A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) solicitou ao Instituto Nacional de Consumo (INC) a intervención inmediata na retirada dos xoguetes perigosos da empresa Mattel ante o anuncio dunha cuarta retirada de produtos, debido nesta ocasión á presenza de niveis excesivos de chumbo na pinturas de polo menos 8 xoguetes.
Un comunicado da empresa xogueteira emitido en El Segundo (California), sinala que a medida afecta a 11 tipos de xoguetes, como os conxuntos de animaliños e de mobles baixo a marca Barbie e outros tres tipos de xoguetes comercializados pola filial Fisher Price debido aos seus niveis non permisibles de chumbo. A medida non inclúe as famosas bonecas Barbie.
A OCU recorda que esta nova retirada de xoguetes por parte de Mattel prodúcese do mesmo xeito que as anteriores, de forma voluntaria por parte da empresa. Neste sentido é de destacar a falta de transparencia en canto á información sobre esta actuación, de forma que non se coñece con certeza o número de consumidores afectados, o número de produtos retirados ou o tempo transcorrido durante este proceso, o que sen dúbida xera gran inquietude entre os consumidores.
A xuízo da OCU, ata agora a Administración limitouse a contemplar como Mattel foi retirando semana tras semana xoguetes perigosos das tendas sen que tome realmente cartas no asunto, para garantir que se respecten os dereitos dos consumidores mediante a retirada inmediata dos xoguetes perigosos e a esixencia á empresa da devolución do diñeiro. Algo do que ata agora non hai garantías de que suceda.
A OCU tamén solicitou a apertura dun expediente administrativo á empresa Mattel para depurar as responsabilidades en que puidese incorrer polas sucesivas retiradas de produtos inseguros no mercado español e a forma en que estas se levaron a cabo. Para rematar a OCU advirte do grave risco que supón a presenza de chumbo nas pinturas de xoguetes, xa que aínda que non de forma inmediata, se pode provocar unha intoxicación que causa un grave dano para a saúde. Unha vez máis a OCU pide que se extremen os controis por parte de empresas e sobre todo de administracións para garantir aos consumidores a adquisición de xoguetes seguros.
Para máis información, Eva Jiménez: Tfno. 917 226 061 - ejimenez@ocu.org
Sem comentários:
Enviar um comentário