
terça-feira, outubro 14, 2008
O Cantar do Mio CID deixa de ser anónimo pra serén atribuída a súa autoría ao literato musulmán al-Waqqasi

quarta-feira, fevereiro 06, 2008
Unha mina de talento cinematográfico en As Pontes
Imaxe: Os xoves creadores ponteses encheron o cine das Pontes de veciños e amigos a véspera de Reis.
O auditorio Alovi das Pontes acolleu o venres 4 de xaneiro a presentación en sociedade dos traballos dos novos creadores do audiovisual.
Os organizadores da xornada -a Asociación Sociocultural Choiva Azeda-, promoveron o acto para dar a coñecer o labor dos realizadores entre os seus propios veciños, declarándose “amigos e siareiros incondicionais” do traballo dos directores.
Só 4 días despois de que a xacemento de lignito pontés deixará de extraer o prezado mineral negro, unha nova mina mostrábase nas Pontes, aínda que nesta ocasión a materia prima trátase do talento e os esforzos creativos de seis xoves da vila.
Creadores e creacións
Os seus nomes son Sabela Pernas, Nuria Castro, Marta Ramos, Mario Añón, Roberto Rego e Manoel Campelho, teñen entre 24 a 30 anos de idade e, entre outras cousas, comparten que se atopan iniciando a súa carreira profesional no eido do mundo audiovisual e que ningún reside actualmente nas Pontes, só unicamente Roberto desenvolve o seu traballo como cámara en Galicia, o resto, atopase facendo as súas particulares “Américas”.
Nembargantes, todos fan referencia a súas raíces pontesas para explicar a forte motivación de cara a 7ª arte, que segundo Sabela Pernas pode ser explicada xa que “dende nenos estamos acostumados a unha televisión local que non tódolos pobos teñen, e que nos ofreceu un contacto co audiovisual dende moi nenos”. A realizadora valora o pobo como fonte de inspiración, debida a que “a xente nova das Pontes sente sempre un compromiso especial co seu pobo, por seren unha zona mineira en decadencia, o que fai querer mostrar a outra cara de onde procedemos”. Nuria Castro comparte esta visión, é pensa que “As Pontes é un pobo de creadores natos”, e xustifícao dende unha perspectiva psico-sociolóxica: “Somos un laboratorio científico dende a formación como pobo, e os individuos vense constantemente sometidos a estímulos para producir dende tódolos eidos”.
Documentais
Sabela, na actualidade, está a estudar un Máster de cine en Londres, e presentou dous documentais. O primeiro Ciclo Combinado, co-dirixido con Nuria, que cursa un Postgrao de Fotografía en Barcelona, foi galardoado co primeiro premio Galiza Crea, no apartado audiovisual de novos creadores que concede anualmente a Xunta de Galicia. Este documento foi feito a partires de entrevistas a veciños de distintas idades a partires das cales se vai desgranando a historia local dos últimos 30 anos, así como as esperanzas e inquedanzas futuras sobre as riquezas económicas e humanas no concello.
O segundo documental de Sabela é Mundo Bazar, co-dirixido xunto con Marta Ramos -que acaba de rematar os seus estudos de Comunicación Audiovisual en Madrid-, indaga na emigración china en Galicia, a través de dúas xeracións dunha mesma familia propietaria do archicoñecido Bazar Antonio, que se atopa ubicado no Polígono Empresarial do Ceao de Lugo. No mesmo formato de entrevistas e planos dinámicos empregados en Ciclo Combinado, o documental afonda na realidade cotiá deste colectivo de inmigrantes en Galicia a través dos seus protagonistas, e fuxindo dos típicos tópicos.
Curtametraxes de ficción
No tocante, as obras de ficción, foron reproducidas tres curtametraxes. A sesión comezou con Cambio de planes, co-dirixida por Manoel Campelho, afincando ao igual que Nuria e Mario en Barcelona, e onde traballa como director fotográfico. A curta traspórtanos a unha hipotética situación vital dun funcionario franquista a piques de se xubilar, e que recibe unha transcendental orde que pode cambiar a historia política de España e, sen lugar a dúbidas, a súa propia escala de valores e normas.
Minerva de Mario Añón –que nestes momentos, atópase colaborando nunha emisora de radio de Barcelona-, invita ao espectador a unha introspección na mente dunha muller de media idade afectada por unha enfermidade dexenerativa, e acrecentada pola soidade e o abandono na que se atopa. A partires desta historia, o director lévanos a un mundo onírico e de recordos e imaxes da nenez e da razón perdidas.
Tamén dos recordos trata O reflexo da lembranza de Roberto Rego, un traballo que xa fora presentado no mesmo escenario hai agora un ano, e que narra a versión persoal do creador sobre a lenda do río Eume, que segundo os máis vellos, cada ano o río lévase unha vida humana como cobro da riqueza acuífera que aporta ás terras da comarca.
Retorno a Galicia
Aínda que a maioría atópase fora de Galicia por necesidades laborais e formativas, a idea de voltar a Galicia non lles quita o sono. A súa intención é a de retornar dentro duns anos, pero sempre que o horizonte laboral sexa máis claro do que é neste momento. A idea é común a todos: “a actividade do audiovisual galego é un sector en auxe, pero conta –ao igual que moitos outros sectores económicos- cunha alta taxa de precariedade e temporalidade laboral, que fai que o futuro se presente algo incerto”.
Outro conto é o de voltar a vila nai. Non cren que o seu futuro pase por As Pontes, xa que tal como o explican: “traballar nas Pontes audiovisualmente é limitar moito o teu campo de traballo”, rematando cun “gustaríame voltar, pero creo que hai quer ser realistas”.
Exhibición nas Pontes
O acto contou tamén cun sorpresa final dos organizadores, que rescataron un traballo escolar das realizadoras dos seus tempos de colexialas na Escola Primaria Santa María, e que fora galardoado pola Consellería de Educación no ano 1995.
Pero cecáis, o máis especial, foi o espazo físico escollido para a xornada: o cine de sempre para esta xeración de ponteses. Nuria tíñao claro: “ten o seu sentido derradeiro, porque que mellor lugar que onde nacen as cousas”. Segundo Mario: “é como unha proxección en familia e ten de especial que é o cine onde de pequeno ías a ver pelis”. Roberto foi o máis emotivo: “que a xente acuda a ver os nosos traballos ao centro cultural de importancia que temos na vila, é o mellor agradecemento que me poden facer os meus veciños”.
NOVA EXTRAÍDA DO XORNAL PEGADAS (FEBREIRO 2008)
quarta-feira, novembro 07, 2007
Mario Añón presenta a súa curtametraxe Minerva en Cataluña
O realizador pontés Mario Añón presenta este xoves, 8 de novembro ás 23:00 h. a súa opera prima MINERVA no bar Salao en Vic (Barcelona).Desexámoslle sorte no seu debut ao noso estimado amigo azedo, que a día de hoxe, atópase emigrado en terra cataláns, onde parece que saben valorar mellor que en Galicia, o talento dos moz@s galeg@s.
sexta-feira, setembro 21, 2007
Xa podes escoitar os temas da banda musical polaca-pontesa LOST HORIZON
O dúo musical Lost Horizon, residente en Dublín (Irlanda) e formado polo artista polaco Rafal Kasprzak e o viaxeiro e ecléctico pontés Javier Ramos, permítennos gozar do seu bo facer a través de 4 temas dispoñibles no seu espazo cibernáutico.sábado, julho 28, 2007
Díaz Pardo galardoado ca Medalla de Ouro de Galicia
O intelectual Isaac Díaz Pardo declarou que a Medalla de Galicia que lle concedeu a Xunta supón un "fideicomiso" dos "ilustres galeguistas" que "loitaron" pola comunidade "sobre todo no exilio" e, por iso, considerou a máxima distinción que outorga o Goberno autonómico a "homenaxe nun vello" ás figuras que durante o século XX defenderon Galicia.Nun discurso emocionado tras recibir a medalla de mans do presidente galego, Emilio Pérez Touriño, Díaz Pardo dixo "asumir a representación en fideicomiso" das xeracións de "ilustres galegos exiliados", dos que, recordou, "algúns morreron sen ver nosa a terra". Por iso, ante a máis alta representación institucional, cultural e política da comunidade que se deu cita no compostelano parque de San Domingos de Bonaval, o intelectual galeguista mantivo que o galardón, o segundo concedido polo bipartito, representa un "desagravio á súa sorte".
Así, Díaz Pardo aproveitou a súa quenda de palabra para reivindicar a achega dos que dende a emigración traballaron por Galicia e "pensaron que, ao volver, o primeiro que habería que facer é recuperar a memoria histórica" que, segundo el, "estaba roubada".
quarta-feira, abril 25, 2007
Cantos galegos hai no mundo?
Estímase que uns 3.700.000 nativos de Galiza viven repartidos ao longo do mundo. A cuantificación dos habitantes da diáspora galega acada o 1.200.000. O Estado español, Arxentina, Venezuela, Brasil, Alemaña, Suíza e Francia son os lugares que acollen un maior número de emigrantes galegos. E é que a nosa identidade nacional e cultural non sabe de fronteiras. Pola súa banda, a Xunta ten localizado 316.027 emigrantes galegos con dereito ao voto en máis de 7.000 municipios estranxeiros.Seguir lendo en A Nosa Terra
