Os investimentos que poderán acollerse á subsidiación do financiamento estarán comprendidos entre un mínimo de 3.500 e un máximo de 90.000 euros.
Os beneficiarios que opten polo tipo de xuro fixo poderán financiar investimentos con préstamos a un xuro efectivo do 2%.
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) dependente da Consellería de Economía e Facenda facilitará o financiamento dos investimentos que realicen en Ferrol, Eume e Ortegal as pequenas e medianas empresas dos sectores turístico, hostaleiro ou do comercio polo miúdo. Isto será posible grazas a un convenio autorizado onte polo Consello da Xunta e que o Instituto asinará coas entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca colaboradoras.
A modernización do turismo, do comercio retallista e da hostalaría nas citadas comarcas é un aspecto esencial das liñas estratéxicas contidas no Proxecto Integral de desenvolvemento destas comarcas que está a coordinar o Igape, e que prevé un investimento público total de 1.163 millóns de euros. A liña financeira habilitada mediante o convenio que será subscrito en datas próximas servirá para impulsar a competitividade deste amplo sector empresarial, potenciando a calidade, a eficiencia e a imaxe dos establecementos hostaleiros e comerciais das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal.
Nas operacións que se aproben ao abeiro deste convenio, a subsidiación concedida polo Igape será de catro puntos porcentuais, polo que os beneficiarios que escollan a opción do xuro fixo poderán financiar investimentos con préstamos a un xuro final efectivo do 2%.Poderán beneficiarse desta liña financeira os investimentos en inmobilizado material novo: obras de reforma en xeral, obras de novo establecemento, reformas estruturais, instalacións básicas, equipamento e mobiliario, entre outras actuacións.
Tamén se poderán financiar por esta vía investimentos inmateriais, cun límite do 25% do total do investimento subvencionable do proxecto.O investimento mínimo subvencionable será de 3.500 euros e o máximo de 90.000 euros. O importe a financiar con dereito a subsidiación poderán chegar ata o 90% deses importes.
Sem comentários:
Enviar um comentário