Videos da festa da fraga

Loading...

quarta-feira, fevereiro 20, 2008

A auga empeza a encher o lago das Pontes


A choiva alagou xa o 1% da antiga mina de lignito ao descuberto

A choiva caída nas Pontes (A Coruña) no último mes e medio comezou a alagar o oco da mina ao descuberto de Endesa, improductiva desde o 31 de decembro. A empresa eléctrica, que explotou o xacemento de lignito pardo durante os últimos tres decenios, restaurará os terreos converténdoos no maior lago artificial de Galicia, con 800 hectáreas de superficie.

A choiva, que enche xa o 1% da conca, anticipouse ao proxecto de Endesa, que consiste en transvasar auga do Eume cara ao oco da explotación ata que soborde, dentro de catro anos. Pero estas tarefas aínda non comezaron. Antes terán que concluír as obras de construción dunha canle que captará auga do Eume e canalizaraa ata a mina.

Francisco Aréchaga, director da mina, desvelou que un computador se encargará de abrir a comporta que permitirá o transvasamento da auga de forma automática. O sistema activarase só cando o Eume leve caudal suficiente e nunca nos meses de xullo, agosto e setembro, cando o río baixa con menos caudal. A auga do lago non será potable, pero Endesa di que si será posible a vida animal. Para controlar a acidez, a empresa comezou a engadir cal. Aréchaga apunta que xa están tomando mostras da auga embalsada na conca. Os resultados, di, son mellores do que esperaban. Estes controis realizaranse de forma periódica durante os próximos anos; e a partir de agora haberán de realizarse a bordo dunha lancha para tomar mostras directamente das zonas alagadas.

A ollos de profano, o lago é azul, aínda que dentro da mina existen zonas cubertas con auga menos cristalina e tinguida de cor carbón. O fondo da conca está cuberto por restos do lignito pardo, aínda que se intentou selar (cubrindo con arxilas) o máximo de superficie para que o mineral envenene o menos posible a auga.

Endesa perfila ademais a configuración dos elementos complementarios do lago, como unha praia de medio quilómetro de lonxitude e unha illa de 14.000 metros cadrados.

Nova extraída da Voz de Galicia

Sem comentários: