domingo, dezembro 30, 2007

A Comunidade Xitana, camiño da Normalización


A Comunidade Xitana, camiño da Normalización:

Os grandes logros dos últimos anos e a importante transformación lograda pola comunidade xitana desde os tempos da Transición non pode ser ocultado pola existencia de certos problemas sociais que aqueixan á comunidade xitana, como a outras persoas e colectivos na nosa sociedade.

O vaso medio cheo ou medio vacío. Eis a cuestión de fondo. Existe unha imaxe secularmente vexatoria da Comunidade Xitana. Ademais, cincocentos anos de lexislación en contra dos xitanos. Un ordenamento xurídico pensado para promover a uniformidade que impediu o normal desenvolvemento deste pobo milenario entre nós e o situou entre a asimilación e a marxinalidade. Nesas condicións, a normalización social desde a diferencia pasou a ser unha rareza.

        Despois deses cincocentos anos, levamos pouco máis de vintecinco de recoñecemento da cidadanía e de procura da participación social desde a propia idiosincrasia. Un reto digno dunha sociedade democrática e madura, que a propia comunidade xitana acolleu con entusiasmo.


Os froitos están á vista: Desde1983 a 2000, a escolarizaciónno nivel de ensino primario pasou do 65% ao 94%: en 18 anos ganáronse dezanove puntos porcentuais. A escolarización no tramo da secundaria pasou de ser prácticamente inexistente a un 40%. Esta mellora, aínda máis chamativa que a anterior, obedece ao comezo máis temperá da Educación Secundaria a á obrigatoriedade da mesma na actualidade. Pero supón un cambio cualitativo que aínda non foi suficientemente valorado polo conxunto da sociedade. Outro tanto podemos afirmar respecto da Educación Infantil: desde unha presencia totalmente testemuñal a un 63% de escolarización pre-obrigatoria. Tendo en conta que as habilidades máis importantes para a adquisición de destrezas, actitudes e contidos educativos se desenvolve durante estes periodo da vida, esta mellora apunta a un cambio radical que se consolidará durante os próximos anos. De feito, en localidades como Vigo a desescolarización en Secundaria Obrigatoria é mínima (menos do 5%) e a das mulleres mellora a dos homes. Este cambio histórico tenderá a consolidarse e a extenderse a outras localidades.


Pero existen outros datos positivos que deben ser salientados. A cobertura sanitaria universalizouse. Así, a atención sanitaria deixou de ser de beneficencia a ser universal. A consulta médica deixou de ser basicamente hospitalaria (o 66,5% en 1983) a ser fundamentalmente ambulatoria. As visitas ao médico pasaron de ser ocasionais (o 62% non asistían nunca ao médico en 1983) a ser habituais.




       

Outra área de normalización é avivenda: non en toda a comunidade autónoma de Galicia, pero con logros moi importantes en certas localidades:  en Vigo só o 2,5% vive en chabolas. Porcentaxe moi similar atopamos na cidade de Pontevedra.




En canto ao emprego, a chatarra pasou de ser a actividade principal para o 46% da poboación en 1983 a un 28% en 2001 (datos para as cidades de Vigo e Pontevedra). A cambio, as actividades comerciais reguladas pasaron do 25% ao 34% no mesmo período. Entre 1995 e 2001 deuse un incremento do 500% nos contratos por conta allea, en empresas de tanto prestixio como Citroën e tan variados como a hostelería, a loxística, os servicios sociais, a construcción ou a limpeza industrial. Este cambio racha a imaxe social de dependencia das prestacións sociais e apunta a unha amplia participación na vida económica, onde os traballos marxinais tenden a desaparecer e a ocupación normalizada a incrementarse de forma continua.


No nivel cultural tamén se produciron cambios importantes. Incrementouse a afiliación á Igrexa Evanxélica Pentecostal de Filadelfia, cunha marcada preocupación pola formación e a educación; unha nova imaxe da muller xitana que inclúe a diminución de número de fillos, a obtención de permisos de circulación, o estudio (o primeiro diplomado universitario de Galicia é unha muller) e mesmo o traballo por conta allea; novas perspectivas para a xente nova desde o ocio á participación social...

          Por suposto que siguen existindo realidades de exclusión social moi evidentes, comportamentos moi conservadores en determinadas familias... Pero necesitamos insistir nos elementos positivos da realidade xitana: por ben da comunidade e por ben da sociedade.

Santiago González Avión. Director Territorial da FSG en Galicia.

EXTRAÍDO DE WWW.GITANOS.ORG

+ INFO: Web da FUNDACIÓN SECRETARIADO GITANO

Sem comentários: