un da súa revista histórica

Tras seis de anos de vida, a Asociación de Estudos Históricos Hume das Pontes dá un paso máis na súa labor de traballar para crear conciencia local sobre o patrimonio histórico do municipio e pon a andar a revista “Hume”, que persegue os mesmos obxectivos.

O primeiro número desta publicación presentouse onte na biblioteca municipal do Concello. O acto estivo presidido polo profesor Carlos Breixo, colaborador habitual da asociación, e polo presidente da mesma, Xavier Martínez. Ademais, tamén participaron varios dos colaboradores da publiciación así como algún dos membros da revista Cátedra de Pontedeume.

“Hume” nace con carácter anual e co fin de reivindicar o patrimonio cultural, histórico e artístico das Pontes. Por elo, o artigo central da revista adicarase sempre ao estudo da vida dalgún pontés destacado por dar parte da súa vida a traballar polo pobo. Así, o número un da revista centrase na biografía de Enrique Rivera Rouco, un dos párrocos máis comprometidos coa vila. O artigo corre a cargo de José María López Ferro, que realiza un extenso traballo analizando minuciosamente a vida e obra de Rivera Rouco.

A revista complétase con outros cinco artigos de investigación. O profesor ortegano Carlos Breixo adica varias páxinas ao estudo da Ponte de Ferros, a máis importante de todas as que atravesan o municipio. O traballo de Breixo data a construcción no ano 1621, afonda na orixe da mesma, no autor así como en diferentes datos relacionados coa histórica ponte. O presidente da asociación Hume escribe un artigo sobre a igrexa parroquial de Salvador de Pina. Trátase dun traballo de investigación ao que Xavier Martínez adicou varios anos. Nel afonda, entre outros, a historia do templo, a súa imaxinaría ou a orixe das súas cofradías. A prensa pontesa é outro dos temas abordados neste primeiro número da revista. Xosé María López Fernández investiga o diario “La Unión” que en 1915 sacou varios exemplares a rúa. Hai tamén espazo para a memoria oral da vila a través dun traballo etnográfico realizado por varios colaboradores. Unha entrevista co director do corto rodado nas Pontes “Reflexo de lembranza”, Roberto Rego, pecha este primeiro número de “Hume”.

A revista poderase adquirir a partir da vindeira semana en calquer librería da vila por cinco euros. Tamén se pode consultar na biblioteca do municipio.

Nova extraída do Diario de Ferrol

quarta-feira, fevereiro 06, 2008

Unha mina de talento cinematográfico en As Pontes

Imaxe: Os xoves creadores ponteses encheron o cine das Pontes de veciños e amigos a véspera de Reis.

O auditorio Alovi das Pontes acolleu o venres 4 de xaneiro a presentación en sociedade dos traballos dos novos creadores do audiovisual.

Os organizadores da xornada -a Asociación Sociocultural Choiva Azeda-, promoveron o acto para dar a coñecer o labor dos realizadores entre os seus propios veciños, declarándose “amigos e siareiros incondicionais” do traballo dos directores.

 Só 4 días despois de que a xacemento de lignito pontés deixará de extraer o prezado mineral negro, unha nova mina mostrábase nas Pontes, aínda que nesta ocasión a materia prima trátase do talento e os esforzos creativos de seis xoves da vila.

Creadores e creacións

Os seus nomes son Sabela Pernas, Nuria Castro, Marta Ramos, Mario Añón, Roberto Rego e Manoel Campelho, teñen entre 24 a 30 anos de idade e, entre outras cousas, comparten que se atopan iniciando a súa carreira profesional no eido do mundo audiovisual e que ningún reside actualmente nas Pontes, só unicamente Roberto desenvolve o seu traballo como cámara en Galicia, o resto, atopase facendo as súas particulares “Américas”.

Nembargantes, todos fan referencia a súas raíces pontesas para explicar a forte motivación de cara a 7ª arte, que segundo Sabela Pernas pode ser explicada xa que “dende nenos estamos acostumados a unha televisión local que non tódolos pobos teñen, e que nos ofreceu un contacto co audiovisual dende moi nenos”. A realizadora valora o pobo como fonte de inspiración, debida a que “a xente nova das Pontes sente sempre un compromiso especial co seu pobo, por seren unha zona mineira en decadencia, o que fai querer mostrar a outra cara de onde procedemos”. Nuria Castro comparte esta visión, é pensa que “As Pontes é un pobo de creadores natos”, e xustifícao dende unha perspectiva psico-sociolóxica: “Somos un laboratorio científico dende a formación como pobo, e os individuos vense constantemente sometidos a estímulos para producir dende tódolos eidos”.

Documentais

Sabela, na actualidade, está a estudar un Máster de cine en Londres, e presentou dous documentais. O primeiro Ciclo Combinado, co-dirixido con Nuria, que cursa un Postgrao de Fotografía en Barcelona, foi galardoado co primeiro premio Galiza Crea, no apartado audiovisual de novos creadores que concede anualmente a Xunta de Galicia. Este documento foi feito a partires de entrevistas a veciños de distintas idades a partires das cales se vai desgranando a historia local dos últimos 30 anos, así como as esperanzas e inquedanzas futuras sobre as riquezas económicas e humanas no concello.

O segundo documental de Sabela é Mundo Bazar, co-dirixido xunto con Marta Ramos -que acaba de rematar os seus estudos de Comunicación Audiovisual en Madrid-, indaga na emigración china en Galicia, a través de dúas xeracións dunha mesma familia propietaria do archicoñecido Bazar Antonio, que se atopa ubicado no Polígono Empresarial do Ceao de Lugo. No mesmo formato de entrevistas e planos dinámicos empregados en Ciclo Combinado, o documental afonda na realidade cotiá deste colectivo de inmigrantes en Galicia a través dos seus protagonistas, e fuxindo dos típicos tópicos.

Curtametraxes de ficción

No tocante, as obras de ficción, foron reproducidas tres curtametraxes. A sesión comezou con Cambio de planes, co-dirixida por Manoel Campelho, afincando ao igual que Nuria e Mario en Barcelona, e onde traballa como director fotográfico. A curta traspórtanos a unha hipotética situación vital dun funcionario franquista a piques de se xubilar, e que recibe unha transcendental orde que pode cambiar a historia política de España e, sen lugar a dúbidas, a súa propia escala de valores e normas.

Minerva de Mario Añón –que nestes momentos, atópase colaborando nunha emisora de radio de Barcelona-, invita ao espectador a unha introspección na mente dunha muller de media idade afectada por unha enfermidade dexenerativa, e acrecentada pola soidade e o abandono na que se atopa. A partires desta historia, o director lévanos a un mundo onírico e de recordos e imaxes da nenez e da razón perdidas.

Tamén dos recordos trata O reflexo da lembranza de Roberto Rego, un traballo que xa fora presentado no mesmo escenario hai agora un ano, e que narra a versión persoal do creador sobre a lenda do río Eume, que segundo os máis vellos, cada ano o río lévase unha vida humana como cobro da riqueza acuífera que aporta ás terras da comarca.

Retorno a Galicia

Aínda que a maioría atópase fora de Galicia por necesidades laborais e formativas, a idea de voltar a Galicia non lles quita o sono. A súa intención é a de retornar dentro duns anos, pero sempre que o horizonte laboral sexa máis claro do que é neste momento. A idea é común a todos: “a actividade do audiovisual galego é un sector en auxe, pero conta –ao igual que moitos outros sectores económicos- cunha alta taxa de precariedade e temporalidade laboral, que fai que o futuro se presente algo incerto”.

Outro conto é o de voltar a vila nai. Non cren que o seu futuro pase por As Pontes, xa que tal como o explican: “traballar nas Pontes audiovisualmente é limitar moito o teu campo de traballo”, rematando cun “gustaríame voltar, pero creo que hai quer ser realistas”.

Exhibición nas Pontes

O acto contou tamén cun sorpresa final dos organizadores, que rescataron un traballo escolar das realizadoras dos seus tempos de colexialas na Escola Primaria Santa María, e que fora galardoado pola Consellería de Educación no ano 1995.

Pero cecáis, o máis especial, foi o espazo físico escollido para a xornada: o cine de sempre para esta xeración de ponteses. Nuria tíñao claro: “ten o seu sentido derradeiro, porque que mellor lugar que onde nacen as cousas”. Segundo Mario: “é como unha proxección en familia e ten de especial que é o cine onde de pequeno ías a ver pelis”. Roberto foi o máis emotivo: “que a xente acuda a ver os nosos traballos ao centro cultural de importancia que temos na vila, é o mellor agradecemento que me poden facer os meus veciños”.

NOVA EXTRAÍDA DO XORNAL PEGADAS (FEBREIRO 2008)

quinta-feira, janeiro 10, 2008

A séptima arte pontesa


PARA LER A NOVA DO PROGRESO, PINCHADE ENRIBA DA IMAXE
A redacción é da xornalista pontesa Cristina Arias

terça-feira, janeiro 08, 2008

As Pontes, canteira das novas promesas do cine


Mozos creadores da vila exhiben os seus primeiros proxectos audiovisuais 

As Pontes ten unha predisposición especial para as artes. é unha afirmación difícil de probar cientificamente, aínda que Nuria Castro explícao de marabilla: "Temos unha fonte creativa na mina... é o fume que nos inspira». Nuria é unha dos novos creadores audiovisuais que onte presentaron o froito do seu traballo de xeito conxunto no Cine Alovi. Ten 27 anos e dedícase á fotografía. Tamén é unha das guionistas, directoras, produtoras e demais do documental Ciclo Combinado, recentemente premiado pola Xunta. A súa compañeira de batallas, Sabela Pernas. «Foi un proxecto común» de estudos, explica Castro.

Iso si, as dúas novo artistas llo guisaron elas solitas. Pero iso non lles preocupa. Son xente emprendedora e non é de estrañar que digan das administracións que «se nos queren axudar, que nos axuden». O que está claro é que a estas artistas non hai quen as free.

Marta Ramos, de 24 anos e tamén da vila mineira, é a coartífice, novamente xunto a Sabela, de Mundo Bazar, outro dos documentais proxectados onte no Alovi. «Á xente gústalle e ten boas críticas», di. é o seu xeito de valorar a experiencia tan «positiva» que supuxo a filmación do seu primeiro documental sobre a inmigración chinesa en Lugo. Sabe que se dedicará a isto o resto dos seus días. Por iso é polo que se fose a Madrid a estudar Comunicación Audiovisual.

Pola súa banda, Mario Añón (27 anos), espera atopar o seu espazo en Barcelona. Alí estudou Audiovisuais tras o seu periplo pola escola de Imaxe e Son de Vigo e pasa boa parte da súa vida. O de onte non era o seu primeiro traballo coa cámara. De feito, a curtametraxe Minerva, que «foi un traballo dá carreira», presentábase por primeira vez nun cine. E vaia se gustou. Iso si, o de Añón é a gran pantalla. «Gustaríame traballar a ficción», di.

O futuro cineasta resume a concentración de artistas das Pontes nunha soa palabra: «Inquedanza». Segundo o creador, na vila «hai tamén moita cultura musical», entre outras cousas, «e a xente pódese permitir determinados estudos».

O que está claro é que o lector xa se pode quedar coas súas caras, pois estean seguros de que as volverán a ver. Levan o talento gravado nas súas frontes e suficientes soños como para revolucionar o audiovisual, polo menos, en Galicia.

Tamén desde a organización da posta de longo celebrada onte no Alovi rompeu unha lanza en favor deste colectivo de artistas visuais: «As Pontes ten un nivel formativo bastante elevado, e ou sector do audiovisual é moi atractivo para a xente nova e ten moitas saídas laborais no mundo no que vivimos, a sociedade da información», sentenciaron.

Todo o demais foi un simple encontro de amigos que quixeron mostrar aos seus veciños do que eran capaces. E non hai dúbida de que foi só o primeiro dunhas longas vidas de éxito.

A Voz De Galicia

Esqueron comentar que a xornada foi organizada por Choiva Azeda :)

quinta-feira, janeiro 03, 2008

Choiva Azeda proxecta no Alovi as obras dos realizadores máis novos de As Pontes


A asociación pontesa Choiva Azeda organiza unha proxección de obras audiovisuais no cine Alovi. Será mañá, ás 20.30 horas, con entrada gratuíta. Con esta actividade queren dar a coñecer o traballo de veciños da localidade formados neste eido. Todos eles residen fóra (algún incluso en Londres) pero en moitos casos a súa vila natal é unha parte esencial do seu traballo.

Proxectarase a curta documental "Ciclo combinado", de Nuria Castro e Sabela Pernas. É unha análise socieconómica das Pontes, antes e despois da transformación industrial provocada pola mina e a central térmica. Esta obra gañou o premio GzCrea no apartado audiovisual. De Sabela Pernas é tamén "Mundo Bazar", unha visión do mundo dun bazar chino a través dunha familia chegada directamente de China e dos seus descendentes, integrados xa nunha sociedade moi diferente á dos seus pais.

No Alovi verase tamén "Minerva", un traballo de Mario Añón que se adentra, a través dunha experiencia onírica, no interior dunha persoa que vive soa e que padece unha enfermidade mental dexenerativa.

De Roberto Rego proxectaranse "O reflexo da lembranza", un traballo de ficción baseado nunha lenda relativa ó río Eume, e "Interferencias".

O ciclo de cine de realizadores ponteses rematará con "Cambio de planes", un traballo escrito e dirixido por David Solana que presenta a un funcionario a piques de se xubilar que recibe unha trascendental orde que pode cambiar a historia do país.

Os organizadores adiantan ademais que haberá algunha que outra sorpresa durante a noite.
+ info SOBRE A PROXECCIÓN:

domingo, dezembro 30, 2007

Xornada Audiovisual pontesa o día 4 no cine Alovi


Asociación Socio-Cultural Choiva Azeda presenta:

Xornada Audiovisual Pontesa

CINE ALOVI o día 4 de xaneiro ás 20:30 h

A proxección de creacións audiovisuais pontesas inclúe as seguintes curtas e documentais:

-"Ciclo Combinado" (galardoado con GZcrea) de Sabela Pernas e Nuria Castro

- "Mundo Bazar" de Sabela Pernas e Marta Ramos

- "Minerva" de Mario Añón

- "Interferencias" de Roberto Rego

- "O reflexo da lembranza" de Roberto Rego

-"Cambio de planes" de David Solana e Manoel Fdez. Campelho

- E ALGUNHA SORPRESA MÁIS

Máis información no telf. 670432491

Pincha no cartace para amplialo

DÍPTICOS DA XORNADA AUDIOVISUAL PONTESA (VENRES 4 DE XANEIRO NO CINE ALOVI)




Pincha enriba das imaxes do díptico para saber máis das curtas e dos documentais da esperada:

 PROXECCIÓN AUDIOVISUAL DE CREACIÓNS PONTESAS

VENRES 4 DE XANEIRO

Lugar: CINE ALOVI (AS PONTES)

Hora: 20h30

Organiza: ASOCIACIÓN SOCIO-CULTURAL CHOIVA AZEDA

domingo, dezembro 16, 2007

Sabela Pernas e Nuria Castro recibiron o premio «Galiza Crea» por un curto documental


Sabela Pernas e Nuria Castro son dúas mozas das Pontes de 24 e 27 anos de idade, que onte recibiron o premio «Galiza Crea», co que a súa curtametraxe documental foi galardoado como o mellor traballo audiovisual galego. A gala tivo lugar en Cangas do Morrazo ás oito da tarde. 

A curtametraxe gañadora leva por título Ciclo Combinado, e nel as dúas mozas narran o impacto ambiental e social que supuxo a instalación de Endesa nas Pontes nos anos setenta, a través do testemuño de varios veciños e traballadores do lugar. Trátase dunha polifonía de voces na que intentamos reflexar a transformación que supuxo a central na sociedade pontesa, ou desarraigamento pola chegada de xente de fóra dá vila, e ou futuro que lle espera co peche dá mina e ou novo lago», explica Sabela Pernas. A idea xurdiu porque as dúas mozas eran compañeiras de clase e amigas: «Para nós era algo coñecido porque ou vivimos en primeira persoa, e cremos que é importante saber de onde vimos e a onde imos. Agora vai pechar a mina e pode que As Pontes chegue a ser un pobo turístico», explica Sabela.

Proxección o 4 de xaneiro

Ésta foi a súa primeira experiencia documental e, ante o éxito obtido, esperan continuar traballando en novos proxectos, indagando aínda máis na sociedade das Pontes. Aínda que, por agora, terán que esperar, xa que Sabela está estudando en Londres e Nuria en Barcelona. Os interesados en ver Ciclo Combinado, poderán facelo nas Pontes o próximo día 4 de xaneiro, a primeira vez que se proxecte nesta cidade, onde naceu.

Nova da Voz de Galicia