Mostrar mensagens com a etiqueta xornal pegadas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta xornal pegadas. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, junho 04, 2008

Ramón Varela: "O enchido actual do lago das Pontes paréceme que non é o correcto"

ENTREVISTA PUBLICADA NO XORNAL COMARCAL PEGADAS NO NÚMERO DE XUÑO DE 2.008

Ramón Varela Díaz, catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e doutor en Bioloxía, segue a ser unha das referencias do ecoloxismo galego na actualidade. Loitador incansable,Varela é autor da tese "A contaminación atmosférica en Galicia", traballo que no puido ler na Universidade de Santiago e que si foi aceptada pola Universidade Autónoma de Madrid, obtendo a máxima cualificación. Con él falamos ao respecto do actual proceso de enchido do oco da mina das Pontes e as problemáticas que este pode xerar na comarca.

Como ben sabe o enchido do oco da mina das Pontes xa se está a producir. No horizonte agárdanos o que será un dos maiores proxectos ambientais levados a cabo na nosa comarca nos últimos anos. Que eivas pensa vostede que presenta o actual proxecto do lago da mina das Pontes?

Ben, existen efectivamente varios problemas, uns relacionados co que é o medio físico e outros relacionados co medio ambiente. Co que respecta ao medio físico, hai que dicir que existe unha falla no lugar que ocupa a mina, que está aí dende fai millóns de anos inactiva na maior parte, pero que tivo unha actividade en épocas históricas, fai 2.500 anos aproximadamente. Esta falla que pasa polo Pedroso, As Pontes e Muíño Novo e que se extende en 55 kilómetros, pode ter actividade e pode provocar terremotos. Entón atopámonos que en canto se encha o oco de auga, debido á presión hidrostática, pode lubrificarse a falla e provocar terremotos. É evidente que este é un perigo certo que pode existir. Isto a nivel de medio físico. E logo a nivel ambiental, hai outros problemas como a humidade que pode crear, e ao mesmo tempo o problema e as repercusións que pode traer para as augas do río Eume. A miña opinión é que debería facerse un estudo ecolóxico de todo o entorno, estudo do impacto que pode producir o enchido desta forma e ao mesmo tempo sacar as conclusións, é dicir se merece a pena facer esta obra, en función das consecuencias negativas que pode traer.

Fálase de que un dos fáctores esenciais para obter unha correcta calidade das augas é o ritmo de enchido, que no caso de ser prolongado sería máis prexudicial para a calidade da auga. Cal é a súa opinión ao respecto?

Ben, coido que non debemos xogar con aspectos que na natureza non están comprobados. Refírome a que, se ben hai algúns exemplos de lagos que se crearon a partir de minas abandoadas, son todos exemplos que non son comparables ao que temos na actualidade aquí, pois teñen só a décima parte do tamaño que ten o oco das Pontes. Neste caso concreto, non hai ningunha experiencia no mundo onde se enchera un oco tan grande con estas condicións ambientais. Polo tanto se sae mal, non se poderá dar marcha atrás, no sentido de que non se vai a poder baleirar a auga, que sería demasiado ácida e traería problemas, e podería producirse problemas a nivel de ecosistema na ría. Entón a cuestión fundamental reside en que é preferible antes de comezar a facer as cousas, facelas con garantía. A calidade das augas terá que ser controlada por parte da Administración, por que a empresa o que fai é abandoar o proxecto unha vez que está cheo o furado e pasarllo á Administración. Polo tanto no futuro correremos todos cos gastos que poida levar consigo o control desa posible contaminación, e iso será un efecto máis que nos vai a deixar esta industria. Non é certo que non haxa alternativas, o enchido actual do lago paréceme que non é o correcto, tal e como o pretende facer a empresa, esa é a cuestión.

Fálase tamén das posíbeis modificacións do clima da zona debido á gran masa de auga que albergará o futuro lago. Como pode chegar a repercutir en constantes ambientais como a temperatura, a humidade e outros fenómenos asociados?

Ben, hai que ter en conta que estamos nunha zona de vacía e rodeados de montañas o que crea unhas condicións determinadas. A gran evaporación que se pode dar no lago nesas condicións, vai a repercutir nun aumento da humidade relativa, podéndonos atopar un ambiente cunha maior humidade da que existe na actualidade, e isto vai a traer repercusións negativas. Sábese despois da experiencia dos grandes encoros galegos, como o caso de Belesar ou de Castrelo de Miño, que antigamente nas zonas próximas aos encoros os agricultores tiñan que utilizar tres veces o sulfato para atacar o mildeo das viñas, e agora cos encoros xa construidos, en vez de tres veces necesitan aplicar ata oito veces o sulfato. Isto explícase por que as pragas como os fungos propáganse moi ben en condicións de humidade, polo que un aumento de temperatura cunha maior humidade na zona, serían as condicións perfectas para que proliferasen algunhas enfermidades, parásitas e vexetais. Pero ao mesmo tempo tamén podería repercutir na saúde das persoas pois veríanse agudizados algúns dos problemas relacionados co asma, a bronquite, os enfisemas e outros, de tal xeito que repercuta na saúde sobretodo dos nenos e das persoas maiores, que son o grupo máis sensible aos problemas respiratorios.

Como ben sabe o último dos mellores bosques atlánticos conservados alberga un treito deste río. Como pensa que pode afectar ás Fragas do Eume unha baixada no caso de seca, do caudal do río? E nos bancos marisqueiros da ría de Pontedeume?

Hai que ter en conta que esa auga áceda que se vai a producir no futuro lago en contacto coa pirita, vai a provocar a transformación dos sulfuros en sulfatos e polo tanto vaise a producir unha baixada do pH. É dicir que sí se verán afectadas as Fragas do Eume dalgunha maneira o que repercutirá negativamente nun espazo natural importante, repercutirá na calidade das augas do río Eume, repercutirá na calidade das augas da ría de Pontedeume e evidentemente repercutirá incluso, na saúde dos habitantes que están nas zonas próximas. Por qué? Pois por que aí vai a haber unha evaporación importante e unha humidade e iso vai a proliferar o aumento de pragas no campo, así como repercusións a nivel de enfermidades respiratorias como asma e bronquitis que poden afectar á poboación.

Que especies animais e vexetais poderíamos atopar nun futuro lago de seguirse co proxecto actual?

Eu non me atrevo a dicir o que vai a haber aí por que pode ser un lago morto tranquilamente. Se non hai garantías de que as augas teñan unha calidade determinada e de que esa auga sexa similar á do río Eume -e iso vai a ser bastante dificil-, é evidente que non podemos dicir que especies vai a haber aí. Ao mellor é un lago morto. Pódese dar a circunstancia de que sexa así. A evolución da calidade das augas tampouco se mira no primeiro momento, é dicir ao cabo de catro ou cinco anos, senón que hai que vela co paso do tempo, pois nun primeiro momento pode parecer que as cousas funcionan con normalidade e calidade, e despois a medio ou longo prazo pódense chegar a dar uns problemas importantes. O máis normal é que xa comecen os problemas dende o principio.

Logo de que a calidade da auga sexa a axeitada e a rexeneración do entorno esté completa, o control do lago pasará a Augas de Galicia. Como pensa que pode repercutir este traspaso de competencias no futuro?  

A cuestión é que a nivel privado sabemos que non existe un control, pero que a nivel público ese control tampouco se dá. A proba é que moitos dos nosos ríos están contaminados, hai zonas de praia que están contaminadas, hai falta de depuración de augas residuais en moitos concellos e é unha competencia municipal e da administración pública. É dicir que nos atopamos que hai unha empresa que busca gastar o menos posible na solución dun problema creado pola propia empresa e a Administración acepta que ese problema se lle traspase a ela, o cal tampouco é garantía de que se vaia a realizar un control exhaustivo. Eu non entendo moi ben como a nivel público se pode aceptar un compromiso desta índole, pois isto traerá consigo que no futuro terá que haber un control exhaustivo e reparar o que a empresa estivo deixando mal. Isto recaería despois na Administración que tería que solucionalo, cando foi un problema creado por unha empresa privada. Atopámonos pois no punto de inicio, é dicir, como unha empresa privada logo de sacar uns benefizos tan grandes como tivo,    -nos anos 90 acadaba uns benefizos netos de 40.000 millóns de pesetas-, agora poida estar escatimando a nivel económico a solución dun problema, que realmente non significa nada para o imperio que é esa mesma empresa. Penso que a Administración non debe pagar o custe da empresa privada, cos custes sociais que isto implica e cos custes económicos, claro.

Segundo os responsábeis do proxecto de rexeneración da escombreira, este é un dos exemplos europeos de rexeneración ambiental polo que destruir ou desfacer esta escombreira hoxe en día sería tirar os cartos que se invertiron para rexenerar esa zona. Que opinión ten vostede ao respecto?

Eu penso que a empresa actuou moi á lixeira, dende o punto de vista de que ela fixo o que lle pareceu coa escombreira, pois creou unha montaña artificial onde non a había por un lado, e por outro creou un foso onde antes non o había, ou sexa dous problemas distintos. A súa obriga tal e como establece a lei, é a de devolver os materiais que se sacaron dun lugar ao seu lugar de orixe, sempre que se poida. Neste caso o lugar que lle corresponde é o oco da mina. Pódese amortiguar o foso que produciu, cos escombros que depositou facendo a montaña. Isto é o que tiña que facer agora, trasladalo de novo, pero como á empresa lle resulta máis barato coller e abrir para que lle entre auga directamente do Eume é o que pretende facer, non é máis que unha cuestión de custes da empresa, trasladándolle o problema á Administración. Ao final é iso, enténdase da maneira que se entenda, e todo o demais son xustificacións do mundo, chamémoslle entre comiñas “científico” que máis ben é anticientífico, por que intenta xustificar o inxustificable. Non se pode xustificar neste momento unha alternativa como esta baixo ningún concepto e o que parece xa inconcebible é que os que dalgunha maneira teñen unha información científica distinta, que nin sequera se lles escoite, este é o caso do Instituto de Xeoloxía da Coruña que nin sequera a Administración se lle pon ao teléfono.    

quarta-feira, maio 14, 2008

Reportaxe sobre Choiva Azeda no xornal comarcal Pegadas


A REPORTAXE É DE XOSÉ MONTERO. PUBLICADA NO XORNAL PEGADAS, EDICIÓN DE MAIO.
"QUEREMOS OFRECER ALTERNATIVAS. FACER O QUE SE NON FIXERAMOS NON FARÍA NINGUÉN".
Xa non son os rapaces que hai cinco anos se embarcaran nunha iniciativa ilusionante, pero complicada, dinamizar á xuventude local, a traverso dunha asociación na que tivesen cabida as súas propias inquedanzas. Así nacía a Asociación xuvenil Choiva ázeda, á que o paso dos anos tamén lle supuxo derivar ó que actualmente é unha asociación sociocultural. Hoxe teñen xa cinco anos máis, pero manteñen intactas esas condicións propias da xuventude, anque ás veces nos custe tanto recoñecelas. A ilusión, o compromiso, e a iniciativa, eran valores comúns nun grupo que víu a necesidade de cordenar as inquedanzas de xente que estaba a facer cousas, dende campos moi diversos. Creábase así unha entidade que podía albergar a amalgama de actividades que se acabaron por ver beneficiadas de contar cun apoio, un local, e novas posibilidades de formación. Di Ismael Blanco que foi unha grande ocasión de aglutinar a xente nova que, anque ás veces remasen na mesma dirección, non remaban a un mesmo tempo. "Hai que ter en conta que somos un pobo pequeño e aquí cremos coñecernos todos. E é que, a bo seguro que a mocidade da vila, ó final todos nos vemos nalgún intre, pero realmente non nos coñecemos. Atopámonos falando á fin con xente coa que nunca cruzaras unhas verbas, e que estabamos traballando xuntos, e cuns obxectivos comúns".
Falar cos rapaces e rapazas de choiva ázeda ten algo ainda dese caos máxico que envolve á Asociación dende a súa fundación. Falas cun grupo como quen fala cunha persoa que se está a plantear moitas cousas a un tempo. A riqueza dun sistema sen protagonismos, con funcionamento asembleario, e e sen cargos directivos, é un acicate para a diversidade que se manifesta nas opinións e no traballo. "Isto funcionou así sempre", di Marcos Varela "En menos de dous anos eramos máis dun cento de xoves de diferentes procedencias e expectativas, que nos reunimos para facer cousas, e para ter un sitio onde facelas, e un grupo con quen organizalas.
Tamén é certo que tocamos teito moi axiña, porque eramos tantos, e con tantas arelas diferentes, que era moi difícil funcionar, pero á vez sempre había xente interesada en calquera iniciativa. Nunca fomos un grupo uniforme nin uniformizado. Pero é algo do que estamos fachendosos porque era o que perseguiamos".
De calquera xeito semella que falan de Choiva ázeda case con nostalxia, como se a menos intensidade organizativa, se remitisen a outros tempos como un fermoso recordo. Helio Baamonde entende que este era un proceso natural. " O tempo pasou para a a asociación pero tamén para nós, e xa non somos os rapaces que eramos. Agora estamos condicionados polo traballo, e moitos estamos fóra, porque o traballo nos levou fóra. E en non poucos casos moi lonxe, polo que moitos desligáronse, e outros, anque sigan non poden ter a mesma presenza. Tal vez si fora tempo de que viñese un relevo. Pero a nós xa non nos compete. Nós aparecemos nun contexto en un tempo, e agora se o asociacionismo decaeu na xente nova, ó mellor é porque non o demanda. O noso xa non é asociacionismo xuvenil. E non vemos a necesidade real de reactivar unha agrupación que segue facendo o traballo que pode, e ó ritmo que pode".
O nacemento da Asociación pontesa estivo moi vencellado á música, malia que non tardaron en meterse en actividades do máis variado. Explica Roosvelt Bouza que mesmo detrás da fundación había un claro senso práctico: "Aquí había moitos grupos de música que precisaban dun local. E coa asociación tivemos acceso a el, e a axudas. Tampouco había grandes pretensiósn. O que pasa é que nos fixemos ambiciosos ó ver o ben que estaba a funcionar a iniciativa. Nunca esqueceimos o aspecto lúdico que tiñamos que contemplar. Queriamos facer cousas, pero eran cousas para ocupar o noso ocio, e aí a diversión tiña que estar presente sempre, e tivemolo moi claro".
Detrás do nome de Choiva ázeda hai unha historia que nos fala de provocación. "Si temos que reivindicar esa fin da provocación, porque nós considerabamonos a xeración da choiva áceda. Eramos rapaces e rapazas nados a fins dos 70 e princípios dos 80, que estabamos nunha vila na que esta era unha referencia común. O que non prevemos é que nos fose condicionar tanto para que se nos confundise tanto cun grupo ecoloxista. Non obviamos que é unha das nosas inquedanza, a ecoloxía, pero non é a razón fundamental da asociación. E ó final requeríronnos moito dende ese papel sen que nós tivesemos que ir na busca dese camiño". E se Bandia Rivera lembraba os tempos da fundación, e o intre de escoller o nome, Dani Bouza cre que o logotipo axudou tanto ó obxectivo da provocación como á identificación ecoloxista. "Fora Xulio, que é deseñador quen ideou o logotipo. El xa fora un dos artífices principais da denominación, e seguíu nesa liña de provocación, pero ben entendida. Digamos que non queriamos pasar desapercibidos. Queriamos ser chamativos, coas actividades, co nome, e coa imaxe que nos ía representar".
Logo de incursións na música, na radio, na fotografía, ou , fóronse abrindo novas canles, como o audiovisual ou as viaxes, ata desembocar nunha fronte que hoxe aposta tamén polo deporte, coa segunda tempada contando cun equipo de futbol sala que compite na liga local pontesa." É sumarse a unha actividade que xa está organizada no pobo. Participamos así da súa vida deportiva, e é outra vez un punto de encontro regular para a xente de Choiva ázeda. E o deporte non deixa de ser unha posta novidosa, porque era do pouco no que nos quedaba por involucrarnos". Á fin e ó cabo, o obxectivo primordial, e irrenunciable, é o de fomentar a participación social, para o que é chave a información, pola que apostan divulgando o traballo tamén de outras asociacións en terreos como a ecoloxía ou o patrimonio.
Precisamente téñense destacado na militancia en causas como a defensa do patrimonio arqueolóxico pontés, onde dende sempre se aliñaron coa plataforma en defensa do patrimonio. "Actualmente estamos integrados na propia plataforma, pero é algo que nos acontece con outras entidades. Estamos en Asociacións máis grandes como colaboradores, e aí tanto acudimso na súa busca para difundir o seu traballo, como nos requeren eles a nós. Así ten acontecido con Intermon, Amnistía internacional, ou Adega, que xa os tivemos moitas veces en as Pontes facéndolles de anfitrións"Para dar a coñecer o seu traballo apostaron tamén polas novas tecnoloxías, e teñen en funcionamento unha bitácora ".
O blog é a nosa maior aposta actualmente. É un caixón de xastre no que cabe de todo. A información típica xa está ó acde de todo o mundo. Nós damos outras informacións que queremos compartir ou ofrecemos ese espazo para calquera que teña algo que contarnos. Estamos dando aquelos que interesa á xente que está na nosa órbita, pero sen grandes obxectvos de regularidade, nin de ambicións informativas. E cumpre unha grande función para o contacto ó estramos todos moi espallados". Logo de tanto tempo e tantas actividades é moi difícil escoller con que quedarse. "Fixemos de todo. Fomos fieis ó obxectivo de acoller tódalas sensibilidades. Tivemos un grande eco co concurso de feismo, cos primeiros concertos do Nabiza, ou coa xornada do audiovisual local, pero todos gardamos un grande recordo do calendario ázedo de hai dous anos. Nun intre no que estaban moi de moda os calendarios para recadar cartos ou chamar a atención sobre algo, nós fixemolo coa intención de paslo ben, e resultou unha experencia moi divertida."
Á hora de facer un balanzo do mellor e o peor téñeno ben claro. " Co tempo, todos os que participamos nesta aventura, os que seguimos e os que estiveron antes, derrubamos ese tópico da apatía na xuventude. Os xoves non só fan trompos co coche. Tamén hai xente nova que ten inquedanzas. En As Pontes hai unha mocidade con moito talento, e onde vaias sempre coñecerán a alguén xove natural da nosa vila que ten feito cousas interesantes. Alédamonos de ter contribuido cun papel dinamizador, e como contedores de moitas experencias e proxectos".E o tópico que din demostrou non selo é do gusto deste pobo polas etiquetas. "Aquí ó que se move o primeiro que se fai é etiquetalo. Sempre tés que ser alguén ou contra alguén. Nós temos xente de tódalas ideoloxías, e iso entra no ámbito do privado de cada quen. Nembargantes si somos conscentes de que se nos ten situado nunha beira ou na outra segundo a quen non lle gustara o que diciamos ou faciamos. Pero nacimos e espontáneamente, e tal como xurdimos mantivémonos. Sen que ninguén maior nos dirixira ou abndeirara, e mesmo fomos nós os que nos tentaron captar nalgunha ocasión uns e outros. Pero a independencia que mantemos permítenos non ter precisado entrar nestas batallas".

quinta-feira, maio 08, 2008

"O máis sensato é o lago", entrevista a Felipe Macías



Felipe Macías Vázquez é o Director Científico da Evaluación do Impacto Ambiental do proxecto de rexeneración da mina das Pontes. No seu expediente profesional destaca a súa Cátedra de Edafoloxía e Química Agrícola pola Universidade de Santiago de Compostela. Tamén é membro da Academia de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente de Francia e preside a Sociedade Española de Ciencias do Solo.

O texto que se reproduce a continuación é unha breve síntesis literal do máis relevante tratado durante a entrevista.


P: Cal é a duración estimada do enchido do lago e cales son os principais inconvintes que se poden producir durante o proceso?
R: O principal inconvinte sería se o enchido fora lento; porque evidentemente non imos a pensar que aquí xa non volva a caer auga, non?, iso sería absurdo. Pode haber máis ou menos precipitación e polo tanto o ritmo pode variar, entre 4 e 6 anos. Se o ritmo é normal acercarase máis a 4. Se o ritmo é un pouco anormal, con anos excesivamente secos, acercarase a 6, máis non pensamos de ningunha maneira que o fagamos en 10. Se o enchido se fixese só pola precipitación probablemente estariamos falando de periodos que variarían entre 40 a 60 anos. Esto é moito tempo, e entón a oxidación podería afectar enormemente na auga. Nembargantes, se o periodo fosen 6 ou 10 anos, habería que botar máis cal. Pero non pasaría absolutamente nada nese senso, é decir, que a acidez é un problema pero é un problema controlable.

P: Comente brevemente o proceso seguido para o enchido e a rexeneración dos terreos colindantes do futuro lago.
R: A Universidade de Santiago leva traballando nas Pontes dende o ano 1984, noutros temas ambientais, pero case sempre con oxidación de sulfuros; e co tema do lago levamos máis de 10 anos, isto non é unha cousa inventada de hoxe pra mañá.

O principal risco é o de acidificación das augas debido á natureza que teñen os materiais existentes na zona. Ante esa situación, como medidas correctoras, fixéronse algunhas actividades, como meter arxilas brancas encima da superficie, para evitar a oxidación dos materiais que conteñen ferro. No tocante a calidade da auga, fixéronse unha serie de humedais ensaiados previamente na mina de Touro que están demostrando a súa capacidade. E por último, está o seguimento continuo da calidade da auga, controlando se é necesario incorporar caliza ou ben material reductor en función das necesidades.

P: Neste intre estase a facer un enchido só a través da choiva?
R: Exactamente non é así, estase facendo un enchido a través da auga da choiva máis a auga que ven da concesión que ten a central térmica. Tamén se está a meter a auga que ven directamente da escombreira, que hai que decir, que a calidade da auga da escombreira é moi superior á que se tiña avaliado previamente.

P: Por qué?
R: Pois por unha razón bastante sinxela. Porque a escombreira mellorou moitísimo nos últimos anos. A escombreira é un modelo de restauración, podo dicilo, a nivel europeo e mundial. A parte máis profunda da mina, que é unha superfice moi pequena, vaise ver diluida con toda a masa de auga que vai a quedar, en principio, probablemente ata o mes de maio deste ano. E a partir do mes de maio comezará a rebosar caendo no oco e diluindo a auga nesa de peor calidade.

P: E actualmente, o enchido estase desenvolvemento tal e como se tiña previsto?
R: Mellor do previsto. Eu estiven alí a semana pasada, e a calidade da maior parte da auga que xa está no fondo é moito mellor do previsto.

P: No tocante a auga, sábese se será potable para o consumo humano?
R: En principio a auga que haxa no embalse, poderá ser utilizada para todos os usos; dende o baño, pasando pola auga potabilizable, pola cría de peixes ou a utilización en regadío, é decir, todos os usos da auga normal do río Eume.

P: E canto tempo se prevé que pasará ata que poidan ser usadas as augas do lago?
R: O lóxico nun proceso de restauración deste tipo, é primeiro facelo, a continuación facer durante todo o tempo o programa de seguimento e a continuación falar coas autoridades que teñen o control da auga. É dicir Endesa pasará, supoño eu, a competencia da xestión dese lago á Xunta de Galicia e dentro da Xunta de Galicia a Augas de Galicia. Polo tanto é Augas de Galicia a que en función do que teña e unha vez que o admita a que dirá que actuacións se poden facer. Dende o meu punto de vista, por tanto subxectivo, eu creo que practicamente no ano siguiente de estar entregado á Xunta de Galicia, debería de poderse empregar a auga.

P: Segundo a súa opinión, cales serán os usos máis probables dos terreos colindantes do futuro lago?
R: Iso vai a depender de moitas cousas: de quen sexa o propietario e os prazos de ordenación que decida a Xunta. O control da auga correspóndelle a Endesa mentres non o rexenere e despois, corresponderá a Augas de Galicia.

O lago tal e como se concebiu é un lago de uso múltiple. Pola tanto terá actuacións de turismo científico, de conservación de aves (fundamentalmente acuáticas). Van existir unha serie de illas practicamente ailladas, para que non teñan interferencia humana. Haberá unha serie de actividades relacionadas co patrimonio científico, actualmente estamos recuperando fósiles vexetais e animais de hai 25-30 millóns de anos… e con todo iso, poderase xerar un museo e actividades de visita científica. Concretamente toda a conca ábrese fai aproximadamente uns 35 millóns de anos, a última capa de carbón ten 19 millóns de anos, logo todo o xacemento está entre 35 e 19 millóns de anos, é o que se chama o Oligoceno Medio a parte máis profunda e o Mioceno Medio a parte máis alta.

Temos identificado prantas que xa non existían en Europa dende fai millóns de anos. Neste momento estase a recoller moitísimo material de todas as capas, na parte baixa da conca hai unha serie de caracoliños que os paleontólogos din que son mariños, de fondo de ría. Iso significa que a conca das Pontes, estaba unida ao mar e que era simplemente un brazo do Eume antigo que chegaba dende Ares; iso é interesante porque despois a conca pechouse.
Polo tanto, se unimos o dinamismo económico que pode estar entorno á ciencia e á educación, como o que pode estar entorno ao remo e ao deporte, xunto o que se poida estar entorno a outras actividades industriais ou da comarca, tales como: residencias, golf, en fin… fálase de moitas cousas, pois creo que hai unha alternativa interesante de desenvolvemento económico e social.

P: Qué especies animais e vexetais se poderán atopar no lago?
R: Nas zonas máis profundas do lago non vai a haber nada, por que non vai a chegar a luz, fundamentalmente. A flora vai a estar restrinxida ás illas que se van facer e no bordo. Nestas zonas haberá a mesma vexetación que ten actualmente o bordo húmido; é curioso que esa mesma vexetación tamén existía nos pantanos que había hai 30 millóns de anos. En definitiva, a flora que haberá vai ser unha consecuencia das condicións climáticas que temos neste momento, e a responsabilidade do tipo de flora será da Xunta de Galicia, de Endesa, e do mesmo pobo das Pontes. Eu teño unha idea para tratar de reconstruir nun pequeno lugar as condicións de fai máis de 30 millóns de anos, o que sería unha oferta chamativa para que viñeran turistas a ver o bosque do Mioceno, e si se fai ben pode ser tamén pode ser de tipo recreativo, xa que se podería reconstruir unha situación de pantanos e escenas non pantanosas, coa vexetación daquel momento -senón con toda, con moita-, pero non son eu quen o ten que decir, senón quen teña a autoridade no seu momento, e ganas de pagar (risas).

A nivel fauna aí vamos a ter bastante cousa, a nivel de aves acuáticas eu creo que vai a haber todas as que temos no país e as que pasan, incluso haberá crías de anátidas, de garzas, de fochas, é decir, creo que tódalas aves acuáticas poderán desenrolarse perfectamente tanto nos bordos, sobretodo no bordo Norte, porque vai a quedar moi estreitiño e practicamente non se vai a poder utilizar, van a quedar esos humidais que estamos a facer para controlar a calidade da auga, e despois un lugar máis de interese natural.

Con respecto aos peixes, isto si que é importante. Durante o periodo de enchido haberá unhas verxas para que a fauna piscícola do río Eume non entre alí. Pero unha vez enchida a mina, o lago terá a mesma fauna piscícola que ten o Eume. O que sí e seguro é que poderá haber anguías, pois a anguía é moito máis resistente cas troitas, e non ten tanta necesidade de augas osixenadas e admite mellor a turbiedade. Pero tamén hai outro risco, que é o que lle boten. Se os pescadores empezan a meter especies que lles interesa a eles pescar, eso xa depende e, xa non é posible predecilo eu.

P: Qué modificacións climáticas se provén como consecuencia do lago?
R: Unha masa de auga o que fai é atemperar as oscilacións, é decir, a masa de auga actúa como un regulador. Disminuirán os picos de temperaturas baixas, con menos xeadas e con menos oscilacións de temperaturas altas.

P: E no tocante a posibilidade de vivir nunha eterna néboa?
R: Iso non vai a ocurrir. Según os cálculos que se fixeron na avaliación de impacto ambiental, podería haber néboa ata 5 días máis por ano, en función dos cálculos que se fixeron… todo hai que decilo tamén, que os modelos son modelos… non son realidades.

P: Podería mencionar os resultados e benefizos da rexeneración mineira noutras zonas do mundo e como están a funcionar?
R: Hai lagos acidificados imposibles de utilizar practicamente para nada e hai lagos que son modélicos e que se poden utilizar. Cal é a ventaxa das Pontes? Pois que evidentemente conta con toda a experiencia dos fracasos anteriores, por ejemplo, o noso grupo de traballo leva traballando en temas de oxidación de sulfuros dende 1980, é dicir temos unha experiencia de 28 anos de saber o que ocurre cando hai oxidación e, esa experiencia plasmouse no plan de restauración da mina de Endesa e tamén no plan de restauración da mina de Aznalcoyar. Do desastre de Analcoyar e na recuperación de moitas das minas que existen en Andalucía na faixa pirítica. Polo tanto hai unha experiencia científica que avala que si o facemos normal, ten que sair ben.

R: Como cre que afectará ao Parque Natural das Fragas do Eume ou ao río o trasvase de auga cara ao oco da mina?
R: As Fragas do Eume están máis abaixo do embalse do Eume, e este embalse ten 150 millóns de m³ e aínda que non chovera durante catro anos, pódese manter o caudal normal sen problemas. O cauce do río que está entre o embalse da Ribeira e o embalse do Eume, estará igual que estaba, dende o momento que se fai a captación, pois evidentemente hai unha detracción de auga, que se fará nuns períodos onde esté garantido o caudal ecolóxico sempre. O que pode ocorrer e que en 4-5 anos, pois non haxa grandes avenidas de auga nese tramo, que son só 12 quilómetros. E despois xa chegamos ao embalse do Eume que ten auga suficiente, e xa non hai ningún problema.

R: Finalmente, que outras alternativas de rexeneración da mina se estudaron e cales foron os motivos de elexir a creación do lago?
P: O máis sensato é o lago, dende o meu punto de vista claro, haberá xente que non o pense, e son moi libres. As alternativas contempladas dende o punto de vista ambiental son peores, polas emisións, polo gasto de enerxía eléctrica, por ter que atender continuamente a un bombeo, por estar sacando continuamente unha auga de peor calidade, por que claro se ti bombeas masas de auga pequenas esas masas de auga non teñen o volume tan grande de disolución, polo que a calidade da auga sería moito peor; terías que sacalas e logo levalas a unha depuradora, e logo gastar cartos na depuradora; en cambio aquí trátase de que a auga saia de aí, directamente para o río sen depurar, porque teña a calidade adecuada, ou sexa dende o meu punto de vista non hai color.

Entrevista publicada no xornal PEGADAS (mes de maio)

quarta-feira, fevereiro 06, 2008

Unha mina de talento cinematográfico en As Pontes

Imaxe: Os xoves creadores ponteses encheron o cine das Pontes de veciños e amigos a véspera de Reis.

O auditorio Alovi das Pontes acolleu o venres 4 de xaneiro a presentación en sociedade dos traballos dos novos creadores do audiovisual.

Os organizadores da xornada -a Asociación Sociocultural Choiva Azeda-, promoveron o acto para dar a coñecer o labor dos realizadores entre os seus propios veciños, declarándose “amigos e siareiros incondicionais” do traballo dos directores.

 Só 4 días despois de que a xacemento de lignito pontés deixará de extraer o prezado mineral negro, unha nova mina mostrábase nas Pontes, aínda que nesta ocasión a materia prima trátase do talento e os esforzos creativos de seis xoves da vila.

Creadores e creacións

Os seus nomes son Sabela Pernas, Nuria Castro, Marta Ramos, Mario Añón, Roberto Rego e Manoel Campelho, teñen entre 24 a 30 anos de idade e, entre outras cousas, comparten que se atopan iniciando a súa carreira profesional no eido do mundo audiovisual e que ningún reside actualmente nas Pontes, só unicamente Roberto desenvolve o seu traballo como cámara en Galicia, o resto, atopase facendo as súas particulares “Américas”.

Nembargantes, todos fan referencia a súas raíces pontesas para explicar a forte motivación de cara a 7ª arte, que segundo Sabela Pernas pode ser explicada xa que “dende nenos estamos acostumados a unha televisión local que non tódolos pobos teñen, e que nos ofreceu un contacto co audiovisual dende moi nenos”. A realizadora valora o pobo como fonte de inspiración, debida a que “a xente nova das Pontes sente sempre un compromiso especial co seu pobo, por seren unha zona mineira en decadencia, o que fai querer mostrar a outra cara de onde procedemos”. Nuria Castro comparte esta visión, é pensa que “As Pontes é un pobo de creadores natos”, e xustifícao dende unha perspectiva psico-sociolóxica: “Somos un laboratorio científico dende a formación como pobo, e os individuos vense constantemente sometidos a estímulos para producir dende tódolos eidos”.

Documentais

Sabela, na actualidade, está a estudar un Máster de cine en Londres, e presentou dous documentais. O primeiro Ciclo Combinado, co-dirixido con Nuria, que cursa un Postgrao de Fotografía en Barcelona, foi galardoado co primeiro premio Galiza Crea, no apartado audiovisual de novos creadores que concede anualmente a Xunta de Galicia. Este documento foi feito a partires de entrevistas a veciños de distintas idades a partires das cales se vai desgranando a historia local dos últimos 30 anos, así como as esperanzas e inquedanzas futuras sobre as riquezas económicas e humanas no concello.

O segundo documental de Sabela é Mundo Bazar, co-dirixido xunto con Marta Ramos -que acaba de rematar os seus estudos de Comunicación Audiovisual en Madrid-, indaga na emigración china en Galicia, a través de dúas xeracións dunha mesma familia propietaria do archicoñecido Bazar Antonio, que se atopa ubicado no Polígono Empresarial do Ceao de Lugo. No mesmo formato de entrevistas e planos dinámicos empregados en Ciclo Combinado, o documental afonda na realidade cotiá deste colectivo de inmigrantes en Galicia a través dos seus protagonistas, e fuxindo dos típicos tópicos.

Curtametraxes de ficción

No tocante, as obras de ficción, foron reproducidas tres curtametraxes. A sesión comezou con Cambio de planes, co-dirixida por Manoel Campelho, afincando ao igual que Nuria e Mario en Barcelona, e onde traballa como director fotográfico. A curta traspórtanos a unha hipotética situación vital dun funcionario franquista a piques de se xubilar, e que recibe unha transcendental orde que pode cambiar a historia política de España e, sen lugar a dúbidas, a súa propia escala de valores e normas.

Minerva de Mario Añón –que nestes momentos, atópase colaborando nunha emisora de radio de Barcelona-, invita ao espectador a unha introspección na mente dunha muller de media idade afectada por unha enfermidade dexenerativa, e acrecentada pola soidade e o abandono na que se atopa. A partires desta historia, o director lévanos a un mundo onírico e de recordos e imaxes da nenez e da razón perdidas.

Tamén dos recordos trata O reflexo da lembranza de Roberto Rego, un traballo que xa fora presentado no mesmo escenario hai agora un ano, e que narra a versión persoal do creador sobre a lenda do río Eume, que segundo os máis vellos, cada ano o río lévase unha vida humana como cobro da riqueza acuífera que aporta ás terras da comarca.

Retorno a Galicia

Aínda que a maioría atópase fora de Galicia por necesidades laborais e formativas, a idea de voltar a Galicia non lles quita o sono. A súa intención é a de retornar dentro duns anos, pero sempre que o horizonte laboral sexa máis claro do que é neste momento. A idea é común a todos: “a actividade do audiovisual galego é un sector en auxe, pero conta –ao igual que moitos outros sectores económicos- cunha alta taxa de precariedade e temporalidade laboral, que fai que o futuro se presente algo incerto”.

Outro conto é o de voltar a vila nai. Non cren que o seu futuro pase por As Pontes, xa que tal como o explican: “traballar nas Pontes audiovisualmente é limitar moito o teu campo de traballo”, rematando cun “gustaríame voltar, pero creo que hai quer ser realistas”.

Exhibición nas Pontes

O acto contou tamén cun sorpresa final dos organizadores, que rescataron un traballo escolar das realizadoras dos seus tempos de colexialas na Escola Primaria Santa María, e que fora galardoado pola Consellería de Educación no ano 1995.

Pero cecáis, o máis especial, foi o espazo físico escollido para a xornada: o cine de sempre para esta xeración de ponteses. Nuria tíñao claro: “ten o seu sentido derradeiro, porque que mellor lugar que onde nacen as cousas”. Segundo Mario: “é como unha proxección en familia e ten de especial que é o cine onde de pequeno ías a ver pelis”. Roberto foi o máis emotivo: “que a xente acuda a ver os nosos traballos ao centro cultural de importancia que temos na vila, é o mellor agradecemento que me poden facer os meus veciños”.

NOVA EXTRAÍDA DO XORNAL PEGADAS (FEBREIRO 2008)