quinta-feira, outubro 11, 2007

O territorio de EuroEume perdeu case un 10% dos seus habitantes en só 15 anos.

Cabanas é o único concello do territorio EuroEume que aumentou o seu número de habitantes.

O presente documento trátase do primeiro dunha serie de informes que sairán publicados nos seguintes números mensuais do xornal Pegadas, empregando fontes públicas de datos tales como o Instituto Galego de Estatística (en adiante IGE), e que conforman unha análise sociodemográfica e económica referida ao territorio denominado Euroeume e os concellos que o delimitan, e cuxa finalidade é a de aportar datos que permitan coñecer con maior profundidade e rigor o espazo xeográfico e humano euroeumés.

EuroEume está integrado por 9 concellos do norte da provincia da Coruña, sendo a súa configuración territorial diferente a división estándar comarcal, xa que se trata dunha área xeográfica de actuación do Centro de Desenvolvemento Rural EuroEume, e que abarca os 5 termos municipais da comarca do Eume (As Pontes, Pontedeume, A Capela, Cabanas e Monfero), 3 municipios de Ferrolterra (As Somozas, Moeche e San Sadurniño) e 1 concello da comarca de Betanzos (Vilarmaior).

De seguido, farase unha análise da evolución da poboación entre os anos 1.991 e 2.006, así como da densidade de poboación. O ámbito xeográfico de estudo será principalmente a demarcación EuroEume, así como as entidades territoriais máis inmediatas das que forma parte, que nos permitirá realizar comparacións tanto temporais como entre distintos ámbitos xeográficos.

Segundo a revisión do Padrón municipal de habitantes, EuroEume contaba o 1 de xaneiro de 2.006, cunha poboación de 34.897 habitantes, tendo na derradeira década e media, unha evolución de decrecemento constante, o que é un primeiro indicador dunha baixa vitalidade demográfica. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatísitca a poboación de EuroEume decreceu entre os anos 1.991 e 2.006 case un 10% (3.767 hab.), mentres que pola contra, a provincia da Coruña aumento un 3% a súa poboación (32.175 hab.) e Galicia fíxoo nun 1,3% (35.855 hab.).

No período dos últimos 6 anos (2.001 a 2.006), a tendencia das taxas é similar, e mostra un descenso de poboación de case un 5% (1.717 habitantes menos) nos municipios EuroEume, e no senso contrario, dun aumento poboacional dun 2% na provincia coruñesa (21.139 habitantes) e dun 1,3% en Galicia (34.598 habitantes).

Este descenso poboacional nos concellos que forman EuroEume, reflíctese na perda de peso relativo demográfico, e así, mentres no ano 1.991 o territorio contaba co 3,5% da poboación da provincia e o 1,4% da Autonomía, no ano 2.006, supón o 3,1% do total provincial e o 1,3% do total de residentes en Galicia.

Comparando os datos por concellos, primeiramente destaca que os 2 concellos máis poboados (As Pontes e Pontedeume) contan co 58,2% do total de habitantes da demarcación EuroEume, e sumando os 2 seguintes por número de habitantes (Cabanas e San Sadurniño) supoñen o 77% dos veciños do territorio.

No tocante a evolución demográfica, unicamente Cabanas aumentou a súa poboación, concretamente en case un 9% dende o ano 1.991 (269 habitantes) e nun 1,5% dende o ano 2.001 (51 veciños máis). Todos os demáis concellos posúen taxas negativas demográficas tomando como referencia de comparación o ano 2.006.

Desta forma, obsérvase segundo o IGE, que nos derradeiros 15 anos, os concellos que presentan as taxas máis altas de perda de poboación por orde son: Monfero (-594 hab.), Moeche (-326 hab.), As Somozas (-290 hab.), San Sadurniño (599 hab.), A Capela (-254 hab.), As Pontes (-1.653 hab.) e Vilarmaior (-198 hab.); e por último, Pontedeume cun escaso -2,2%, o que supón 198 veciños menos empadroados.

Entre os anos 2.001 e 2.006, os valores das taxas son inferiores (menos negativas), o que indica un ralentizamento da perda poboacional, mais segue sendo moi destacada a taxa decrecentes de Monfero (-225 hab.), Moeche (-99 hab.) e San Sadurdiño (-207 hab.). Nembargantes, o factor máis sintomático da crise poboacional do territorio, é o forte descenso poboacional dos 2 municipios máis poboados, perdendo As Pontes 743 hab. e Pontedeume 293 hab. en só 6 anos, aínda así este último concello, segue tendo a taxa negativa máis baixa.

Polo contra, o municipio das Somozas, experimentou unha melloría, e a pesares de seguir contando cun taxa negativa -que supón un descenso de 57 habitantes nos últimos 6 anos-, mostra unha tendencia cada vez máis positiva de retención e estabilización poboacional.

Estes datos comparados, indican un ritmo constante e acelerado de perda de poboación, sendo similar na maioría dos concellos euroeumes, diverxendo do fenómeno demográfico que está a suceder na provincia e en Galicia, que aínda que de forma moderada, atópanse nun ciclo de aumento demográfico.

No relativo a súa dimensión, EuroEume constitúe unha área de 788,1 km², o que supón o 9,9% do total da provincia e o 2,7% do territorio galego, tratándose dun territorio moi extenso, e onde destaca As Pontes e Monfero. O tamaño do territorio, xunto co nivel de poboamento, condiciona enormemente a densidade de poboación que é de pouco máis de 44 hab./km², a metade que a densidade galega e un tercio da provincial.

Apréciase que a densidade por habitantes de EuroEume é moi baixo para Galicia, sendo un dos territorio menos densamente poboados, ca excepción da área poboacional Cabanas-Pontedeume. Neste senso, a principal problemática relacionada á extensión e o número de habitantes é a lonxanía xeográfica entre os cidadáns e a administración, servizos, etc. que redunda de forma negativa na calidade de vida dos habitantes.

A falla de vitalidade e dinamismo demográfico do territorio son, entón, síntomas ou consecuencias dunha crise poboacional e económica que analizarase a través doutros indicadores en sucesivos informes (movemento migratorio, taxa de xuventude, taxa de envellecemento...), tendo en conta que a evolución do número de habitantes durante un período de tempo é resultado de 2 compoñentes: o crecemento natural e o crecemento migratorio.

Fonte: Xornal Comarcal Pegadas (mes outubro)

1 comentário:

Anónimo disse...

As Pontes perdeu 1.653 habitantes en 15 anos, dos que 743 foi nos derradeiros 5 anos...e iso sen contar toda a xente nova que sigue empadroada pero que levan anos vivindo fora da vila. Iso é sintomático do que está a suceder, quedámonos sen habitantes, porque non hai moito que ofrecer a xuventude, so empresas de quita e pon, ou industrias altamente contaminantes. Eso é o que nos desangra, e a xente mentras tanto soñando con celulosas imposibles.