quarta-feira, maio 14, 2008

Reportaxe sobre Choiva Azeda no xornal comarcal Pegadas


A REPORTAXE É DE XOSÉ MONTERO. PUBLICADA NO XORNAL PEGADAS, EDICIÓN DE MAIO.
"QUEREMOS OFRECER ALTERNATIVAS. FACER O QUE SE NON FIXERAMOS NON FARÍA NINGUÉN".
Xa non son os rapaces que hai cinco anos se embarcaran nunha iniciativa ilusionante, pero complicada, dinamizar á xuventude local, a traverso dunha asociación na que tivesen cabida as súas propias inquedanzas. Así nacía a Asociación xuvenil Choiva ázeda, á que o paso dos anos tamén lle supuxo derivar ó que actualmente é unha asociación sociocultural. Hoxe teñen xa cinco anos máis, pero manteñen intactas esas condicións propias da xuventude, anque ás veces nos custe tanto recoñecelas. A ilusión, o compromiso, e a iniciativa, eran valores comúns nun grupo que víu a necesidade de cordenar as inquedanzas de xente que estaba a facer cousas, dende campos moi diversos. Creábase así unha entidade que podía albergar a amalgama de actividades que se acabaron por ver beneficiadas de contar cun apoio, un local, e novas posibilidades de formación. Di Ismael Blanco que foi unha grande ocasión de aglutinar a xente nova que, anque ás veces remasen na mesma dirección, non remaban a un mesmo tempo. "Hai que ter en conta que somos un pobo pequeño e aquí cremos coñecernos todos. E é que, a bo seguro que a mocidade da vila, ó final todos nos vemos nalgún intre, pero realmente non nos coñecemos. Atopámonos falando á fin con xente coa que nunca cruzaras unhas verbas, e que estabamos traballando xuntos, e cuns obxectivos comúns".
Falar cos rapaces e rapazas de choiva ázeda ten algo ainda dese caos máxico que envolve á Asociación dende a súa fundación. Falas cun grupo como quen fala cunha persoa que se está a plantear moitas cousas a un tempo. A riqueza dun sistema sen protagonismos, con funcionamento asembleario, e e sen cargos directivos, é un acicate para a diversidade que se manifesta nas opinións e no traballo. "Isto funcionou así sempre", di Marcos Varela "En menos de dous anos eramos máis dun cento de xoves de diferentes procedencias e expectativas, que nos reunimos para facer cousas, e para ter un sitio onde facelas, e un grupo con quen organizalas.
Tamén é certo que tocamos teito moi axiña, porque eramos tantos, e con tantas arelas diferentes, que era moi difícil funcionar, pero á vez sempre había xente interesada en calquera iniciativa. Nunca fomos un grupo uniforme nin uniformizado. Pero é algo do que estamos fachendosos porque era o que perseguiamos".
De calquera xeito semella que falan de Choiva ázeda case con nostalxia, como se a menos intensidade organizativa, se remitisen a outros tempos como un fermoso recordo. Helio Baamonde entende que este era un proceso natural. " O tempo pasou para a a asociación pero tamén para nós, e xa non somos os rapaces que eramos. Agora estamos condicionados polo traballo, e moitos estamos fóra, porque o traballo nos levou fóra. E en non poucos casos moi lonxe, polo que moitos desligáronse, e outros, anque sigan non poden ter a mesma presenza. Tal vez si fora tempo de que viñese un relevo. Pero a nós xa non nos compete. Nós aparecemos nun contexto en un tempo, e agora se o asociacionismo decaeu na xente nova, ó mellor é porque non o demanda. O noso xa non é asociacionismo xuvenil. E non vemos a necesidade real de reactivar unha agrupación que segue facendo o traballo que pode, e ó ritmo que pode".
O nacemento da Asociación pontesa estivo moi vencellado á música, malia que non tardaron en meterse en actividades do máis variado. Explica Roosvelt Bouza que mesmo detrás da fundación había un claro senso práctico: "Aquí había moitos grupos de música que precisaban dun local. E coa asociación tivemos acceso a el, e a axudas. Tampouco había grandes pretensiósn. O que pasa é que nos fixemos ambiciosos ó ver o ben que estaba a funcionar a iniciativa. Nunca esqueceimos o aspecto lúdico que tiñamos que contemplar. Queriamos facer cousas, pero eran cousas para ocupar o noso ocio, e aí a diversión tiña que estar presente sempre, e tivemolo moi claro".
Detrás do nome de Choiva ázeda hai unha historia que nos fala de provocación. "Si temos que reivindicar esa fin da provocación, porque nós considerabamonos a xeración da choiva áceda. Eramos rapaces e rapazas nados a fins dos 70 e princípios dos 80, que estabamos nunha vila na que esta era unha referencia común. O que non prevemos é que nos fose condicionar tanto para que se nos confundise tanto cun grupo ecoloxista. Non obviamos que é unha das nosas inquedanza, a ecoloxía, pero non é a razón fundamental da asociación. E ó final requeríronnos moito dende ese papel sen que nós tivesemos que ir na busca dese camiño". E se Bandia Rivera lembraba os tempos da fundación, e o intre de escoller o nome, Dani Bouza cre que o logotipo axudou tanto ó obxectivo da provocación como á identificación ecoloxista. "Fora Xulio, que é deseñador quen ideou o logotipo. El xa fora un dos artífices principais da denominación, e seguíu nesa liña de provocación, pero ben entendida. Digamos que non queriamos pasar desapercibidos. Queriamos ser chamativos, coas actividades, co nome, e coa imaxe que nos ía representar".
Logo de incursións na música, na radio, na fotografía, ou , fóronse abrindo novas canles, como o audiovisual ou as viaxes, ata desembocar nunha fronte que hoxe aposta tamén polo deporte, coa segunda tempada contando cun equipo de futbol sala que compite na liga local pontesa." É sumarse a unha actividade que xa está organizada no pobo. Participamos así da súa vida deportiva, e é outra vez un punto de encontro regular para a xente de Choiva ázeda. E o deporte non deixa de ser unha posta novidosa, porque era do pouco no que nos quedaba por involucrarnos". Á fin e ó cabo, o obxectivo primordial, e irrenunciable, é o de fomentar a participación social, para o que é chave a información, pola que apostan divulgando o traballo tamén de outras asociacións en terreos como a ecoloxía ou o patrimonio.
Precisamente téñense destacado na militancia en causas como a defensa do patrimonio arqueolóxico pontés, onde dende sempre se aliñaron coa plataforma en defensa do patrimonio. "Actualmente estamos integrados na propia plataforma, pero é algo que nos acontece con outras entidades. Estamos en Asociacións máis grandes como colaboradores, e aí tanto acudimso na súa busca para difundir o seu traballo, como nos requeren eles a nós. Así ten acontecido con Intermon, Amnistía internacional, ou Adega, que xa os tivemos moitas veces en as Pontes facéndolles de anfitrións"Para dar a coñecer o seu traballo apostaron tamén polas novas tecnoloxías, e teñen en funcionamento unha bitácora ".
O blog é a nosa maior aposta actualmente. É un caixón de xastre no que cabe de todo. A información típica xa está ó acde de todo o mundo. Nós damos outras informacións que queremos compartir ou ofrecemos ese espazo para calquera que teña algo que contarnos. Estamos dando aquelos que interesa á xente que está na nosa órbita, pero sen grandes obxectvos de regularidade, nin de ambicións informativas. E cumpre unha grande función para o contacto ó estramos todos moi espallados". Logo de tanto tempo e tantas actividades é moi difícil escoller con que quedarse. "Fixemos de todo. Fomos fieis ó obxectivo de acoller tódalas sensibilidades. Tivemos un grande eco co concurso de feismo, cos primeiros concertos do Nabiza, ou coa xornada do audiovisual local, pero todos gardamos un grande recordo do calendario ázedo de hai dous anos. Nun intre no que estaban moi de moda os calendarios para recadar cartos ou chamar a atención sobre algo, nós fixemolo coa intención de paslo ben, e resultou unha experencia moi divertida."
Á hora de facer un balanzo do mellor e o peor téñeno ben claro. " Co tempo, todos os que participamos nesta aventura, os que seguimos e os que estiveron antes, derrubamos ese tópico da apatía na xuventude. Os xoves non só fan trompos co coche. Tamén hai xente nova que ten inquedanzas. En As Pontes hai unha mocidade con moito talento, e onde vaias sempre coñecerán a alguén xove natural da nosa vila que ten feito cousas interesantes. Alédamonos de ter contribuido cun papel dinamizador, e como contedores de moitas experencias e proxectos".E o tópico que din demostrou non selo é do gusto deste pobo polas etiquetas. "Aquí ó que se move o primeiro que se fai é etiquetalo. Sempre tés que ser alguén ou contra alguén. Nós temos xente de tódalas ideoloxías, e iso entra no ámbito do privado de cada quen. Nembargantes si somos conscentes de que se nos ten situado nunha beira ou na outra segundo a quen non lle gustara o que diciamos ou faciamos. Pero nacimos e espontáneamente, e tal como xurdimos mantivémonos. Sen que ninguén maior nos dirixira ou abndeirara, e mesmo fomos nós os que nos tentaron captar nalgunha ocasión uns e outros. Pero a independencia que mantemos permítenos non ter precisado entrar nestas batallas".

3 comentários:

Anónimo disse...

Saúdos dende Ortigueira e parabéns polo traballo colectivo solidario e construtivo que está a facer Choiva Ázeda.
Unha aperta

Anónimo disse...

Non é para tanto, pero aínda así moitísimas gracias.
Bicos.

Choiva Azeda

Anónimo disse...

Nada de modestia, o que di o artigo é a realidade, choiva marcou unha forma de facer actividades culturais nas Pontes durante uns anos.