Mostrar mensagens com a etiqueta galiza sos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta galiza sos. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, julho 17, 2008

CIBERACCIÓN: "O EUME MORRE"



Medio Ambiente vén de culpar (9 de xullo) ás obras da autovía Ferrol-Vilalba da acidez no Eume, causa da morte dos peixes. Días antes (1 de xullo) para a consellaría o responsábel era o encoro do Eume, que explota Endesa. E non esquecimos a rocambolesca explicación ofrecida pola consellaría de Manuel Vázquez (25 de xuño) culpando da catástrofe ás "características xeolóxicas da canle", isto é, ao propio Eume. Diante deste paripé, ADEGA trasladará á Fiscalía de M. A. o ocorrido no río, para investigar o proceder da administración e depurar as responsabilidades neste atentado ecolóxico.

Tí podes esixir á administración que tome medidas urxentes para recuperar o ecosistema do Eume e o Chamoselo e que namentras non se leven adiante medidas correctoras, se suspenda a pesca no Eume entre As Pontes e a desembocadura. Tamén, podes esixir da administración máis transparencia e rigor á hora de determinar a orixe da acidificación e a morte dos peixes, probabelmenmte debida á "limpeza" do encoro da Capela. Dende a web de www.vadeando.com podes facer chegar a túa protesta á Consellaría de Medio Ambiente.

terça-feira, junho 17, 2008

Informes de Ence apuntan riscos na ampliación do seu negocio galego


Derivados como o tisú, os cueiros ou o cartonaje son as opcións máis valoradas para unha papeleira


Os técnicos ven obstáculos tecnolóxicos, de evolución do mercado, e de capacidade ou organización forestal

Pechar o ciclo produtivo galego da madeira cunha papeleira é unha opción industrial que ofrece riscos de competitividade tecnolóxica, de funcionamento dos mercados e de xestión forestal. Así o admiten informes sectoriais internos realizados na comunidade autónoma durante os últimos anos. E así lle consta tamén á firma impulsora do proxecto, Ence, que nas súas últimas auditorías internas analizou os factores máis críticos da produción de celulosa.

A grandes ciclos aos que está sometido o mercado da pasta e o papel son un dos factores que máis preocupan aos expertos. Para Ence, a venda de celulosa representa o 79% dos seus ingresos, o que somete á firma a unha gran variabilidade pola evolución dos prezos.

No seu informe anual, o grupo admitiu que os ingresos provinientes da venda de celulosa están sufrindo os efectos do actual tipo de cambio dólar/euro, xa que os prezos de referencia no mercado internacional mídense en dólares por tonelada. Nos últimos anos, Ence recorreu a operacións forward (compra e venda anticipada de produtos en condicións pactadas de antemán) e contratou millonarios seguros de cambio.

O outro gran risco anotado pola empresa é o límite forestal de Galicia. De feito, o maior custo da actividade celulósica corresponde á adquisición de madeira en rolos de terceiros. Todas as filiais de Ence no mundo dispoñen dunha rede de captación de madeira de terceiros que aseguran a materia prima. Unha papeleira aumentaría as necesidades e tamén os custos.

O déficit está sendo superado por Ence grazas á contribución de madeira procedente de Uruguai, Chile e Congo, principalmente. Esta tendencia, que esixe o aumento das importacións de madeira non europea para as empresas do sector en España e Portugal, confirma a estratexia de Ence de maximizar o autoabastecimiento. A compañía realizou esforzos para ampliar o seu patrimonio forestal e mellorar a súa produtividade, coa compra en Uruguai de máis de 5.000 novas hectáreas neste primeiro trimestre do ano e con programas de I+D+i para a implantación de clons adaptados.

O impacto ambiental desta actividade industrial supón outro factor crítico. As auditorías reflicten que a renovación e disposición tecnolóxica sería tamén máis custosa en lugares periféricos, como Galicia. Ademais, España está considerada como un mercado pequeno para a pasta de fibra curta (a que produce Ence co eucalipto).

Fronte a estas deficiencias estruturais, os mesmos informes subliñan as oportunidades que se abrirían co peche do ciclo de papel en Galicia. Os expertos apuntan cara á fabricación de derivados do papel, como o tisú, os cueiros, envases e cartonaje como unha das opcións con maior capacidade de colocación nos mercados nacional e europeo, aínda que a competencia é dura, con grupos industriais que adquiriron dimensión nos últimos dez anos mediante fusións.

Extraído na Voz


quarta-feira, junho 11, 2008

DE CÓMO AS CHOIVAS IMPIDEN A CONTINUACIÓN DOS TRABALLOS; A FÁBULA DA FORMIGA E OUTROS CONTOS

A ambigüidade do discurso
Restan xa poucas horas para que se cumpra a primeira efeméride da destrución do Círculo Lítico da Mourela e aínda nada sabemos deses informes que restaban importancia á conservación da necrópole e que falaban de cabanas medievais e outras lerias, deses mesmos informes que aconsellaban a destrución do círculo e que daban o visto bon á grave alteración dun conxunto funerario milenario. Onde están eses informes? Por que logo dun ano non foron feitos públicos?

Levamos doce meses asistindo aos avatares da mala planificación dunha obra pública que día a día está a pór en perigo a integridade do noso patrimonio cultural e imos xa fartos e cansos de que a administración ignore os nosos consellos, que con todo o cariño que lles gardamos como administrados que somos deles, non chegamos a comprender que é o que se pretende facer no lugar. Entristecerianos moito ver un túnel ocupando o furado da Mourela.

Hai que lembrar que no mes de xuño do pasado ano, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural levantaba a cautela sobre os restos da necrópole megalítica e establecía unha serie de áreas de exclusión de obra no perímetro das mámoas. Esta decisión política excluía a necesidade de garantir a máxima protección dos elementos que aínda quedaban, ignorando a proposta plantexada pola Plataforma e por ADEGA para a construción dun túnel baixo o xácigo, que nun principio fora apoiada por Patrimonio.

Desbotada esta alternativa por parte da Consellería de Política Territorial, alegando a inviabilidade técnica e económica do proxecto, iniciáronse as tarefas de desmonte para a construción dunha gabia. Gabia que ben podería figurar no récord Guiness cos seus sesenta metros de profundidade como a máis fonda do mundo, aínda que tamén podería ser proposta a récord da ineptitude na planificación dunha obra pública.

Parece que a decisión de trazar unha autovía por medio dun campo de mámoas impide que a gabia conte cun sistema de terrazas laterais que neutralicen os desprendementos de terreo, que regulen a escorrentía das augas e que deixe pasar a luz do sol. É por isto que a día de hoxe as obras seguen paradas.

Unha mámoa ao bordo da gabia
En contínuas comunicacións dirixidas ao Director Xeral de Patrimonio Felipe Arias Vilas, informábaselle sobre o risco de afectación das áreas de exclusión de obra que a súa dirección establecera no mes de xuño de 2007 e solicitábaselle a paralización das obras que estaban a afectar á área de exclusión de obra da mámoa catalogada co código GA15070127.

A día de hoxe a mámoa atópase a uns tres metros do bordo do talud, lonxe dos 40 metros de distancia establecidos por Patrimonio. Ao noso entender a situación actual impide a súa documentación se temos en conta a perigosidade de acometer a escavación deste elemento, por mor dos desprendementos. Das comunicacións ao director xeral nada sabemos, ninguén se sentiu aludido ao parecer. Mágoa que as oracións e as plegarias nada serven contra a forza da gravidade.

Intoxicación informativa
Como guindiña para este pastel administrativo tivemos a sorte de coñecer a semana pasada na televisión local das Pontes, unhas declaracións da Consellería de Política Territorial nas que se nos “informaba” aos ponteses do retraso nas obras da autovía por mor das choivas. Nada se dicía dos contínuos desprendementos de terra na Mourela, que obligaron a modificar os plans de actuación na zona, que engadiron máis tempo á finalización da obra e que están a por en perigo a integridade dos elementos patrimoniais que ainda quedan na Mourela. Tampouco se informaba das contínuas fendas na estructura de gunitado na parede Norte da gabia, que tiveron que ser feitas de novo en repetidas ocasións.

A choiva tivo algo que ver, pero non son os fenómenos ambientais os que planifican as obras públicas.

Reflexión final
Certo é que nos últimos meses preocupámonos moito ou demasiado por todo o que aconteceu na Mourela e dende algún sector local criticouse a nosa inoperatividade noutros temas a nivel patrimonial que afectan aos elementos arqueolóxicos das Pontes. Mais o caso da Mourela é un caso real e actual que exemplifica perfectamente cal é o interese e a atención que se lle presta ao patrimonio, tanto dende a corporación local como dende o goberno da Xunta. Por isto, a nosa teima de defender o que ninguén defendeu, a nosa teima por esclarecer o que ninguén esclareceu e a nosa ilusión por ver algún día o que é noso, respectado.


Clica aquí para ve-lo video

quinta-feira, junho 05, 2008

Cómo entran os lodos de ENCE no Ulla?



As minas de Touro reparten-se en dous sectores, Bama e Arinteiro. No sector de Bama, cando chove, a agua escoa ou filtra-se através dos lodos que se utilizan para restaurar os taludes, e a agua accede á lagoa superior, a máis grande das duas existentes neste sector.
A vexetación acuática medra nesta lagoa pero non é suficiente para neutralizar a carga contaminante. Desta lagoa sae un canal que vai dar a unha segunda lagoa, extremadamente contaminada e de aspecto azul verdoso. Desde esta lagoa, cando chove, a agua escapa libremente ao rego Xeimar, tributário do Brandelos.
Este río, carregado de contaminantes orgánicos e metais pesados, chega ao rio Ulla, sendo un dos principais focos de contaminación do Ulla e, tamén, da ría de Arousa.
Artigo e fotografías extraídas no blog O Povo contra Ence

quarta-feira, junho 04, 2008

Ramón Varela: "O enchido actual do lago das Pontes paréceme que non é o correcto"

ENTREVISTA PUBLICADA NO XORNAL COMARCAL PEGADAS NO NÚMERO DE XUÑO DE 2.008

Ramón Varela Díaz, catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e doutor en Bioloxía, segue a ser unha das referencias do ecoloxismo galego na actualidade. Loitador incansable,Varela é autor da tese "A contaminación atmosférica en Galicia", traballo que no puido ler na Universidade de Santiago e que si foi aceptada pola Universidade Autónoma de Madrid, obtendo a máxima cualificación. Con él falamos ao respecto do actual proceso de enchido do oco da mina das Pontes e as problemáticas que este pode xerar na comarca.

Como ben sabe o enchido do oco da mina das Pontes xa se está a producir. No horizonte agárdanos o que será un dos maiores proxectos ambientais levados a cabo na nosa comarca nos últimos anos. Que eivas pensa vostede que presenta o actual proxecto do lago da mina das Pontes?

Ben, existen efectivamente varios problemas, uns relacionados co que é o medio físico e outros relacionados co medio ambiente. Co que respecta ao medio físico, hai que dicir que existe unha falla no lugar que ocupa a mina, que está aí dende fai millóns de anos inactiva na maior parte, pero que tivo unha actividade en épocas históricas, fai 2.500 anos aproximadamente. Esta falla que pasa polo Pedroso, As Pontes e Muíño Novo e que se extende en 55 kilómetros, pode ter actividade e pode provocar terremotos. Entón atopámonos que en canto se encha o oco de auga, debido á presión hidrostática, pode lubrificarse a falla e provocar terremotos. É evidente que este é un perigo certo que pode existir. Isto a nivel de medio físico. E logo a nivel ambiental, hai outros problemas como a humidade que pode crear, e ao mesmo tempo o problema e as repercusións que pode traer para as augas do río Eume. A miña opinión é que debería facerse un estudo ecolóxico de todo o entorno, estudo do impacto que pode producir o enchido desta forma e ao mesmo tempo sacar as conclusións, é dicir se merece a pena facer esta obra, en función das consecuencias negativas que pode traer.

Fálase de que un dos fáctores esenciais para obter unha correcta calidade das augas é o ritmo de enchido, que no caso de ser prolongado sería máis prexudicial para a calidade da auga. Cal é a súa opinión ao respecto?

Ben, coido que non debemos xogar con aspectos que na natureza non están comprobados. Refírome a que, se ben hai algúns exemplos de lagos que se crearon a partir de minas abandoadas, son todos exemplos que non son comparables ao que temos na actualidade aquí, pois teñen só a décima parte do tamaño que ten o oco das Pontes. Neste caso concreto, non hai ningunha experiencia no mundo onde se enchera un oco tan grande con estas condicións ambientais. Polo tanto se sae mal, non se poderá dar marcha atrás, no sentido de que non se vai a poder baleirar a auga, que sería demasiado ácida e traería problemas, e podería producirse problemas a nivel de ecosistema na ría. Entón a cuestión fundamental reside en que é preferible antes de comezar a facer as cousas, facelas con garantía. A calidade das augas terá que ser controlada por parte da Administración, por que a empresa o que fai é abandoar o proxecto unha vez que está cheo o furado e pasarllo á Administración. Polo tanto no futuro correremos todos cos gastos que poida levar consigo o control desa posible contaminación, e iso será un efecto máis que nos vai a deixar esta industria. Non é certo que non haxa alternativas, o enchido actual do lago paréceme que non é o correcto, tal e como o pretende facer a empresa, esa é a cuestión.

Fálase tamén das posíbeis modificacións do clima da zona debido á gran masa de auga que albergará o futuro lago. Como pode chegar a repercutir en constantes ambientais como a temperatura, a humidade e outros fenómenos asociados?

Ben, hai que ter en conta que estamos nunha zona de vacía e rodeados de montañas o que crea unhas condicións determinadas. A gran evaporación que se pode dar no lago nesas condicións, vai a repercutir nun aumento da humidade relativa, podéndonos atopar un ambiente cunha maior humidade da que existe na actualidade, e isto vai a traer repercusións negativas. Sábese despois da experiencia dos grandes encoros galegos, como o caso de Belesar ou de Castrelo de Miño, que antigamente nas zonas próximas aos encoros os agricultores tiñan que utilizar tres veces o sulfato para atacar o mildeo das viñas, e agora cos encoros xa construidos, en vez de tres veces necesitan aplicar ata oito veces o sulfato. Isto explícase por que as pragas como os fungos propáganse moi ben en condicións de humidade, polo que un aumento de temperatura cunha maior humidade na zona, serían as condicións perfectas para que proliferasen algunhas enfermidades, parásitas e vexetais. Pero ao mesmo tempo tamén podería repercutir na saúde das persoas pois veríanse agudizados algúns dos problemas relacionados co asma, a bronquite, os enfisemas e outros, de tal xeito que repercuta na saúde sobretodo dos nenos e das persoas maiores, que son o grupo máis sensible aos problemas respiratorios.

Como ben sabe o último dos mellores bosques atlánticos conservados alberga un treito deste río. Como pensa que pode afectar ás Fragas do Eume unha baixada no caso de seca, do caudal do río? E nos bancos marisqueiros da ría de Pontedeume?

Hai que ter en conta que esa auga áceda que se vai a producir no futuro lago en contacto coa pirita, vai a provocar a transformación dos sulfuros en sulfatos e polo tanto vaise a producir unha baixada do pH. É dicir que sí se verán afectadas as Fragas do Eume dalgunha maneira o que repercutirá negativamente nun espazo natural importante, repercutirá na calidade das augas do río Eume, repercutirá na calidade das augas da ría de Pontedeume e evidentemente repercutirá incluso, na saúde dos habitantes que están nas zonas próximas. Por qué? Pois por que aí vai a haber unha evaporación importante e unha humidade e iso vai a proliferar o aumento de pragas no campo, así como repercusións a nivel de enfermidades respiratorias como asma e bronquitis que poden afectar á poboación.

Que especies animais e vexetais poderíamos atopar nun futuro lago de seguirse co proxecto actual?

Eu non me atrevo a dicir o que vai a haber aí por que pode ser un lago morto tranquilamente. Se non hai garantías de que as augas teñan unha calidade determinada e de que esa auga sexa similar á do río Eume -e iso vai a ser bastante dificil-, é evidente que non podemos dicir que especies vai a haber aí. Ao mellor é un lago morto. Pódese dar a circunstancia de que sexa así. A evolución da calidade das augas tampouco se mira no primeiro momento, é dicir ao cabo de catro ou cinco anos, senón que hai que vela co paso do tempo, pois nun primeiro momento pode parecer que as cousas funcionan con normalidade e calidade, e despois a medio ou longo prazo pódense chegar a dar uns problemas importantes. O máis normal é que xa comecen os problemas dende o principio.

Logo de que a calidade da auga sexa a axeitada e a rexeneración do entorno esté completa, o control do lago pasará a Augas de Galicia. Como pensa que pode repercutir este traspaso de competencias no futuro?  

A cuestión é que a nivel privado sabemos que non existe un control, pero que a nivel público ese control tampouco se dá. A proba é que moitos dos nosos ríos están contaminados, hai zonas de praia que están contaminadas, hai falta de depuración de augas residuais en moitos concellos e é unha competencia municipal e da administración pública. É dicir que nos atopamos que hai unha empresa que busca gastar o menos posible na solución dun problema creado pola propia empresa e a Administración acepta que ese problema se lle traspase a ela, o cal tampouco é garantía de que se vaia a realizar un control exhaustivo. Eu non entendo moi ben como a nivel público se pode aceptar un compromiso desta índole, pois isto traerá consigo que no futuro terá que haber un control exhaustivo e reparar o que a empresa estivo deixando mal. Isto recaería despois na Administración que tería que solucionalo, cando foi un problema creado por unha empresa privada. Atopámonos pois no punto de inicio, é dicir, como unha empresa privada logo de sacar uns benefizos tan grandes como tivo,    -nos anos 90 acadaba uns benefizos netos de 40.000 millóns de pesetas-, agora poida estar escatimando a nivel económico a solución dun problema, que realmente non significa nada para o imperio que é esa mesma empresa. Penso que a Administración non debe pagar o custe da empresa privada, cos custes sociais que isto implica e cos custes económicos, claro.

Segundo os responsábeis do proxecto de rexeneración da escombreira, este é un dos exemplos europeos de rexeneración ambiental polo que destruir ou desfacer esta escombreira hoxe en día sería tirar os cartos que se invertiron para rexenerar esa zona. Que opinión ten vostede ao respecto?

Eu penso que a empresa actuou moi á lixeira, dende o punto de vista de que ela fixo o que lle pareceu coa escombreira, pois creou unha montaña artificial onde non a había por un lado, e por outro creou un foso onde antes non o había, ou sexa dous problemas distintos. A súa obriga tal e como establece a lei, é a de devolver os materiais que se sacaron dun lugar ao seu lugar de orixe, sempre que se poida. Neste caso o lugar que lle corresponde é o oco da mina. Pódese amortiguar o foso que produciu, cos escombros que depositou facendo a montaña. Isto é o que tiña que facer agora, trasladalo de novo, pero como á empresa lle resulta máis barato coller e abrir para que lle entre auga directamente do Eume é o que pretende facer, non é máis que unha cuestión de custes da empresa, trasladándolle o problema á Administración. Ao final é iso, enténdase da maneira que se entenda, e todo o demais son xustificacións do mundo, chamémoslle entre comiñas “científico” que máis ben é anticientífico, por que intenta xustificar o inxustificable. Non se pode xustificar neste momento unha alternativa como esta baixo ningún concepto e o que parece xa inconcebible é que os que dalgunha maneira teñen unha información científica distinta, que nin sequera se lles escoite, este é o caso do Instituto de Xeoloxía da Coruña que nin sequera a Administración se lle pon ao teléfono.    

quinta-feira, maio 08, 2008

CASTRO DA ATALAIA : PATRIMONIO CULTURAL GALEGO

Podemos defini-lo patrimonio cultural dun pobo como o conxunto de bens, materiais e inmateriais, de recoñecido valor que reflicten as tradicións e a forma de vivir e pensar ó longo do tempo.

O termo patrimonio, en sentido estricto, significa , polo tanto, podemos dicir que o patrimonio cultural de Galiza é o conxunto de elementos materiais e inmateriais que conforman as características específicas da nosa cultura e caracterízase pola súa abundancia, variedade e ampla dispersión xeográfica así como a vinculación á paisaxe que os rodea.

A noción de ben cultural queda subordinada á posibilidade do gozo público, o que, á súa vez, se vincula ó deber de conservación, e iso con independencia de que a súa titularidade sexa pública ou privada.

Así pois, xa que os bens culturais teñen un valor de testemuña histórica e de civilizaciónos propietarios e as diversas administracións deben preservar ese interese xeral que é o noso patrimonio histórico. No exercicio dese cometido estes entes públicos precisan a colaboración das institucións e, sobre todo, dos cidadáns, no coidadodefensa, protección, conservación e custodia de tódolos bens que forman parte do noso patrimonio cultural.

Porén, o Concello de Cervo da Mariña lucense outorgoulle tres licenzas a un construtor, para levantar 100 vivendas sobre o castro da Atalaia. Ambos sabían que nese terreo hai un importante xacemento arqueolóxico.

O Concello non tramitou a orde de de paralización da obra  emitida por Patrimonio até catro días despois, permitíndolle, deste xeito, ao construtor destruír parte do xacemento.

 Pola súa banda, Patrimonio, que actuou correctamente ao principio, incomprensiblemente permitiu que esta desfeita continuase noutras parcelas que non se viran afectadas, tal e como se pode comprobar nestas ligazóns:

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia/

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-atalaia-1//

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-2/

http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-3/

Como cidadáns, preocupados pola defensa , protección e conservación do noso patrimonio, pedímosche a túa colaboración difundindo esta información.

SALVEMOS O CASTRO DA ATALAIA!

segunda-feira, abril 21, 2008

COMUNICADO DA PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES


Un corremento de terra na gabia da Mourela ameaza unha mámoa
O monumento megalítico atópase a tan só tres metros do talud

A pasada semana producíase un corremento de terras no marxe Norte das obras da autovía AG-64 ao seu paso polo lugar da Mourela no concello eumés das Pontes de García Rodríguez. Ao redor duns quince metros de terreo, víñanse a baixo producindo un considerábel desprendemento de firme que ía a parar ao fondo da gabia.

Na actualidade a situación debe ser considerada como moi grave, tendo en conta a proximidade do elemento catalogado GA15070127, co marxe Norte da autovía. A penas tres metros separan a estructura arqueolóxica do marxe do talud. Unha situación que empeorará nas vindeiras horas de seguiren a persistir as choivas na zona, o que pode ocasionar novos desprendementos e dar coa mámoa no fondo da autovía. Esta situación sería a todas luces moi grave, tendo en conta os compromisos establecidos pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, no comunicado emitido o 5 de xuño de 2007, por mor do levantamento da cautela sobre os restos do círculo lítico da Mourela, que a continuación se transcribe:

- Na zona próxima aos restos do círculo lítico existen tres mámoas ás que non lle afectarán as obras da autovía

As mámoas non están afectadas
O resto dos xacementos arqueolóxicos localizados nesa área, os denominados túmulos tan só están afectados en parte do seu ámbito de protección, non no xacemento mesmo, polas obras de construción da Autovía Ferrol-Vilalba. Estas mámoas son visibles e recoñecibles, 
e para elas trazáronse uns ámbitos de exclusión de obras nos estudos arqueolóxicos levados a cabo con motivo da elaboración do proxecto construtivo da autovía, establecéndose as medidas protectoras e correctoras necesarias para que se conserven na súa integridade.

Á vista de toda a documentación, dos datos que obran no expediente e dos informes dos Servizos Técnicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu unha resolución informando favorablemente a continuación das obras da Autovía Ferrol-Vilalba, treito As Pontes Cabreiros, na área cautelada da Mourela, baixo as seguintes condicións:

- Manteranse balizados os ámbitos de exclusión de obra dos xacementos Mourela 4 (GA15070127), Mourela 6 (GA15070130) e Mourela 7 (GA15070129), nos que non se poderá levar a cabo ningún tipo de obra, e o trazado, na medida do posible, alonxarase destas áreas de exclusión reducindo as dimensións dos noiros ou taludes proxectados. A situación destes elementos e os seus ámbitos deberán figurar na cartografía de obra.

Nunha comunicación remitida no día de hoxe ao Dir. Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, D. Felipe Arias Vilas, dende a plataforma solicitamos coñecer cales van a ser as medidas a activar para preservar a integridade do ben ameazado e se van a esixir algún tipo de responsabilidade á COTOP, como promotora e responsábel do proxecto.

Cremos que a situación que se está a producir non é froito do azar ou a mala sorte, estamos convencidos de que isto era previsíbel, tal e como vimos manifestando en repetidas ocasións dende o mes de novembro pasado, e non entendemos como non se tomaron as medidas oportunas a tempo, tales como a escavación da mámoa afectada, nun momento no que a seguridade dos arqueólogos non estaba ameazada.

Parece pois que este novo corremento de terras na zona, non contou coa suficiente previsión por parte das autoridades competentes en materia de protección do patrimonio nin foi anticipada polos responsábeis da execución da autovía, poñendo deste xeito en serio risco a integridade dos bens patrimoniais e a propia seguridade das edificacións colindantes.

Neste intre, máis de 50 metros de desnivel e unha profunda fenda no terreo están a arriscar a conservación dunha parte do noso patrimonio. No mes de xuño do pasado ano, xa tivemos que ver tamén como as máquinas remataban con miles de anos de historia, destruindo os restos do círculo lítico e partindo en dous a necrópole, por medio dunha gabia. Agora, a falla de previsión e o incumprimento dos compromisos establecidos para a integral conservación das mámoas e dos seus ámbitos de exclusión, veñen a por en evidencia a rigurosidade dos controis arqueolóxicos na zona.

É neste intre, cando o berro mouro do Canto Máis? cobra forza e significado. De novo debemos preguntarnos: Canto máis teremos que agardar para poder ver aos mecanismos administrativos que garanten a conservación e preservación do noso patrimonio, desenvolver eficazmente o seu traballo? A proposta do túnel, esquencida no caixón dalgún despacho de San Caetano, debería facernos reflexionar sobre a súa idoneidade, como fórmula para non ter que lamentar males maiores.

terça-feira, abril 08, 2008

Costas derrubará o paseo marítimo de Xove

O ministerio gastará 726.000 euros para recuperar o aspecto orixinal do litoral de Esteiro sobre o que construíra a estrutura fai un decenio por 462.000 euros

Pouco máis de dez anos durou o paseo marítimo e as estruturas construídas sobre a praia de Esteiro (Xove). Estase ultimando o rebo dunha obra exposta no seu día para proporcionar servizos e «protexer as dunas». Demoleuno o mesmo organismo que o proxectou, a Dirección Xeral de Costas, entón encadrada no Ministerio de Obras Públicas, e hoxe, no medio Ambiente. Costas investiu 462.000 euros en levantar, sobre o acceso á praia, corredores de escaleiras de formigón, un fornelo con chaira empedrada, aparcadoiro, duchas, baños, mesas e grelladas. Agora acaba de derruirlo todo, máis de 45.000 metros cadrados, co fin de recuperar e protexer o sistema dunar, conectar unha zona de aparcadoiro cunha pasarela de madeira, trazar un carreiro peonil e adecuar un edificio para servizos, por 726.000 euros.

O areal, duns 800 metros, podería volver estar rodeado de dunas e juncos, en base a unha política que pretende «recuperar e mellorar a franxa litoral, respectando as características ambientais e paisaxísticas de cada zona e facilitando o uso e goce da costa ao cidadán». Nestes parámetros, o estilo de paseo con cemento, laxas e muros de lousa (aínda nos lugares onde o litoral é de granito, como ocorre en Xove), farois, pérgolas e todo tipo de edificios nas costas galega e cantábrica, parece desterrado do inventario oficial, en favor de pasarelas de madeira de 2,2 metros de ancho e carreiros máis discretos do mesmo ancho, de grava e area compactadas.

Medio Ambiente confirma que a de Esteiro, un espazo illado, é unha actuación puntual. Rexenerar o cementado requiriría só na costa de Lugo un orzamento inxente para restituílo ás súas características morfológicas, paisaxísticas e vexetais orixinais. Dificilmente devolveranse as condicións idóneas para que as dunas evolucionen noutros areais en que fai anos derrubáronse chabolas para construír paseos, e aumentar a continuación o volume de edificios privados.

Desde a época de Fernando Osorio Páramo como director xeneral de Costas, cando se falaba sen ambaxes de «paseos de fachada marítima», Administracións municipais de distinta cor participaron do frenesí dos paseos e apenas quedou praia sen o seu. Na mesma liña, o último sobre as dunas e paseos son os «centros de interpretación».

En dirección contraria, a derriba da estrutura de seis plantas dun hotel inconcluso sobre a praia de Areoura (Foz) en tempos do ministro Matas marcou un claro cambio de rumbo, aínda que quedaron os chalés sobre os riscos. Seguíronlle outras demolicións soadas como a do complexo de Caixa Galicia en Benquerencia, e algunha máis que está ao caer, pero quedan moitos paseos que bordean as rías ou ata os de ribeira sobre os mesmos cantiis.

domingo, março 30, 2008

A web de Salvemos Monteferro, Premio Nano Cambeiro de Xornalismo

A web da plataforma Salvemos Monteferro, da que xa temos falado nesta páxina (por exemplo, con motivo da publicación dun estudo sobre a contaminación na Ría de Vigo), vai recibir este venres un importante recoñecemento ó seu labor comunicativo e, sobre todo, á súa capacidade de convocatoria cidadá. Máis concretamente, a páxina recibirá o V Premio Nano Cambeiro de Xornalismo, segundo informa Vieiros

O certo é que a web galardoada é xa un referente como exemplo de aproveitamento da Rede como altofalante para a defensa do noso medio, tanto no que se refire ó Monte Ferro (espazo natural ameazado en Nigrán polo urbanismo 
ó que conseguiron pórlle freo os integrantes da plataforma) como ó resto dos enclaves naturais galegos. 

O caso é que este venres ás 20.30 no Pazo da Escola de Mañufe (Gondomar), a web dende a que se acadaron 10.000 sinaturas para impedir o estragamento do dito monte e dende a que se informou á comunidade internauta do problema do urbanismo en Nigrán (chegou a superar xa as 40.000 visitas), vai recibir o quinto Premio Nano Cambeiro de Xornalismo de mans do Instituto de Estudos Miñoranos.


domingo, março 16, 2008

Novo Blog: O POVO CONTRA ENCE



Hoxe colgamos un blog que nos envía Joám Peres, e que consideramos de interese para coñecer o funcionamento da empresa que segundo dín, pensa en asentarse nos próximos anos nas Pontes. Nós desexamos que non sexa así, e que somentes sexa máis fume electoral.

O POVO CONTRA ENCE:
http://opovocontraence.blogspot.com/


Atopan restos do Paleolítico Inferior na Sierra da Groba

As pezas son bifaces, lascas e núcleos usados como ferramentas de traballo fai máis de 300.000 anos

Os materiais descubertos están dentro da área onde se prevé instalar o parque eólico Albariño I

Novos achados arqueolóxicos puxeron en dúbida para o colectivo Sos Groba a viabilidade do parque eólico Albariño I. Arqueólogos desta plataforma cidadá que se opón ao proxecto de Eurovento atoparon útiles de pedra de máis de 300.000 anos de antigüidade na zona que se verá afectada polo polígono de aeroxeradores.

As pezas dan conta da existencia de asentamentos de grupos de homínidos durante o Paleolítico Inferior na altiplanicie onde se unen os concellos de Baiona, Oia e Tomiño.

Trátase dunha vintena de materiais entre os que hai bifaces da época Achelense, uns útiles traballados polas dúas caras en forma o améndoa; lascas ou fragmentos cortantes de roca e, para rematar, núcleos que servían para facer as lascas.

Estes primitivos utensilios son de cuarcita, un tipo de roca que non existe na Sierra da Groba e que probablemente foi transportada desde as beiras do río Miño, segundo apuntaron onte os especialistas Xosé Lois Vilar e Eduardo Méndez, durante a presentación dos achados , que tivo lugar no Hotel Tres Carabelas.

As investigacións iniciáronse fai dous meses, durante a redacción dun informe sobre o patrimonio cultural da área afectada polo parque eólico, a petición da dirección xeral de Patrimonio da Xunta e da delegación de Cultura de Pontevedra.

Os portavoces de SOS Groba afirman que os materiais atopados son tan só a punta do iceberg, e que se se continúa investigando poderían achegarse novos datos sobre unha das etapas da prehistoria menos estudadas en Galicia.

Con todo, afirman que o xacemento se atopa en risco de destrución pola iniciativa do parque eólico Albariño I, «xa que a construción e remodelación de pistas e demais obras intrínsecas a calquera infraestrutura pon en grave risgo a desaparición a este depósito arqueolóxico de gran valor histórico», afirman.

SOS Groba considera que este xacemento e os 200 puntos de interese que se coñecen na zona afectada polo proxecto deben ser considerados como un argumento para desaconsellar a execución do parque eólico.

Lido na Voz de Galicia

quinta-feira, janeiro 31, 2008

Ultranoite en defensa da ría de Ferrol

Este sábado 2 de febreiro, ás 20:30 horas, o centro sociocultural Torrente Ballester (Ferrol) acollerá o espectáculo colectivo Ultranoite en defensa da Ría, producido pola rede de acción sociocultural Arredemo e Burla negra, a modo de homenaxe aos veciños de Mehá e á xente do Comité Cidadán de Emerxencia, e como denuncia da actitude servil a intereses económicos particulares manifestada polos gobernos da anterior e da actual lexislatura, e que se traducen na imposición da planta regasificadora contra os intereses da cidadanía e do ben común.

O espectáculo que está programado para o sábado 2 ás 20:30 horas, contará coa participación, entre outros de: Chévere (Mónica García, Miguel de Lira, Xesús Ron...), Carlos Santiago, Espido (Guadi Galego e Guillermo Fernández), o Mago Romarís, Os da Ría, Clara Gayo, A Caricia da Serpe (Lino Braxe, Rómulo Sanjurjo), Volta e dalle (Pepe Penabade, Comba Campoy...), o colectivo de circo Pista Catro, Rebeca Montero, e os músicos Bernardo Martínez, Xoan Piñón, Xaquín Blanco, Suso Alonso e Xabier Olite, coa actuación estelar das "cantareiras e cantareiros de Mehá".

+ info: ARREDEMO

quarta-feira, janeiro 30, 2008

17 DE FEBREIRO: MANIFESTACIÓN EN COMPOSTELA CONTRA A DESTRUCCIÓN DO TERRITORIO


O COLECTIVO GALIZA NON SE VENDE convoca a cidadanía preocupada pola destrucción do territorio a unha manifestación o domingo 17 de febreiro en Santiago de Compostela

FAISE un chamamento contra a destrución sistemática do territorio que se está a producir coa participación do goberno ou a causa do seu deslexio. 

A especulación, o urbanismo salvaxe e a marbellización do litoral, a contaminación e recheos nas rías, a degradación dos ríos, o plan acuícola, o plan da minería, o plan eólico, o novo plan de portos deportivos, a destrucción do Courel, Reganosa, Ence,a planta de residuos proxectada en Ribadavia,a desaparición do rural, a destrución dos espazos protexidos e do patrimonio cultural...

Todas estas son manifestacións deste proceso destructivo que en maior ou menor medida afectan a todo o territorio e poñen en perigo o futuro desta sociedade e a integridade do seu medio. Para manifestar a nosa oposición e tentar poñerlles freo acudide a Compostela o 17 de febreiro e difundide agora esta convocatoria a través dos vosos correos e bitácoras.

segunda-feira, janeiro 14, 2008

Gañadores do III Concurso Fotográfico de Acertos Arquitectónicos


O xurado do III Concurso Fotográfico de Acertos Arquitectónicos na Provincia de Lugo, realizou unha selección das fotografías presentadas, e que serán obxecto de exposición próximamente, e de entre estas concedeu catro accesits, e tres premios.

Reunido en Lugo, na sede da Delegación en Lugo do C.O.A.G., o 21 de Decembro de 2007, o xurado do III Concurso Fotográfico de Acertos Arquitectónicos na Provincia de Lugo.

O xurado acordou outorgarlle o primeiro premio á fotografía titulada: ARQUITECTURA DE LUZ DE LUNA

Presentada baixo o lema: ARQUITECTURAS SOÑADAS POR DÉDALO

Prémiase esta fotografía entendendo que amosa dun xeito plástico e coherente novas sensacións da atracción dun espazo arquitectónico.Unha vez aberto o sobre identificativo compróbase que o autor desta fotografía é D. Isaac Alejandro Fernández Hevia, na Biblioteca Intercentros da Universidade de Lugo.

+ info sobre este concurso na web do COAG

NORABOA OS GAÑADORES DOS 2 CONCURSOS (GUAPISMO E FEISMO)

Gañadores do III Concurso Fotográfico de Desastres Arquitectónicos


O xurado do III Concurso Fotográfico de Desastres Arquitectónicos na Provincia de Lugo, seleccionou as fotografías presentadas, e que serán obxecto de exposición próximamente, e de entre estas concedeu catro accesits, dous terceiros premios, un segundo e un primeiro premio.

 

Reunido en Lugo, na sede da Delegación en Lugo do C.O.A.G., o 21 de Decembro de 2007, o xurado do III Concurso Fotográfico de Desastres Arquitectónicos na Provincia de Lugo.

O xurado acordou outorgarlle o primeiro premio á fotografía titulada: MEDROU XUNTO A CASA DOS ABÓS

Prémiase esta fotografía entendendo que amosa unha coidada coherencia formal, dende a ironía, entre á crítica da edificación representada e a súa “evocadora” presentación.


Unha vez aberto o sobre identificativo compróbase que esta fotografía está realizada no lugar de Agruñá, no Concello de Friol, e que o seu autor é D. Miguel Ángel Fraga Vila.

+ INFO na web do COAG


quinta-feira, dezembro 27, 2007

COMUNICADO: PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES


Logo da recente desaparición do anel lítico da Mourela e da destrución da necrópole prehistórica pola Autovía Ferrol-Vilalba AG-64 e pese ás denuncias que levamos feitas ao respecto da situación de indefensión dos elementos patrimoniais do concello, atopámonos hoxe ante un novo intento de dinamitar o noso legado cultural.

círculo lítico do Bidueiral, situado na parroquia pontesa do Freixo é o novo monumento megalítico do concello das Pontes que se ve afectado este ano. Un suma e segue que está a por en evidencia as actuais políticas, autonómica e local, sobre a xestión dos nosos recursos patrimoniais. Un parque eólico, propiedade da empresa Eólicas del Noroeste S.L., é a nova infraestructura que ameaza este ben.

O círculo, que ten unhas dimensións aproximadas de nove metros e medio de diámetro máximo e está formado por rochas e pedras de seixo e cuarcita, así como laxes de pizarra soterradas verticalmente na terra, presenta ademais un par de aliñamentos paralelos de pizarra soterrados, a xeito de entrada ao círculo. Ao seu carón existe un túmulo prehistórico, que ao igual que o círculo non está catalogado, tal e como puidemos comprobar no Inventario Arqueolóxico do Concello das Pontes.

A esta, xa de por sí, descontrolada situación hai que engadirlle o feito de que ámbolos dous elementos se atopan dentro do polígono de afectación do Parque Eólico da Valiña, promovido pola empresa Eólicas del Noroeste, S.L.. Unha nova infraestructura, que pon en serio risco a conservación do noso patrimonio cultural.

O Estudo de Impacto Ambiental (EIA) do parque, data de setembro de 2001 e recolle a existencia do círculo lítico, mais non así a da mámoa. Ainda que estes elementos atópanse incluidos dentro do polígono de afectación do parque, o EIA establece que non se verán afectados polas obras.

Nembargantes, tendo en conta que para estos casos as Normas Subsidiarias e Complementarias do Planeamento da provincia da Coruña, establecen unha protección de 200 metros para elementos arqueolóxicos, dende a Plataforma consideramos que a construción dunha zanxa de cableado que unirá este parque coa subestación de San Xoán, próxima ao lugar, invadirá a zona de protección arqueolóxica dos elementos e provocará fondos prexuizos na conservación dos restos que poidan existir no entorno dos mesmos.

Diversos autores sinalan a este círculo lítico, como o único que se conservaría na actualidade na Galiza, logo da recente destrución dos restos do círculo da Mourela. Así o confirma tamén o EIA, que sinala o seguinte:

“se trata según algunos autores del único círculo lítico que se conserva en Galicia (…) Tiene unos nueve metros y medio de diámetro máximo y está formado por rocas y piedras de cuarzo y cuarcita y laxes de pizarra enterradas verticalmente en la tierra. Según algunos autores tendría un par de alineamientos paralelos de pizarra enterrados, a modo de entrada al círculo, orientados en sentido E-O (…). Por todo ello la fragilidad en este sentido cabe considerarla como baja”.

Os veciñ@s das Pontes que integramos a Plataforma, cremos que a situación con respecto ao Patrimonio da comarca do Eume, non mudou nada nos últimos meses, semella que a destrución do noso anel da Mourela, deulles pulos aos iñorantes para seguir a desfacer o noso gran legado cultural. Namentres os que venderon a súa identidade ao mellor postor, tratan de amosarnos unha parcial realidade a través de mostras e exposicións, que o único fin que pretenden é lavar a cara das institucións que erraron na planificación dunha infraestructura clave para o desenrolo da nosa comarca.

O círculo lítico do Bidueiral merece un trato diferente ao que recibiron os aneis da Mourela e ás mámoas destruidas. O seu carácter exclusivo como elemento susceptíbel de ser estudado, documentado e recoñecido o seu valor cultural, lévanos a plantexar a necesidade da elevación deste elemento á categoría de BIC Ben de Interese Cultural.

Cremos asemade na necesidade de que o Concello das Pontes tome conciencia da inxente cantidade de recursos patrimoniais que están espallados polo termo municipal e acometa a finalización da catalogación que estaba a levar a cabo o LIA Laboratorio de Investigacións Arqueolóxicas, así como a organización do fondo arqueolóxico depositado nos locais da estación de autobuses que agarda dende hai máis dun ano a que se lle tome en consideración.


+ INFO: PLATAFORMA CIDADÁ EN DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES