quinta-feira, maio 24, 2007

Proposta de sinatura mundial: Paremos o roubo do petróleo iraquí

O Parlamento iraquí pronto votará sobre unha lei, apoiada polos EE.UU., que daría o control do petróleo iraquí ás compañías multinacionais. Parlamentarios sunís, shiís e kurdos apoiados pola comunidade de internet Avaaz.org -formada por case un millón de persoas- presentarán unha petición xuntos (cousa rara entre estes grupos relixiosos e étnicos) fronte ao parlamento. Para isto están a recabar 100.000 sinaturas para demostrar que o mundo apoia o dereito dos iraquís a controlar o seu propio petróleo e o seu propio destino.

Se eres un de estes e queres que se che escoite no parlamento iraquí, asina aquí: http://www.avaaz.org/es/iraq_oil_law/?cl=9885011

quarta-feira, maio 23, 2007

Estrea do Documental: "O Salario do Silencio"

Dende a a Asociación Veciñal FERROL VELLO infórmannos que o venres 25 de Maio ás 20 horas, no Salón do Vicereiorado (Campus Esteiro - Ferrol), terá lugar a presentación do documental sobre a Pranta de Gas na Ría de Ferrol: "O Salario do Silencio". O documento foi realizado por Mabel Rivera e Enrique Banet e producido por Namche Film, S.L.

Entrada de balde.

Setenta e catro especies galegas corren risco de extinción mentres se celebra o Día da Biodiversidade

Segundo a Xunta, 74 especies poderían extinguirse e outras 121 son consideradas vulnerables.

Osos, fentos, aguias ou lagartos son só algunhas das 74 especies que corren perigo de extinción no noso país. A coincidir co Día da Biodiversidade, a Federación Ecoloxista Galega denunciou que é a actividade humana a principal ameaza para a variedade de especies no noso país. Ao tempo, desde o colectivo AXENA, denunciaron o perigo que corre unha poboación de Salamántiga Rabilonga. Ao parecer, as obras de ampliación da Vía Rápida do Barbanza poden afectar unha mina en Boiro na que viven exemplares deste animal.

+ no Faro de Vigo

segunda-feira, maio 21, 2007

Festa funky no Dzine este sábado 26

A sala Dzine (San Sadurniño) continúa coa habitual e magnífica programación musical á que nos teñen acostumados.

As actuacións para este fin de semana son as seguintes:
Venres 25 ERGOM (folk - Ourense) www.ergom.es
Sábado 26 FESTA FUNKY con: LORETTA MARTIN + THE SWEAT

¿xa tes listo o teu traxe funky? Vémonos na Dzine!!

'1@+tú=1€', Premio Día de Internet 2007

O proxecto solidario '1@+ti=1€', promovido pola Fundación CTIC (Centro Tecnolóxico da Información e a Comunicación) e o Goberno do Principado de Asturias, foi recoñecido polos Premios do Día de Internet como a Mellor Iniciativa para Reducir a Fenda Dixital. Estes premios recoñecen, durante a xornada do 17 de maio, o esforzo de persoas e institucións para incorporar aos cidadáns á Sociedade da Información. '1@+ti=1€' presentouse por primeira vez fai un mes e invitábase a entidades sen ánimo de lucro, asociacións, empresas e particulares a propor ideas para pór en marcha en Latinoamérica e Caribe.

En total presentáronse 57 proxectos, para ser aplicados en 17 países de Centro e Sudamérica (Arxentina, Bolivia, Chile, Colombia, Costa Rica, Cuba, Ecuador, O Salvador, Guatemala, Fonduras, Nicaragua, Panamá, Paraguai, Perú, República Dominicana, Venezuela e Brasil).

Abundan as iniciativas de alfabetización dixital, teleformación e posta en marcha de telecentros. Tamén concorren proxectos do que entendemos como 'Web Social 2.0' e goberno electrónico. Nos próximos meses, un comité valorará as iniciativas e estas disporán dun máximo dun ano para a súa execución. A participación cidadá e o seu xesto solidario foi claro para que o proxecto '1@+ti=1€' gañase o Premio Día de Internet 2007. Case 2.000 persoas rexistráronse na páxina web http://www.1arroba1euro.org e enviaron un SMS coa palabra arroba ou o símbolo @ ao 4004, desde un teléfono Movistar. Cada vez que alguén realiza esta acción increméntase en 1€ o fondo de axudas que sufragará os proxectos de Cooperación ao Desenvolvemento en Sociedade da Información que se executarán en América Latina. Preto de 40 entidades dan soporte e colaboran con esta iniciativa. Entre elas atópase Fundación CTIC, o Concello de Xixón e numerosas empresas dos sectores TIC, ademais de ONGs e profesionais autónomos.

II Encontro Galego de Estudantes Xitanos/as

En Galicia viven aproximadamente 9.000 xitanas e xitanos. Esta poboación distribúese en 150 núcleos de poboación nun total de 50 Concellos. As sete grandes cidades albergan ao 70% do total da poboación xitana. Son unha minoría dos xitanos españois (non chegan ao 2%) e do total da población galega (un 0,25%). Danse situacións moi diversas everbo da procedencia e da situación social. A poboación xitana está vivindo un proceso de fonda transformación entre nós.

A situación social do Pobo Xitano en Galicia é moi diversa. Nas últimas décadas, produciuse unha sensi­ble mellora nas súas condicións de vida, propi­ciada polo acceso aos sistemas de protección social, á vivenda pú­blica e aos sis­te­mas de saúde e educación. A pesar diso, unha boa parte da poboación xitana continúa constituíndo un dos grupos máis vulnerables e con maior risco de exclusión social e económica de Galicia, ademais de ser víctimas frecuentes de prácticas discriminatorias que impiden o seu acceso a bens e servizos en igualdade de condicións que o resto dos ciudadáns galegos.

A FSG (Fundación Secretariado Xitano), desde o ano 2001, desenvolve programas e accións que pretenden fomentar a participación social e a incorporación laboral da comunidade xitana en Galicia, e apoiar as iniciativas que, desde distintas entidades, teñen por obxecto a mellora das condicións de vida das persoas xitanas.

A Fundación Secretariado General Gitano organiza en Lugo este luns, 21 de maio, unha xornada onde diferentes xitanos e xitanas que estudiaron ou que o están a facer contarannos a súa experiencia, que axudará a comprender mellor as situacións que se están a presentar.

Haberá unha actuación flamenca e a obra de teatro “Historia del Pueblo Gitano”, todo representado por nenos/as xitanos/as de Lugo. Tamén proxectarase a curtametraxe “Palmas” protagonizado pola comunidade xitana da cidade lucense. Para os máis pequenos haberá xogos tradicionais e manualidades.

Portal web da Fundación Secretariado Gitano
Descargar programa do encontro en Lugo

Verdegaia presenta propostas para facer municipios sustentables

A celebración das eleccións municipais do próximo 27 de maio é unha boa oportunidade para que a cidadanía e os partidos políticos reflexionemos sobre a situación ambiental e a sustentabilidade e sobre a súa relación coas políticas municipais. Para contribuír ao debate, a asociación ecoloxista Verdegaia presenta un conxunto de propostas para mellorar a nosa calidade de vida desde os Concellos de forma sustentable. En xeral, as administracións locais galegas teñen moi pouca sensibilidade ambiental e están a contribuír moito para que Galicia avance nun sentido contrario ao desenvolvemento sustentable.

Verdegaia presenta un conxunto de propostas dirixidas aos concellos galegos que mellorarían a calidade de vida dos veciños e veciñas asegurando un desenvolvemento ecoloxicamente sustentable, socialmente xusto e economicamente viable. As propostas agrúpanse en diversos apartados: planificación para a sustentabilidade (Axenda 21 local), urbanismo, transporte e mobilidade, enerxía e cambio climático, lixo, auga, conservación da natureza, monte e incendios, transxénicos, defensa animal, cooperación ao desenvolvemento, contratación pública, e información, educación e participación. A continuación destacamos algunhas delas:

-Desenvolver un proceso de Axenda 21 local ou comarcal.
-Axustar o crecemento urbanístico ás necesidades reais da poboación.
-Desenvolver un Plano de Mobilidade Sustentable para reducir o número de vehículos en circulación a través dunha dobre estratexia: disuadir do uso do automóbil privado e simultaneamente dar facilidades para os medios sustentables (camiñar, bicicleta, transporte colectivo).
-Promover o aforro de enerxía, facendo do concello un exemplo de boas prácticas e estimulando o aforro en fogares, comercios e empresas do municipio.
-Priorizar as políticas de prevención e redución do lixo, promover a compostaxe e a reciclaxe a través de plantas comarcais e renunciar á incineración, demandando á Xunta a reconversión do complexo de SOGAMA para que deixe de incinerar antes do 2010.
-Cobrar polo consumo real de auga e establecer un sistema de bloques na tarifa da auga, de xeito que o seu prezo se incremente sustancialmente a medida que aumente o consumo, e garantir a depuración das augas residuais urbanas.
-Crear Espazos Naturais Protexidos de Interese Local, figura de protección legal prevista na lei autonómica de conservación da natureza e até hoxe non aplicada.
-Aplicar un Plano municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, de acordo coa lei autonómica de prevención e defensa contra os incendios forestais.
-Declarar o municipio como Zona Libre de Transxénicos.
-Establecer criterios ecolóxicos e sociais na política de compra e contratación.

sábado, maio 19, 2007

MEGA (Música en Galicia)

Grupos, discos, empresas, concertos, novidades, análises, cancións, vídeos...Todo o que teña que ver coa música no noso país ten un oco en Mega. 'Música en Galicia' é o lema do novo soportal de Culturagalega.org sae hoxe á rede coa intención de cubrir un ámbito da nosa cultura que se atopa en plena transformación. Ao xeito dos outros soportais do noso medio, este espazo quere ser un espazo de referencia que recolla toda a actualidade do sector.

Paseo urbano polos despropósitos municipais en Ferrol

Este domingo día 20 de maio a Plataforma Ártabra 21 organiza un paseo polos pontos quentes ferroláns. Partirán as 11 da mañá desde a Praza de Sartaña, onde comezarán un paseo urbano, a pé e en bici, ao cal convocan a toda a veciñanza de Ferrol. Despois de Sartaña, pasarán por Recimil, Praza da Porta Nova [Praza de España], Baluarte de Canido [simbolizando a zona rural], Rúa Insua en Canido, e rematán na Praza Vella de Ferrol-Vello, ás 12½ pasado o mediodía. En cada parada denunciarán os despropósitos municipais e formulán as reivindicacións veciñais, deixando unha etiqueta indicativa.

sexta-feira, maio 18, 2007

‘Pobreza Cero’, nova candidata ás eleccións do 27 de maio

A súa candidatura presentouse o 7 de maio en varias cidades españolas co fin de presionar aos partidos políticos ao redor da loita contra a pobreza. A Coordinadora de ONG de Desenvolvemento de España (CONDE) presenta a candidatura simbólica de Pobreza ‘Cero’ ás eleccións autonómicas e municipais do 27 de maio, co fin de reivindicar medidas “concretas e eficaces” na loita contra a pobreza. Segundo especificou a CONGDE, “os programas electorais dos principais partidos políticos non inclúen a loita contra a pobreza, esquecendo así o papel fundamental que Concellos e Comunidades Autónomas han de cumprir para axudar a máis de oito millóns de persoas no mundo”.

Impulsadas por algunhas Coordinadoras Autonómicas de ONG e plataformas cidadás que, a nivel local e autonómico, traballan para pór fin á pobreza, as reivindicacións centraranse na sinatura e posta en marcha de pactos contra a pobreza aos que se subscriban todos os partidos políticos e cuxo contido sexa asumido por estes cando gobernen. Outras das propostas presentadas durante esta presentación refírense á mellora e o aumento da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD), e a consecución dos oito Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio.

Ademais, en Sevilla, Zaragoza, Vigo, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra farase público o ‘programa electoral’ da nova candidata: ‘Pobreza Cero’.

Que nos vexan, que nos oian. Polo recoñecemento e a plena participación

En Europa e en España asístese a un dos maiores cambios sociais e culturais dos últimos tempos. Non o encabeza a tecnoloxía, nin o militarismo, nin sequera o chamado fenómeno da globalización de capitais, nin ningún dos factores que noutros séculos protagonizou o auxe deste pequeno recuncho do globo. Protagonízano as persoas, os seres humanos, a mestura de homes e mulleres de diversos pobos, de orixes variadas, de culturas diferentes, de experiencias vitais e de afectos, con todo, próximos. Moitos pobos de Europa, nun marco de convivencia democrática, facendo nacer unha aposta por unha sociedade intercultural, multiétnica e de pluralismo relixioso e linguístico, que fai desta pluralidade a súa fortaleza e a súa proposta política fronte a outros modelos pechados, xeradores de unilateralidade e de unidimensionalidade. Dentro da construción deste novo espazo de consenso e desta nova sociedade os inmigrantes somos un actor máis, con iguais aspiracións e con iguais esforzos e deberes. Porque a sociedade cambia e debe incorporar estas novas realidades. Tamén para os inmigrantes está aberta a utopía de participar plenamente na construción dun modelo de convivencia onde todos e todas teñamos cabida en pé de igualdade de recoñecemento e de oportunidades. Os inmigrantes como unha categoría que aglutina non só aos vindos doutros lugares, senón tamén as novas relacións establecidas aquí, os fillos de quen viñeron antes, as familias mixtas e unha gran parte da sociedade nativa que convive, respecta e fai seus moitos dos valores, propostas e sentimentos da inmigración. Todos somos inmigrantes. Pero lamentablemente os inmigrantes non contan na actualidade co mesmo recoñecemento, co mesmo respecto, cos mesmos dereitos. E este anacronismo debe cambiar se queremos aspirar a unha sociedade máis xusta e democrática. Por iso quen asinamos este manifesto eliximos apostar pola visibilidade. Que nos vexan, que nos oian, que nos recoñezan. Facémonos visibles, farémonos cada vez máis visibles, reclamaremos cada vez máis a nosa visibilidade e a nosa presenza porque con iso queremos apelar á cidadanía, aos axentes sociais, aos axentes políticos, para que reconsideren a actual situación na que os inmigrantes non podemos participar plenamente na vida política e social da nova sociedade. Apelamos a unha reconsideración das regras de xogo non en beneficio propio, senón da sociedade, non en apelación dun privilexio, senón dunha causa de xustiza. Por iso chamamos a que se exerza de forma simbólica por parte de quen apoian os nosos anhelos o “voto” polo “si” do dereito ao voto dos inmigrantes.
Nós votamos si.

O conxunto megalítico da Mourela

A Plataforma en Defensa do Patrimonio das Pontes ten publicado excelentes traballos en relación ao Círculo Lítico da Mourela, agora tense pubricado unha magnífica recopilación documental a que se pode acceder pinchando no titular desta nova.

Lembrar que hai uns días, cumpríuse 1 ano dende a súa constitución por varios veciñ@s das Pontes (moitos deles residindo por motivos laborais fóra do concello) e colectivos varios, entre eles a nosa asociación. Unha loita titánica, pola que case ninguén daba un só peso, mais a realidade é que xa hai un ano dende aquela primeira manifestación de 50 cidadáns polas rúas do pobo, e agora xa son máis de 1.500 persoas que están a apoiar ca súa sinatura que se reconduza o camiño do proxecto da autovía, e o que é máis importante que xamáis se repita a descomposición dos nosos recursos, ca bárbara xustificación do progreso e o desenvolvemento.

INDICE:
1. A NECRÓPOLE DA MOURELA NOS ESTUDOS E INVESTIGACIÓNS
2. A NECRÓPOLE DA MOURELA A NIVEL POPULAR
3. A PROTECCIÓN LEGAL
4. DOCUMENTACIÓN OFICIAL VERQUIDA DURANTE O PROCESO

quarta-feira, maio 16, 2007

Todo a punto para o Festival de Cans

Un ano máis, e xa van catro... Festival de Cans!. De novo en maio (xoves 24, venres 25 e sábado 26) e de novo coincidindo co noso colega o Festival de Cannes.
O festival de cine máis festeiro de Galicia volve ao rego cargado de todos os símbolos que o fan tan peculiar: alpendres, galpóns e adegas que se converten en salas, unha tropa de chimpibuses para transportar aos espectadores, alfombras vermellas espalladas polos carreiros, moita música de espírito festeiro e a hospitalidade de sona universal dos veciños e veciñas de Cans.
E o que nunca pode faltar no Festival de Cans: as mellores curtas galegas do último ano, unha selección de luxo con ficción, animación e esas curtas inclasificables que alcumamos como “frikis”. Este ano tamén poderemos ver dúas longametraxes de estrea e por primeira vez unha selección dos mellores videoclips do país. Cans, a outra capital do Cine!
Se es tipo fino, tes un modisto que che fai os traxes a medida, só bebes viños con nome francés e de tapa prefires caviar beluga, quizais aínda queden billetes nalgún cruceiro á Costa Azul. Se che gusta a festa, tes curiosidade polo que fan as novas promesas do audiovisual galego e queres sentir o arrecendo do estrume mentres viaxas en chimpín dende o torreiro ata un cuberto transformado en sala de cine, aquí está o teu sitio. Non o penses máis...
vén ao Festival de Cans!

Morre en Muxía Ramón Caamaño, o fotógrafo da Costa da Morte

Kodak en man, dedicouse a inmortalizar todo o que aconteceu na Costa da Morte ao longo do século XX. Ramón Caamaño, un dos valores consagrados da fotografía galega, morreu este domingo aos 98 anos de idade. Chegou á fotografía da man de Ruth Matilde Anderson, fotógrafa da National Geographic Society que chegou a esta vila a comezos de século, e de Ksado, outro dos piares da fotografía galega. Coa súa cámara retratou as feiras da zona ademais de tirar numerosos retratos para os familiares que vivían na emigración. Caamaño tamén introduciu o cine en moitas vilas da Costa da Morte, realizando funcións itinerantes polas noites. O seu funeral tivo lugar esta tarde no santuario da Barca, ao que acudía todos os anos na tradicional romaría e foi enterrado en Muxía, localidade que tantas veces retratou.

Peche da sala Iago

A sala Yago, situada na céntrica rúa do Vilar, en Santiago de Compostela, pecha as súas portas despois dunha intensa actividade de seis anos de traballo.

Este é o comunicado que nos fai chegar o equipo de xestión:
Estimados amigos,
Despois dun longo proceso de negociacón, a Sala Yago, ante unha decisión xudicial a instancias dos donos do edificio, abandona o seu espazo e polo tanto a súa actividade o vindeiro 30 de xuño.
O proxecto que estamos a desenvolver está moi vencellado ao espazo da rúa do Vilar e ao seu entorno, xa que é unha proposta de utilización pública dun edificio do casco histórico. Polo tanto e xa que non ten sentido trasladar esta proposta a outro lugar, damos por finalizada a nosa actividade. Queremos darvos as gracias polo voso apoio durante todo este tempo.
Se queredes opinar sobre o peche da sala podedes escribir a:
dereitoaopataleo@salayago.com e nos remitirémos os correos electrónicos ás autoridades pertinentes.
Nestes seis anos de vida a Sala Yago programou un total de 1673 días, do que, 667 foron de títeres, 738 de teatro e 310 de cine en versión orixinal. Moitas gracias a todos por compartilos con nós.
Unha aperta,

SALA YAGO - Prensa
Rúa do Vilar, 51-53
15705 - Santiago
Tfn. 981 589 288
prensa@salayago.com
www.salayago.com
Imos a patalear!!

terça-feira, maio 15, 2007

A barbarie de destruir a Mourela faise eco no Consello da Cultura Galega

É sabido que as grandes obras, ou as que se fan en zonas sensibles, van acompañadas do seu correspondente estudo arqueolóxico. A idea é garantir que os posibles restos que se atopen na zona se poidan estudar e conservar axeitadamente. No entanto, en ocasións cómpre investigar un depósito no medio mesmo da obra, e mesmo ás veces é complicado garantir a preservación dos restos. O último exemplo é o do Círculo Lítico da Mourela, pero canda a el existen moitos máis.

+ en Consello da Cultura Galega na Rede

Razón atea. Un espacio para dudar.

Blog arxentino onde abondan interesantes reflexións e debates sobre os vellos e novos movementos relixiosos e os postulados ateos, agnósticos e escépticos.

Contén unha entrevista con San Harris, o autor do libro "O final da fe". Ca publicación en 2004 de The End of Faith, superventas según o New York Times, libro que constitúe un ataque despiadado á relixión, Sam Harris convertíuse no ateo máis coñecido de Estados Unidos.

Para moitos, iso sería unha honra máis que dubidosa. De acordo cun recente estudo nacional realizado por investigadores da Universidade de Minnesota, os ateos son a minoría da cal a xente máis desconfía; máis que dos musulmáns, dos inmigrantes recentes e dos homosexuais. O estudo afirma, ademais, que as persoas coas que menos dispostos están os usamericanos a que casen os seus fillos son os ateos. Pero Harris, licenciado en filosofía por Stanford, quen está agora traballando sobre a súa tese doutoral en neurociencias, non estaba intentando gañar un concurso de popularidade, nin moito menos. No seu libro, Sam Harris proponse avergoñar ás persoas crentes de todo o mundo, sacalas das súas casillas e debater con eles para que abandonen os seus sistemas de crenzas baseados na fe, sistemas que en opinión de Harris pódennos levar ao apocalipse.

Entrar en Razón Atea.
A asociación PARQUE ROSALÍA DE LUGO constitúese formalmente en maio de 2006, pero xa leva traballando dende hai uns catro meses atrás como plataforma. Trátase dun grupo numeroso de cidadáns indignados polo que se quere facer a carón do Parque de Rosalía e deciden coordinar esforzos. Moitos dos que vivimos preto da zona afectada fomos os primeiros en decatarnos do que alí se pretendía facer. Isto levounos tempo asimilalo porque non podíamos crer o que os planos nos mostraban. Pouco a pouco foise recabando información sobre a futura urbanización e foi entón cando se decidiu dalo a coñecer a máis persoas que puidesen ignoralo, xa que isto afecta a tódolos cidadáns lucenses.

Na noite deste mércores ó xoves 17, terá lugar unha acampada xunto ó mirador do Parque Rosalía, como protesta contra o proxecto de edificación dos 6 EDIFICIOS DE 6 PLANTAS nas costas do Parque, e con motivo da homenaxe a Rosalía de Castro no “Día das letras galegas”.

ACTIVIDADES NO PARQUE ROSALÍA:
>> MÉRCORES 16:
19:30 Acampada
20:30 Juanjo Rodicio, cantautor e contacontos
>> XOVES 17:
A partir das 10:00 h.
- Exposición sobre a edificación con infografías e fotografías desde o mirador
- Reparto de dosier informativo sobre o proxecto, reparto de libros e recollida de lixo
Ás 13:00 h. ofrenda floral no monumento a Rosalía, recital poético e concerto de viola
A partir das 13:30 h.
- Grupo musical e xantar

Agroalimentaria do Eume premiada

A Agrupación Agroalimentaria do Eume reciviu o Premio Nacional de Desarrollo Rural de la Fundación Macario Asenjo Ponce como recoñecemento a súa tarefa a prol do desenvolvemento rural e da valorización do sector primario local, e grazas ao seu proxecto de comercialización directa de produtos alimentarios.

Neste blog encontraredes sempre o link a agralimentaría na na barra da dereita baixo o nome "alimentos da nosa comarca".

E ben fácil mercarlles procuctos locais da millor calidade, proba.

domingo, maio 13, 2007

secretaria de Estado de Asuntos Sociales y Promoción de la Mujer del Sáhara.

Entrevista a MAIMA MAHAMUD Secretaria de Estado de Asuntos Sociales y Promoción de la Mujer del Sáhara. "Quiero que cuando una mujer abra las piernas sepa por qué lo hace".clika para ve-la entrevista no pais.

fotografía de nuria andreu

O II FORO DO FEÍSMO CONCLÚE CON ÉXITO

Os contidos do foro darán lugar a unha publicación.
O II Foro Internacional do Feísmo, «Construír un País: a rehumanización do territorio», deu lugar a interesantes intervencións e debates.

A organización deste II Foro do Feísmo valora de forma moi positiva os resultados, a brillantez e mesmo a enerxía que transmitiron os participantes nas súas exposicións e nos debates posteriores. Todo o decorrer do Foro foi rexistrado videograficamente, e as achegas dos seus participantes serán publicadas en forma de libro proximamente.

Para o que lle interese descargar a publicación do I Foro:
http://www.feismo.com/descargas.html

Incivismo no río Eume



imaxes: Jose A. Blanco
Durante un paseo este sábado polo parke municipal da Fraga, poidemos comprobar a falla de respeto e de educación dalgúns veciñ@s das Pontes (supoñemos que cativería cun chute de hormonas distribuidas sen nengún sentidiño).

Nas fotografías reflíctese o pouco amor á natureza destes mequetrefes, que verteron o pó de dous extintores para lume na poza artificial á beira do río e finalmente guindaron os recipientes baleirados no Eume.

sexta-feira, maio 11, 2007

Concentración o sabado 12 de maio, ás 12 h no Porto de Ferrol (Curuxeiras)

A raíz da entrada do gasero, chamado Galicia Spirit, desde o mércores 9 de maio de 2007 ás 9,30 da mañá en adiante a poboación da Ría de Ferrol está sometida a unha ameaza real día e noite, polo risco dun accidente grave que poden provocar sustancias perigosas na planta que Reganosa está construíndo ou no buque gasero que alí está atracado.

Por iso o Comité Cidadán de Urxencia para a Ría de Ferrol acordou convocar unha concentración no peirao de Curuxeiras en Ferrol, ás 12 da mañá do sábado próximo día 12 de maio de 2007, coa finalidade de que:

a) A cidadanía Exprese o seu rexeitamento á entrada ilegal dentro de ría dun buque Gasero cargado con 140.500 m3 de Gas Natural Licuado, para descargalo nos tanques que a empresa Reganosa está construíndo, sen ter todos os permisos, sen ter cumprimentado os condicionados da súa autorización de construción e que deben ser cumprimentados antes da posta en funcionamento, entre eles os riscos para a vida humana nas poboacións próximas e a saída de urxencia dos buques gaseros, ambos imposibles de cumprimentar, polo que é ilegal a acta de probas outorgado o 4 de maio polo Área de Enerxía desa Subdelegación que serviu de pretexto para burlar a lei coa entrada de devandito buque gasero.

b) A cidadanía esixa por escrito o cese do Capitán Marítimo de Ferrol D. Jorge Cao Ruiz, do Presidente da Autoridade Portuaria D. Amable Dopico Freire e do Delegado do Goberno D. Manuel Ameijeiras Vales, por permitir a entrada do gasero Galicia Spirit cargado de gas natural licuado, a partir do cal iníciase un risco, permanente día e noite, de accidente grave que ameaza a vida da poboación próxima e á riqueza marisquera dentro de Ría de Ferrol.

Así mesmo o Comité Cidadán de Emerxencia acordou continuar coas actuacións por vía administrativa, xudicial, de mobilización e información á sociedade, a fin de que sexa paralizada a actividade na Planta de Gas de Reganosa.


MOBA: outra forma de ver a arte


MOBA son as siglas de Museum Of Bad Art, unha institución fundada en Boston a finais do 93, que nace co fin de promover e dar saída o arte "malo", e dicir, aquelas obras que polos seus aspectos formais, estilísticos ou estéticos non son consideradas nos percorridos museísticos habituais.

O museo conta cunha colección permamente na que podemos atopar paisaxes, retratos e tamén unha categoría catalogada como "difíciles de ver". Ademáis realiza adquisicións de obras e admite donacións.

O lema do MOBA é "existe arte demasiado malo para ser ignorado".
É, dende logo, outra forma de ver o arte.

Taller de fotografía FOTOXOGUETE

Do 19 ó 25 de maio está prevista a realización dun taller teórico-práctico de fotografía en Paderne, (Folgoso do Courel) que pretende ser un lugar de encontro para afeccionados e profesionais no que se promova a cultura fotográfica.

O curso será impartido polo fotógrafo Oscar Molina e ten un custo de 520 euros que inclúen matrícula, estancia e pensión completa nunha casa de turismo rural.

+ info

Urbanismo Medieval Galego. A fundación das Pontes.

No século XIII a Coroa de León e Galicia deseñou un plan para organizar as terras do noroeste de Galicia. Polo interior apareceu Vilalba, que abriría o camiño ao Leste a través de Mondoñedo e da milenaria Lugo. Nese camiño existía de vello un paso de montaña, un paso coñecido de antigo co nome das Pontes d’Ume. No seu plan de reorganización territorial a coroa estimou que aquel punto e momento eran os axeitados para construír unha gran ponte de pedra que asegurara en calquera circunstancia o movemento de xentes e mercadurías, é dicir, o desenvolvemento da zona. Para garantir a construción e mantemento da ponte, e para seguridade e comodidade dos viaxeiros e merchadores, decidiuse a creación dunha vila ao pé mesmo da nova ponte, vila que sería bautizada As Pontes, como o vello lugar onde naceu.

O libro será presentado hoxe, venres 11 de maio, na Biblioteca Municipal das Pontes ás 21:00 H.
Autor: César Candelas Colodrón Ano de Publicación. 2007 Xénero. Ensaio e Investigación

Editorial. Toxosoutos Coleccion. Trivium Número de pax. 128 ISBN. 84-96673-22-9

quinta-feira, maio 10, 2007

¡Novo Blog na rede!, adicado ó estudio e a conservación do medio natural en Galiza.


"Nas infértiles e enchoupadas turbas da serra do Xistral medra unha pequena pranta capaz, ante a falta de recursos, de acender o imaxinario evolutivo e atopar unha creativa e sorprendente resposta ao reto de sobrevivir: a Drosera.
Das néboas perpetuas e dos páramos turbosos do Xistral xermolou en 2004 estoutra DROSERA que agora, dando un pequeno paso máis, fai acto de presenza na rede.
Desde aquí poderemos achegarvos as novas, os achádegos e as impresións dos que compartimos esforzo na conservación do medio natural galego.
Convidámosvos a poñer a man no noso arado."
E nos dende choiva damoslles a benvida.

quarta-feira, maio 09, 2007

O Parlamento aproba a lei de medidas urxentes para protexer o litoral galego

Impedir desenvolvementos urbanísticos a menos de cincocentos metros da costa mentres non se adecúen as normativas dos concellos ou ata que entre en vigor o Plan de Ordenación do Litoral. Este é o fin que persegue lei de medidas urxentes que aprobou onte o Parlamento de Galicia e que lle afecta ao 1% do chan urbanizable do país e ao 13% da superficie dos municipios costeiros.

Concurso de Carteis para as Festas do Carme e da Fraga 2007

Dende o Departamento de Cultura do Concello remitennos as bases para o concurso de carteis que anunciarán as FESTAS DO CARME E A FRAGA 2007.
O prazo remata o xoves 31 de maio.Este ano como novidade e co gallo de fomentar a participación, haberá varios premios:- o elexido como cartel anunciador recibirá un premio de 300 euros e ademais haberá dous accésits de 100 euros cada un.
As bases pode baixarse no seguinte enlace preparado por amigus.

Fran Herbello na Galería C5

O vindeiro venres día 11 ás 20:30 da tarde inagúrase na Galería C5 de Compostela, dirixida por Concha Fontela, a exposición Territorios e cartografías, na que o artista galego FRAN HERBELLO, xunto co cubano RENÉ PEÑA, utilizan o corpo como campo de experimentación plástica. Estes dous artistas entenden o corpo como receptáculo de experiencias autobiográficas ou semióticas, facendo do mesmo, polo tanto, un obxeto construido, un territorio onde conviven prácticas artísticas e discursos críticos representando á vez un obxeto real e simbólico.

FRAN HERBELLO utiliza o corpo para reflexionar sobre a identidade, a memoria, o tempo ou a morte dende planteamentos netamente surrealistas. E un dos artistas galegos máis incisivos e punto de referencia da nova xeración de artistas galegos.
RENÉ PEÑA, pola súa parte, incorpórase ó mundo fotográfico a finais dos 80 situándose con forza ó fronte das novas tendencias da fotografía cubana. Interiores e situacións domésticas da súa cuba natal para adentrarse pouco despois no seu propio corpo e abordar a a partir del temas como a negritude, a ambiguedade sexual e a influencia do consumismo e do mercado.

Non deixedes de visitala!!

A Galería C5 está na Rúa Travesa da Universidade nº 1, ó lado da facultade de Xeografía e Historia.
+ info no tel. 0034 981 55 78 53

terça-feira, maio 08, 2007

Os Beatles en clave de jazz

Leo Gianneto's Jazz Project é un cuarteto de jazz integrado por músicos de recoñecida valía no panorama do jazz galego. Esta banda, formada por uruguayos e galegos afincados en Compostela, pretende achegar o jazz a outro tipo de estilos musicais como o pop, o rock, soul, etc.
Beatles in jazz é o seu primeiro traballo, e adícanllo a The Beatles como homenaxe a quenes consideran un icono da música pop.
Non perdades a oportunidade de velos. Actúan en Santiago, A Coruña, Ferrol e Pontevedra e a entrada é gratuita solicitando invitacións na taquilla.

segunda-feira, maio 07, 2007

Defensa do ecosistema e da economía local na Ría de Ferrol

Os compañeiros do Comité de Emerxencia para a Ría de Ferrol xunto coas confrarías de pescadores, abortou por dúas veces o intento do Galicia Spirit de entrar na ría.

Por segunda vez no mesmo día, os mariscadores da ría de Ferrol impediron que o Galician Spirit, o primeiro buque que ía entrar cargado ás instalacións de Reganosa, accedese á planta de gas ferrolá.

Máis de 40 lanchas cortaron o paso ao buque, que tivo que dar a volta como xa sucedeu á primeira hora da mañá. Aunque a acción desta mañá foi protagonizada polos mariscadores da ría de Ferrol, tamén se opón á planta de regasificación os de Mugardos e Fene, que consideran que a instalación matará o marisco, ao verter auga á ría a unha temperatura inferior á natural da zona.
Máis información e fotos na web de Fusquenlla.

Últimos días para ver a José Manuel Broto na Coruña

Ata o vindeiro 20 de maio podemos desfrutar da obra máis recente do pintor zaragozano José Manuel Broto na sede da Fundación Caixa Galicia da Coruña.

Pódese dicir que a carreira artística de Broto comenza nos anos 70 en Barcelona, onde forma parte do Grupo Trama xunto con outros artistas como Carlos León ou Gonzalo Tena. Ademáis colaboraban con eles críticos de arte como Javier Rubio ou Federico Jiménez Losantos (sí, o mesmo que estades pensando, pero na súa etapa marxista). A obra de Broto foi, dende os seus inicios, unha defensa da arte pola arte, da capacidade da pintura para emocionar por sí mesma, sen necesidade de representacións de ningún tipo. A súa producción inscribése dentro das correntes neoabstractas xurdidas en España en torno ós anos 70 pero o seu persoal estilo, sempre recoñecible a pesar da evolución que foi sufrindo a súa obra ó longo dos anos, fanno único e diferente.

Esta exposición preséntanos a súa obra máis recente, na que a cor é o protagonista indiscutible. son obras cheas de movemento e dinamismo, onde as formas parecen fluir. Tamén forman parte da mostra obras realizadas con novas tecnoloxías informáticas, o que amosa que a súa obra, lonxe de estancarse, está suxeita á innovación constante.

A sede conta, ademais, cun servicio de visitas gratuitas para colectivos e centros educativos.

+ info tlf. 981185060

domingo, maio 06, 2007

Primeiras instantáneas e impresións da queixa cívica "Galiza non se vende"





















A manifestación celebrada este domingo en Santiago de Compostela conseguiu reunir a uns 3.000 cidadáns, a pesares da pouca atención adicada polos medios de comunicación masivos, principalmente pola Voz de Galicia, que non publicou nengunha nota de prensa das que lle foron enviadas polos organizadores.
A protesta cívica foi convocada por máis de 40 colectivos sociais (sen vinculacións con nengún partido político, nen organizacións sindicais) co fin de chama-la atención da clase política sobre a situación caótica da ordeación do territorio e da depración dos espazos patrimoniais naturais e culturais.
Da vila das Pontes deronse cita en Compostela un bo número de membros da Plataforma Cidadá en Defensa do Patrimonio das Pontes, entre eles socios da nosa asociación, que de forma conxunta colaboramos na convocatoria do acto no noso municipio e na comarca eumesa.
A xornada desenvolveuse nun ambiente festivo e moi cordial entre os participantes, servindo de foro para aumentar as relacións de cooperación entre as distintas asociacións comarcais. Esto tipo de xuntanzas, sen lugar a dúbidas deberán ser repetidas, para que cada vez máis xente se poida sumar o lema da manifestación: "Galiza non se vende. Terra viva e vida digna para tod@s".

sábado, maio 05, 2007

A ondada depredatoria, o feísmo e a violencia catastral

Artigo pubricado no País por Manuel Rivas, no que fala da manifestación deste domingo en Santiago, entre outras cousas relacionadas.

Xente como area. Un mar de xente. Iso é o que debía haber este vindeiro domingo en Santiago, na convocatoria contra a desfeita urbanística e a degradación ambiental. Para manifesto atinado o que nace co lema Galiza non se vende.
É unha chamada que, esta si, marca un tempo: o reloxo en hora da conciencia da humanidade galega. Exemplar tamén o xeito en que se organiza, coa unidade en rede, sen dirixismos, de máis de 40 asociacións ecolóxicas, dende a internacional Greenpeace (imprescindíbel a lectura do informe Destrución a toda costa) a colectivos nacidos en loitas concretas ao estilo Fusquenlla de Pontedeume, pasando pola teimosía histórica de Adega. Compostela vai ser escenario do xeito vangardista de ser e estar no mundo: pensar no universal e actuar in situ, pensar na Terra toda e actuar na propia terra.

sexta-feira, maio 04, 2007

Ofertas de Emprego de AES Briante

A xente da Asociación de Economía Social Briante xa teñen a disposición de toda/os nós, unha nova remesa de ofertas de emprego para este novo mes.

Dise que o traballo xenera traballo, pero nada se dixo da calidade... Desexamos que pra vós sexa do mellor, e senón, a por eles, que son poucos e cobardes!

quinta-feira, maio 03, 2007

22 bicis+

La Consellería de Medio Ambiente pone a disposición de sus trabajadores 22 bicicletas para tareas administrativas.

+info

apoios á conservación dos restos do círculo lítico

A Real Academia Galega de Belas Artes defende o círculo lítico pontés. Refirense o xacimento da MOURELA como "SANTUARIO DEL MEGALITISMO"

+ info

Keith Haring en Ferrol

A sede da Fundación Caixa Galicia en Ferrol acolle estes días unha interesante exposición sobre un dos artistas norteamericanos máis relevantes do seu tempo: Keith Haring.

A mostra “Obra completa sobre papel” consta dun total de 215 traballos que documentan o desenrrolo creativo deste artista norteamericano dende 1982 ata 1990, ano no que falece a causa do sida ós 31 anos de idade. Ata o 10 de xuño pódese disfrutar desta gran oportunidade para adentrarse no universo creativo deste singular artista, herdeiro do Pop Art e considerado por moitos o pai do graffiti.

Haring creceu coa cultura de masas e as novas tecnoloxías, rodeado de comics e debuxos animados. Todo este mundo influíu na estética dos seus debuxos, de apariencia infantil e colorista onde conviven bebés, cans, anxos, ovnis e figuras de superheroes…
Pero a esta estética hai que sumarlle a sensibilidade de Haring hacia problemas sociais como o apartheid, a loita contra o sida ou a guerra. Esta complexidade temática contrasta coa apariencia sinxela da súa obra.
Para ilustrar estes mordaces mensaxes Haring creou símbolos que representaban temas como a violencia, o diñeiro, o sexo, o sida, a relixión e o racismo. Estes símbolos, fácilmente reconocibles, convertíronse en iconos dunha época e en referentes da arte urbana nos 80, pero aínda hoxe seguen a ter vixencia, porque son mensaxes universais que seguen conservando o seu poder comunicativo.
O segredo do éxito da obra de Haring pode residir, quizais, na capacidade que ten para facernos reflexionar sen tentar ser moralizador.

Máis info na páxina oficial: www.haring.com

quarta-feira, maio 02, 2007

MANIFESTACIÓN contra a degradación do territorio. Domingo 6 de maio ás 12:00 na Alameda (Compostela)

A práctica totalidade das organizacións ecoloxistas galegas reunidas nunha asemblea que se celebrou en Santiago o pasado día 31 de marzo, acordamos, por unanimidade, convocar unha manifestación para o día 6 de maio en Compostela.

Máis de 40 colectivos de toda Galicia c oincidimos na necesidade de celebrar este acto reivindicativo e de denuncia.

Denunciamos o grave estado de deterioro e de crecente degradación en que se atopa todo o territorio galego, un acelerado proceso de expolio e destrucción que afecta tanto á costa como ao interior.


Reivindicamos as medidas necesarias para frenar este desastre:

1º O cumprimento da lexislación vixente
2º Unha nova Lei de Ordenación do Territorio
3º Promover unha Estratexia de xestión integrada do litoral
4º Protección efectiva e ampliación da aplicación das figuras de protección ambiental
5º Transparencia e participación da cidadanía nas decisións que afectan ao territorio

É dicir: A implantación dunha nova cultura do territorio.

Achegamos o Manifesto da convocatoria, un breve texto asinado polas máis destacadas personalidades dos eidos da ciencia, a cultura, e as artes de Galicia. Este manifesto está ó voso dispor na páxina web
http://www.redelitoralvivo.info/ coa relación de firmas permanentemente actualizada.

Agradecidos pola vosa atención rogamos que vos fagades eco deste chamamento.


CONVOCAN:
Fusquenlla, Verdegaia, Salvemos Monteferro, Greenpeace, Luita Verde, Foro Social de Cangas, Comité de Emerxencia da Ría do Ferrol, Ortigueira sostible, Amigos da Terra, Anduxía, Colectivo nacionalista de Marín, Asociación na defensa do Parque Rosalía de Castro, SOS Courel, Natura Céltica, Cíes Artesanais S. Coop. Galega, Centro Social A Revolta, Bouzas móvete, Grupo de Axitación Social (GAS), Caleidoskopio, Plataforma contra a ampliación da piscifactoría de Quilmas, Plataforma contra a piscifactoría de Costa Galloufa, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), Representantes Alumnos da Facultade de Informática de Coruña, Federación Ecologista Galega (FEG), Salvemos Sanxenxo, Asociación Fuco Buxán, Asociación Cultural Choiva Azeda, Comissao RNGP, Jóvenes Verdes, O Tesón de Ribadeo, Comité de defensa das Rías Altas, Plataforma Ártabra 21, Sociedade galega de Historia natural, Voces polo Litoral de Teis, Colectivo Urbano Lugrís, Asemblea do Suído, Plataforma Ecoloxista pola Defensa da Ria de Ribadeo, Aturuxo Local Social Boiro, Plataforma Ecoloxista pola Defensa da Ria de Ribadeo, Ronda non Sanxenxo, Plataforma na Defensa do Patrimonio de As Pontes.

Axuda urxente para o Courel

Correo recibido hoxe:

Somos a Asociación Ecolóxico-Cultural SOS Courel, veciñ"@s do Courel; territorio da Galiza, cuns valores culturais, naturais, xeolóxicos, paisaxísticos, educativos e científicos, únicos en Europa, foi incluído na Rede Natura 2000, é Patrimonio de todos(http://www.viveaonatural.xunta.es/GL/ancares.htm). Propiedade común son tamén as augas que todos estes montes recollen da néboa do Océano, e voltan por milleiros de regatos e ríos; atravesando terras de Asturias, León, Galiza e Portugal, ata o Mar.

Sen axuda de tod@s, só @s veciñ@s do Courel, con pouco máis de “mil votos”, seremos incapaces de parar esta desfeita, camuflada detrás do manexo hipócrita e propagandístico da Rede Natura e da eterna promesa tranquilizadora dun Parque Natural, que chegará tarde e con mil recortes, sen cartos, esquivando “intereses poderosos”, reducido a “un debuxo nun plano” e anunciado nun “folleto”.

O Courel é o territorio de maior biodiversidade e xeodiversidade da Galiza. Polos seus valores naturais e culturais foi declarado Espazo Natural en 1989. Está incluído na Rede Natura 2000. Pero isto non abondou para impedir a inmensa desfeita ambiental e cultural, que se está levando a cabo en toda a Comarca, con danos irreparables aos veciños, aos ecosistemas fluviais, aos elementos culturais, á paisaxe, á flora, á fauna, ....; por iso solicitamos:

1.)- Que se declare Parque Natural O Courel, de inmediato; incluíndo dentro, como mínimo, as cuncas íntegras dos ríos Lor_Louzara, Selmo, Soldón e Ferreiriño; e que se libre o territorio conformado por todas elas, de todo tipo de impactos e concesións incompatibles, como canteiras, eólicos, centrais hidroeléctricas, ...
2.)-Que se devolva á Rede Natura a superficie da cunca do Lor que se descualificou no 2004, deixándoa fóra do Espazo Natural e deixando este territorio partido en dous, impedindo a súa función como o corredor biolóxico que une os Ancares e o Canón do Sil, tamén dous espazos da Rede Natura.
3.)- Que se destine ao Parque Natural do Courel, o orzamento suficiente, para a dotación de servicios públicos aos/as veciños/as; para a total recuperación ambiental e da paisaxe tradicional; para a recuperación de todos os elementos etnográficos, arquitectónicos e da cultura en xeral; e para o Plan de Desenvolvemento Sostible correspondente.
4.)- Que se habiliten os instrumentos axeitados para que os/as veciños/as se impliquen na xestión do Parque Natural e para que sexan beneficiarios/as da creación do emprego relacionado coa xestión e conservación deste Espazo.


Se estás a favor envía os teus datos (Nome e Apelidos, NIF e Enderezo) ao seguinte enderezo electrónico: soscourel@mundo-r.com

Campus Rock 2007

Información facilitada polo Departamento de Cultura das Pontes:

Un ano máis, como xa é tradición na UDC, celébrase o concerto Campus Rock, edición 2007. Organizado a través da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación, este ano establecemos unha nova forma de xestión, formando unha comisión en que interveñen estudantes e o equipo da Área de Cultura da Vicerreitoría, nun intento por implicalos na vida cultural da Universidade e fomentar a participación e a democratización das actividades culturais de extensión universitaria.

O Campus Rock 2007, sen obviar o carácter lúdico e festivo, ten como obxectivo principal achegarlles aos estudantes da Coruña e de Ferrol un exemplo da rica e variada oferta da música contemporánea actual. Abriremos o festival aos múltiples estilos musicais que existen, nunha época como esta, da “globalización”, onde a hibridación, a mestizaxe e a fusión son procesos que viven todas as artes, tendo sempre como obxectivo e guía a calidade.

Tamén e importante sinalar o compoñente solidario do concerto, xa que os ingresos que se obteñan como consecuencia da venda de produtos (bebidas, aperitivos etc..) irán directamente á Oficina de Cooperación e Voluntariado, tamén dependente da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación, para impulsar os seus numerosos proxectos sociais.

O traballo está en marcha. Se tes un grupo e estás interesado en participar no Campus Rock 2007, podes achegarlle a túa música ao comité de selección premendo no TITULAR desta nova.


Máis información:
Área de Cultura
Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Comunicación
Casa do Lagar // Campus de Elviña // A Coruña
981 167 000 ext. 1975/3697
secretaria.acultura@udc.es

17 de maio (+ internet + galego + futuro)

Galicia celebra de xeito conxunto o 17 de maio o Día de Internet, o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e o Día das Letras Galegas. É un día sinalado para propiciar, coa axuda das tecnoloxías dixitais, a participación de todos os galegos e galegas nunha reflexión colectiva sobre as posibilidades que as tecnoloxías da información e a comunicación nos achegan para a normalización da nosa lingua, a difusión e enriquecemento da nosa cultura e a construción da sociedade do coñecemento en Galiza.
A Xunta de Galicia conta cunha páxina web oficial para divulgar as actividades que están organizadas para este ano, e na que dende a nosa modesta asociación levamos unha grata sorpresa no apartado de actualidade, ao atopar o seguinte comentario:
"Agora, en máis da metade dos fogares galegos non hai un computador, senón 2 ou máis, e destes o 90% empréganse para conectarse á rede e así acceder ao correo electrónico, á información, á bitácora, a Flickr, a Youtube, etc. O bo facer creativo e tecnolóxico galego forma parte do universo de internet grazas a experiencias tan dispares coma o blog de Paula, ou o de María Amelia e o noso tecido asociativo tamén ten a súa representación on-line con experiencias como a de Choiva Azeda".

Consideramos que hai moitas outras experiencias asociativas on-line moito máis interesantes ca nosa, pero como de parvos é non aceptar cumpridos... Graciñas. Nós, seguiremos ao noso, que é divertirnos informando.

terça-feira, maio 01, 2007

VIDEO: Patrimonio Cultural Galego

A versión pontesa do Patrimonio Cultural Galego. Coma non, grazas á Plataforma en Defensa do Patrimonio das Pontes.