quinta-feira, fevereiro 28, 2008

As empresas de inmigrantes supoñen o 2% do tecido empresarial de Ferrolterra, Eume e Ortegal

Os inmigrantes contan con 200 negocios en Ferrolterra, o 2% do tecido empresarial

O 2003 foi o ano no que abriron un maior número de sociedades na zona, con 74 negocios novos

O sector comercial concentra máis da metade das firmas creadas por estranxeiros

Ao redor do 2% dos empresarios con negocios en Ferrolterra, Eume e Ortegal proceden de países estranxeiros. Os inmigrantes empezan a deixar atrás o rol de asalariados para asumir o de emprendedores e xa dirixen máis de 200 compañías das 11.585 rexistradas nas tres comarcas.
De acordo coa información oficial da que dispón a Cámara de Comercio, máis da metade dos empresarios estranxeiros asentados na zona optaron polo sector comercial detallista para pór en marcha os seus negocios, aínda que nestes momentos teñen presenza nun amplo abanico de actividades económicas. A construción e oficios asociados, como a albanelería; a reparación de vehículos; as academias de idiomas; o sector turístico e a estética son algúns dos segmentos de negocio nos que crearon sociedades os estranxeiros.

Algúns comezan a abrir establecementos especialmente orientados cara aos seus compatriotas, ofrecendo produtos que ata o momento non tiñan presenza na cidade, principalmente do sector da moda e a alimentación.

Na listaxe que manexa o organismo cameral non se atopa desglosado o número de empregos que xeran os emprendedores estranxeiros. Con todo, se se toma como referencia que a media de empregados do sector comercial na cidade é de polo menos dous traballadores por cada establecemento, pode deducirse que os empresarios inmigrantes sosteñen xa nas tres comarcas polo menos 300 postos, 200 deles no sector comercial.

O comercio é, xunto coa hostalería, dúas dos sectores refuxio para o autoemprego entre os ferroláns e tamén entre as persoas que chegan á comarca para buscarse un mellor porvir que nos seus países de orixe. Non é estraño, por iso, que detrás do comercio, os restaurantes e bares constitúan o segundo grupo de actividade en contar cun número maior de emprendedores estranxeiros.

A comarca, azoutada por periódicas crises vinculadas ao sector naval, e cunha das taxas de desemprego máis altas de Galicia, comezou a recibir inmigrantes máis tarde que outros lugares da comunidade. Con todo, nos últimos anos acentuouse esta tendencia, o que propiciou que o persoal estranxeiro non só se integre plenamente na vida da comarca, senón que se decida a pór en marcha a súa propia empresa.

Segundo a información facilitada pola Cámara, no ano 2002 había rexistrados nas tres comarcas 19 negocios creados por estranxeiros. Catro exercicios despois, esa cifra disparouse ata os 202, é dicir, multiplicouse case por once. O ano 2003 foi o que rexistrou a posta en marcha dun maior número de negocios impulsados por inmigrantes, con 74 establecementos, unha cifra similar, aínda que lixeiramente maior, á rexistrada no 2006, último exercicio do que se teñen datos oficiais.

Liderado
No desglose por municipios, a cidade naval é a que conta cun maior número de negocios, ao redor do 63% do total, a moita distancia de Narón, que ten o 8,4%.

Sem comentários: