quarta-feira, novembro 14, 2007

Anacos

Imaxe: Rene Magritte
Fermosos pensamentos de David Otero* no xornal Tierras de Santiago:

As cousas chegan e algunhas gardámolas, e así nós polo medio, ímola virando que non é pouco. Aínda levo gardado no peto dos afectos o tempo e o contido da presentación do libro de Olimpio Arca Apuntes para unha biografía de Serafín Pazo Cumbraos (médico estradense), tempo e contido que compartín con Álvaro Lago e Ana Mera, tataranetos do doutor antedito, veciños de Ourense, el compañeiro meu na AELG e asemade editor na cidade das Burgas de moitas páxinas postas á luz en clave de ilusións e conxugando futuros, que así son os bos editores, os de vocación (non de boca) e sentemento como así é o noso da Fervenza, Xosé Luna.

Pois como dixen, as cousas chegan e algunhas gardámolas e así ao saír da presentación antedita no teatro Principal xa embocando a rúa de Serafín Pazo, xunto da praza do Concello, pasei pola beira da grande pantalla que anuncia, comunica e orienta aos estradenses de actos e outras manifestacións de interese desde o se definir "cidade dixital" e daquela chegáronme cousas como os máis de 5 millóns de persoas que mercan por Internet (e de forma especial roupa), o SOS Caurel que pide axuda económica, o corrubedo@altermundo.org que explica a situación, o blog Choiva Azeda das Pontes non para de avisar de males ambientais, a Mesa pola Normalización Lingüística crea unha base de datos de nomes e apelidos galegos acaídos á normativa vixente, o xornal dixital Código Cero danos información importante e póñome na Casa da Cultura de Chantada coa exposición Galicia Dixital e que se está levar por todo o país. Unha mostra, e miro para a pantalla antedita e non vexo, que é estracto da do mosteiro de San Martiño Pinario de Compostela, composta de imaxes aéreas, pantallas con imaxes de 360 graos, producións en 3D ou xogos, todo en formatos dixitais feitos por e para galegos e sigo a mirar para a pantalla do meu pobo.

Vas botar aí a vida? -pregúntame Manolo Fragoso, pintor de tanto, levando de ganchete a súa bandeira pirata- . Pois non? pero soñar esperto merece a pena para poder falar.

(*) Mestre e veciño da Estrada

Sem comentários: