Videos da festa da fraga

Loading...

sábado, março 29, 2008

A asociación Hume das Pontes presentou o número un da súa revista histórica

Tras seis de anos de vida, a Asociación de Estudos Históricos Hume das Pontes dá un paso máis na súa labor de traballar para crear conciencia local sobre o patrimonio histórico do municipio e pon a andar a revista “Hume”, que persegue os mesmos obxectivos.

O primeiro número desta publicación presentouse onte na biblioteca municipal do Concello. O acto estivo presidido polo profesor Carlos Breixo, colaborador habitual da asociación, e polo presidente da mesma, Xavier Martínez. Ademais, tamén participaron varios dos colaboradores da publiciación así como algún dos membros da revista Cátedra de Pontedeume.

“Hume” nace con carácter anual e co fin de reivindicar o patrimonio cultural, histórico e artístico das Pontes. Por elo, o artigo central da revista adicarase sempre ao estudo da vida dalgún pontés destacado por dar parte da súa vida a traballar polo pobo. Así, o número un da revista centrase na biografía de Enrique Rivera Rouco, un dos párrocos máis comprometidos coa vila. O artigo corre a cargo de José María López Ferro, que realiza un extenso traballo analizando minuciosamente a vida e obra de Rivera Rouco.

A revista complétase con outros cinco artigos de investigación. O profesor ortegano Carlos Breixo adica varias páxinas ao estudo da Ponte de Ferros, a máis importante de todas as que atravesan o municipio. O traballo de Breixo data a construcción no ano 1621, afonda na orixe da mesma, no autor así como en diferentes datos relacionados coa histórica ponte. O presidente da asociación Hume escribe un artigo sobre a igrexa parroquial de Salvador de Pina. Trátase dun traballo de investigación ao que Xavier Martínez adicou varios anos. Nel afonda, entre outros, a historia do templo, a súa imaxinaría ou a orixe das súas cofradías. A prensa pontesa é outro dos temas abordados neste primeiro número da revista. Xosé María López Fernández investiga o diario “La Unión” que en 1915 sacou varios exemplares a rúa. Hai tamén espazo para a memoria oral da vila a través dun traballo etnográfico realizado por varios colaboradores. Unha entrevista co director do corto rodado nas Pontes “Reflexo de lembranza”, Roberto Rego, pecha este primeiro número de “Hume”.

A revista poderase adquirir a partir da vindeira semana en calquer librería da vila por cinco euros. Tamén se pode consultar na biblioteca do municipio.

Nova extraída do Diario de Ferrol

Sem comentários: