Os lobos volveron a baixar dos montes para saciar a súa fame. O luns moi cedo devoraron nove ovellas preñadas e deixaron malferida a unha décima, que acabou perecendo tamén, tras penetrar nunha leira privada da parroquia de San Fiz, en Monfero. Onte ao mediodía xa non había nin rastro dos cadáveres, pois acababa de levarllos o camión que se encarga de evacuar todo tipo de animais mortos. Pero si quedaban as pegadas do fatal ataque, como restos de la e vísceras tirados no campo.
O veciño afectado polo último ataque dos lobos na comarca, e propietario das ovellas mortas, leva dous anos vivindo en San Fiz, no lugar de Piladeleña, moi próximo ao mosteiro de Monfero. Desde que aterrou alí, tivo que afrontar varias incursións das bestas, polas que presentou tres denuncias formais ante a Consellería de Medio Ambiente para optar a algún tipo de indemnización. De momento, nunca recibiu compensación algunha. E como el, outros veciños de Monfero foron vítimas dos ataques de lobos, como os que integran unha sociedade de produtores que posúen vacas no monte. Os tenreiros que crían non sobreviven.
Os lobos teñen fame e os seus ataques á cabana son cada vez máis frecuentes. Ademais, son máis atrevidos. «Hai vinte días atopeime cun aí mesmo», explica o afectado sinalando un lugar moi próximo ás casas. O veciño, que prefire non divulgar publicamente a súa identidade, está convencido de que as feras non naceron no monte, senón que foron criadas en catividade e liberadas pola Xunta, «aínda que a Consellería de Medio Ambiente négao», aclara.
Tras o ataque do luns, este afectado quedou cunha soa ovella. Pero a súa ocupación principal son as cabras de carne, das que posúe 125 reses. Estas xa non dormen á intemperie. Fano baixo cuberto para seguir con vida.
Este veciño, de mediana idade, móstrase totalmente partidario da pervivencia dos lobos nos montes e ata entende como algo normal que «che falten de cando en vez dous ou tres crías, pero non dez». Tamén considera que «pode chegar a ser un problema que se acheguen tanto ás casas».
¿Cal sería a solución? «É complicado combater ao lobo», admite o afectado, que descarta cercar con valo a súa leira de nove quilómetros de extensión, colocar pastores eléctricos ou recorrer aos cans para vixiar pola súa ineficacia.
Este veciño reclama, para empezar, máis apoio por parte da consellería, que é especialmente esixente cos trámites para solicitar axudas polos ataques. Así, os gandeiros deben demostrar que ovellas, cabras ou vacas foron devoradas polos lobos. ¿Haberá que instalar cámaras de vixilancia no monte?
Artigo da Voz de Galicia
2 comentários:
se queremos lobos todos temos que pagar por eles e non so os gandeiros, o medioambente e de todos para o bo e para o non tan bo.
aproveito para informadevos dun blog que penso pode ser moi util a todos
http://www.lacoctelera.com/galiciadenuncia
saude a todos
Se os lobos baixan a come-lo gando non é por gusto, senón porque se lles quita o seu alimento natural. Se deixásemos de cazar corzos, coellos e todos eses eslabóns da cadea alimentaria do lobo que tanto lles gusta a algúns cazar por deporte, deixarían de ir polo gando e non poñerían a súa propia vida e a do clan en perigo aventurándose a ir polo que está preto deses inimigos letales que son os humanos.
Reflexionar toca agora.
Enviar um comentário