quinta-feira, setembro 13, 2007

O Goberno acepta «in extremis» o plan para incorporar 130 operarios a Endesa


O Ministerio de Industria deu luz verde ao plan de prexubilacións de Endesa nas Pontes, que inclúe un capítulo para a incorporación á empresa eléctrica de oitenta operarios procedentes das auxiliares da mina e de cincuenta traballadores máis da comarca inscritos nas listas do paro. Nicasio Pena, secretario de Organización da sección sindical estatal do grupo Endesa, informou onte de que o Goberno aceptou o plan de reestruturación para a conca mineira pontesa pactado en agosto do 2006 entre os sindicatos UXT e CC.OO. e Endesa.

Pena recoñeceu que o programa para As Pontes era o único de toda España que faltaba por asinar e que Industria puxo «moitos problemas» para aceptalo. O principal, as 130 incorporacións a Endesa. Industria «non entendía» que o plan recollese a creación de tanto emprego (130 postos) cando a mina estaba a piques de pechar (farao dentro de tres meses). Foron necesarias intensas negociacións sindicais e políticas -que incluíron unha visita ás Pontes dunha responsable do ministerio- para que o plan de futuro para o centro de traballo das Pontes fose adiante, subliñou Nicasio Pena.

Esa aprobación do Goberno pon en marcha agora a maquinaria para que de aquí a fin de ano se prejubilen 79 traballadores de Endesa, moitos dos cales xa terían que estar na súa casa hai meses. Ademais, o proceso para que os 130 novos operarios entren en Endesa está tamén activado. De feito, recordou Pena, os oitenta traballadores das auxiliares deberán figurar no persoal de Endesa antes do 1 de xaneiro para que se poidan prejubilar en decembro do 2010, como acordaron UXT, CC.?OO. e Endesa.

Dos preto de trescentos empregados que suma o colectivo das compañías na mina, os sindicatos realizaron unha preselección duns 120 operarios, que son os que reúnen as condicións pactadas, entre outras, que no 2010 teñan 52 anos para acollerse ao expediente. Pero, aclarou Pena, a listaxe definitiva de traballadores candidatos a entrar en Endesa elaborarase en canto o Instituto Nacional da Seguridade Social envíe a cada operario os certificados cos coeficientes reductores de cada un, que dirán que traballadores poderán prejubilarse no 2010.
A selección final dos oitenta empregados levaraa a cabo Endesa, segundo Pena.

Os outros cincuenta empregos cubriranse cando vaian quedando postos vacantes nas instalacións da empresa (incluído o porto de Ferrol), aínda que o compromiso é que se complete a cota antes do 2012, cando expira o Plan do Carbón en vigor.
Nova extraída da Voz de Galicia

Sem comentários: