terça-feira, junho 05, 2007

COMUNICADO DE ADEGA E A PLATAFORMA EN DEFENSA DO PATRIMONIO DAS PONTES

A Asociación Ecoloxista ADEGA e a Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes, expoñen:

Hoxe, día 5 de xuño, día mundial do medio ambiente o Director Xeral de Patrimonio Cultural da Galiza borrou dun plumazo o Círculo Lítico da Mourela, no concello das Pontes de García Rodríguez. A media mañá de hoxe varias máquinas entraron no xacemento destruindo o mesmo en superficie. Ademais a situación na que quedan as tres mámoas da necrópole é insostíbel, dado que unha gabia de máis de 50 metros de profundidade atravesará este conxunto pola metade.

Ante esta situación, cremos que se repetiron os erros do pasado e non se fixo ningún intento por parte da Administración por dar transparencia a esta destrucción.

Ignorouse ademais a alternativa da execución dun túnel presentada polas nosas organizacións, que no mes de novembro de 2006, contaba co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio, que confiaba nesta alternativa como solución á destrucción.Hai que sinalar que a Lei do Patrimonio Cultural Galego, esixe a formulación e o estudo de tódalas alternativas existentes denantes de destruir o patrimonio. Cremos que no caso da Mourela a Lei non estivo vixiante.

A decisión de construir un túnel que salvagardara a necrópole megalítica non era unha cuestión económica nin legal, era unha decisión política, polo que consideramos que a Administración tomou o camiño equivocado.

Por isto dende ADEGA e a Plataforma, pedimos a demisión do Dir. Xeral de Obras Públicas D. Manuel Morato, por non estudar a alternativa existente e coaccionar á Dir. Xeral de Patrimonio, na toma desta decisión.

Logo de apoio público da Dir. Xeral de Patrimonio á alternativa do túnel lamentamos profundamente que o seu director xeral D. Felipe Arias, non tivese a entereza suficiente para esixirlle á Dirección Xeral de Obras Públicas a valoración e o estudo da alternativa do túnel e en consecuencia pedimos que os responsábeis desta situación, demitan.

Ademais aproveitamos este comunicado para anunciar a activación dun dispositivo de loita activa contra a especulación do noso Patrimonio arqueolóxico, que inclúe medidas de carácter social e legal.

Durante a xornada de mañá anunciaremos as diferentes movilizacións que se producirán durante os vindeiros días como repulsa a este Atentado Patrimonial.

Hoxe é un día triste para a arqueoloxía en Galiza, mais tamén o é para a Cultura Galega. Os veciños das Pontes non aturaremos máis destruccións do noso Patrimonio, coas nosas mans conseguiremos virar o rumbo desta nave da sinrazón e por a nosa proa na dirección axeitada, que remate dunha vez por todas coa especulación do noso patrimonio cultural.

1 comentário:

Anónimo disse...

http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Cultura/levanta/bloqueo/autovia/Ferrol/Vilalba/elpepuespgal/20070606elpgal_16/Tes