domingo, outubro 21, 2007

O Museo do Pobo Galego cumpre 30 anos mentres procura formas para a súa persistencia no tempo


O herdeiro do Museo Etnográfico creado en 1932 polo Seminario de Estudos Galegos celebra o próximo 29 de outubro tres décadas de existencia, buscando fórmulas para a súa continuidade. Así o manifestaron onte o seu director, Carlos García, a secretaria, María Xosé Fernández e o presidente do Padroado, Isaac Díaz Pardo.

O 29 de outubro de 1977 resucitaba unha iniciativa do Seminario de Estudos Galegos frustrada pola ditadura de Francisco Franco, o Museo Etnográfico, instalado en 1932 no Colexio de Fonseca de Santiago para cumprir un vello desexo que partía do Rexurdimento. Trátase do Museo do Pobo Galego, situado agora no antigo convento de San Domingos de Bonaval, e que celebra nestas datas o seu 30 aniversario con distintos actos culturais.

A institución, xurdida da sociedade civil, afronta agora unha nova etapa na que se cuestiona o modelo para asegurar a súa continuidade, debido á falta de relevo xeracional. Así o puxeron de manifesto onte o director do Museo, Carlos García; o presidente do Padroado, Isaac Díaz Pardo, e a secretaria, María Xosé Fernández, na roda de prensa celebrada en Compostela para presentar os actos conmemorativos do 30 aniversario.

Segundo Díaz Pardo, a institución segue vivindo grazas ao traballo "desinteresado" de persoas como o director e a secretaria do Museo, e de outros nomes como os de Xusto Beramendi e Luciano García Alén. "O problema é que todos eles morrerán, eu o primeiro, e o tempo vence as cousas", reflexionou o intelectual galeguista.

O debate está aberto, e será abordado no seno do Padroado, onde existen diferentes opinións. Así o deixou patente o director do Museo, quen defendeu a independencia da institución para a súa "liberdade de expresión e programación", mentres que para Díaz Pardo "debería pasar a unha institución pública".

Nova de Galicia-Hoxe.com

Sem comentários: