sexta-feira, outubro 19, 2007

O colectivo xitano quéixase de que en Galicia se lle veta o acceso á vivenda


Case 600 anos despois da chegadas dos primeiros xitanos á península ibérica, e 700 ao noso continente, segue a ser imposible un coñecemento mutuo que nos permita convivir e compartir o mesmo espazo vital. Os prexuizos xenofobos e a desconfianza mútua son dos principais escollos que impiden unha maior compresión que permita sair da pobreza e da marxinación a un dos pobos máis antigos da humanidade.
Nova en Terra.es:
O presidente da Asociación do Pobo Xitano, Sinaí Giménez Jiménez, deu a coñecer ao Defensor do Pobo galego (Valedor do Pobo) a situación de 'discriminación' que sofre este clan e tachou de 'atentado racista contra a democracia' a intención da práctica totalidade da veciñanza de Vilarchán de 'contraofertar' a compra do edificio en cuestión.

Por este motivo, e dado o eco mediático que esta singular operación de compra espertou, os veciños da aldea pontevedresa foxen das cámaras e as preguntas como da peste. Non queren ser xulgados como 'racistas' cando a súa intención é a de preservar a seguridade da zona e que os numerosos problemas de droga e furtos que se producen no Vao cheguen ata este diminuto recuncho. Pero as acusacións de Sinaí Giménez ponos de novo 'na picota'.
Antes de entrevistarse co Valedor Benigno López, Giménez destacou ante os informadores que a reprochable actitude veciñal de Vilarchán pode sentar o primeiro 'precedente' nunha comunidade, a galega, que se caracteriza, na súa opinión, por ser unha das que máis marxinan á etnia xitana. 'Que a familia proveña do poboado do Vao é só unha escusa, porque eu non son de alí, e se quero comprar unha vivenda, tampouco ma venden', sentenciou o tamén representante da Plataforma de Vendedores Ambulantes de Galicia. Precisamente, os seus 'defendidos' alegaron o día anterior ás portas do Concello de Poio, onde se sitúa o asentamento chabolista, que o seu oficio é o da chatarra e a venda en feiras, non a droga, polo que nada teñen que temer os veciños da parroquia contigua.
Pero, aínda que a decisión final da operación crediticia da comunidade de augas de Vilarchán -que acaerría a cada veciño o desembolso mensual de 16 euros durante 35 anos- non se tomará ata o vindeiro sábado nunha nova asemblea, Sinaí Giménez apela a que as máximas instancias -presidente e vicepresidente da Xunta- interveñan para paralizar a compra, e que non se siga mirando para outro lado'. 'Téñense que tomar medidas administrativas para que non se pase por alto e garántase ao pobo xitano o acceso á vivenda', un dereito que o representante do pobo xitano instou a protexer a través dunha nova lei no hemicico autonómico.

Sem comentários: