GALICIA, dígase o que se diga, por ser pobre en riqueza e, seguramente por iso, pobre en cultura, foi, é, secularmente, non so país de emigrantes, senón país de migracións. Xa van un pouco esquecidos os miles de galegos que regaren América co suor de seu, que era o único que podían dar. Non están lonxe na memoria os traballadores galegos, sen formación, amoreados en barracóns suízos, belgas, alemáns e a facer as tarefas que ninguén por alí quería. Están presentes os traballadores da construción, galegos, hoxe repartidos polo Estado. E, cada día, estamos a ver a persoas que queren arribar a Europa rica e morren afogados estragando vidas miserablemente. A organización do mundo é, coma tantas obras humanas, un sinsentido: a división en Estados, o fácil recurso á guerra, a distribución das riquezas e o chamado dereito de propiedade póñense por riba do ser humano, sacrificado, unha e outra vez, para defender cuestións tan circunstanciais coma un Estado ou unha propiedade. Faría falla reflexionar máis e caer na conta de que a propia existencia é o único que temos e non está vinculada a un ou outro lugar. Miren: os suevos, que repoboaren Galicia, foren avalanchas de inmigrantes do Norte que viñeren a establecerse e integrárense tanto que, hoxe, ata presumimos de tal orixe. Os romanos que pararen aquí non eran propiamente veciños de Roma, senón soldados, funcionarios, poboadores recollidos de aquí e de acolá. Mesmo os árabes, no resto de España, conformaren a raza española ao afincárense na Iberia oitocentos anos: ¿Quén, non sendo Aznar coa súa pinta de turco, pode presumir de non levar sangue árabe nas veas?. Nestes tempos de compartir, simultaneamente, emigración con inmigración, por sermos pobres para nós e ricos para outros, convén darse conta de que pola nosa historia non está de máis que nos vexamos como somos: iguais.
X.A. OCHOA na Voz de Galicia (21/10/06)