terça-feira, setembro 11, 2007

Cultura delimita os petróglifos da provincia de Pontevedra para a súa declaración como Bens de Interese Cultural

Imaxe: Laxe dos Cabalos, Paredes, Campo Lameiro, Pontevedra
Na web da Consellería de Cultura atopamos a seguinte nova, que esperamos sexa un luz no túnel da política levada a cabo ata o día de hoxe en relación o patrimonio prehistórico galego, e diso sabemos moito os ponteses comprometidos co noso pasado.
A Consellaría de Cultura e Deporte vai delimitar os petróglifos da provincia de Pontevedra para a súa posterior declaración individualizada como Bens de Interese Cultural (BIC). O departamento que dirixe Ánxela Bugallo xa adxudicou o contrato de consultoría e asistencia á Universidade de Santiago de Compostela por un importe de case 55.000 euros.

Esta actuación por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría, xurde co obxectivo de propiciar unha mellor conservación, protección e difusión dos petróglifos. Na actualidade a inexistencia dun ámbito real de protección grafado sobre unha planimetría axeitada e a indefinición dos seus usos poñen en perigo unha boa parte dese tipo de bens.Aínda que xa existe unha declaración xenérica de BIC de todos os petróglifos de Pontevedra, Cultura pretende facer nunha primeira fase da intervención unha declaración individualizada dos gravados rupestres da provincia. Os bens culturais que serán obxecto de estudo son:

-Namelas I na Agolada-Outeiro dos Lameiros en Baiona-Laxe dos Bolos en Caldas de Reis-Laxe da Rotea de Mendo, Pedra da Boullosa, Campo de Matabois, Chan de Carballeda, O Ramallal-Monte do Calvoe Chan da Lagoa en Campo Lameiro-Laxe da Chan, Mogüelos e as Abelaires en Cangas-Fentáns, Lombo da Costa, Portela da Laxe, Laxe das Coutadas en Cotobade-Auga da Laxe en Gondomar-Pornedo, Champás, Godalleira e Mogor en Marín-Outeiro do Cribo en Meis-Pozo Garrido e A Pegada de San Pedro / Pedra dos Barcos en Moaña-Campo Redondo e Laxe de Esperón en Mondariz-Monte Ardegán en Moraña-Auga dos Cebros en Oia-Pedra das Tenxiñas Pazos de Borbén-Pozo Ventura, A Caeira (Laxe das Lebres, Pedra Grande de Montecelo, Laxe do Xugo, Laxe das Picadas) en Poio-Campo de Cuñas e Toruón en Ponte Caldelas-Carballeira, Penedo do Mato do Fondo, Laxe do Outeiro do Mato das Cruces, Outeiro da Mina, Penedo de Vilar de Matos en Pontevedra-Poza da Lagoa en Redondela-Primadorno e Pena das Cazolas en Silleda-Monte Tetón en Silleda-Eira dos Mouros / Pedra das serpes en Valga-Pedra da Moura, Fragoselo en Vigo-Os Ballotes, Meadelo en Vilagarcía de Arousa

Durante o prazo previsto de execución de catro meses levarase a cabo o proceso de recolleita de información de arquivo, bibliografía ou de traballos de campo. Con esta documentación elaborarase unha proposta de delimitación dos bens e dos seus ámbitos de protección. Tamén se realizará unha prospección arqueolóxica intensiva dos ámbitos dos petróglifos que abranguerá a agrupación das rochas e o seu contorno inmediato. Por outra parte, o traballo de campo recollerá a microtoponimia da zona como lugares, camiños, montes ou veigas así como o patrimonio inmaterial asociado (tradicións, lendas, contos...).

Con todos estes datos Patrimonio iniciará un proceso de depuración e racionalización do listado de petróglifos sobre os que se están a desenvolver actuacións de posta en valor na provincia de Pontevedra, para a súa declaración individualizada como BIC. Este proceso que dá comezo en Pontevedra vai continuar a súa labor de delimitación no resto de gravados rupestres de Galiza.

Sem comentários: