Mostrar mensagens com a etiqueta tradición. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta tradición. Mostrar todas as mensagens

quinta-feira, maio 15, 2008

XII FESTA DA MAROSA



Este fin de semana, tedes todos unha cita na praia da Marosa no concello de Burela, dende xa fai anos 12 concretamente, levase celebrando este festival que nos axuda a quentar motores para todo-los vraos. Así que xa sabedes se queredes unha finde animada tedes un peazo cartel en Burela a partires desta sexta feira.



Seguro que algún dos que anda por aí o coñecedes, canto tempo...

terça-feira, abril 08, 2008

Concurso de Carteis Festival Irmandiño de Moeche



A Asociación Cultural "Castelo de Moeche" convoca un CONCURSO DE CARTEIS, anunciando o XXIX Festival Irmandiño. As BASES que rexerán este concurso son as que se relacionan a seguir:
1º.- Poderán participar todas as persoas que o desexen.
2º.- O tema será libre.
3º.- A realización dos traballos axustarase ás seguintes normas:
- O tamaño será de 50 x 65 cms.
- O cartel farase en dúas cores planas, máis o fondo.
- Os traballos virán montados en papel vexetal, cartolina ou similar.
- No cartel figurará obrigatoriamente o logotipo do Festival e o texto:
XXIX FESTIVAL IRMANDIÑO - MOECHE , 22 - 23 DE AGOSTO DE 2008
4º.- Establécese un único premio de 210 € e unha placa.
O cartel premiado pasará á propiedade da Asociación Cultural "Castelo de Moeche", que o editará e distribuirá por toda Galicia.
5º.- O xurado estará composto polos membros da Xunta Directiva desta Asociación, podendo esta delegar noutras persoas.
O fallo do xurado será inapelable; podendo, o concurso, quedar deserto se o xurado considera que ningunha das obras ten méritos de abondo.
6º.- O fallo do xurado darase a coñecer o 17 de maio de 2008 coincidindo co día das letras galegas.
7º.- As obras pódense presentar ata o día 12 de maio; non se admitirán as que cheguen despois.
8º.- Os orixinais poden estar firmados có nome do autor ou cun pseudónimo, levarán pegado polo revés un sobre cos seguintes datos do autor: nome e apelidos, enderezo e teléfono.
9º.- Poderase solicitar a devolución dos traballos non premiados ata o 31 de maio de 2008; podendo a A.C. "Castelo de Moeche" dispoñer libremente dos que queden no seu poder.
10º.- Os traballos enviaranse ó seguinte enderezo:

CAFETERÍA SOBELAIRA
SAN RAMÓN S/N – SAN XOÁN
15563 MOECHE (A CORUÑA)

A participación no concurso supón a aceptación das presentes bases.
Para máis información pódese solicitar na dirección de correo electrónico: f.irmandino@yahoo.es ou chamando ós teléfonos: 699999852 (Rafa), 670242959 (Mariña).


Moeche, 3 de marzo de 2008,

Asociación Cultural "Castelo de Moeche"
Lg. Lavandeira - Labacengos
15564 Moeche (A Coruña)
C.I.F.: G-15/492.176

terça-feira, março 25, 2008

X ENCONTRO DEGUSTACIÓN DO MILLO CORVO

A Asociación Cultural de Meiro (Bueu) organiza o X ENCONTRO DEGUSTACIÓN DO MILLO CORVO.

Esta celebración de artesanía agroalimentaria é a culminación anual dun ciclo de traballo a prol da recuperación deste millo escuro que corre o perigo de desaparecer. Este ano é especialmente importante xa que se celebra a décima edición deste evento.

+ info no blog: http://www.meirocorvo.org/

ASOCIACIÓN CULTURAL MEIRO
C.I.F.: G-36293223
Casa da Aldea s/n - Meiro
C.P. 36938 - Bueu ( Pontevedra)
Tlf.: 637558957
Mail: meirocorvo@gmail.com

quarta-feira, fevereiro 06, 2008

Entroido 2008 en As Pontes












O Entroido é unha festa popular que ten a súa orixe como indicación da fin do inverno e o comezo da primavera. Nel conflúen rituais cristiáns e paganos, sendo a época na que se poden romper tódalas normas, cambiar de personalidade ou identidade e ironizar sobre as institucións máis asentadas. É, sen dúbida, a festa máis irreverente do calendario galego. Foi por iso que se prohibiu durante a época franquista, malia que se mantivo vivo nas aldeas...e pobos coma As Pontes (video).

A Xunta concede axudas para o patrimonio etnográfico



Destina 300.000 euros a 107 proxectos

A Consellería de Cultura concedeu por primeira vez unha subvención para a rehabilitación de patrimonio etnográfico. En total, o gabinete que dirixe Ánxela Bugallo destinou 300.000 euros a 107 proxectos de restauración de bens de patrimono etnográfico inventariado que procuraban a súa conservación.

Na súa maioría, os destinatarios foron particulares, aínda que tamén recibiron as axudas asociacións veciñais e culturais, para restaurar e conservar principalmente hórreos, muíños, lavadoiros, e cruceiros, así como en fornos e peto de ánimas.

A Dirección Xeral de Patrimonio distingue nestas axudas entre as obras de conservación para o mantemento do inmoble como reparacións puntuais, limpezas ou substitución de materiais danados e que contan cuns 3.000 euros por obra como máximo; e as obras de restauración que buscan recuperar o carácter orixinal do inmoble e ás que destinan 10.000 euros por petición. Os bens patrimoniais que se poden beneficiar destas axudas son: hórreos, cabazos, piornos, celeiros, cruceiros, petos de ánimas, palleiras, alpendres, pallozas, muíños, fontes, lavadoiros, fornos ou pombais.

Galicia-Hoxe.com

quarta-feira, janeiro 23, 2008

Feira do Grelo nas Pontes o domingo 3 de febreiro


As Pontes celebrará un ano máis a feira gastronómica por excelencia do concello aproveitando as animadas e laicas datas do Antroido.

A data será o próximo 3 de febreiro e xa van XXVIII feiras en honor do Grelo (non da Nabiza, que non é o mesmo nin parecido).

O cartace é do deseñador Noé López Valiña

+ info sobre o GRELO da Galipedia

segunda-feira, janeiro 14, 2008

Mosteiros de futuro?

Imaxe: Mosteiro de Monfero
Un bo feixe de mosteiros galegos sufrirán en breve obras de recuperación. Nalgún caso só se trata de amañar as cubertas ou de restaurar as obras de arte que gardan no seu interior. Noutras ocasións falamos de reconstrucións completas que transformarán o que hoxe non son máis que ruínas en complexos turísticos ou culturais. No noso mapa interactivo facemos un percorrido polos claustros que estarán en obras ou que terán posibilidade de as comezar durante 2008.
Un espazo que leva tempo pendente de se incorporar á lista de mosteiros reconvertidos en balneario é o Mosteiro de Monfero (San Fiz de Cela). Cedido finalmente pola Igrexa a finais de 2007, a Xunta dispón agora de cincuenta anos para restauralo e polo en marcha. É de agardar que a cousa non quede para última hora.
Outro Mosteiro preto de As Pontes é o de Santa Catalina Monte Faro. Xa en febreiro de 2008 tería que estar publicado o plan director que establecerá os usos deste mosteiro e decidirá as futuras actuacións sobre o edificio. Aínda que parcialmente recuperado, este espazo leva anos a se deteriorar e sen unha función clara. Entre os usos que se barallan están desde ser un centro sociocultural para o concello de Mugardos ata acoller unha residencia para militares retirados.
Pinchade aquí para ver o mapa dos mosteiros (CULTURA GALEGA.ORG)

quinta-feira, dezembro 27, 2007

Ratzinger, oligarca e líder dos católicos, suprime a mula, o boi e os pastores do pesebre


Conservador e rigoroso, amante da ortodoxia máis estrita e das misas en latín, Benedito XVI cinguiuse ao que relata a Biblia e ordenou quitar a mula, o boi e os pastores dos tradicionais pesebres do Nadal. O papa-xerente, gran coñecedor da figura de Jesús, baséase no Evanxeo de San Mateo e defende que as figuras representadas na tradición proceden dos Evanxeos Apócrifos. Isto, por suposto, creou debate en torno á orixe do Cristo.

Agora só fai falla que quiten a virxe e os anxos, que tampouco estaban alí. Alí so estaban as monxas e os curas pasando o cepillo e pedindo por todos, bueno, menos polos pecadores, que eses xa falarán co INNOMBRABLE o día do XUIZO FINAL que segundo o Xerente da Multinacional Católica, tense previsto para o 25 de decembro de 2.999, para conmemorar o Terceiro Milenio da chegada de Xesús dende as estrelas máis lonxanos do firmamento. Que conste que íase celebrar no ano 2.000 (aínda non se esqueceu o gran efecto que provocou) pero parece que por falta de abogados de oficio e de que aqueles días o ex-Xerente cristiano andaba constipado, aplazouse 1.000 anos -tempo de sobra para seguir con esta leria-.

A asociación A Gentalha reivindica un Santa Claus galego: O APALPADOR


O “Apalpador” é unha das tradicións galegas de Nadal que se festexaba no Courel. Este personaxe era un vello xigante que tiña como oficio ser carboeiro e que vivía nas devesas de alta montaña. No Nadal baixaba ás aldeas para apalpar as barrigas dos nenos para comprobar que estaban ben alimentadas e deixáballes unha morea de castañas quentes. Esta figura propia está a ser recuperada pola asociación cultural a Gentalha do Pichel a través de información no sitio web e a edición de material variado. Canda esta iniciativa, A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de publicar unha serie de recomendacións para aproveitar o noso idioma nos regalos propios destas datas.


NOVA EXTRAÍDA DE CULTURA GALEGA.ORG

domingo, dezembro 09, 2007

ArtesaniadeGalicia.org pon os obradoiros galegos na Rede

Nestas datas nas que adoitamos a estrugar os miolos pensando no mellor agasallo para os nosos amigos, irmás, curmáns e demais familia e achegados, non podía vir máis a conto a páxina web Artesanía de Galicia.

Esta web, á que se pode acceder dende finais do pasado mes de novembro, funciona agora a modo de escaparate dos produtos manufacturados tradicionais do país, para que podamos botarlle unha ollada rápida e facernos co mellor obsequio para os nosos seres queridos (sobre todo se lles gusta a artesanía galega) logo de localizar o artesán que nos colla máis preto. O portal ofrece múltiples ferramentas entre as que cómpre salientar un buscador, unha axenda de eventos, un localizador de artesáns e un arquivo de documentos.

ArtesaniadeGalicia.org ofrece unha perfecta visión do conxunto do sector e preséntase como unha completa guía con toda a información de tódolos obradoiros artesanais galegos.
A web, que está traducida ó galego, ó castelán e ó inglés, permite contactar directamente cos obradoiros e visualizar as pezas de artesanía así como realizar procuras por comarcas ou por tipos de produtos.

información de Código Cero

domingo, outubro 21, 2007

O Museo do Pobo Galego cumpre 30 anos mentres procura formas para a súa persistencia no tempo


O herdeiro do Museo Etnográfico creado en 1932 polo Seminario de Estudos Galegos celebra o próximo 29 de outubro tres décadas de existencia, buscando fórmulas para a súa continuidade. Así o manifestaron onte o seu director, Carlos García, a secretaria, María Xosé Fernández e o presidente do Padroado, Isaac Díaz Pardo.

O 29 de outubro de 1977 resucitaba unha iniciativa do Seminario de Estudos Galegos frustrada pola ditadura de Francisco Franco, o Museo Etnográfico, instalado en 1932 no Colexio de Fonseca de Santiago para cumprir un vello desexo que partía do Rexurdimento. Trátase do Museo do Pobo Galego, situado agora no antigo convento de San Domingos de Bonaval, e que celebra nestas datas o seu 30 aniversario con distintos actos culturais.

A institución, xurdida da sociedade civil, afronta agora unha nova etapa na que se cuestiona o modelo para asegurar a súa continuidade, debido á falta de relevo xeracional. Así o puxeron de manifesto onte o director do Museo, Carlos García; o presidente do Padroado, Isaac Díaz Pardo, e a secretaria, María Xosé Fernández, na roda de prensa celebrada en Compostela para presentar os actos conmemorativos do 30 aniversario.

Segundo Díaz Pardo, a institución segue vivindo grazas ao traballo "desinteresado" de persoas como o director e a secretaria do Museo, e de outros nomes como os de Xusto Beramendi e Luciano García Alén. "O problema é que todos eles morrerán, eu o primeiro, e o tempo vence as cousas", reflexionou o intelectual galeguista.

O debate está aberto, e será abordado no seno do Padroado, onde existen diferentes opinións. Así o deixou patente o director do Museo, quen defendeu a independencia da institución para a súa "liberdade de expresión e programación", mentres que para Díaz Pardo "debería pasar a unha institución pública".

Nova de Galicia-Hoxe.com

quinta-feira, outubro 18, 2007

Vinte embarcacións tradicionais galegas participarán na Festa Marítima Internacional de Brest


A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, anunciou onte que o verán próximo Galicia será o país invitado no máis importante encontro mundial de cultura marítima, en Brest (Bretaña francesa), en que se exporá o patrimonio cultural da comunidade vinculado ó mar. Así o explicou a conselleira no pleno do Parlamento, en resposta a unha pregunta do deputado Bieito Lobeira.

Segundo sinalou, unha frota de 20 embarcacións, así como un espazo dedicado a Galicia, que contará cunha exposición e material de artesanía, darán a coñecer o patrimonio galego. Bugallo aclarou que un dos principais elementos da delegación galega será de 20 barcos de diferente envergadura que pretenden mostrar a riqueza e variedade do sector pesqueiro galego.
Nova do xornal Galicia-Hoxe.com

Arqueoloxía e mercadoceltia

Publicamos a crítica de Xurxo M. Ayán ao libro DA ARQUEOLOXíA AO SOñO POPULAR de Ana Ibarra Jiménez

Na miña opinión, a investigación arqueolóxica sobre a Idade do Ferro desenvolta dende a década de 1960 pola auto-alcumada Nova Arqueoloxía galega insírese nun sistema de saber-poder galaico-minhoto caracterizado tradicionalmente pola persistencia do paradigma da Arqueoloxía histórico-cultural galeguista, por unha alerxia á teoría, por un sesgo pseudopositivista a ultranza e por un notable hermetismo cara ás influencias exteriores. Esta endogamia (que fixo do NW un “sitio distinto” en termos arqueolóxicos e historiográficos) conlevou, asemade, un certo escepticismo cara ás aportacións realizadas dende fóra do sistema, sobre todo aquelas que abogaban por unha Arqueoloxía social e crítica, e aquelas innovacións encetadas polas novas xeracións de investigadores. Neste contexto, un dos excepcionais focos de renovación da Arqueoloxía sobre as comunidades castrexas e/ou célticas do NW dos últimos anos vén sendo a liña de traballo dirixida polo catedrático de Prehistoria Gonzalo Ruiz Zapatero na Universidade Complutense de Madrid, centrada na crítica historiográfica e na análise en clave sociolóxica da Arqueoloxía como prática social e política no presente. Desta factoría de xoves valores xurdiron as interesantes aproximacións á arqueoloxía castrexa do NW de Beatriz Díaz Santana, Alfredo González Ruibal ou Carlos Marín, gran parte delas dadas a coñecer na Serie Keltia da Editorial Toxosoutos. Nesta colección vén de publicarse unha nova aportación máis desta exitosa e produtiva liña de traballo, da man doutra xove investigadora, Ana Ibarra Jiménez.

seguir lendo

segunda-feira, outubro 15, 2007

Volverán os séculos escuros para a lingua galega?


Menos do 21% dos adultos aprendeu o galego como primeira lingua

Só o 20,6% dos adultos o aprenderon como lingua inicial

Só o 20,6% das persoas maiores de 14 anos que viven en Galicia aprendeu o galego como primeira lingua, mentres que o 36,2 comezou a falar en castelán. O resto, declárase bilingüe dun ou doutro xeito ou, nunha pequena porcentaxe, tivo como lingua materna un idioma estranxeiro. Son datos dunha enquisa realizada polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG) no ano 2004 para a elaboración do segundo volume do Mapa Sociolingüístico de Galicia, publicado en 2007, pero foi a Mesa pola Normalización Lingüística a que lle chamou a atención sobre eles, xa que o estudo da RAG non os destaca.

Carlos Callón, presidente da Mesa, afirma que "o galego está na peor situación da súa historia", xa que no primeiro volume do Mapa Sociolingüístico que a RAG publicou en 1994 (con datos do 92), revelaba que o galego era a lingua materna do 51,3% da poboación do país, e o castelán, a do 13%. Polo tanto, a aprendizaxe do galego como primeira lingua descendeu máis dun 30% en doce anos, mentres que a do castelán subiu un 23%.

Pero a comparación entre os datos dos dous anos non ofrece resultados totalmente fiables, xa que, entre outras cousas, a enquisa feita en 2004 non incluía as persoas maiores de 54 anos, por estar xa moi representadas na do 92. Así o explicou, nunha entrevista con Efe, unha das investigadoras do Seminario de Sociolingüística da RAG, quen engadiu que este "descenso alarmante do galego", debe matizarse xa que neste grupo de idade é onde existe un maior número de galego-parlantes.

A mesma reflexión fixo a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López Soneira, quen destacou ademais que aumentou "nunha porcentaxe significativa" o número de persoas que falaba as dúas linguas de neno. Concretamente, a suba foi do 8%, do 36% en 1992 ó 44% na actualidade.

Así a todo, López Soneira recoñece que "se está a producir unha baixada na aprendizaxe do galego como lingua inicial, pero non é irrecuperable". "Nós preferimos traballar vendo sempre o vaso medio cheo", engade.

Pola súa banda, Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, recoñece que as cifras resultantes de comparar as dúas enquisas poden non ser fiables, "pero é que inda que asumamos un 5 ou un 10% de marxe de erro, os datos seguen a ser arrepiantes" e están reforzados por outros estudos estatísticos, que obteñen resultados similares. "Aínda que me gustaría, non podo ver o vaso medio cheo", afirma Callón.

DATOS
Ferrol, un caso moi preocupante

Nas sete cidades galegas, a aprendizaxe do galego como lingua inicial permanece por debaixo do 20%, agás en Lugo (23%). Pero o caso máis preocupante está en Ferrol. Só o 8,3% dos ferroláns tivo o galego como lingua materna única, e só o 6,2% era bilingüe preferentemente en galego. Entre os enquisados de 15 a 24 anos, só o 1,6% aprendeu a falar como monolingüe en galego, exactamente a mesma procentaxe que os que teñen unha lingua estranxeira como idioma materno nas mesmas idades.

Como nota positiva, destaca que en Santiago, Ourense, Pontevedra e Lugo hai máis xente que ten o galego como lingua materna na franxa dos 15 os 24 anos que na dos 24 ós 34.
Nova extraída do xornal Galicia-Hoxe.com

sexta-feira, setembro 14, 2007

Máis musulmáns que católicos no mundo, e en aumento o número de ateos

Segundo un prestixioso instituto demográfico estadounidense, hai 1.322 millóns de islámicos. Os fieis que obedecen a autoridade do Vaticano son 1.115 millóns.

No mundo hai 200 millóns máis de musulmáns que de católicos.

Por primeira vez, o prestixioso World Christian Database (WCB), un instituto especializado en analizar as estatísticas relixiosas, deu a noticia que mostra o cambio de escenario. Os fieis do Islam crecerían rapidamente nos últimos anos e serían 1.322 millóns, mentres que os católicos nos cinco continentes descenderían ao segundo lugar, pois contan con 1.115 millóns de bautizados, ou sexa un pouco máis do 17% da poboación planetaria.

O Vaticano expresou as súas dúbidas respecto destas cifras. Segundo o Anuario Pontificio 2007, os católicos no mundo a finais de 2005 eran 1.145 millóns, cun aumento do 6,7% respecto ao 2000, o ano do Xubileo Extraordinario e do comezo do Terceiro Milenio Cristián. Para os expertos do instituto norteamericano, os datos están atados a unha tendencia “irreversible” que demostra a maior dinámica demográfica dos países musulmáns, cunha natalidade moi superior aos cristiáns en xeral e aos católicos en particular.
Estados como Francia, Italia, Portugal, España todas moi católicas tiñan ata fai unhas décadas en Europa un alto índice de fertilidade matrimonial. Hoxe, en cambio, están entre as menos prolíficas, con índices do 1,3 e 1,5% de fillos por matrimonio, cando para repor á parella de proxenitores é necesario un nivel de dous fillos por parella. Aínda que con datos menos dramáticos, tamén en América Latina hai unha tendencia decreciente nos niveis de fertilidade. En Europa, que o Papa coloca no centro dunha nova evanxelización do continente que considera alma da historia cristiá, só Francia logrou aumentar o número de fillos por matrimonio, ata chegar ao nivel necesario para substituír coas futuras xeracións ao pai e á nai. Entre os musulmáns, os sunnitas con 1.152 millóns de crentes exceden nunha relación moi ampla aos shiítas (que viven sobre todo en Irán e Iraq), que chegarían a 170 millóns. En conxunto, os cristiáns seguen na vangarda con 2.153 millóns de fieis. Ademais dos 1.115 millóns de católicos, segundo o World Christian Database, estímase que hai 360 millóns de protestantes, 200 millóns de ortodoxos, 75 millóns de anglicanos e 400 millóns de “novos cristiáns”. Esta última cifra é moi interesante porque se refire ás igrexas evanxélicas pentecostais, ás que a Igrexa católica, que é a primeira prexudicada pola súa expansión, chama “sectas”.

Estas igrexas nútrense en América Latina de moitos cristiáns que se desvinculan da Igrexa. O Papa puido constatar persoalmente durante a súa recente visita a San Pablo e ao santuario de Aparecida como en Brasil as “sectas” están erosionando o número de fieis do país con máis católicos do mundo. Estímase que Brasil era católico ao 90% fai tres décadas, pero agora as investigacións revelan que a cifra reduciuse ao 64% dos 190 millóns de habitantes, mentres os pentecostais xa exceden os vinte millóns de “novos cristiáns”. En Brasil rexistrouse unha diminución dos niveis de fertilidade con respecto aos rexistros das décadas anteriores, pero segundo algúns estudos non existe unha diferenza marcada no número de fillos por parella que nacen dos 130 millóns de católicos brasileiros e as hostes de seguidores das igrexas protestantes (pentecostais e evanxélicos), cuxo eficaz proselitismo faias crecer a un ritmo alarmante para a Igrexa romana. Nas táboas difundidas polo instituto especializado norteamericano, os xudeus a máis antiga das grandes relixións monoteístas son no mundo só 14,6 millóns, mentres que a fe hindú ten 870 millóns de adeptos.
A relixión tradicional China, inspirada en Confucio, chega a case 400 millóns de fieis e os budistas suman 378 millóns, mentres que outras relixións asiáticas contan con 260 millóns de seguidores. Os que non se identifican cunha relixión en particular son 772 millóns, de acordo co estudo do WCB. Segundo Mohammed Nour Dachan, presidente da Unión das Comunidades Islámicas en Italia, “non hai que dar demasiada importancia ás cifras”.

O líder relixioso dixo ao diario A Repubblica de Roma que “os crentes temos que sentirnos irmáns máis aló dos números e as estatísticas”. “Cando os homes presentaranse ante Deus para o Xuízo Final, o Señor xulgaraos polo que fixeron e non polo grupo relixioso ao que pertencen”, agregou Dachan. O presidente das comunidades musulmás italianas afirma que “nas estatísticas faise moita confusión e con frecuencia non son exactas, porque non teñen presente a realidade relixiosa das áreas en exame”. Dachan sinalou á Repubblica que “sería perigoso que quen difunde estas cifras fixéseo só para sementar divisións entre os crentes no Deus único”.

quinta-feira, setembro 13, 2007

Hoxe escomezou o mes do Ramadán para 1.300 millóns de musulmáns

Trátase do mes sacro do xaxún. Desde o amencer ata a posta de sol non poden comer, beber, fumar nin practicar sexo. Están exentos os enfermos e as mulleres embarazadas. O millón de musulmáns que residen en España empezan desde este xoves a celebrar o mes sacro do xaxún ou Ramadán, que consiste en non comer, non beber, non fumar e non ter relacións sexuais desde o amencer ata a posta do sol e, fóra desas horas, todo o que estaba prohibido está permitido. Así o indicou Mohamed Elafifi, portavoz do Centro Cultural Islámico de Madrid, quen sinalou que é difícil obter unha porcentaxe de canta xente vive realmente este costume, xa que é algo que pertence ao ámbito do privado.

Sen problemas para vivir as súas tradicións

No noveno mes do ano 1428 do calendario musulmán, a maioría destes fieis, concentrados en Madrid, Cataluña, Valencia e Andalucía, aseguran que non atopan problemas neste país para vivir as súas tradicións. Vivir en España non supón impedimento algún insalvable para cumprir co xaxún, sentenciou, á vez que dixo que esta é unha sociedade multicultural e mediterránea como a da inmensa maioría dos musulmáns que vivimos aquí.
A relixión musulmana non pide cousas imposibles e "se hai algún impedimento non se fai o Ramadán e xa está", comentou, para lembrar que a abstinencia non impide, en ningún caso, cumprir cas obligacións laborais, porque non se trata de "estar no sofá sentados".
Explicou que respecta o xaxún toda persoa que poida desde o punto de vista da saúde, sen que iso dependa da idade, estando exentos os enfermos ou as mulleres embarazadas ou aqueles que teñan un impedimento lóxico como unha viaxe de moitas horas. Elafifi comentou que Alá mándalles este alicerce para pasar fame e sentir as carencias que ten outra xente, os pobres, os desprotexidos, acordarnos deles e ser máis solidarios e piadosos. Para rematar Elafifi recordou que o xaxún é un dos cinco alicerces do Islam. os outros catro son a confesión da fe, a oración, a esmola e a peregrinación á Meca.

quarta-feira, setembro 12, 2007

Os xudeus en todo o mundo celebrarán a partir desta noite e durante dous días o Rosh Hashaná

Con mazás, mel e o canto do shofar, os xudeus en todo o mundo celebrarán a partir desta noite e durante dous días o «Rosh Hashaná», o comezo do ano novo 5768, segundo o calendario hebreo.
Laicos, tradicionalistas e ortodoxos reuniranse en familia para conmemorar o que a tradición xudía considera o aniversario da creación do mundo e o inicio dun período de expiación, que culminará co «Yom Kipur» ou Día do Perdón.

Segundo dita o Levítico (23:23-25), dous días antes de comezar o mes hebreo de «tishrei» celébrase o «Rosh Hashaná», unha tradición que data duns 2.500 anos antes de éraa cristiá, cando a data era anunciada desde Xerusalén a todas as comunidades por medio de fogueiras.
Nestes días é costume escoitar o saúdo e a felicitación de «shaná tová» (feliz ano), acompañado do trafego dos preparativos da gran cea da «Noitevella» xudía, a compra de agasallos e os sinxelos adornos de mazás vermellas nos escaparates das tendas.

A celebración desta festividade vese marcada por dous costumes: a comida de mazás embebidas en mel, para que o próximo ano «sexa doce», e a asistencia a fontes de auga como mares, ríos ou mananciais, para «desfacerse dos pecados e inmoralidades» do ano que acaba.
á parte das mazás e bizcochos de mel, na cea ritual desta noite adóitanse degustar dátiles, cabazas, garavanzos e allo porro, símbolos de bos agoiros e fertilidade.

Os comensais, sempre en familia, non se privarán de peixe recheo ou guisado, segundo sexan xudeus de orixe europea ou occidental (ashkenazíes) ou sefardíes (descendentes dos xudeus expulsados de España pola Inquisición) e procedentes dos países orientais ou do mundo árabe (mizrajim).

A expresión do «Rosh Hashaná», cabeza de ano ou fin de ano, non é a única forma de denominar á festividade, e é que o seu nome bíblico «Yom Teruá» está relacionado co deber de facer soar o «shofar», o instrumento feito co corno dun carneiro ou chiba.

O ulular deste instrumento de vento é o acto central dos rezos da mañá durante a festividade do ano novo e é distinto da entonación solemne que se fai nas sinagogas ao concluír o «Día do Perdón».

Para os xudeus israelís seculares esta festa é un momento propicio para viaxes e vacacións, pois nesta época iníciase un período festivo que concluirá a finais de mes con «Sucot» ou «Festa dos Tabernáculos».

Con todo, para os ortodoxos comeza un período de rezos e longas horas na sinagoga, e dun tempo de reflexión, introspección e expiación dos pecados do ano anterior, sexan cometidos de forma intencionada ou por descoido.

Trátase dun período de dez días, «Yiamim Noraim» ou «Días Terribles», que culminará o próximo 22 co día máis sacro do calendario, o «Yom Kipur», cando Dios decide os que serán inscritos no «libro da vida».

Por iso e en liña coa tradición mosaica, tras o ano novo os observantes saudaranse coa lenda: «Gmar hatimá tová» ou «que sexas ben inscrito» no libro.

Mas de 14 millóns de xudeus celebrarán a festividade en todo o mundo aínda que os 5,3 millóns deles que viven Israel farano tratando de deixar ao carón a situación política de gran inestabilidade polo conflito rexional cos palestinos.

Como en todas as festividades do calendario xudeu, que este ano coincide co comezo do mes sacro musulmán de ramadán, os organismos de seguridade israelís elevaron o nivel de alerta en todo o país e blindado os territorios de Cisxordania e Gaza.

Para a maior parte dos israelís conclúe un ano agridoce, no que o conflito cos palestinos segue cobrándose vítimas e o temor a unha posible guerra con Siria salta aos titulares dos xornais.
No entanto, a conferencia rexional prevista para o próximo mes de novembro e auspiciada por EEUU e as numerosas entrevistas entre o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, e o presidente palestino, Mahmud Abás, nos últimos meses parecen sinalar unha tímida luz ao final do túnel do conflito.

A Romería da Fraga na revista FHM

Imaxe de J.L.López da Festa da Fraga 2.007

A revista de macizas en top-less fai referencia á festa das festas. Os comentarios non son moi apropiados, pero é de agradecer que entre tanta cachonda, teñan a ben lembrar a nosa romería.

Este é o comentario:
"Menos mal que el pueblo de As Pontes está en Galicia y no en Estados Unidos, porque si así fuera, seguro que en medio de las fiestas del pueblo llegaba un escuadrón de los marines y los detenían a todos por fabricar bombas de ántrax o algo así. Vete a saber, que los marines son muy brutos...
El caso, que si pasas por las fiestas de As Pontes y de repente algo explota, no te asustes, que lo más probable es que sea una bomba de harina, que allí son muy dados a hacerlas. Por otra parte, las fiestas no tienen desperdicio y nosotros te recomendamos que te pases por allí si tienes ocasión. Eso sí, llevate un par de kilos de harina y aprende a fabricarte tus propias bombitas".

terça-feira, setembro 11, 2007

Cultura delimita os petróglifos da provincia de Pontevedra para a súa declaración como Bens de Interese Cultural

Imaxe: Laxe dos Cabalos, Paredes, Campo Lameiro, Pontevedra
Na web da Consellería de Cultura atopamos a seguinte nova, que esperamos sexa un luz no túnel da política levada a cabo ata o día de hoxe en relación o patrimonio prehistórico galego, e diso sabemos moito os ponteses comprometidos co noso pasado.
A Consellaría de Cultura e Deporte vai delimitar os petróglifos da provincia de Pontevedra para a súa posterior declaración individualizada como Bens de Interese Cultural (BIC). O departamento que dirixe Ánxela Bugallo xa adxudicou o contrato de consultoría e asistencia á Universidade de Santiago de Compostela por un importe de case 55.000 euros.

Esta actuación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría, xurde co obxectivo de propiciar unha mellor conservación, protección e difusión dos petróglifos. Na actualidade a inexistencia dun ámbito real de protección grafado sobre unha planimetría axeitada e a indefinición dos seus usos poñen en perigo unha boa parte dese tipo de bens.Aínda que xa existe unha declaración xenérica de BIC de todos os petróglifos de Pontevedra, Cultura pretende facer nunha primeira fase da intervención unha declaración individualizada dos gravados rupestres da provincia. Os bens culturais que serán obxecto de estudo son:

-Namelas I na Agolada-Outeiro dos Lameiros en Baiona-Laxe dos Bolos en Caldas de Reis-Laxe da Rotea de Mendo, Pedra da Boullosa, Campo de Matabois, Chan de Carballeda, O Ramallal-Monte do Calvoe Chan da Lagoa en Campo Lameiro-Laxe da Chan, Mogüelos e as Abelaires en Cangas-Fentáns, Lombo da Costa, Portela da Laxe, Laxe das Coutadas en Cotobade-Auga da Laxe en Gondomar-Pornedo, Champás, Godalleira e Mogor en Marín-Outeiro do Cribo en Meis-Pozo Garrido e A Pegada de San Pedro / Pedra dos Barcos en Moaña-Campo Redondo e Laxe de Esperón en Mondariz-Monte Ardegán en Moraña-Auga dos Cebros en Oia-Pedra das Tenxiñas Pazos de Borbén-Pozo Ventura, A Caeira (Laxe das Lebres, Pedra Grande de Montecelo, Laxe do Xugo, Laxe das Picadas) en Poio-Campo de Cuñas e Toruón en Ponte Caldelas-Carballeira, Penedo do Mato do Fondo, Laxe do Outeiro do Mato das Cruces, Outeiro da Mina, Penedo de Vilar de Matos en Pontevedra-Poza da Lagoa en Redondela-Primadorno e Pena das Cazolas en Silleda-Monte Tetón en Silleda-Eira dos Mouros / Pedra das serpes en Valga-Pedra da Moura, Fragoselo en Vigo-Os Ballotes, Meadelo en Vilagarcía de Arousa

Durante o prazo previsto de execución de catro meses levarase a cabo o proceso de recolleita de información de arquivo, bibliografía ou de traballos de campo. Con esta documentación elaborarase unha proposta de delimitación dos bens e dos seus ámbitos de protección. Tamén se realizará unha prospección arqueolóxica intensiva dos ámbitos dos petróglifos que abranguerá a agrupación das rochas e o seu contorno inmediato. Por outra parte, o traballo de campo recollerá a microtoponimia da zona como lugares, camiños, montes ou veigas así como o patrimonio inmaterial asociado (tradicións, lendas, contos...).

Con todos estes datos Patrimonio iniciará un proceso de depuración e racionalización do listado de petróglifos sobre os que se están a desenvolver actuacións de posta en valor na provincia de Pontevedra, para a súa declaración individualizada como BIC. Este proceso que dá comezo en Pontevedra vai continuar a súa labor de delimitación no resto de gravados rupestres de Galiza.

sábado, agosto 11, 2007

A Maruxaina e o Mercado Medieval de Mondoñedo esperan hoxe a miles de persoas


Mondoñedo e San Cibrao esperan recibir hoxe a miles de persoas, para celebrar as festas da Maruxaina e o Mercado Medieval.

No caso da localidade cervense, os actos xa se iniciaron onte, con festa ata ben entrada a madrugada e o descubrimento de dúas estatuas en honra á xente do mar. Pero o groso da celebración será hoxe. O chupinazo que o anunciará lanzarase ao mediodía. A partir de entón sucederanse as actividades, ata que pola noite a sirena Maruxaina sexa capturada e xulgada. Unha monumental queimada será outro dos alicientes desta festa declarada de interese turístico.

En Mondoñedo, a cita co Mercado Medieval comeza hoxe e prolongarase ata o domingo. Para a ocasión haberá instalados na contorna da praza da catedral uns 150 postos de artesáns de todo tipo. Se o tempo acompaña, a previsión é que o público que acuda á celebración abarrote a vila mindoniense, como é tradición.»

+ Concello de Cervo