Videos da festa da fraga

Loading...

sábado, março 01, 2008

A Plataforma en Defensa do Patrimonio continúa alerta da situación na Mourela

Imaxe: Alto da Mourela a principios do século XX
A Plataforma considera que os desprendementos de terra na Mourela están a por en perigo as mámoas que aínda permanecen no lugar
As obras da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba que arrasaron no mes de xuño do ano pasado os restos do círculo lítico da Mourela, están de novo a por en serio risco a conservación e integridade de varios elementos.

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes puxo en coñecemento das autoridades en materia de protección do patrimonio, a execución dunha serie de tarefas que se desenvolveron na área de protección de tres elementos catalogados durante o mes pasado, sen os preceptivos controis arqueolóxicos.

Unha cuneta de decantación de lodos que se executou dentro do ámbito de protección de dúas mámoas, unha pista de acceso que precisou tarefas de desbroce e desmonte dentro da área de cautela arqueolóxica dunha mámoa e operacións de consolidación das paredes laterais da gabia, son as novas obras que estan a por en perigo a integridade destes monumentos prehistóricos.

Asemade o mes pasado tiveron lugar varios desprendementos de terra que moveron considerablemente o marxe do talud, achegándose perigosamente á mámoa que se atopa a carón do depósito. Si ben ao finalizar as tarefas de desmonte na área do círculo lítico, quedaban uns 20 metros entre o marxe do talud e a mámoa, como zona de protección arqueolóxica, na actualidade esta distancia acurtouse a uns 10 metros.
Dende a Plataforma considérase que existe un risco moi elevado de afectación desta mámoa que podería agravarse de seguírense a producir desprendementos na zona.Nunha carta dirixida ao director xeral de Patrimonio Felipe Arias, a Plataforma solicita que se tomen medidas de cara a consolidación das tres mámoas que aínda permanecen na Mourela, así como para evitar que se produzan máis desprendementos na zona de protección arqueolóxica da mámoa que se atopa a carón do depósito.