sábado, outubro 27, 2007

Documentais para mostrar como se transforman algúns lugares do país


Reportaxe aparecida en El Pais: LUCES TERRA DE SEMPRE

Novas paisaxes, novas imaxes

"Interésame a paisaxe como rexistro da memoria e coma un xeito de apoiar á identidade". Son as palabras de Olalla Sendón, directora d'A casa de Lola de Andrés, un documental sobre a transformación paisaxística na Costa da Morte. Xunto con Sendón, varios directores novos traballaron nos últimos meses en fitas relacionadas con urbanismo e impacto ambiental, moi marcados polas súas orixes.

"Veía como empezaron a excavar nunha punta do val, e como se ía transformando todo ata a miña aldea, logo de percorrer tres quilómetros, como se fose un verme xigante", explica Xosé Bocixa, director do documental A ceo aberto, un traballo sobre o impacto físico e psíquico que supuxo para As Encrobas a posta en marcha de Lignitos de Meirama, a mediados dos setenta.
Bocixa (As Encrobas, 1967), tiña dez anos cando as paisaxes da súa infancia transformáronse radicalmente: "Comprobaba como cada día mudaba a paisaxe, aumentaba a tensión social, as casas agretábanse e derrubábanse, as fontes secaban e as estradas eran un lamazal". Na memoria da súa nenez, o vindeiro 15 de novembro, quedan "as fragas, as bubelas, os teixos e os ríos do Val das Encrobas". Pero esta non semella ser a última transformación das Encrobas. O vindeiro ano rematará a licencia de explotación da mina, e o documental afonda no que pode ser outro cambio radical da paisaxe: "Un lago que encherá o oco da mina, un campo de golf e seguramente unha urbanización", explica Bocixa resignado. Pero a idea dos campos de golf e dos macrolagos artificiais non se limita só ás Encrobas.
A realizadora das Pontes Sabela Pernas trata unha temática moi semellante en Ciclo combinado, o seu debú como documentalista, onde indaga no impacto que Endesa tivo nas Pontes, un pobo que según a directora, "entrará nun punto de inflexión cando o 31 de decembro remate a licencia de explotación da mina, logo de 30 anos". Para esta directora, a presencia de Endesa mudou o espazo físico e sociolóxico do pobo: "Aquí veu moita xente de fóra a traballar e foise artellando un pobo desarraigado, co cal ademais do brutal impacto paisaxístico houbo tamén un impacto sociológico". O futuro do cráter de Endesa tamén pasa por un lago artificial. "Ocupará un espazo comparable a 800 campos de fútbol. É intentar convertir un pobo industrial noutro turístico e fálase incluso de que poida condicionar o clima", explica Pernas.

Os cambios da paisaxe e do urbanismo na Costa da Morte, en concreto na praia de Sardiñeiro, espertaron a atención de Olalla Sendón, que pasou neste lugar longas tempadas na súa infancia. A insaciable febre constructora nun espazo nautural ata hai poucos anos case virxe, levou a Sendón a realizar o documental A casa de Lola de Andrés, un traballo no que agroman a memoria, a paisaxe e a especulación. O filme foi seleccionado en importantes eventos coma o Cinema Jove de Valencia, o Festival de Málaga, o Alcances de Cádiz, ou o Festival de Ourense.
No documental ofrécense opinións plurais sobre a evolución da Costa da Morte e tamén algunhas visións alleas, coma as dos pelegríns, que viaxan cara Fisterra agardando atopar paisaxes idílicas.

"Parece mentira que facendo o que fixeron no sur de España, se repitan agora os esquemas no norte", reflexiona resignado un alemán.

"Cando era pequena, para min a paisaxe tiña unha sensación de eternidade, pero de catro anos para aquí houbo unha transformación tremenda. O pasado verán en catro meses mudou completamente a paisaxe, foi algo brutal", explica esta xove realizadora, que está a rematar agora Os Fabulosos irmáns da luz, un documental sobre os vellos espazos da Costa da Morte onde antigamente se proxectaba cine mudo.

1 comentário:

Anónimo disse...

parabéns e bicos para Sabela.
Estou desexando ve-lo seu documental.