ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS
NON AO PLANO ACUÍCOLA DA XUNTA!!
NON AO PLANO ACUÍCOLA DA XUNTA!!
MANIFESTACIÓN NACIONAL EN CORRUBEDO
4 DE NOVEMBRO, ÁS 12:00 DA MAÑÁ, NO PORTO DE CORRUBEDO
Dende as terras galegas que mollan os salseiros atlánticos, aquelas
que bican o mar dende A Guarda a Ribadeo, os movementos sociais
galegos, xentes con amor polo noso, chamamos a Galiza enteira a
erguerse connosco nun berro colectivo contra o Plano Acuícola da
Xunta.
Consideramos que este plano sectorial constitúe unha traizón ao povo
galego por parte dos seus gobernantes, pois pretende enaxenar o
mellor do noso litoral para alimentar os insaciábeis bandullos das
transnacionais do peixe. Esta ocupación masiva da beiramar de máis
de 3 millóns de metros cadrados é unha sentenza de morte contra as
nosas praias e cantís, unha violación das nosas máis sobranceiras
paisaxes, unha insustentábel hipoteca para os recursos ambientais e
económicos autóctonos, e unha legalización encuberta da
contaminación salvaxe do mar. Peixes planos nas piscinas… e
encefalogramas planos nos despachos.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e
indecente no eido ambiental. Millóns de metros cadrados de litoral
liberado poden ficar para sempre soterrados baixo o formigón
transnacional. As macrofábricas de peixe agreden directamente unha
chea de espazos naturais, moitas veces integrantes –ou lindantes–
cunha Rede Natura 2000 da que depende a sustentabilidade dos
nosos recursos. Resulta tendencioso pretender que instalacións
industriais de ducias de hectáreas e sen ningún sistema de
depuración non vaian impactar sobre o ecosistema mariño e terrestre
por situarse da outra beira ou no límite dun espazo protexido.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e
indecente no eido social. A Xunta pretende agasallar ás empresas
con aquilo que as galegas e os galegos sempre conservamos. Velaí o
noso castigo. Queren, ao cabo, facer unha expropiación salvaxe do
litoral. O Plano ataca de cheo ás áreas costeiras que sempre estiveron
liberadas das agresións industriais e urbanísticas. Son o pouco que
nos queda, e non estamos dispostos a que caian nas mans de
empresas depredadoras. O Plano foi consensuado coas empresas
desprezando a opinión do pobo, no que en último caso reside a
soberanía do país. Sen nós, non hai Plano.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS porque o Plano Acuícola é inxusto e
indecente no eido económico. A acuicultura en terra só representa
o 1,8% da actividade do sector en Galiza. Falar do carácter
estratéxico do plano sectorial é enganar ao pobo, pois só resposta ás
necesidades dunha mínima parte do sector esquecendo –e mesmo
poñendo en perigo– a achega, esta si estratéxica, da acuicultura a
flote e dos parques de cultivo marisqueiro, que ocupan a máis de
10.000 persoas, fronte ás 520 da acuicultura en terra. Expropiar ao
pobo para beneficiar a empresas que en moitas ocasión nin sequera
están no tecido económico do país é unha actitude colonialista. Estas
macroplantas van esnaquizar a costa, non van xerar nin de lonxe o
emprego que din e van recibir case 400 millóns de euros de
subvencións públicas, que deberían ser investidos na valorización dos
nosos recursos naturais e na creación de actividades produtivas
sustentábeis ao redor dos nosos espazos protexidos.
ATÉ AQUÍ CHEGHAMOS COS PEIXES PLANOS, chamamos ás
galegas e aos galegos a berrar connosco no Porto de Corrubedo, o
4 de novembro de 2007 ás 12:00 da mañá, contra esta
aberración ambiental, social e económica á que nos quere condear a
Xunta.
CONVOCAN: ADEGA, Plataforma Medioambiental de Corrubedo,
Plataforma Veciñal en Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas
(Carnota), Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns (Porto do
Son), Comisión de Propietarios/as Laxe Brava (Teira-Corrubedo),
Plataforma Veciñal Xove-Lago, Plataforma Veciñal de Merexo (Muxía),
Plataforma de Afectados/as de Arou (Camariñas), Plataforma de
Afectados/as de Oia, Plataforma de Afectados/as de Foz, Agrupación
de Mariscadoras/es de Corcubión, Cooperativa de Mergulladores/as
da zona 5ª, Delegacións da Coruña e Lugo do Colexio de
Arquitectos/as de Galiza.
Sem comentários:
Enviar um comentário