segunda-feira, maio 15, 2006

Resposta de Patrimonio e valoración rápida da Plataforma

A Plataforma Cidadán na Defensa do Círculo Lítico da Mourela, unha vez mantida a reunión co Director xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura a luns 15 de Maio de 2006, expón de xeito resumido as principias conclusións:

En primeiro lugar, cabe falar da cordialidade mantida ao longo de toda a xuntaza, na que estaban presentes tres membros da plataforma, así como un representante de ADEGA.
Unha vez feita unha presentación da plataforma, o director xeral expuxo a súa versión sobre todo o acontecido así como a postura por parte do organismo que dirixe.


A este respecto, cabe salientar as seguintes cuestións:
• Según o director xeral, o problema nace no ano 2002, no momento en que a COTOP Consellería de Ordenación Territorial e Obras Públicas da Xunta, comete a neglixencia de non recoller no informe de impacto ambiental da autovía a existencia dun ben catalogado, como é o círculo lítico.
• Por outra banda, no verán de 2005, a Dirección Xeral de Patrimonio, concede un permiso ao Laboratorio de Investigacións Arqueolóxicas LIA para levar a cabo unha excavación. Afirma o director que dita entidade careceu de axilidade e desperdiciou tempo no seu traballo, xa que por motivos varios as excavacions foron suspendidas, sobre todo tendo en conta que se trataba dunha excavación de urxencia, máxime cando xa se sabía de antemao que o tramo de autovía afectaría ao xacemento tarde ou temprano.
• Según o director de patrimonio, existe suficiente documentación para coñecer o xacemento, aínda que apuntaba a dificultade para establecer un criterio que determine con exactitude cal é o nivel de documentación a estas alturas.
• Por outro lado, afirmou que durante as obras da autovía, terá lugar un control arqueolóxico no entorno, tal e como recolle a lei de patrimonio.
• Por último, as zonas non afectadas son susceptibles de ser investigadas posteriormente á construcción da autovía.


Se ben é certo que a paralización ou desvío do trazado da autovía é algo case imposible a día de hoxe, cabe ter en conta unha serie de cuestións:
O Ministerio de Fomento ten a obriga de investir un 1% do orzamento da obra da autovía en dotacións culturais, mentres que a Consellería de Obras Públicas ten a obriga de investir igualmente un 2% en dotacións artísticas e patrimonias. Sen embargo, a lei non establece a obrigatoriedade de que ditas porcentaxes sexan reinvestidas no territorio afectado.
Ante esta situación de incertidume, a plataforma quere expresar que comeza un proceso de reclamación para que finalmente a vila das Pontes vexa revalorizado o seu patrimonio, por medio dunha contraprestación.
Un Centro de Investigación e Interpretación Arqueolóxica, un vello reclamo por parte do Grupo arqueolóxico Maciñeira, son algunha das propostas comentadas no transcurso da Asamblea xeral celebrada o pasado sábado 13 de Maio na casa Dopeso.
O vindeiro sábado día 20 de Maio está prevista unha nova asamble xeral, na que se analizarán con maior profundidade as cuestións tratadas na reunión co director, da que se deberán extraer as conclusións e medidas a levar a cabo de xeito definitivo de agora en adiante, sobre todo tendo en conta que a intención da plataforma é a ter continuidade no tempo co fin de denfender o patrimonio das Pontes para que non se repitan acción de destrucción do rico patrimonio pontés ao longo das últimas décadas.


Sen máis, convidamos a tódolos ponteses e pontesas a formar parte desta plataforma, que está a dar os seus primeiros pasos, e que ten un largo pero ilusionante camiño por diante.

nAs Pontes, a 15 de Maio de 2006
Plataforma Cidadá na Defensa do Círculo Lítico da Mourela

1 comentário:

Anónimo disse...

Your are Excellent. And so is your site! Keep up the good work. Bookmarked.
»