terça-feira, setembro 18, 2007

Valdoviño ou a costa do cemento


Artigo do Correo Galego:
Os ecoloxistas cualifican o urbanismo deste municipio como o máis caótico do noroeste galego·
Intentos de adosados sobre os cantís, residencias xunto ao mar e altos edificios verdes·
Vaille á zaga Miño, co seu macro-barrio con campo de golf

Chega o outono e foxen a aves migratorias de Valdoviño á caza de paraísos máis cálidos, alén do océano. Sobrevoan a lagoa da Frouxeira infestada de xuncos, o illote fronte á costa, os areais... Pero tamén planean sobre os chalés encostados, as vivendas unifamiliares clonadas, ata os bloques de pisos. O mesmo percorrido, pero por estrada, realízano os veraneantes: abandoan os seus chalés encostados, vivendas unifamiliares, bloques de pisos. O Concello enfróntase a un dilema: a poboación triplícase no verán e demanda novas vivendas. Pero a lexislación e os ecoloxistas permanecen á espreita ante unha posible marbellización do litoral.

Os protectores do medio ambiente téñeno claro. Tanto Adega como Verdegaia, entidades defensoras do ecosistema, cualifican a Valdoviño como o municipio co urbanismo máis caótico do noroeste galego. E citan exemplos. Como caso máis sanguento, pero paralizado a tempo, figura a urbanización da Saíña. Sobre os cantís, invadindo a Rede Natura e os xacementos arqueolóxicos, planeábase a construción de 69 vivendas. A Xunta puxo freo. Pero como portavoz de Adega-Trasancos, Carlos Outeiro denuncia que non terreo quedaron trincheiras de catro metros de profundidade e a Dirección Xeral de Medio Ambiente non toma cartas non asunto.

De casetas a mansións

Vemos dous escenarios: en Villarrube demoléronse as casetas nas dunas, pero en San Xurxo (Ferrol) perviven nos cantís. Máis supostas irregularidades en Valdoviño?. Segundo Antón Fortuna, portavoz de Verdegaia, a xente fai vivendas fóra do ámbito permitido mentras o Concello mira para outro lado. Coincide con Carlos Outeiro na denuncia de tres grandes casas construídas en Campelo, dentro da Rede Natura, autorizadas polo Concello aínda que paralizadas pola Xustiza. Neste fermoso territorio contrasta o crecemento moderado do interior co bum do litoral. No interior vemos construcións de planta baixa con terras de cultivo, pero na costa a expansión chega a urbanizar ou só rústico, protexido ou non, sinala Fortuna.

Os ecoloxistas tamén rexeitan a gran urbanización Costa Anácara en Miño: 1.200 vivendas xunto ao mar. Afirman que o campo de golf supón un gran malgasto de auga.

Sem comentários: