En Europa e en España asístese a un dos maiores cambios sociais e culturais dos últimos tempos. Non o encabeza a tecnoloxía, nin o militarismo, nin sequera o chamado fenómeno da globalización de capitais, nin ningún dos factores que noutros séculos protagonizou o auxe deste pequeno recuncho do globo. Protagonízano as persoas, os seres humanos, a mestura de homes e mulleres de diversos pobos, de orixes variadas, de culturas diferentes, de experiencias vitais e de afectos, con todo, próximos. Moitos pobos de Europa, nun marco de convivencia democrática, facendo nacer unha aposta por unha sociedade intercultural, multiétnica e de pluralismo relixioso e linguístico, que fai desta pluralidade a súa fortaleza e a súa proposta política fronte a outros modelos pechados, xeradores de unilateralidade e de unidimensionalidade. Dentro da construción deste novo espazo de consenso e desta nova sociedade os inmigrantes somos un actor máis, con iguais aspiracións e con iguais esforzos e deberes. Porque a sociedade cambia e debe incorporar estas novas realidades. Tamén para os inmigrantes está aberta a utopía de participar plenamente na construción dun modelo de convivencia onde todos e todas teñamos cabida en pé de igualdade de recoñecemento e de oportunidades. Os inmigrantes como unha categoría que aglutina non só aos vindos doutros lugares, senón tamén as novas relacións establecidas aquí, os fillos de quen viñeron antes, as familias mixtas e unha gran parte da sociedade nativa que convive, respecta e fai seus moitos dos valores, propostas e sentimentos da inmigración. Todos somos inmigrantes. Pero lamentablemente os inmigrantes non contan na actualidade co mesmo recoñecemento, co mesmo respecto, cos mesmos dereitos. E este anacronismo debe cambiar se queremos aspirar a unha sociedade máis xusta e democrática. Por iso quen asinamos este manifesto eliximos apostar pola visibilidade. Que nos vexan, que nos oian, que nos recoñezan. Facémonos visibles, farémonos cada vez máis visibles, reclamaremos cada vez máis a nosa visibilidade e a nosa presenza porque con iso queremos apelar á cidadanía, aos axentes sociais, aos axentes políticos, para que reconsideren a actual situación na que os inmigrantes non podemos participar plenamente na vida política e social da nova sociedade. Apelamos a unha reconsideración das regras de xogo non en beneficio propio, senón da sociedade, non en apelación dun privilexio, senón dunha causa de xustiza. Por iso chamamos a que se exerza de forma simbólica por parte de quen apoian os nosos anhelos o “voto” polo “si” do dereito ao voto dos inmigrantes.
Nós votamos si.
2 comentários:
yo ya firmé.
yo ya firmé.
Enviar um comentário