Videos da festa da fraga

Loading...

terça-feira, março 11, 2008

«AS PONTES PERDEU PATRIMONIO A MARCHAS FORZADAS DOS 70 PARA AQUÍ»

Entrevista a JOSÉ MARÍA LÓPEZ FERRO impulsor do primeiro museo pontés.
Texto e foto: Cristina Arias, publicado o pasado 4 de marzo no Progreso de Lugo

Defensor do pasado, da historia e das raíces dun pobo, José María López Ferro creou o Museo Etnográfico do Monte Caxado para recuperar as pezas tradicionais dunha época na que, coa chegada de Endesa, cambiaba a actividade e transformábase a sociedade nas Pontes.

JOSÉ MARÍA López Ferro leva media vida procurando que non se esquenza o pasado das Pontes que, como suliña, é moi anterior á chegada de Endesa á vila. El é o creador do primeiro museo pontés, o Museo Etnográfico de Monte Caxado, que instalou nos corredores do colexio no que aínda da clase. Asemade, forma parte da Asociación de Estudos Históricos e Sociais “Hume” das Pontes.

Despois de tantos traballos; que opina da situación actual do patrimonio no municipio?
O patrimonio nas Pontes está moi mal. Acabamos de sair dunha destrución dunha zona arqueolóxica importante na Mourela e penso que tiña que haber un cambio político local, provincial e incluso autonómico para protexer o noso patrimonio. As Pontes perdeu moitísimo dos anos 70 para aquí, a marchas forzadas. A mina, a autovía, as expropiacións de Endesa…, que non só destrozaron o patrimonio en sí, as mámoas ou os castros, senón tamén o patrimonio inmaterial, é dicir, a cultura popular desas zonas, os seus costumes e as súas tradicións.


Que se podería facer para cambiar isto?
Todos sabemos que hai materiais recollidos das escavacións e almacenados. Xa que hai un museo da enerxía e queren facer un da minería, por que non facer un arqueolóxico? É a historia do pobo e aquí dá a sensación de que é a industria a que está dirixindo todas as actividades do pobo, que son os veciños e a súa historia. Hai cousas antes de Endesa. E tamén se podería coidar máis o museo etnográfico.

Tras tantos anos no colexio; nunca pensaron en cambialo de sitio?
Si e non. Persoalmente penso que terá que acabar saíndo co tempo. O espazo quédase pequeño. Gustaríame que se creara unha fundación independente e que se instalara nunha zona bonita.

Para moitos, un dos grandes erros do museo é a falta de indicacións.
Solicitamos hai dous anos ó Concello que estivese indicado polo menos nas entradas do pobo. Incluso pensamos en que se incluíran os horarios. Pero non tivemos resposta. Sería interesante e quérese solicitar de novo a esta corporación.


Non reciben ningún apoio?
O que hai é un convenio que se asinou no curso 96-97 entre o Concello e a APA do centro, que contempla a apertura ó público durante unhas horas os sábados –de 12.00 a 13.00 horas e de 18.00 a 20.00- e durante festividades locais como a Feira do Grelo ou a de Fungos e Cogomelos. Nese convenio estipulouse a contratación dunha persoa que fai as visitas guiadas, que neste momento están no aire porque o rapaz que estaba ten outras actividades e vai haber que cambialo.

Cal foi a evolución do museo? Recibe máis ou menos xente agora?
Nos últimos anos, se cadra, pola falta de publicacións e publicidade, as visitas van un pouco a menos. Pero o museo está aberto a todos. Na miña opinión é unha colección de pezas importante e creo que debería vir a xente. No curso 85-86 comezamos coa idea e no 87 inauguramos o museo con 250 pezas. Na actualidade, hai máis de 2.000, e se as vas inventariando dunha en unha moitas máis porque moitas se rexistran por grupo. Toda a xente se leva unha boa impresión, asemade a maioría pensan que será unha aula e sorpréndense cando ven que o museo é todo o colexio.

Estando tan o alcance da man; que tal o coidan os alumnos?
Perfecto. Nunca estragaron nada. Empezan a vivir co museo dende que veñen, con tres anos, e téñeno asumido como algo deles. Unha vez veu unha afiadora e utilizou algunhas das pezas e os rapaces enfadábanse porque estaba a usar pezas que non se podían tocar.

Entre as pezas hai un pouco de todo. Xogos, mobles, cousas da casa, aparellos de labranza e de distintos oficios, obxectos persoais… Destacaría algunha?
Moitas. Hai pezas moi curiosas como un cesto de troitas feito de palla e non de vimbio, unha maleta que un home levou á guerra, documentación para ir a Cuba, un reloxo do século XIX que estivo na fachada da igrexa e que o Concello de Vilalba cambiou co das Pontes por cen fanegas de trigo nunha época de fame ou un libro relixioso de 1665, a peza máis antiga. Tamén hai un arquivo de fotos, que xa conta con máis de 1.000.

Entre tanta peza; falta algunha?
Posiblemente, pero por falta de espazo non podemos coller algunhas. As que soen faltar son moi grandes. Podiamos ter un banco carpinteiro, unha mesa de cepillar ou un tear completo, pero tivemos que dicir que non. Do que sí falta é dos zapateiros, que case non hai.

Todas foron doadas. Son só das Pontes e arredores?
Principalmente son das Pontes e dos concellos limítrofes, pero tamén as hai doutras zonas e incluso doutras comunidades. Hai dediles –para protexer os dedos na sega- de Castela.


Entrevista enlazada desde Amigus.org

Sem comentários: