sexta-feira, setembro 15, 2006

a cidade interpretada

A iniciativa pretende amosar que a obra de arte situada no espazo público pode ser un estímulo e un medio de conciencia da nosa presenza activa no mesmo. A obra de arte pública proponse na actualidade máis como unha “mediación” que como un obxecto en si mesma, xa que o interese dos artistas está en establecer un diálogo entre a obra, o lugar e a audiencia. O espectador transfórmase nun actor, un “intérprete” do espazo.

As intervencións dos oito artistas invitados a traballar sobre o contexto de Santiago de Compostela inciden en tópicos inseparábeles da percepción da cidade, como son a Historia, a crenza ou a cultura, e noutros aspectos como a xeografía urbán, a sociedade ou a industria turística. Pero se pretendeu unha aproximación a estas cuestións desde a concepción do espazo público non como algo físico senón como un proceso temporal de construción colectiva. Trátase de ler o texto da cidade histórica a través dos rasgos profundos das súas rúas e prazas, dos seus relatos e itinerarios, pero tamén de facer política dos seus espazos, de examinar a transitividade existente entre os seus suxeitos e obxectos. Para iso é necesaria a apelación ao espectador como aquel suxeito de experiencia ou ‘intérprete que pode estabelecer conexións críticas entre tempo e espazo, forma e contexto, memoria e cotidianeidade.

No proxecto ‘A cidade interpretada’ participan Nathan Coley coa intervención no COAG e outra na praza de Cervantes de Camouflage Church;

Hans Schabus con Melodie Finisterre instalado no paseo da Ferradura;
Germaine Kruip con Wish, un orixinal proxecto que versa sobre as estrelas fugaces, visible desde diferentes puntos da cidade;
Roman Ondák, con Lucky day na praza da Praterías;
Jorge Barbi coa obra Minarate, situada no Pazo de Bendaña;
André Guedes, coa Visita de Eugenio na praza do Obradoiro;
Carme Nogueira coa obra Refuxio na praza da Trisca;
e Apolonija Sustersic que aporta Manifestation Platform no parque de Hortas.

Sem comentários: