Videos da festa da fraga

Loading...

terça-feira, outubro 09, 2007

Os Nobel do absurdo "recoñecen o labor" de dous científicos cataláns


Ó igual que o cinema, a literatura ou o arte (veño de comprobar que hai quen se dedica a pintar cadros co seu membro viril!), a ciencia e a investigación tamén teñen o seu lado cómico con personaxes que aínda nos poden arrincar un sorriso coas súas particulares “saltadas de machete” e que aínda por riba, se recoñecen cun Nobel. En parte ten a súa lóxica: se cada ano se premian as peores películas, os peores discos, as mortes máis ridículas ou os peor vestidos do mundo da farándula, para ir acorde cos tempos non se podía deixar de premiar ás investigacións científicas máis absurdas, que por certo, son moitas e impensables.
Os Premios Nobel Ig, que é como se fan chamar estes orixinais galardóns, son entregados anualmente pola revista humorística da ciencia Annals of Improbable Research (AIR), en Massachusetts (Estados Unidos) e desta volta resultaron vencedores na categoría de lingüística dous investigadores cataláns que demostraron a incapacidade das ratas para distinguir o xaponés e o holandés falados ó revés (entendo que ó dereito si o distinguen, cousa que me sorprende máis aínda, se cabe, cá propia investigación, pero que se cadra non sería merecedora dun premio de semellantes características).
Outras investigacións galardoadas foron por exemplo a “análise dos efectos secundarios de introducir espadas pola gorxa, á que lle concederon o Nobel Ig de Medicina ó chegar á conclusión de que tal práctica ocasiona irritacións no individuo (magnífico traballo de recompilación de datos) e o “método para extraer esencia de vainilla dos excrementos da vaca”, galardoado co Nobel Ig de Química, máis que pola investigación en si, pola exquisita alimentación subministrada ó mamífero rumiante ó longo do proceso.
Nova publicada en Código Cero

Sem comentários: