Mostrar mensagens com a etiqueta feísmo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta feísmo. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, janeiro 30, 2008

Por unha Terra Viva e unha Vida Digna para tod@s

                           Primeira manifestación de Galiza Non Se Vende o 6 de maio de 2007
A Rede Galiza Non Se Vende, formada por máis de medio cento de colectivos ambientalistas e sociais, desembarcará o 17 de febreiro en Compostela para berrar contra a destrución do país

Velaí a grande acción global ambientalista deste 2008 na Galiza nosa. Artellada dende unha organización en rede, un tecido social composto por colectivos moi heteoxéneos pero que coinciden nunha loita común, trata de frear a destrución ambiental do territorio galego, que segundo afirman, nos últimos anos acadou cotas inimaxinábeis. Unha destrución fondamente cimentada no sistema economicista que nos goberna en todos os eidos e nuns gobernos –tamén o actual– que para eses colectivos non están a respostar ás demandas da poboación. Son, ao cabo, unha arañeira de conciencia ambiental que pretende remexer tamén a conciencia colectiva do país. Unha base social antagónica ao poder político.

Galiza Non Se Vende fai así fincapé nunha problemática dabondo extensa, nunha doenza histórica da terra que xa non soporta máis o custe ambiental de actividades económicas insustentábeis que, en gran medida, “residen en empresas de enclave que nos colonizan”.

E a listaxe de eivas évos ben longa: marbellización do litoral, recheos e contaminación das rías, degradación dos ríos, plan acuícola devastador, plan de portos deportivos, plan eólico desmesurado, especulación, plan da minaría, destrución do Courel, urbanismo salvaxe, industrias perigosas (Reganosa, Ence, Parque de Residuos no Ribeiro), modelo de transporte e mobilidade insustentábel, destrución do medio rural, dos espazos protexidos e do patrimonio cultural…

Esta marcha pola dignidade da terra terá lugar o 17 de febreiro, a rentes pois da campaña electoral para as Cortes do Estado, saíndo da alameda de Santiago ás 12 da mañá.


segunda-feira, janeiro 14, 2008

Gañadores do III Concurso Fotográfico de Acertos Arquitectónicos


O xurado do III Concurso Fotográfico de Acertos Arquitectónicos na Provincia de Lugo, realizou unha selección das fotografías presentadas, e que serán obxecto de exposición próximamente, e de entre estas concedeu catro accesits, e tres premios.

Reunido en Lugo, na sede da Delegación en Lugo do C.O.A.G., o 21 de Decembro de 2007, o xurado do III Concurso Fotográfico de Acertos Arquitectónicos na Provincia de Lugo.

O xurado acordou outorgarlle o primeiro premio á fotografía titulada: ARQUITECTURA DE LUZ DE LUNA

Presentada baixo o lema: ARQUITECTURAS SOÑADAS POR DÉDALO

Prémiase esta fotografía entendendo que amosa dun xeito plástico e coherente novas sensacións da atracción dun espazo arquitectónico.Unha vez aberto o sobre identificativo compróbase que o autor desta fotografía é D. Isaac Alejandro Fernández Hevia, na Biblioteca Intercentros da Universidade de Lugo.

+ info sobre este concurso na web do COAG

NORABOA OS GAÑADORES DOS 2 CONCURSOS (GUAPISMO E FEISMO)

Gañadores do III Concurso Fotográfico de Desastres Arquitectónicos


O xurado do III Concurso Fotográfico de Desastres Arquitectónicos na Provincia de Lugo, seleccionou as fotografías presentadas, e que serán obxecto de exposición próximamente, e de entre estas concedeu catro accesits, dous terceiros premios, un segundo e un primeiro premio.

 

Reunido en Lugo, na sede da Delegación en Lugo do C.O.A.G., o 21 de Decembro de 2007, o xurado do III Concurso Fotográfico de Desastres Arquitectónicos na Provincia de Lugo.

O xurado acordou outorgarlle o primeiro premio á fotografía titulada: MEDROU XUNTO A CASA DOS ABÓS

Prémiase esta fotografía entendendo que amosa unha coidada coherencia formal, dende a ironía, entre á crítica da edificación representada e a súa “evocadora” presentación.


Unha vez aberto o sobre identificativo compróbase que esta fotografía está realizada no lugar de Agruñá, no Concello de Friol, e que o seu autor é D. Miguel Ángel Fraga Vila.

+ INFO na web do COAG


segunda-feira, dezembro 17, 2007

Lugo: Bonito sí, pero non así!

chimenes

Este martes 18 ás 20:00 h. no salón de actos do IES Lucus Augusti (antigo
Instituto Masculino), a asociación Lugo Patrimonio e a asociación pola
defensa do Parque Rosalía presentarémosvos a campaña:

LUGO: BONITO SI, PERO NON ASÍ

Esta campaña nace coa vontade de que a ela se sumen tódalas persoas e
asociacións que o desexen, e coa finalidade de debatir e participar do
urbanismo, a arquitectura e a conservación do patrimonio en Lugo. Na
charla farase un percorrido en imaxes por acertos e desacertos
urbanísticos, os danos que sufre a muralla, sensibilización á hora de
rehabilitar, e a situación actual do proxecto de construcción nas Costas
do Parque.

Para participar e intervir neste acto foron convocadas os seguintes
colectivos:

- Federación de Asociacións Veciñais
- UNAVE, Unión de Asociacións Veciñais
- Asociación O Carballo (Parque Marcos Cela)
- Adega
- PRODELUGO, Asociación para la promoción y el desarrollo de Lugo
- Colexio de Arquitectos

Agradecendo a difusión desta mensaxe e agardando contar coa túa
participación, recibe un saudo

Asociación pola Defensa do Parque Rosalía
http://www.parquerosalia.es

Asociación Lugo Patrimonio
http://www.lugopatrimonio.org

sexta-feira, novembro 23, 2007

III Concurso fotográfico de DESASTRES ARQUITECTÓNICOS na Provincia de Lugo




Coma algúns xa tedes experiencia, nestas lindes, podedes participar neste concurso para coller uns cartos para as vindeiras festas do Nadal, onde seguro que fan falla.

Bases:


1. ENTIDADE CONVOCANTE: Comisión de Cultura da Delegación en Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; con sede na Rúa Puro Cora nº1 - 27002 Lugo. Tel: 982230011.


2.Finalidade do Concurso: A presente é a terceira edición dun concurso fotográfico que procura imaxes de Acertos Arquitectónicos na provincia de Lugo a fin de reclamar atención sobre a boa arquitectura pasada e presente na provincia e divulga-los bos traballos a fin de que sexan coñecidos, valorados e respectados.


3. Caracter do Concurso: O Concurso é aberto, anónimo, gratuito e de fase única; para fotografías orixináis, inéditas e non premiadas con anterioridade.


4. Concursantes: Poderán participar tódalas persoas que o desexen. Non poderán participar no presente concurso os membros do xurado, da Comisión de Cultura da Delegación de Lugo do C.O.A.G.; nin aquelas persoas ligadas a elas por relacións de parentesco ou laborais.


5. Xurado: O Xurado do presente concurso estará formado por:- O presidente da Delegación en Lugo do C.O.A.G. ou persoa en quen delegue; que actuará coma presidente do Xurado- O encargado da Comisión de Cultura da Delegación en Lugo do C.O.A.G. ou persoa en quen delegue.- Un arquitecto pertencente á Comisión de Cultura da Delegación en Lugo do C.O.A.G. que actuará asimesmo coma secretario do Xurado.- Dous membros escollidos entre os colectivos de fotógrafos, artistas ou intelectuais de prestixio vinculados ó tema arquitectónico.As decisións do xurado serán irrevocables, definitivas e inapelables e tomaranse por maioría simple de votosNingún premio poderá ser declarado deserto.


6. Criterios de selección: Na selección das fotografías teranse en conta tanto a calidade Arquitectónica do fotografiado coma a calidade artística da propia fotografía.


7. Presentación das Fotografías: As imaxes presentadas a concurso entregaranse na dirección da entidade convocante persoalmente ou por correo certificado, dentro dun sobre que inclúa as mesmas e outro sobre cos datos do concursante identificado exteriormente polo lema escollido polo mesmo; sendo excluidos inmediatamente aqueles traballos presentados fora de prazo ou que non respeten as condicións de anonimato do concurso.Tódalas fotografías deberán presentarse sobre un soporte de dimensións de 40x40cm de cartón pluma branco, de non máis de 4mm de espesor. Na parte posterior do soporte terá escrito "ACERTOS", o título da fotografía e o lema escollido polo concursante.A fotografía, de tamaño e formato libre ata un máximo de 30x30cm estará adherida ó soporte deixando un borde libre de alomenos 3cm. Admitirase calquera procedemento de revelado ou tratamento do papel que non desvirtúe a realidade do fotografiado.No sobre cos datos do concursante, identificado exteriormente unicamente polo lema escollido por este deberán incluirse os seguintes datos:- Nome completo do participante.- Fotocopia do Documento Nacional de Identidade, ou Pasaporte do concursante.- Dirección completa, dirección de correo electrónico e teléfono de contacto do participante.- Ubicación xeográfica dentro da provincia de Lugo do fotografiado, identificada polo título da imaxe, concello e dirección.



8. Prazos: As fotografías poderán presentarse ata as 14:00 Horas do día 30 de Novembro do 2007, non admitindose ningúnha presentación con posterioridade a esta data.A resolución do xurado farase nun prazo máximo de 30 días naturais, contactandose cos autores seleccionados e premiados.As obras non seleccionadas nin premiadas poderán ser retiradas ata un mes despois da resolución do concurso, pasando a poder do C.O.A.G. a partires desa data, sendo este libre de facer con elas o que estime oportuno.
9. Premios: Dacordo ca opinión do xurado concederanse os seguintes premios:
1º Premio, dotado con 1000 Euros
2º Premio, dotado con 400 Euros
3º Premio, dotado con 200 Euros
Accesits: O Xurado poderá conceder os accesit que considere oportunos, dotados con 75 Euros cada un.
Asimesmo a tódolos concursantes dos que se seleccionen fotografías para a exposición das mesmas concederáselles un diploma acreditativo.
10. Aceptación das bases: A participación no concurso supón a aceptación plena das bases.As obras seleccionadas pasarán a formar parte dos fondos do C.O.A.G. a tódolos efectos, facendo os autores cesión dos seus dereitos sobre as mesmas a favor do C.O.A.G.Tódalas obras seleccionadas formarán parte dunha exposición a realizar no salón de Actos da Delegación en Lugo do C.O.A.G., e eventualmente daquelas mostras organizadas con posterioridade nas que se estime oportuno. Nestas mostras indicarase o título, ubicación do fotografiado e nome do autor.Os participantes eximen ó Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera outra transgresión da lexislación vixente na que puidera incurrir algun dos participantes. En caso de conflicto serán de aplicación as disposicións vixentes en materia de propiedade intelectual e de responsabilidade civil.
Para saber máis preme aquí

terça-feira, setembro 18, 2007

ADEGA denuncia que a empresa pública TRAGSA incumpre a lei de Costas cunha construción

Segundo a asociación ecoloxista, a empresa pública levanta unha caseta, con cimentacións e solados de formigón, no lugar de Frouxeira.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) denunciou que a empresa pública TRAGSA constrúe unha edificación que invade terreo de Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT).

Esta asociación ecoloxista, nun comunicado de prensa, asegura que TRAGSA está a levantar unha caseta, con cimentacións e solados de formigón, no lugar de Frouxeira, pertencente ao municipio coruñés de Valdoviño, que incumpre a Lei de Costas.
ADEGA engade que se dá a circunstancia de que no sitio onde se levanta a hora esta construción «foi derrubada, o pasado mes de abril, outra edificación similar porque invadía terreos de DPMT».

Esta organización galega di non entender «como é posible que sexa a propia Administración a que edifique unha construción que vulnera a Lei de Costas».
Ademais ADEGA tamén lamenta a «actitude da Fiscalía de Urbanismo, porque arquivou as dilixencias instruídas pola denuncia presentada por esta asociación ecoloxista contra a construción dun muro en Ferrol».

A Fiscalía, segundo a nota de ADEGA, arquivou as dilixencias alegando que esta construción se desenvolve en chan urbano.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia anuncia que «vai pór estes lamentables feitos en coñecemento do Valedor do Pobo».

Valdoviño ou a costa do cemento


Artigo do Correo Galego:
Os ecoloxistas cualifican o urbanismo deste municipio como o máis caótico do noroeste galego·
Intentos de adosados sobre os cantís, residencias xunto ao mar e altos edificios verdes·
Vaille á zaga Miño, co seu macro-barrio con campo de golf

Chega o outono e foxen a aves migratorias de Valdoviño á caza de paraísos máis cálidos, alén do océano. Sobrevoan a lagoa da Frouxeira infestada de xuncos, o illote fronte á costa, os areais... Pero tamén planean sobre os chalés encostados, as vivendas unifamiliares clonadas, ata os bloques de pisos. O mesmo percorrido, pero por estrada, realízano os veraneantes: abandoan os seus chalés encostados, vivendas unifamiliares, bloques de pisos. O Concello enfróntase a un dilema: a poboación triplícase no verán e demanda novas vivendas. Pero a lexislación e os ecoloxistas permanecen á espreita ante unha posible marbellización do litoral.

Os protectores do medio ambiente téñeno claro. Tanto Adega como Verdegaia, entidades defensoras do ecosistema, cualifican a Valdoviño como o municipio co urbanismo máis caótico do noroeste galego. E citan exemplos. Como caso máis sanguento, pero paralizado a tempo, figura a urbanización da Saíña. Sobre os cantís, invadindo a Rede Natura e os xacementos arqueolóxicos, planeábase a construción de 69 vivendas. A Xunta puxo freo. Pero como portavoz de Adega-Trasancos, Carlos Outeiro denuncia que non terreo quedaron trincheiras de catro metros de profundidade e a Dirección Xeral de Medio Ambiente non toma cartas non asunto.

De casetas a mansións

Vemos dous escenarios: en Villarrube demoléronse as casetas nas dunas, pero en San Xurxo (Ferrol) perviven nos cantís. Máis supostas irregularidades en Valdoviño?. Segundo Antón Fortuna, portavoz de Verdegaia, a xente fai vivendas fóra do ámbito permitido mentras o Concello mira para outro lado. Coincide con Carlos Outeiro na denuncia de tres grandes casas construídas en Campelo, dentro da Rede Natura, autorizadas polo Concello aínda que paralizadas pola Xustiza. Neste fermoso territorio contrasta o crecemento moderado do interior co bum do litoral. No interior vemos construcións de planta baixa con terras de cultivo, pero na costa a expansión chega a urbanizar ou só rústico, protexido ou non, sinala Fortuna.

Os ecoloxistas tamén rexeitan a gran urbanización Costa Anácara en Miño: 1.200 vivendas xunto ao mar. Afirman que o campo de golf supón un gran malgasto de auga.

sexta-feira, agosto 31, 2007

A. VV. de Ferrol Vello organiza un maratón fotográfico.




MARATÓN FOTOGRÁFICO
“RE-COÑECER O BARRIO”

Como primeiro acto das festas da Parrocheira deste ano, a Asociación de Veciños de Ferrol Vello ten prevista a celebración da maratón de fotografía “Re-coñecer o barrio” o próximo sábado, día 1 de setembro.

Esta maratón é, se non a primeira que se celebra en Ferrol, a primeira a se organizar (¿?) en moitos anos, e dende logo unha novidade en Ferrol Vello. Completarase cunha exposición no baluarte de San Xoan na semana do 7 ao 14 do mes vindeiro, tal e como vén recollido no programa das festas. Con ámbalas dúas actividades, maratón e exposición, pretendemos obter unha imaxe do noso barrio dende múltiples puntos de vista, de xeito que o conxunto permita amosar a todos os visitantes unha visión o mais ampla e orixinal posible. Asimesmo, gustaríanos darlle un impulso a un lugar tan atractivo e con tantas posibilidades como é o baluarte, mesmo creándolle un alter-ego que funcione como espacio cultural.

Calquera afeccionado á fotografía, sexa avezado ou principiante, novo ou vello, veciño de Ferrol Vello ou de calquera sitio, pode participar sen necesidade de inscripción previa. A única condición é ter cámara fotográfica dixital e tempo libre dende as 11 da mañá ata as 14 horas, que é o que durará a maratón.
1.- FECHA DO CONCURSO
Sábado 1 de setembro, 2007

2.- HORARIO
Mañana, de 11h. a 14h.

3.- LUGAR
O lugar de encontro será o baluarte de San Xoan, ás 11 da mañá do sábado 1. Alí se lles tomarán os datos e se lles darán as instruccións.
4.- DESENVOLVEMENTO

lugar de encontro será o baluarte de San Xoan, ás 11 da mañá do sábado 1. Alí se lles tomarán os datos e se lles darán as instruccións.
Cada participante acudirá provisto de cámara fotográfica dixital. A tarxeta de memoria da cámara deberá estar valeira. Non hai límite (nin por baixo nin polo alto) de idade.
número de fotos a presentar por participante será de 10: unha primeira de grupo que tomará no mesmo baluarte, e nove mais, correspondente cada unha a un lema no que se deberá inspirar.
Ás 11, no baluarte, daránselles os primeiros tres lemas; ás 12, no obelisco de Churruca (entre Herrera e o Parador), os seguintes tres; e á 1 do mediodía os tres últimos nos xardíns da fonte da Fama (diante do Arsenal).
Ás 14 horas aproximadamente, de novo no baluarte, os participantes descargarán as súas tarxetas no ordenador da AVV. Serán en total 10 fotos, comenzando pola de grupo feita ao principio e seguindo polas outras nove, na orde exacta dos lemas dados.
Un xurado de cinco personas, composto por fotógrafos profesionais da comarca e membros da directiva da asociación, fará a selección das 20 mellores instantáneas. Instantáneas que serán expostas a partir do venres día 7. Os participantes deberán ceder a propiedade das fotografías seleccionadas á AVV Ferrol Vello, polo tanto.
A nosa asociación invita a todos, ferroláns e forasteiros, grandes e cativos, expertos ou novatos, academicistas ou iconoclastas, a tomar parte deste evento e, de paso, a voltar a coñecer o noso barrio.

A 30 de agosto de 2007
O presidente da AVV Ferrol Vello
________________________

sábado, agosto 11, 2007

A asociación Ollomao repasa hoxe en imaxes o bum urbanístico en Barreiros


O colectivo cultural Ollomao de Barreiros organizou para esta noite (22.00 horas) unha proxección de imaxes que resume o bum urbanístico rexistrado no concello durante os últimos anos. O acto será aberto para todo o público e terá lugar xunto á capela de San Bartolo, xa que a proxección realizarase sobre un dos laterais do templo. A continuación terá lugar a presentación do libro O bosque de Nadgor, de Farruco Graña. O autor reflexiona sobre a relación entre o urbanismo e a destrución do territorio.

segunda-feira, julho 02, 2007

O Informe "Destrucción a toda costa" detecta 43 puntos negros no litoral galego


Galicia ten dous puntos negros menos no litoral que no ano pasado, 43 fronte ós 45 do 2006, pero os datos son máis alarmistas: 6.000 vivendas ilegais e 800.000 en proxecto, unha cifra similar ás construídas en toda a historia, e casos de corrupción urbanística agromando sen cesar, segundo informa a organización ecoloxista Greenpeace no seu informe Destrución a toda costa, presentado onte.

No ránking negro a nivel de España, Galicia ocupa o terceiro lugar só por detrás de Andalucía e Canarias, con 16 tramas nos xulgados e plans para construír máis de 8.000 amarres deportivos, e cun dato significativo: só un dos 86 municipios costeiros, o da Pobra do Caramiñal, adoptou o seu plan urbanístico á Lei do solo, o que dá unha idea para o colectivo "da permisividade e o descontrol practicado pola Xunta en anos anteriores".
Un dos autores do informe do 2007, Miguel Ángel Soto, sinala un antes e un despois da tristemente célebre operación Malaia e afirma que a nosa comunidade non é allea a este fenómeno. "Despois do caso de Marbella asistimos a un despertar da Fiscalía respecto dos delitos de ordenación do territorio e Galicia é moi sinalada con 16 tramas de corrupción moi significativas".

Ademais, o experto de Greenpeace indica que a autonomía ten o 16 por cento da costa ocupada, "un dato que pode non parecer moi significativo, pero que está por enriba da media estatal, situada nun 14", e expresa unha alegría contida por lograr un cambio nas prácticas e na mentalidade co logro da Lei de medidas urxentes de protección do litoral aprobada pola Xunta, aínda que apunta: "A experiencia que temos con estas normativas de blindaxe da liña dos 500 metros é que se acaban incumprindo porque hai intereses económicos dos promotores e os que teñen competencia na materia, polo que ademais de lexislar, cómpre manter un control".

A provincia galega máis ameazada é Coruña, con 24 puntos negros cercadas polo ladrillo, o ­aumento descontrolado dos campos de golf e dos portos deportivos, os efectos do cambio climático, que estiman un retroceso medio da costa de 35 metros para o 2050, ou a escasa depuración das augas. SÉguelle Pontevedra, con 12, e Lugo, con sete puntos conflitivos. Entre as súas numerosas demandas, os autores de Destrución a toda costa esixen da Administración galega un Plan de Portos Deportivos que fale alto e claro sobre a súa acción no medio.

Artigo completo en Galicia Hoxe

Descarga-lo informe completo dende o web de Greenpeace

quinta-feira, junho 21, 2007

Cultura urbanística
















... Tamén de fotografía, tamén de exposición e tamén de urbanismo vai o concurso que convocou a Asociación cultural Choiva Ázeda.

O “I Concurso Fotográfico Feísmo Urbanístico no Concello das Pontes” pretendía que a xente saíse ás rúas e fotografase aquelo que lle chamaba a atención por aberrante e por irrespectuoso coa paisaxe. “Porque hai cousas que ás veces saltan á vista. Paseando polo pobo vimos tremendas barbaridades, non se segue ningún criterio e acaba habendo casas vellas ao lado de edificios enormes” denuncia Marcos Varela membro da asociación cultural que convocou o concurso.

O propio Marcos asegura que cando se “fan concursos de fotografía, a xente nunca saca as cousas feas e nos quixemos facer a denuncia”. O resultado foi un alto número de participantes e, coas fotografías recibidas, montouse unha exposición. “Temos previsto facer outra edición pero ao mellor cambiamos a temática. En lugar de facer feismo facemos o contrario, que a xente fotografíe aquelo que considera o máis bonito, por exemplo”, asegura o responsable desta asociación que leva varios anos desenvolvendo múltiples actividades como festivais ou charlas...

A imaxe é de Armando Maseda ("Benvidos a As Pontes". Lei urbanística en Galicia. Fai o que che pete)

Extraido de http://www.culturagalega.org/
Ver o artigo completo

domingo, maio 13, 2007

O II FORO DO FEÍSMO CONCLÚE CON ÉXITO

Os contidos do foro darán lugar a unha publicación.
O II Foro Internacional do Feísmo, «Construír un País: a rehumanización do territorio», deu lugar a interesantes intervencións e debates.

A organización deste II Foro do Feísmo valora de forma moi positiva os resultados, a brillantez e mesmo a enerxía que transmitiron os participantes nas súas exposicións e nos debates posteriores. Todo o decorrer do Foro foi rexistrado videograficamente, e as achegas dos seus participantes serán publicadas en forma de libro proximamente.

Para o que lle interese descargar a publicación do I Foro:
http://www.feismo.com/descargas.html

sábado, maio 05, 2007

A ondada depredatoria, o feísmo e a violencia catastral

Artigo pubricado no País por Manuel Rivas, no que fala da manifestación deste domingo en Santiago, entre outras cousas relacionadas.

Xente como area. Un mar de xente. Iso é o que debía haber este vindeiro domingo en Santiago, na convocatoria contra a desfeita urbanística e a degradación ambiental. Para manifesto atinado o que nace co lema Galiza non se vende.
É unha chamada que, esta si, marca un tempo: o reloxo en hora da conciencia da humanidade galega. Exemplar tamén o xeito en que se organiza, coa unidade en rede, sen dirixismos, de máis de 40 asociacións ecolóxicas, dende a internacional Greenpeace (imprescindíbel a lectura do informe Destrución a toda costa) a colectivos nacidos en loitas concretas ao estilo Fusquenlla de Pontedeume, pasando pola teimosía histórica de Adega. Compostela vai ser escenario do xeito vangardista de ser e estar no mundo: pensar no universal e actuar in situ, pensar na Terra toda e actuar na propia terra.

quarta-feira, maio 02, 2007

MANIFESTACIÓN contra a degradación do territorio. Domingo 6 de maio ás 12:00 na Alameda (Compostela)

A práctica totalidade das organizacións ecoloxistas galegas reunidas nunha asemblea que se celebrou en Santiago o pasado día 31 de marzo, acordamos, por unanimidade, convocar unha manifestación para o día 6 de maio en Compostela.

Máis de 40 colectivos de toda Galicia c oincidimos na necesidade de celebrar este acto reivindicativo e de denuncia.

Denunciamos o grave estado de deterioro e de crecente degradación en que se atopa todo o territorio galego, un acelerado proceso de expolio e destrucción que afecta tanto á costa como ao interior.


Reivindicamos as medidas necesarias para frenar este desastre:

1º O cumprimento da lexislación vixente
2º Unha nova Lei de Ordenación do Territorio
3º Promover unha Estratexia de xestión integrada do litoral
4º Protección efectiva e ampliación da aplicación das figuras de protección ambiental
5º Transparencia e participación da cidadanía nas decisións que afectan ao territorio

É dicir: A implantación dunha nova cultura do territorio.

Achegamos o Manifesto da convocatoria, un breve texto asinado polas máis destacadas personalidades dos eidos da ciencia, a cultura, e as artes de Galicia. Este manifesto está ó voso dispor na páxina web
http://www.redelitoralvivo.info/ coa relación de firmas permanentemente actualizada.

Agradecidos pola vosa atención rogamos que vos fagades eco deste chamamento.


CONVOCAN:
Fusquenlla, Verdegaia, Salvemos Monteferro, Greenpeace, Luita Verde, Foro Social de Cangas, Comité de Emerxencia da Ría do Ferrol, Ortigueira sostible, Amigos da Terra, Anduxía, Colectivo nacionalista de Marín, Asociación na defensa do Parque Rosalía de Castro, SOS Courel, Natura Céltica, Cíes Artesanais S. Coop. Galega, Centro Social A Revolta, Bouzas móvete, Grupo de Axitación Social (GAS), Caleidoskopio, Plataforma contra a ampliación da piscifactoría de Quilmas, Plataforma contra a piscifactoría de Costa Galloufa, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Representantes Alumnos da Facultade de Informática de Coruña, Federación Ecologista Galega (FEG), Salvemos Sanxenxo, Asociación Fuco Buxán, Asociación Cultural Choiva Azeda, Comissao RNGP, Jóvenes Verdes, O Tesón de Ribadeo, Comité de defensa das Rías Altas, Plataforma Ártabra 21, Sociedade galega de Historia natural, Voces polo Litoral de Teis, Colectivo Urbano Lugrís, Asemblea do Suído, Plataforma Ecoloxista pola Defensa da Ria de Ribadeo, Aturuxo Local Social Boiro, Plataforma Ecoloxista pola Defensa da Ria de Ribadeo, Ronda non Sanxenxo, Plataforma na Defensa do Patrimonio de As Pontes.

segunda-feira, abril 23, 2007

BANNER DE MANIFA DO 6 DE MAIO

Temos 2 cartazes para anuncia-la manifestación do vindeiro 6 de maio na defensa dunha terra viva e unha vida digna para todos:

Unha protesta motivada pola preocupacion de amplos sectores da sociedade galega pola degración do territorio.
2 cartazes pero somentes unha mensaxe: Galiza non se vende.

sexta-feira, abril 20, 2007

II Foro Internacional do Feismo

Os vindeiros días 4, 5 e 6 de maio, terá lugar en Ourense o II Foro Internacional do Feísmo, baixo o lema «Construír un país: A rehumanización do territorio».

quarta-feira, abril 18, 2007

Manifestación en defensa do patrimonio natural e cultural, e dunha vivenda digna

Manifestación en Santiago de Compostela!!

*Sairá o domingo 6 de maio ás 12:00 dende a Alameda percorrendo as rúas Senra, Praza de Galicia, Doutor Teixeiro, Praza de Ponte Castro, Horreo, Praza de Galicia, Rúa Nova e rematando na Praza da Quintana. Ao longo desta semana enviarase a comunicación á Delegación do Goberno e ao Concello de Santiago.

* Colectivos adheridos: *Polo de agora manifestaron o seu apoio os seguintes colectivos: Salvemos Monteferro, Luita Verde, Fusquenlla, Foro Social de CangasComité, Cidadán de emerxencia da ría, Verdegaia, Ortigueira sostible, Greenpeace, Amigos da Terra, ADEGA, FEG, Comisión para a reunificacion de galicia e portugal, Colectivo nacionalista de Marín, Asociación na Defensa do Parque Rosalía de Castro, SOS Courel, Plataforma Quilmas, Plataforma contra a Piscifactoría de Costa GalloufaNatura Celtica, Cies Artesanais S. Coop. Galega, Centro Social A Revolta, Bouzas Móvete, Grupo de Axitación Social (GAS), Caleidoskopio, Asociación de alumnos da facultade de informática de a Coruña e Asociación Cultural Choiva Azeda de As Pontes.

Debemos sumar cantos máis colectivos mellor polo que pedimos que cada un de vos faga de altofalante da convocatoria na súa comarca contactando con todos aqueles que puideran ter interese en participar.

*Contactos:
Xosé Reigosa (Salvemos Monteferro) - salvemosmonteferro@gmail.com. Tfno.- 647 965 193
Antón García Carballeira (Fusquenlla) - fusquenlla@sospontedeume.com
Xan Duro (Verdegaia) - info@verdegaia.org Tfno.- 675 680 477
Jose Manuel Casais (Plataforma Quilmas) - kilmasjm@wanadoo.es Tfno.-> 687 531 513

quarta-feira, abril 04, 2007

Colectivos sociais e culturais salirán á rúa o 6 de maio para protestar contra o urbanismo salvaxe

Os colectivos sociais integrados na Rede Litoral Vivo convocan para maio a unha manifestación para protestar contra a "degradación do territorio" e a "cementación de Galicia". Nunha asamblea celebrada este fin de semana, as 20 agrupacións implicadas na organización da marcha decidiron fixar a movilización para o 6 de maio en Santiago.
+ no País
+ en Galicia-Hoxe.com
+ galería fotográfica de feísmo nas Pontes

sexta-feira, março 30, 2007

Primeira coordinadora galega contra a degradación urbanística

Fusquenlla, un colectivo de Pontedeume, ten convocadas para este sábado diversas asociacións para constituír un grupo de denuncia, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, co obxectivo de crear a primeira coordinadora galega neste eido.

As asociacións e colectivos veciñais e ecoloxistas galegos parece que chegaron ó tope de "consentimento" de desmandos urbanísticos ou polo menos iso indica o feito de que se estean dando, paseniñamente pero seguros, os primeiros pasos para a constitución dunha coordinadora contra a degradación urbanística, de ámbito galego.

en Vieiros

sexta-feira, março 16, 2007

vivendas para xovenes (innovadoras)

As constructoras participantes no concurso teran que xuntarse cun arquitecto e redactar o proxecto en 3 semanas. Menos tempo que cando saen os concursos para os carteis da fraga ou o grelo.

A Consellería de Vivenda anunciou onte o inicio do proceso de licitación para construír nas Pontes 32 pisos de réxime protexido para mozos e maiores. Neste sentido, a área dirixida pola nacionalista Teresa Táboas no Goberno galego ofrece un orzamento de 2,8 millóns de euros para executar a obra nun prazo de 24 meses.
Segundo o anuncio publicado onte no Diario Oficial de Galicia, as empresas que desexen presentar as súas ofertas para esta actuación deberán expor os seus proxectos antes das 14.00 horas do día 10 de abril na sede da Consellería de Vivenda e Solo, en Santiago. A mesa de contratación abrirá as propostas en acto público o 23 de abril.
O edificio estará situado na rúa Sergio Rivera Chao, albergará vivendas dun e dous dormitorios, de entre 40 e 57 metros cadrados, e no baixo un centro de día para maiores. As vivendas ocuparanse en réxime de aluguer.

imaxen: concurso centro de acojida inmigrantes, na Rambla do Rabal.