sábado, novembro 17, 2007

As sete marabillas da arqueoloxía galega!


Neste tempos de promesas políticas dende a Consellería de Cultura da Xunta, sobre a revalorización do patrimonio arqueolóxico galego, a través da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, atopamos a realidade actual, na magnífica páxina do arqueólogo Franjo Padín, NOVAS DE ARQUEOLOXÍA. Fai unha selección das 7 marabillas arqueolóxicas de Galicia máis destruídas e máis descoñecidas e abandoadas. Tamén nombra o caso da desaparecida Mourela das Pontes, un das maiores agresións ao patrimonio nos derradeiros anos, e o que é máis descorazoador, pertetrada dende o governo galego.

Estas son as 7 "marabillas":

Dombate: O dolmen de Dombate, cantado por Pondal e paradigma dos megalitos galegos, foi escavado por última vez hai dúas décadas. Dende entón, os seus alicerces destripados, con interesantísimas pinturas, permanecen á intemperie, sufrindo danos cecais irreparabeis, por culpa do desacordo perpetuo entre a Xunta e a Deputación da Coruña, propietaria do megalito. O prometido e nunca de todo concretado proxecto de musealización foi desbotado hai uns meses por Patrimonio. Iso deixa a Dombate agardando indefinidamente a súa solución, agoniando debaixo dunha lona remendada.

Toralla: Na viguesa illa de Toralla, fronte aos areais de Canido, houbo en tempos un asentamento castrexo e posteriormente unha necrópole de época romana, posiblemente relacionada coa Vila de Toralla ou de Mirambel, situada a carón, en terra firme. Castro e necrópole foron rebentadas pola construcción do tocho de Toralla, megalobosta de cemento dos anos do “desarrollismo”, e por unha urbanización de chaletes de luxo a principios dos 90, que propiciaron unha intervención arqueolóxica “de urxencia”. A vila romana está sendo rehabilitada con un certo estilo… neopazo?.

As Torres de Padín, seguindo en Vigo, é(ra) un xacemento excepcional, pois nel atopáronse evidencias de ocupación humana dende a Idade do Bronce, un poboado castrexo, restos romanos, e unha fortaleza da época dos irmandiños. Dous milenios de historia que foron recortados a porcións coma un queixo de tetilla por un escalestric da AP-9 e por unha nave industrial situada ao pé, pertencente a unha empresa sancionada hai uns meses por danar o pouco que fica instalando un valado metálico.

O Castelo de Laias era un asentamento romano de certa entidade, onde nos anos 40 se documentaron diversas estructuras relacionadas coa extración de ouro, e restos dun poboamento castrexo, cecais levantado, dicíase entón, pola poboación indíxena empregada na actividade mineira. A pesares de saber isto, o estudo de impacto da A-52 non contemplou a súa existencia, e debeu ser escavado de xeito apresurado en vez de desviar 100 metros a autovía. O asfalto levou todo por diante, non resta a penas nada. Un caso paradigmático da inoperancia das administracións por facer compatibles as obras públicas coa conservación do Patrimonio.

Adro Vello: Na praia do Carreiro, en San Vicente do Grove, hai un extraordinario xacemento consistente nunha vila romana costeira, adicada no seu tempo á industria de salga, sobre a que se construiu unha igrexa paleocristiana coa súa correspondente necrópole. Permanece abandoado, rodeado por un valado metálico que non o libera das agresións (hai uns anos, o concello meco fixo polo medio unha zanxa para unha tubería). Un museo ou aula de interpretación é a eterna promesa que nunca, coma sempre, se acaba de cumplir.

Aquis Querquennis: En Bande, a carón da Vía XVIII ou Vía Nova que unía a Braga e a Astorga romanas levantouse un campamento romano, unha mansio ou estación de postas, unhas termas e un pequeño vicus. O campamento, moi ben coñecido polas escavacións, sufríu unha restauración controvertida polo seu aspecto demasiado “novo”. Pódese visitar, iso sí, se hai seca, porque pasa algúns meses do ano asulagado polo encoro das Conchas, explotado por FENOSA. A Via Nova tamén sufriu unha restauración moi discutida: un carreiriño serpentante e completamente inventado superponse ominosamente á rectitude marcial da vella estrada romana.

Os petroglifos, así a eito: imposible elexir un. Malviven nos montes de media Galicia, afectados polo trazado de pistas forestais, a maquinaria pesada da industria madeireira, os verquedoiros incontrolados de lixo, a agresión de afeccionados que os repintan con calquera cousa, os canteiros, os moteiros e os todoterreos que os usan como pistas, e sobre todo o terrorismo incendiario. Unha iniciativa como o Centro de Interpretación da Arte Rupestre Galega, en Campolameiro, parece o parto dos montes, como contaba a fábula… e non dan parido.

Hai máis casos, como non: o castro de Albarellos, en Verín, o de A Travesa en Becerreá, o de Punta Langosteira na Coruña, o non-se-sabe da Mourela, as mámoas do IFEVI de Vigo, a vila romana de Bueu, a pésima exhibición e conservación de obxectos de moitos museus galegos… poden vostedes elexir e facer o seu particular escalafón de barbaridades. Bó sería que non houbera máis que sete.

Novas de Arqueoloxía

Sem comentários: