Mostrar mensagens com a etiqueta prehistoria. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta prehistoria. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, junho 11, 2008

DE CÓMO AS CHOIVAS IMPIDEN A CONTINUACIÓN DOS TRABALLOS; A FÁBULA DA FORMIGA E OUTROS CONTOS

A ambigüidade do discurso
Restan xa poucas horas para que se cumpra a primeira efeméride da destrución do Círculo Lítico da Mourela e aínda nada sabemos deses informes que restaban importancia á conservación da necrópole e que falaban de cabanas medievais e outras lerias, deses mesmos informes que aconsellaban a destrución do círculo e que daban o visto bon á grave alteración dun conxunto funerario milenario. Onde están eses informes? Por que logo dun ano non foron feitos públicos?

Levamos doce meses asistindo aos avatares da mala planificación dunha obra pública que día a día está a pór en perigo a integridade do noso patrimonio cultural e imos xa fartos e cansos de que a administración ignore os nosos consellos, que con todo o cariño que lles gardamos como administrados que somos deles, non chegamos a comprender que é o que se pretende facer no lugar. Entristecerianos moito ver un túnel ocupando o furado da Mourela.

Hai que lembrar que no mes de xuño do pasado ano, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural levantaba a cautela sobre os restos da necrópole megalítica e establecía unha serie de áreas de exclusión de obra no perímetro das mámoas. Esta decisión política excluía a necesidade de garantir a máxima protección dos elementos que aínda quedaban, ignorando a proposta plantexada pola Plataforma e por ADEGA para a construción dun túnel baixo o xácigo, que nun principio fora apoiada por Patrimonio.

Desbotada esta alternativa por parte da Consellería de Política Territorial, alegando a inviabilidade técnica e económica do proxecto, iniciáronse as tarefas de desmonte para a construción dunha gabia. Gabia que ben podería figurar no récord Guiness cos seus sesenta metros de profundidade como a máis fonda do mundo, aínda que tamén podería ser proposta a récord da ineptitude na planificación dunha obra pública.

Parece que a decisión de trazar unha autovía por medio dun campo de mámoas impide que a gabia conte cun sistema de terrazas laterais que neutralicen os desprendementos de terreo, que regulen a escorrentía das augas e que deixe pasar a luz do sol. É por isto que a día de hoxe as obras seguen paradas.

Unha mámoa ao bordo da gabia
En contínuas comunicacións dirixidas ao Director Xeral de Patrimonio Felipe Arias Vilas, informábaselle sobre o risco de afectación das áreas de exclusión de obra que a súa dirección establecera no mes de xuño de 2007 e solicitábaselle a paralización das obras que estaban a afectar á área de exclusión de obra da mámoa catalogada co código GA15070127.

A día de hoxe a mámoa atópase a uns tres metros do bordo do talud, lonxe dos 40 metros de distancia establecidos por Patrimonio. Ao noso entender a situación actual impide a súa documentación se temos en conta a perigosidade de acometer a escavación deste elemento, por mor dos desprendementos. Das comunicacións ao director xeral nada sabemos, ninguén se sentiu aludido ao parecer. Mágoa que as oracións e as plegarias nada serven contra a forza da gravidade.

Intoxicación informativa
Como guindiña para este pastel administrativo tivemos a sorte de coñecer a semana pasada na televisión local das Pontes, unhas declaracións da Consellería de Política Territorial nas que se nos “informaba” aos ponteses do retraso nas obras da autovía por mor das choivas. Nada se dicía dos contínuos desprendementos de terra na Mourela, que obligaron a modificar os plans de actuación na zona, que engadiron máis tempo á finalización da obra e que están a por en perigo a integridade dos elementos patrimoniais que ainda quedan na Mourela. Tampouco se informaba das contínuas fendas na estructura de gunitado na parede Norte da gabia, que tiveron que ser feitas de novo en repetidas ocasións.

A choiva tivo algo que ver, pero non son os fenómenos ambientais os que planifican as obras públicas.

Reflexión final
Certo é que nos últimos meses preocupámonos moito ou demasiado por todo o que aconteceu na Mourela e dende algún sector local criticouse a nosa inoperatividade noutros temas a nivel patrimonial que afectan aos elementos arqueolóxicos das Pontes. Mais o caso da Mourela é un caso real e actual que exemplifica perfectamente cal é o interese e a atención que se lle presta ao patrimonio, tanto dende a corporación local como dende o goberno da Xunta. Por isto, a nosa teima de defender o que ninguén defendeu, a nosa teima por esclarecer o que ninguén esclareceu e a nosa ilusión por ver algún día o que é noso, respectado.


Clica aquí para ve-lo video

segunda-feira, abril 21, 2008

COMUNICADO DA PLATAFORMA NA DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES


Un corremento de terra na gabia da Mourela ameaza unha mámoa
O monumento megalítico atópase a tan só tres metros do talud

A pasada semana producíase un corremento de terras no marxe Norte das obras da autovía AG-64 ao seu paso polo lugar da Mourela no concello eumés das Pontes de García Rodríguez. Ao redor duns quince metros de terreo, víñanse a baixo producindo un considerábel desprendemento de firme que ía a parar ao fondo da gabia.

Na actualidade a situación debe ser considerada como moi grave, tendo en conta a proximidade do elemento catalogado GA15070127, co marxe Norte da autovía. A penas tres metros separan a estructura arqueolóxica do marxe do talud. Unha situación que empeorará nas vindeiras horas de seguiren a persistir as choivas na zona, o que pode ocasionar novos desprendementos e dar coa mámoa no fondo da autovía. Esta situación sería a todas luces moi grave, tendo en conta os compromisos establecidos pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, no comunicado emitido o 5 de xuño de 2007, por mor do levantamento da cautela sobre os restos do círculo lítico da Mourela, que a continuación se transcribe:

- Na zona próxima aos restos do círculo lítico existen tres mámoas ás que non lle afectarán as obras da autovía

As mámoas non están afectadas
O resto dos xacementos arqueolóxicos localizados nesa área, os denominados túmulos tan só están afectados en parte do seu ámbito de protección, non no xacemento mesmo, polas obras de construción da Autovía Ferrol-Vilalba. Estas mámoas son visibles e recoñecibles, 
e para elas trazáronse uns ámbitos de exclusión de obras nos estudos arqueolóxicos levados a cabo con motivo da elaboración do proxecto construtivo da autovía, establecéndose as medidas protectoras e correctoras necesarias para que se conserven na súa integridade.

Á vista de toda a documentación, dos datos que obran no expediente e dos informes dos Servizos Técnicos, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu unha resolución informando favorablemente a continuación das obras da Autovía Ferrol-Vilalba, treito As Pontes Cabreiros, na área cautelada da Mourela, baixo as seguintes condicións:

- Manteranse balizados os ámbitos de exclusión de obra dos xacementos Mourela 4 (GA15070127), Mourela 6 (GA15070130) e Mourela 7 (GA15070129), nos que non se poderá levar a cabo ningún tipo de obra, e o trazado, na medida do posible, alonxarase destas áreas de exclusión reducindo as dimensións dos noiros ou taludes proxectados. A situación destes elementos e os seus ámbitos deberán figurar na cartografía de obra.

Nunha comunicación remitida no día de hoxe ao Dir. Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, D. Felipe Arias Vilas, dende a plataforma solicitamos coñecer cales van a ser as medidas a activar para preservar a integridade do ben ameazado e se van a esixir algún tipo de responsabilidade á COTOP, como promotora e responsábel do proxecto.

Cremos que a situación que se está a producir non é froito do azar ou a mala sorte, estamos convencidos de que isto era previsíbel, tal e como vimos manifestando en repetidas ocasións dende o mes de novembro pasado, e non entendemos como non se tomaron as medidas oportunas a tempo, tales como a escavación da mámoa afectada, nun momento no que a seguridade dos arqueólogos non estaba ameazada.

Parece pois que este novo corremento de terras na zona, non contou coa suficiente previsión por parte das autoridades competentes en materia de protección do patrimonio nin foi anticipada polos responsábeis da execución da autovía, poñendo deste xeito en serio risco a integridade dos bens patrimoniais e a propia seguridade das edificacións colindantes.

Neste intre, máis de 50 metros de desnivel e unha profunda fenda no terreo están a arriscar a conservación dunha parte do noso patrimonio. No mes de xuño do pasado ano, xa tivemos que ver tamén como as máquinas remataban con miles de anos de historia, destruindo os restos do círculo lítico e partindo en dous a necrópole, por medio dunha gabia. Agora, a falla de previsión e o incumprimento dos compromisos establecidos para a integral conservación das mámoas e dos seus ámbitos de exclusión, veñen a por en evidencia a rigurosidade dos controis arqueolóxicos na zona.

É neste intre, cando o berro mouro do Canto Máis? cobra forza e significado. De novo debemos preguntarnos: Canto máis teremos que agardar para poder ver aos mecanismos administrativos que garanten a conservación e preservación do noso patrimonio, desenvolver eficazmente o seu traballo? A proposta do túnel, esquencida no caixón dalgún despacho de San Caetano, debería facernos reflexionar sobre a súa idoneidade, como fórmula para non ter que lamentar males maiores.

sexta-feira, abril 04, 2008

ADEGA desaconsella construir lagos artificiais sobre as minas de As Pontes e Meirama

Fotógrafo: Domingo Díaz Cabot (para ve-la ampliada pincha enriba)

Consideran que pueden afectar a los ríos de su entorno, y que el nivel de sismicidad de ambas comarcas puede provocar "problemas". Alertan de que en el siglo IV a.C. se registró en la zona un terremoto de escala 9, "algo que se puede repetir".

La Coruña. 01/04/2008
Alberto Varela

La Asociación Ecologista ADEGA ha alertado de que la creación de lagos sobre los socavones de las minas de lignito de As Pontes, y Meirama, ambas en La Coruña, pueden provocar problemas futuros.

Por un lado, su presidenta, Adela Figueiroa, ha explicado que el trasvase de agua disminuirá el caudal de los ríos. En el caso de As Pontes el afectado sería en Eume, que abastece al espacio natural de las “Fragas del Eume”, consideradas el último bosque atlántico de Europa.

Por otro, el catedrático de geología Xosé Ramón Vidal Romaní, ha explicado que en ambas comarcas está desaconsejada la creación de ese tipo de lagos por motivos sísmicos. Existen fallas en movimiento, y en el caso de As Pontes, una tesis doctoral que se publica estos días sostiene que en la comarca de Ferrol se produjo “en el año IV a.C.” un terremoto de grado nueve, “algo que se podría repetir”.

Figueiroa ha asegurado también que “en Alemania se han llevado a cabo iniciativas similares y han dado problemas”, y por eso ha pedido a la Xunta que “no opte por la opción más barata” y piense en los inconvenientes que pueden surgir.

Los estudios consultados por ADEGA han revelado también que en las zonas las en las que se proyectan los rellenos “se suelen llenar de agua normalmente”, por lo que concluyen reclamando la elaboración de una solución “más sensata”.


extraído de AGROCOPE


domingo, março 16, 2008

Atopan restos do Paleolítico Inferior na Sierra da Groba

As pezas son bifaces, lascas e núcleos usados como ferramentas de traballo fai máis de 300.000 anos

Os materiais descubertos están dentro da área onde se prevé instalar o parque eólico Albariño I

Novos achados arqueolóxicos puxeron en dúbida para o colectivo Sos Groba a viabilidade do parque eólico Albariño I. Arqueólogos desta plataforma cidadá que se opón ao proxecto de Eurovento atoparon útiles de pedra de máis de 300.000 anos de antigüidade na zona que se verá afectada polo polígono de aeroxeradores.

As pezas dan conta da existencia de asentamentos de grupos de homínidos durante o Paleolítico Inferior na altiplanicie onde se unen os concellos de Baiona, Oia e Tomiño.

Trátase dunha vintena de materiais entre os que hai bifaces da época Achelense, uns útiles traballados polas dúas caras en forma o améndoa; lascas ou fragmentos cortantes de roca e, para rematar, núcleos que servían para facer as lascas.

Estes primitivos utensilios son de cuarcita, un tipo de roca que non existe na Sierra da Groba e que probablemente foi transportada desde as beiras do río Miño, segundo apuntaron onte os especialistas Xosé Lois Vilar e Eduardo Méndez, durante a presentación dos achados , que tivo lugar no Hotel Tres Carabelas.

As investigacións iniciáronse fai dous meses, durante a redacción dun informe sobre o patrimonio cultural da área afectada polo parque eólico, a petición da dirección xeral de Patrimonio da Xunta e da delegación de Cultura de Pontevedra.

Os portavoces de SOS Groba afirman que os materiais atopados son tan só a punta do iceberg, e que se se continúa investigando poderían achegarse novos datos sobre unha das etapas da prehistoria menos estudadas en Galicia.

Con todo, afirman que o xacemento se atopa en risco de destrución pola iniciativa do parque eólico Albariño I, «xa que a construción e remodelación de pistas e demais obras intrínsecas a calquera infraestrutura pon en grave risgo a desaparición a este depósito arqueolóxico de gran valor histórico», afirman.

SOS Groba considera que este xacemento e os 200 puntos de interese que se coñecen na zona afectada polo proxecto deben ser considerados como un argumento para desaconsellar a execución do parque eólico.

Lido na Voz de Galicia

sábado, março 15, 2008

Aparecen nas Pontes fósiles de crocodilos de 28 millóns de anos


No período oligocénico, a zona estaba constituída por pantanos e lagos de pouca profundidade

No xacemento mineiro tamén se atopou un tronco de máis de tonelada e media de peso

«A súa importancia é fundamental desde o punto de vista científico»

Fai entre 20 e 31 millóns de anos, As Pontes era un verxel. Os lagos e pantanos permitían unha abundante vexetación, con especies arbóreas como o ailanto, a árbore do ceo; oliveiras, salgueiros, mirtáceas, plantas de zonas húmidas e outras especies hoxe en día desaparecidas en Galicia pero que aínda se conservan en China .

O clima era subtropical cálido e con bastante choiva durante a maior parte do ano, tal e como ocorre actualmente na illa da Palma ou na península de Florida, aínda que no período de estudo de doce millóns de anos tamén se alteraban estas condicións climáticas con outros períodos áridos e tropicais secos. Neste contexto habitaban na contorna non soa crocodilos, ras e gasterópodos, dos que se atoparon restos fósiles, senón que probablemente tamén había hipopótamos, xa que se acharon indicios da súa presenza. Este é o panorama que se describe por mor das investigacións que se realizaron na zona e que, curiosamente, levaron a cabo antes científicos estranxeiros e cataláns que galegos.

Agora, un dos investigadores que están analizando as mostras, o catedrático de Edafología da Universidade de Santiago Felipe Macías, cre que o maior coñecemento que se terá do estudo do xacemento aínda achegará importantes sorpresas. «Desde o punto de vista científico -asegura-, o xacemento ten unha importancia fundamental, e o mellor é que todo se está conservando». A cada vez maior importancia que este centro ten para os científicos a proba o feito de que investigadores de varios puntos de España e de Francia e Inglaterra expresaron o seu desexo de inspeccionar o terreo.

+ info na Voz de Galicia

sábado, março 01, 2008

A Plataforma en Defensa do Patrimonio continúa alerta da situación na Mourela

Imaxe: Alto da Mourela a principios do século XX
A Plataforma considera que os desprendementos de terra na Mourela están a por en perigo as mámoas que aínda permanecen no lugar
As obras da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba que arrasaron no mes de xuño do ano pasado os restos do círculo lítico da Mourela, están de novo a por en serio risco a conservación e integridade de varios elementos.

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes puxo en coñecemento das autoridades en materia de protección do patrimonio, a execución dunha serie de tarefas que se desenvolveron na área de protección de tres elementos catalogados durante o mes pasado, sen os preceptivos controis arqueolóxicos.

Unha cuneta de decantación de lodos que se executou dentro do ámbito de protección de dúas mámoas, unha pista de acceso que precisou tarefas de desbroce e desmonte dentro da área de cautela arqueolóxica dunha mámoa e operacións de consolidación das paredes laterais da gabia, son as novas obras que estan a por en perigo a integridade destes monumentos prehistóricos.

Asemade o mes pasado tiveron lugar varios desprendementos de terra que moveron considerablemente o marxe do talud, achegándose perigosamente á mámoa que se atopa a carón do depósito. Si ben ao finalizar as tarefas de desmonte na área do círculo lítico, quedaban uns 20 metros entre o marxe do talud e a mámoa, como zona de protección arqueolóxica, na actualidade esta distancia acurtouse a uns 10 metros.
Dende a Plataforma considérase que existe un risco moi elevado de afectación desta mámoa que podería agravarse de seguírense a producir desprendementos na zona.Nunha carta dirixida ao director xeral de Patrimonio Felipe Arias, a Plataforma solicita que se tomen medidas de cara a consolidación das tres mámoas que aínda permanecen na Mourela, así como para evitar que se produzan máis desprendementos na zona de protección arqueolóxica da mámoa que se atopa a carón do depósito.

sexta-feira, dezembro 14, 2007

SOS MOURELA: A MOURELA, VÁISELLES

A CPTOPT está a acometer unha actuación de emerxencia na gabia da Mourela debido á inestabilidade dos terreos

Hai xa semanas que varias máquinas e traballadores afánanse na estabilización dos taludes da Mourela realizando operacións de gunitado, mediante as que tratan de evitar que a altura excesiva da gabia, remate con parte da Mourela derrubada.


sábado, novembro 17, 2007

As sete marabillas da arqueoloxía galega!


Neste tempos de promesas políticas dende a Consellería de Cultura da Xunta, sobre a revalorización do patrimonio arqueolóxico galego, a través da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, atopamos a realidade actual, na magnífica páxina do arqueólogo Franjo Padín, NOVAS DE ARQUEOLOXÍA. Fai unha selección das 7 marabillas arqueolóxicas de Galicia máis destruídas e máis descoñecidas e abandoadas. Tamén nombra o caso da desaparecida Mourela das Pontes, un das maiores agresións ao patrimonio nos derradeiros anos, e o que é máis descorazoador, pertetrada dende o governo galego.

Estas son as 7 "marabillas":

Dombate: O dolmen de Dombate, cantado por Pondal e paradigma dos megalitos galegos, foi escavado por última vez hai dúas décadas. Dende entón, os seus alicerces destripados, con interesantísimas pinturas, permanecen á intemperie, sufrindo danos cecais irreparabeis, por culpa do desacordo perpetuo entre a Xunta e a Deputación da Coruña, propietaria do megalito. O prometido e nunca de todo concretado proxecto de musealización foi desbotado hai uns meses por Patrimonio. Iso deixa a Dombate agardando indefinidamente a súa solución, agoniando debaixo dunha lona remendada.

Toralla: Na viguesa illa de Toralla, fronte aos areais de Canido, houbo en tempos un asentamento castrexo e posteriormente unha necrópole de época romana, posiblemente relacionada coa Vila de Toralla ou de Mirambel, situada a carón, en terra firme. Castro e necrópole foron rebentadas pola construcción do tocho de Toralla, megalobosta de cemento dos anos do “desarrollismo”, e por unha urbanización de chaletes de luxo a principios dos 90, que propiciaron unha intervención arqueolóxica “de urxencia”. A vila romana está sendo rehabilitada con un certo estilo… neopazo?.

As Torres de Padín, seguindo en Vigo, é(ra) un xacemento excepcional, pois nel atopáronse evidencias de ocupación humana dende a Idade do Bronce, un poboado castrexo, restos romanos, e unha fortaleza da época dos irmandiños. Dous milenios de historia que foron recortados a porcións coma un queixo de tetilla por un escalestric da AP-9 e por unha nave industrial situada ao pé, pertencente a unha empresa sancionada hai uns meses por danar o pouco que fica instalando un valado metálico.

O Castelo de Laias era un asentamento romano de certa entidade, onde nos anos 40 se documentaron diversas estructuras relacionadas coa extración de ouro, e restos dun poboamento castrexo, cecais levantado, dicíase entón, pola poboación indíxena empregada na actividade mineira. A pesares de saber isto, o estudo de impacto da A-52 non contemplou a súa existencia, e debeu ser escavado de xeito apresurado en vez de desviar 100 metros a autovía. O asfalto levou todo por diante, non resta a penas nada. Un caso paradigmático da inoperancia das administracións por facer compatibles as obras públicas coa conservación do Patrimonio.

Adro Vello: Na praia do Carreiro, en San Vicente do Grove, hai un extraordinario xacemento consistente nunha vila romana costeira, adicada no seu tempo á industria de salga, sobre a que se construiu unha igrexa paleocristiana coa súa correspondente necrópole. Permanece abandoado, rodeado por un valado metálico que non o libera das agresións (hai uns anos, o concello meco fixo polo medio unha zanxa para unha tubería). Un museo ou aula de interpretación é a eterna promesa que nunca, coma sempre, se acaba de cumplir.

Aquis Querquennis: En Bande, a carón da Vía XVIII ou Vía Nova que unía a Braga e a Astorga romanas levantouse un campamento romano, unha mansio ou estación de postas, unhas termas e un pequeño vicus. O campamento, moi ben coñecido polas escavacións, sufríu unha restauración controvertida polo seu aspecto demasiado “novo”. Pódese visitar, iso sí, se hai seca, porque pasa algúns meses do ano asulagado polo encoro das Conchas, explotado por FENOSA. A Via Nova tamén sufriu unha restauración moi discutida: un carreiriño serpentante e completamente inventado superponse ominosamente á rectitude marcial da vella estrada romana.

Os petroglifos, así a eito: imposible elexir un. Malviven nos montes de media Galicia, afectados polo trazado de pistas forestais, a maquinaria pesada da industria madeireira, os verquedoiros incontrolados de lixo, a agresión de afeccionados que os repintan con calquera cousa, os canteiros, os moteiros e os todoterreos que os usan como pistas, e sobre todo o terrorismo incendiario. Unha iniciativa como o Centro de Interpretación da Arte Rupestre Galega, en Campolameiro, parece o parto dos montes, como contaba a fábula… e non dan parido.

Hai máis casos, como non: o castro de Albarellos, en Verín, o de A Travesa en Becerreá, o de Punta Langosteira na Coruña, o non-se-sabe da Mourela, as mámoas do IFEVI de Vigo, a vila romana de Bueu, a pésima exhibición e conservación de obxectos de moitos museus galegos… poden vostedes elexir e facer o seu particular escalafón de barbaridades. Bó sería que non houbera máis que sete.

Novas de Arqueoloxía

sexta-feira, novembro 02, 2007

Patrimonio histórico de As Pontes de García Rodríguez


Imaxes: A ponte de Illade (antes e despois do seu traslado ao Caneiro)

Hoxe queremos recomendar aos amantes da historia, o libro coordinado por Víctor Alonso Troncoso, Patrimonio histórico de As Pontes de García Rodríguez editado pola Universidade da Coruña. Os temas e os capítulos nos que se divide son os seguintes:

De la urgencia a la planificación: el yacimiento romano de Chamoselo
Susana Ricart Guillot pags. 131-162

O patrimonio industrial de As Pontes
María Martín Seijo pags. 205-228

Xestión do patrimonio: consideracións críticas dun historiador
Víctor Alonso Troncoso pags. 283-294

quarta-feira, outubro 24, 2007

A Consellería de Cultura mercará quince dolmens da Costa da Morte para o Parque do Megalitismo


O longamente anunciado Parque do Megalitismo da Costa da Morte será realidade o vindeiro ano. Así o anunciaron onte a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo e mais o director Xeral de Patrimonio, Felipe Arias, no encontro que mantiveron con membros da corporación de Vimianzo. Ao tempo, os responsables de Cultura anunciaron que o departamento adquirirá quince dolmens na comarca, e adiantaron a posibilidade de que o parque se organice en base a unha rede descentralizada no lugar de contar cun centro único.


quinta-feira, outubro 18, 2007

Arqueoloxía e mercadoceltia

Publicamos a crítica de Xurxo M. Ayán ao libro DA ARQUEOLOXíA AO SOñO POPULAR de Ana Ibarra Jiménez

Na miña opinión, a investigación arqueolóxica sobre a Idade do Ferro desenvolta dende a década de 1960 pola auto-alcumada Nova Arqueoloxía galega insírese nun sistema de saber-poder galaico-minhoto caracterizado tradicionalmente pola persistencia do paradigma da Arqueoloxía histórico-cultural galeguista, por unha alerxia á teoría, por un sesgo pseudopositivista a ultranza e por un notable hermetismo cara ás influencias exteriores. Esta endogamia (que fixo do NW un “sitio distinto” en termos arqueolóxicos e historiográficos) conlevou, asemade, un certo escepticismo cara ás aportacións realizadas dende fóra do sistema, sobre todo aquelas que abogaban por unha Arqueoloxía social e crítica, e aquelas innovacións encetadas polas novas xeracións de investigadores. Neste contexto, un dos excepcionais focos de renovación da Arqueoloxía sobre as comunidades castrexas e/ou célticas do NW dos últimos anos vén sendo a liña de traballo dirixida polo catedrático de Prehistoria Gonzalo Ruiz Zapatero na Universidade Complutense de Madrid, centrada na crítica historiográfica e na análise en clave sociolóxica da Arqueoloxía como prática social e política no presente. Desta factoría de xoves valores xurdiron as interesantes aproximacións á arqueoloxía castrexa do NW de Beatriz Díaz Santana, Alfredo González Ruibal ou Carlos Marín, gran parte delas dadas a coñecer na Serie Keltia da Editorial Toxosoutos. Nesta colección vén de publicarse unha nova aportación máis desta exitosa e produtiva liña de traballo, da man doutra xove investigadora, Ana Ibarra Jiménez.

seguir lendo

sábado, setembro 22, 2007

Estudan en Forzáns a roca con petróglifos máis grande de Galicia

Un grupo de arqueólogos e historiadores analizan o estado e significado da Laxe do Barón.

Unha gran pedra con gravados rupestres coñecida como A Laxe do Barón, na parroquia de Forzáns, Ponte Caldelas, atrae a atención dos especialistas do grupo de investigación A Laxe dá Irena desde hai varios meses. Este petróglifo é unha roca de superficie irregular, de granito de gran medio groso, que sufriu a acción de canteiros en dous dos seus lados, pero que ten o privilexio de ser, polo menos por agora, a roca con gravados prehistóricos máis grandes de Galicia. As dimensións da superficie visible desta roca -que non está descuberta do todo- son de vinte metros de eixo norte a sur e de quince metros deste a oeste. é dicir, a superficie gravada alcanza os 180 metros cadrados, superando ao gran petróglifo de Monte Tetón, en Tomiño.
O equipo de especialistas que estuda A Laxe do Barón está coordinado polo arqueólogo Antonio da Peña e o historiador Buenaventura Aparicio. Éstos contaron coa colaboración dos propietarios da leira.

Os gravados que conserva esta roca divídense en dous grupos principais. O primeiro correspóndese á fase máis antiga, databa a principios da Idade do Bronce. Nun comunicado, os portavoces da Laxe dá Irena explicaron que «está integrada por numerosas e variadas combinacións de círculos concéntricos e restos moi desgastados doutras borradas pola erosión, puntos, trazos indefinidos e unha curiosa rede de surcos anchos que percorre a metade nordeste da masa rochosa». Ademais, hai un mínimo de oito representacións de cuadrúpedos. Este detalle é importante porque xunto cos próximos xacementos de Aguasantas e Valongo, en Cotobade, «constitúen a máxima expansión cara ao interior dun tema iconográfico que na súa variedade clásica apenas se afasta da área de influencia das Rías Baixas», segundo os historiadores. A esta mesma fase débense atribuír un par de pequenas pegadas de pés humanos calzados, esculpidos na roca.

A segunda fase é máis recente. Esta serie de gravados probablemente daten de distintas épocas desde a Idade Media incluída. Entre os temas identificables áchanse deseños en Ou ou en ferradura, algún cadrado e numerosas e variadas cruces, ata algunhas cunha peana circular. Os arqueólogos resalta un «curioso motivo soliforme con cruz interna que, se consideramos a súa asociación ás cruces, é posible que puidese tratarse da imaxe dunha custodia».
Difícil interpretación.

Pablo Novoa Álvarez foi o primeiro en chamar a atención sobre a importancia das figuras do petróglifo de Forzáns en 1994. Entre os motivos máis rechamantes, pola súa escasa frecuencia, refírese ás pegadas de pés. Marco V. García Quintela e Manuel Santos Estévez consideran que se trata de signos utilizados na investidura dos reis dos castros. Unha hipótese que non convence aos investigadores da Laxe dá Irena, quen a clasifican como «suxestivo», pero tan válida como outra calquera por exemplo rituais iniciáticos hoxe perdidos. Os especialistas deste grupo inciden nas rústicas escaleiras e a prominencia superior da roca como a posibilidade de que este xacemento formase un espazo ritual, no que arriba de todo hai unhas grandes cazoletas ou recipientes, «cuxa finalidade se nos escapa», segundo este grupo.

Os portavoces de A Laxe da Irena solicitaron a protección coordinada deste xacemento a Patrimonio, ao Concello e os donos da leira.

A asociación ten o seu ámbito de acción nos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes.

terça-feira, setembro 11, 2007

Cultura delimita os petróglifos da provincia de Pontevedra para a súa declaración como Bens de Interese Cultural

Imaxe: Laxe dos Cabalos, Paredes, Campo Lameiro, Pontevedra
Na web da Consellería de Cultura atopamos a seguinte nova, que esperamos sexa un luz no túnel da política levada a cabo ata o día de hoxe en relación o patrimonio prehistórico galego, e diso sabemos moito os ponteses comprometidos co noso pasado.
A Consellaría de Cultura e Deporte vai delimitar os petróglifos da provincia de Pontevedra para a súa posterior declaración individualizada como Bens de Interese Cultural (BIC). O departamento que dirixe Ánxela Bugallo xa adxudicou o contrato de consultoría e asistencia á Universidade de Santiago de Compostela por un importe de case 55.000 euros.

Esta actuación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría, xurde co obxectivo de propiciar unha mellor conservación, protección e difusión dos petróglifos. Na actualidade a inexistencia dun ámbito real de protección grafado sobre unha planimetría axeitada e a indefinición dos seus usos poñen en perigo unha boa parte dese tipo de bens.Aínda que xa existe unha declaración xenérica de BIC de todos os petróglifos de Pontevedra, Cultura pretende facer nunha primeira fase da intervención unha declaración individualizada dos gravados rupestres da provincia. Os bens culturais que serán obxecto de estudo son:

-Namelas I na Agolada-Outeiro dos Lameiros en Baiona-Laxe dos Bolos en Caldas de Reis-Laxe da Rotea de Mendo, Pedra da Boullosa, Campo de Matabois, Chan de Carballeda, O Ramallal-Monte do Calvoe Chan da Lagoa en Campo Lameiro-Laxe da Chan, Mogüelos e as Abelaires en Cangas-Fentáns, Lombo da Costa, Portela da Laxe, Laxe das Coutadas en Cotobade-Auga da Laxe en Gondomar-Pornedo, Champás, Godalleira e Mogor en Marín-Outeiro do Cribo en Meis-Pozo Garrido e A Pegada de San Pedro / Pedra dos Barcos en Moaña-Campo Redondo e Laxe de Esperón en Mondariz-Monte Ardegán en Moraña-Auga dos Cebros en Oia-Pedra das Tenxiñas Pazos de Borbén-Pozo Ventura, A Caeira (Laxe das Lebres, Pedra Grande de Montecelo, Laxe do Xugo, Laxe das Picadas) en Poio-Campo de Cuñas e Toruón en Ponte Caldelas-Carballeira, Penedo do Mato do Fondo, Laxe do Outeiro do Mato das Cruces, Outeiro da Mina, Penedo de Vilar de Matos en Pontevedra-Poza da Lagoa en Redondela-Primadorno e Pena das Cazolas en Silleda-Monte Tetón en Silleda-Eira dos Mouros / Pedra das serpes en Valga-Pedra da Moura, Fragoselo en Vigo-Os Ballotes, Meadelo en Vilagarcía de Arousa

Durante o prazo previsto de execución de catro meses levarase a cabo o proceso de recolleita de información de arquivo, bibliografía ou de traballos de campo. Con esta documentación elaborarase unha proposta de delimitación dos bens e dos seus ámbitos de protección. Tamén se realizará unha prospección arqueolóxica intensiva dos ámbitos dos petróglifos que abranguerá a agrupación das rochas e o seu contorno inmediato. Por outra parte, o traballo de campo recollerá a microtoponimia da zona como lugares, camiños, montes ou veigas así como o patrimonio inmaterial asociado (tradicións, lendas, contos...).

Con todos estes datos Patrimonio iniciará un proceso de depuración e racionalización do listado de petróglifos sobre os que se están a desenvolver actuacións de posta en valor na provincia de Pontevedra, para a súa declaración individualizada como BIC. Este proceso que dá comezo en Pontevedra vai continuar a súa labor de delimitación no resto de gravados rupestres de Galiza.

O Museo de Castrelos albergará somentes arqueoloxía

Un dos centros culturais con máis soleira de Vigo, o Museo Castrelos, mudará en breve a súa orientación. O Concello anunciou que o pazo Quiñones de León terá como destino próximo expor os achados arqueolóxicos que teñen aparecido en diferentes escavacións da cidade. Como alternativa para albergar a importante pinacoteca do centro o concelleiro de Cultura, Xesús López, apuntou que se baralla o antigo edificio do reitorado.

sábado, julho 28, 2007

Arqueólogos localizan tumbas da Idade do Ferro nun castro de Lalín


Os arqueólogos estaban practicando unha excavación de urxencia no Castriño de Bendoiro, xa que a nova liña do AVE Santiago-Ourense vaille pasar xusto por riba. E, de súpeto, atoparon un achado sorprendente. No contorno do castro os investigadores localizaron dúas estruturas funerarias creadas na Idade do Ferro, en plena época castrexa. Nunha delas, formada por dúas gabias liñais, atopáronse, ademais, “diversas pezas metálicas”. Ata o momento, os enterramentos dos nosos devanceiros castrexos eran unha incógnita, e só existían achados illados difíciles de contextualizar. A Consellería de Cultura describe o achado como “un fito historiográfico na arqueoloxía galega”.

sábado, julho 14, 2007

Nace unha asociación para coñecer o patrimonio cultural da comarca do Alto Verdugo

Imaxe: Cama do Home (Taboadelo-Ponte Caldelas)
Estudar o patrimonio etnográfico, potenciar o turismo da área arqueolóxica e programar actuacións de tipo turístico para dar a coñecer o patrimonio da zona do Alto Verdugo son algúns dos obxectivos de “A laxe da Irena”, unha asociación composta por estudosos da zona de Ponte Caldelas que toma o seu nome un dos petróglifos máis importantes de Galicia que foi achado na zona. Ademais, este colectivo é herdeiro do grupo Alfredo García Alén que foi creado hai 25 anos.

A asociación ten o seu ámbito de acción nos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes.

quinta-feira, junho 07, 2007

As obras da Autovía 64 entre Ferrol e Vilalba rematan cos restos do círculo lítico de A Mourela, nas Pontes

Era un dos poucos círculos líticos do megalitismo documentados no país.

O erudito local Federico Maciñeira localizouno a finais do século XIX, pero as súas pedras foron empregadas na construción dunha estrada. Só despois de ser aprobado o trazado da autovía AG-64 entre Ferrol e Vilalba, que atravesaba polo medio do xacemento, se puideron comezar as excavacións na zona, que demostraron a existencia do círculo lítico e unha posterior edificación medieval.

Onte a Consellaría de Cultura levantou a zona de cautela sobre o xacemento, tras recibir un informe da Consellaría de Obras Públicas desestimando un cambio no trazado da autoestrada. As escavadoras xa comezaron a levantar a terra.

Un activo movemento local e veciñal defendeu durante estes anos a escavación, a preservación dos restos e o desvío do trazado da autoestrada.

Artigo extraído do web do Consello da Cultura Galega na Rede

terça-feira, junho 05, 2007

COMUNICADO DE ADEGA E A PLATAFORMA EN DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES

A Asociación Ecoloxista ADEGA e a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, expoñen:

Hoxe, día 5 de xuño, día mundial do medio ambiente o Director Xeral de Patrimonio Cultural da Galiza borrou dun plumazo o Círculo Lítico da Mourela, no concello das Pontes de García Rodríguez. A media mañá de hoxe varias máquinas entraron no xacemento destruindo o mesmo en superficie. Ademais a situación na que quedan as tres mámoas da necrópole é insostíbel, dado que unha gabia de máis de 50 metros de profundidade atravesará este conxunto pola metade.

Ante esta situación, cremos que se repetiron os erros do pasado e non se fixo ningún intento por parte da Administración por dar transparencia a esta destrucción.

Ignorouse ademais a alternativa da execución dun túnel presentada polas nosas organizacións, que no mes de novembro de 2006, contaba co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio, que confiaba nesta alternativa como solución á destrucción.Hai que sinalar que a Lei do Patrimonio Cultural Galego, esixe a formulación e o estudo de tódalas alternativas existentes denantes de destruir o patrimonio. Cremos que no caso da Mourela a Lei non estivo vixiante.

A decisión de construir un túnel que salvagardara a necrópole megalítica non era unha cuestión económica nin legal, era unha decisión política, polo que consideramos que a Administración tomou o camiño equivocado.

Por isto dende ADEGA e a Plataforma, pedimos a demisión do Dir. Xeral de Obras Públicas D. Manuel Morato, por non estudar a alternativa existente e coaccionar á Dir. Xeral de Patrimonio, na toma desta decisión.

Logo de apoio público da Dir. Xeral de Patrimonio á alternativa do túnel lamentamos profundamente que o seu director xeral D. Felipe Arias, non tivese a entereza suficiente para esixirlle á Dirección Xeral de Obras Públicas a valoración e o estudo da alternativa do túnel e en consecuencia pedimos que os responsábeis desta situación, demitan.

Ademais aproveitamos este comunicado para anunciar a activación dun dispositivo de loita activa contra a especulación do noso Patrimonio arqueolóxico, que inclúe medidas de carácter social e legal.

Durante a xornada de mañá anunciaremos as diferentes movilizacións que se producirán durante os vindeiros días como repulsa a este Atentado Patrimonial.

Hoxe é un día triste para a arqueoloxía en Galiza, mais tamén o é para a Cultura Galega. Os veciños das Pontes non aturaremos máis destruccións do noso Patrimonio, coas nosas mans conseguiremos virar o rumbo desta nave da sinrazón e por a nosa proa na dirección axeitada, que remate dunha vez por todas coa especulación do noso patrimonio cultural.

CONSEGUÍRONO: A MOURELA FOI ARRASADA ESTA MAÑÁ

Sen facer públicos os estudos dos arqueólogos no Circulo Lítico, sen estudar algún tipo de alternativa ao trazado previsto, sen valorar a posibilidade de construir un túnel por baixo da necrópole megalítica, e sen termos constancia de se a Dirección Xeral de Patrimonio deu o visto bo, a CPTOPV decide arrasar hoxe o alto da Necrópole, enclave crucial do patrimonio megalítico.

Noraboa señores políticos, por conseguires destruir o sitio arqueolóxico da Mourela e a esperanza de moitos cidadáns nunha nova forma de entender a democracia. As futuras xeracións lembraranvos eternamente.
MOURELA D.E.P. (3.000 a.C -5 DE XUÑO DE 2.007)

+ INFO en www.amigus.org/mourela.php

domingo, junho 03, 2007

Charla sobre a Mourela en Portas Ártabras

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes e Adega organizaron este fin de semana na Coruña o acto Repensando A Mourela.

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes e Adega organizaron este fin de semana na Coruña o acto Repensando A Mourela. Ambas as entidades expuxeron a situación actual da necrópole prehistórica da Mourela, afectada polas obras da autovía que unirá Ferrol Cidade Vella.

Proxectaron catro vídeos e o arqueólogo Antón Malde falou da importancia da necrópole nos estudos e investigacións de prehistoria de Galicia. O museólogo Felipe Senén analizou a posibilidade de reconstruír o círculo lítico e de pór en valor o conxunto megalítico. Ademais, falouse da alternativa á destrución da necrópole proposta por Adega e a Plataforma, que pasa pola construción dun túnel.

+ datos