Na rede existen máis de tres catálogos de producións audiovisuais feitas no noso país ademais de múltiples portais nos que coñecer a actualidade informativa. Isto, sen ter en conta que cada produtora conta co seu propio sitio web no que dá conta dos seus traballos. No fondo acaba por evidenciar unha abondosa redundancia informativa tanto en sitios mantidos por entidades públicas como privadas.
Audiovisualdegalicia.es, Axenciaaudiovisualgalega.org, AVG, cinegalego.es, Consorcioaudiovisualdegalicia.es…. son só algúns dos nomes dos dominios que existen na rede con información relativa ao sector audiovisual. Desde que en 1996 Margarita Ledo crease, no seo da Universidade de Santiago, o “Observatorio do Audiovisual Galego” foron agromando múltiples iniciativas, iso si, todas abandeiradas baixo a intención de “fomentar e potenciar” o audiovisual da terra.
Similitudes e diferenzas
En primeiro lugar, o denominador común a todas as iniciativas que se manteñen na rede arredor diso que chamamos “audiovisual galego” teñen como principal fío común promover o audiovisual. Así, no web da “Axencia Audiovisual Galega” o obxectivo que figura “é consolidar un audiovisual con identidade de seu e fortaleza suficiente para situarse nun mundo globalizado”. Para a ferramenta “Cinegalego.es” o sitio web é “unha nova vía para a promoción e difusión das obras feitas en Galicia” e, entre os seus obxectivos, figura “promocionar o noso audiovisual e servir de apoio ás accións de márketing desenvolvidas polas produtoras e distribuidoras”. AVG, o primeiro portal informativo nesta materia leva a etiqueta de “O soportal do audiovisual galego”.
Todos os sitios web que aparecen detallados a continuación teñen unha sección informativa para atender aos feitos de actualidade, e ademais desta multiplicidade informativa hai tamén varios catálogos onde coñecer os detalles das producións. Pero non todos manexan as mesmas cifras. AVG ten 3.389 entradas (entre producións, entidades e profesionais), a Axencia Audiovisual Galega ten 3.625 (entre producións e profesionais), Cinegalego.es ten 246 traballos. Isto, máis o “agregador” de “Audiovisualdegalicia.es” que, tal e como se dixo na súa presentación pretende agrupar os contidos dos diferentes portais. Estes tres catálogos parten dunha mínima información común (sinopse, ficha técnica e ficha artística) pero hai diferencias notorias entre eles. Para comprobar as peculiaridades e as diferenzas recomendamos un paseo atento pola rede e, para os que o prefiran, aquí teñen unha análise de cada sitio web (ordenadas por data de creación do sitio web).
Sem comentários:
Enviar um comentário