Logo da recente desaparición do anel lítico da Mourela e da destrución da necrópole prehistórica pola Autovía Ferrol-Vilalba AG-64 e pese ás denuncias que levamos feitas ao respecto da situación de indefensión dos elementos patrimoniais do concello, atopámonos hoxe ante un novo intento de dinamitar o noso legado cultural.
O círculo lítico do Bidueiral, situado na parroquia pontesa do Freixo é o novo monumento megalítico do concello das Pontes que se ve afectado este ano. Un suma e segue que está a por en evidencia as actuais políticas, autonómica e local, sobre a xestión dos nosos recursos patrimoniais. Un parque eólico, propiedade da empresa Eólicas del Noroeste S.L., é a nova infraestructura que ameaza este ben.
O círculo, que ten unhas dimensións aproximadas de nove metros e medio de diámetro máximo e está formado por rochas e pedras de seixo e cuarcita, así como laxes de pizarra soterradas verticalmente na terra, presenta ademais un par de aliñamentos paralelos de pizarra soterrados, a xeito de entrada ao círculo. Ao seu carón existe un túmulo prehistórico, que ao igual que o círculo non está catalogado, tal e como puidemos comprobar no Inventario Arqueolóxico do Concello das Pontes.
A esta, xa de por sí, descontrolada situación hai que engadirlle o feito de que ámbolos dous elementos se atopan dentro do polígono de afectación do Parque Eólico da Valiña, promovido pola empresa Eólicas del Noroeste, S.L.. Unha nova infraestructura, que pon en serio risco a conservación do noso patrimonio cultural.
O Estudo de Impacto Ambiental (EIA) do parque, data de setembro de 2001 e recolle a existencia do círculo lítico, mais non así a da mámoa. Ainda que estes elementos atópanse incluidos dentro do polígono de afectación do parque, o EIA establece que non se verán afectados polas obras.
Nembargantes, tendo en conta que para estos casos as Normas Subsidiarias e Complementarias do Planeamento da provincia da Coruña, establecen unha protección de 200 metros para elementos arqueolóxicos, dende a Plataforma consideramos que a construción dunha zanxa de cableado que unirá este parque coa subestación de San Xoán, próxima ao lugar, invadirá a zona de protección arqueolóxica dos elementos e provocará fondos prexuizos na conservación dos restos que poidan existir no entorno dos mesmos.
Diversos autores sinalan a este círculo lítico, como o único que se conservaría na actualidade na Galiza, logo da recente destrución dos restos do círculo da Mourela. Así o confirma tamén o EIA, que sinala o seguinte:
Os veciñ@s das Pontes que integramos a Plataforma, cremos que a situación con respecto ao Patrimonio da comarca do Eume, non mudou nada nos últimos meses, semella que a destrución do noso anel da Mourela, deulles pulos aos iñorantes para seguir a desfacer o noso gran legado cultural. Namentres os que venderon a súa identidade ao mellor postor, tratan de amosarnos unha parcial realidade a través de mostras e exposicións, que o único fin que pretenden é lavar a cara das institucións que erraron na planificación dunha infraestructura clave para o desenrolo da nosa comarca.
O círculo lítico do Bidueiral merece un trato diferente ao que recibiron os aneis da Mourela e ás mámoas destruidas. O seu carácter exclusivo como elemento susceptíbel de ser estudado, documentado e recoñecido o seu valor cultural, lévanos a plantexar a necesidade da elevación deste elemento á categoría de BIC Ben de Interese Cultural.
Cremos asemade na necesidade de que o Concello das Pontes tome conciencia da inxente cantidade de recursos patrimoniais que están espallados polo termo municipal e acometa a finalización da catalogación que estaba a levar a cabo o LIA Laboratorio de Investigacións Arqueolóxicas, así como a organización do fondo arqueolóxico depositado nos locais da estación de autobuses que agarda dende hai máis dun ano a que se lle tome en consideración.
+ INFO: PLATAFORMA CIDADÁ EN DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES
Sem comentários:
Enviar um comentário