A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) denunciou que a empresa pública TRAGSA constrúe unha edificación que invade terreo de Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT).
Esta asociación ecoloxista, nun comunicado de prensa, asegura que TRAGSA está a levantar unha caseta, con cimentacións e solados de formigón, no lugar de Frouxeira, pertencente ao municipio coruñés de Valdoviño, que incumpre a Lei de Costas.
ADEGA engade que se dá a circunstancia de que no sitio onde se levanta a hora esta construción «foi derrubada, o pasado mes de abril, outra edificación similar porque invadía terreos de DPMT».
Esta organización galega di non entender «como é posible que sexa a propia Administración a que edifique unha construción que vulnera a Lei de Costas».
Ademais ADEGA tamén lamenta a «actitude da Fiscalía de Urbanismo, porque arquivou as dilixencias instruídas pola denuncia presentada por esta asociación ecoloxista contra a construción dun muro en Ferrol».
A Fiscalía, segundo a nota de ADEGA, arquivou as dilixencias alegando que esta construción se desenvolve en chan urbano.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia anuncia que «vai pór estes lamentables feitos en coñecemento do Valedor do Pobo».
Sem comentários:
Enviar um comentário