Videos da festa da fraga

Loading...

sexta-feira, novembro 02, 2007

Nota dos veciños de Laxe Brava sobre o debate do día 30 de outubro de 2007 no Parlamento de Galicia

Tras o debate acontecido no día de onte (30 de outubro), no Parlamento de Galicia no que o deputado do Grupo Socialista Sr. Lage Tuñas dou resposta a unha moción sobre o Plan Sectorial da Acuicultura de Galicia (en adiante PSAG) actualmente en trámite, a Comisión de Propietarios de Laxe Brava, desexa manifestar o seguinte:

Insistimos unha vez máis en que o argumento utilizado polo Sr. Lage, idéntico ao da Sra. Conselleira de Pesca, de que o PSAG “compatibiliza o liderato na acuicultura coa defensa do territorio” é un argumento baleiro e falaz, que tenta ocultar un modelo industrial intensivo en consumo de recursos naturais e máis propio de épocas preindustriais que de unha economía desenvolvida e moderna como é a galega. A pretensión de colocar a Galicia nun “liderato mundial na cría de peixes planos”, nunha actuación típica de políticas acomplexadas e propagandísticas, terá como resultado – de levarse a cabo – o liderato para Galicia pero en outros eidos de moi distinto tipo: en destrucción de litoral, con esa nova Marea Negra de 3 millóns de metros cadrados de formigón armado; en despilfarro de cartos públicos, cos máis de 390 millóns de euros en subvencións; en ridículo número de postos de traballo (275 como moito según os nosos cálculos); en repulsa social, cos milleiros de sinaturas e máis de 1000 alegacións ao proxecto; e en incalculables perdas en termos medioambientais, patrimoniais e paisaxísticos.

Neste mesmo debate os dous grupos que sustentan ao actual goberno da Xunta, PSdeG- PSOE e BNG, apoiaron o PSAG sen fisuras. Polo tanto, queremos responsabilizar directamente da desfeita á que nos conduce o PSAG a todos e cada un dos membros destes dous grupos presentes onte no Parlamento de Galicia, e por extensión ás agrupacións políticas que representan. A acción de goberno implica aos dous partidos que forman o bipartito e por iso ámbolos dous son responsables das iniciativas lexislativas aprobadas no Parlamento ou no Consello da Xunta.

Consideramos inaceptables por equívocas ás chamadas á negociación que nestas últimas datas se están a invocar desde certos representantes políticos. Chegou a hora de asumir responsabilidades e rexeitar con contundencia o PSAG, sen contemporizacións nen panos quentes. A estas persoas, recordarlles que non se pode nadar e gardar a roupa ao mesmo tempo, e que non se pode negociar con quen ameaza e coacciona con expropiacións forzosas. Desde esta Comisión sólo aceptaremos a retirada unilateral e sen condicións do PSAG.

A tramitación deste plan está a caracterizarse polas actitudes cobizosas das multinacionais acuicolas – auténticas redactoras do plan na sombra - e pola prepotencia e opacidade deste goberno. Por este camiño, sólo conseguirán que non reafirmemos no noso propósito de loitar en contra do PSAG en tódolos ámbitos dentro da máis estricta legalidade, e abocar á acuicultura industrial á súa xudicialización se non nos deixan outra alternativa.

Por último, desexamos invitar a tódalas persoas a manifestarse o vindeiro día 4 de novembro ás 12 da mañá en Corrubedo en contra desde Plan. Que o clamor popular faga reflexionar aos políticos.

Comisión de Propietarios de Laxe Brava

En Teira, Corrubedo , a 31 de outubro de 2007

Sem comentários: